Estes ultimos días andei enleado coa “Orixe da Belida”, que me levou de San Gregorio a Mörling e de aquí ate o acubillo do faiado da miña casa onde agora ando escaravellando en carpetas cheas de po e balor, abrindo correspondencia do meu avó de cando traballaba no Museo de Pontevedra. Facía anos que xa non andaba de “fuchicón” nas súas cosas, sempre me dou un pouco de arrepío andar a asexar a vida de alguén.
Ben, voltando a un tempo atrás pero máis para acá, retomo o resumo da historia do Clube Mariño Sales, ¿onde estabamos?. Ah si, no 2002
Ano 2002: foi o ano post-encontros de Poio 2001. Sempre houbo “pánico” ós anos seguintes á celebración dun Encontro. Non había bos precedentes. Se non que lle pregunten á Isidro Mariño como quedou despois da organización do Grove-97. Pero as cousas mudaran tamén nesto, e así o ano 2002 foi un ano cheo de actividades tanto para o CMS como para o entorno da Federación.
II Xuntanza de Embarcacións Tradicionais. Porto de Cambados 2002
Para o Clube Mariño Salnés foi o ano da celebración da II Xuntanza de Embarcacións Tradicionais” que naceran con caracter bianual, e polo tanto coincidía coa celebración da 3ª Regata do Albariño. O porto vello de Cambados voltouse a encher de barcos como xa sucedera coa primeira edición. Popularizamos os callos como “prato lixeiro” e, claro, así enchidos, a regata da tarde estivo caracterizada pola ausencia de vento (en plan siesta). Nestes casos dise que gañou o máis técnico, e ese día a regata a gañou Parada coa súa Fuxe. Procedemos á botadura da Muller de Balboas, a pobre non navegou nadiña e papou os días da Xuntanza fondeada, “a inchar”. Non importa, non seguintes anos esta dorna nos ten dado moitas horas de navegación e alegrías.
Isidro, Gonzalo e máis eu camiño do Grove con motivo dabotadura dos Galeón contruídos polos irmáns Garrido para o Náiutico de Sanxenxo.O Grove 2002
Regata de dornas en Cambados
Por certo, (un inciso que lle chaman) onte mesmo pola noite tiven que ir na procura dunha nova tripulación do Clube que tiveron que amarrar “de urxencia” no Grove. A nortada e o cambio da hora foron as causas, (aparte da inexperiencia), pero o que importa e que esta dorna leva navegando dende abril sen descanso e neste ano formáronse dúas tripulación novas.
Voltando a ese ano 2002, rematada á Xuntanza comezan os problemas para o Clube. O esforzo da organización de actividades, xunto con problemas internos e o tempo adicado á Federación, deixaron un pouco tocado ó Clube, eramos unha asociación moi pequena e estábamos facendo un esforzo por riba das nosas posibilidades. Parecía que entrábamos nun punto de inflexión, pero decidimos tirar para adiante arroupados polo ronsel da Federación.
Para o conxunto da Federación foi un bo ano, e aínda que se puidera pensar que era un ano de certo descanso, non foi así. No Apupo de final de ese ano 2002, no habitual resumo da tempada, iniciábao así: “O calendario advertía que o 2002 non era un ano sabático e que a marea ía durar de marzo a outubro”. E así foi, porque houbo moita actividade e moito traballo, a Federación voltou a Arcachón e a Douarnenes. No primeiro caso para consolidar a amizade cos da Bahía de Arcachón e no segundo para promocionar ós vindeiros encontros, os da Illa de Arousa.2003. Dese ano teño moitas lembranzas, como a I Travesía das Letras Galegas organizadas por ACD Dorna, o retorno da Regata dos Faros no Grove, a regata da Parrocheira en Ferrol ou a botadura dos galeóns feitos polos irmán Garrido. Pero todo esto quedou enxurrado na memoria cando o 13 de novembro o Prestige entrou nas nosas vidas.
Galegos (FGCM) e vascos (Albaola).
Arcachón 2002 (meses antes do Prestige)
Ata mañán