Translate

viernes, 3 de diciembre de 2021

Lembrado a Toño "O Cesteiro"




Cúmprese hoxe un ano do falecemento de Toño. Imposible non lembrar os moitos momentos vividos ao seu carón ao longo de todos estes anos arredor da cultura tradicional, do mar e desas paisaxes do Xurés que o conquistaron para sempre. 
Un home de mirada íntima e reflexións pausadas.
Antonio Gonzalez, "Toño", un mestre, un amigo.

imaxe: Toño a bordo do folkboat Rana. Ons 2009.





Lembrando a Toño a carón da FGCM.


Andábamos polo ano 1999 do século pasado, cando contactei con el por primeira vez con motivo de organizar os talleres de cultura marítima ao abeiro da expedición da Federación Galega pola Cultura Marítima (daquela aínda non era fluvial) á vila bretoa de Douarnenez. Naquel ano acabábase de celebrar o Encontro de EE TT de Rianxo e a vila rianxeira a través da Escola de Carpintería de Ribeira "Xeiteira" tiña un "convenio" de irmandade coa vila francesa e con tal motivo, unha delegación da organización das Fêtes Marítimes de Douarnenez, achegouse até Rianxo para formalizar o convite oficial de Galicia como convidada de honra para asistir ao festival Douarnenez 2000. 

imaxe: embarcacións da expedición da FGCM a Douarnenez 2000. 



Aquel ano, a comisión xestora dunha maltreita FGCM acordou asumir o reto de asistir á Bretaña. Por alí andaba Trepat, Isidro Mariño, Paco Paxaro e máis eu, tentando manter a flote unha Federación que por entón facía auga por todas partes. Pese as enormes dificultades, conseguimos organizar esa expedición que resultou moi ben. Eu encargárame entre outras cousas, de contactar con algúns artesáns para montar un obradoiro de oficios tradicionais que completasen os contidos expositivos e as embarcacións desprazadas até Douarnenez. Sen lugar a dúbidas, dos distintos talleres, o de cestería foi o que acadou un maior recoñecemento. O taller de cestería contiña pezas de enorme valía (paxes de vergas, peselos, megos, culeiros, cesta do palangre, patelas...), pero sobre todo, o éxito veu da man do propio Toño co seu saber facer e a súa enorme presenza. 









imaxes: Toño arranxado a caña da miña dorna, a Chouva, no stand da FGCF. Douarnenez 2000.


A interacción co "cesteiro" foi moito máis alá do que cabería agardar e a súa implicación co evento converteuno nunha figura principal, comprometido e cumpridor dun xeito que nos sorprendeu moi positivamente. 






imaxes: concerto  improvisado no obradoiro de cestería. De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Rañó, Toño, descoñecido, Moriño, Raquel, Montse, o pequeno Tomé e Puri.

 





Dende entón, serían moitas veces as que contamos con el para asistir ali onde a FGCM era convidada. Así, ao ano seguinte, asistimos á I'lle de Tatihou (Saint-Vaast-La-Hogue) na Normandía francesa onde a amizade persoal consolidouse definitivamente. Para entón xa se celebraran eleccións na Federación co resultado de Trepat ocupando a presidencia i eu a secretaría, rematando así un período perigoso para a supervivencia da entidade. 




imaxe: visita ao Musée Marítime da illa de Tatihou





imaxe: navegando na dorna "Coninha" en augas normandas a carón da bisquine "L´ami Pierre"



imaxe: demostración de cestería en Saint-Vaast_La-Hogue (La Manche-Normandía).



imaxe: concerto da expedición galega no alto da torre da illa de Tatihou.




De todos estas cuestións estaba ao tanto Toño, que a pesares de non pertencer á directiva nin a ningunha entidade asociada, mantiña un compromiso directo co devir da FGCM e estaba puntualmente informado de todas as accións e movementos que se daban por entón. Eran tempos nos que Toño era un fixo en todas as expedicións que se realizaban: Encontro Combarro 2001, Barcelona 2001 ou Encontro Illa de Arousa 2003. Ese último ano, a FGMF pasaba a ser tamén fluvial i eu xa ocupaba a presidencia. 


imaxe: navegando no Rana. Cambados 2010.


O ano 2004 volveríamos a desprazarnos a Douarnenez, a como non, Toño asistiu á cita como artesán de referencia. Naqueles anos, Toño convertérase nunha presenza segura en todas as actividades da Federación, un persoeiro moi aprezado e querido pola "tropa" mariñeira que se encargaba das embarcacións tradicionais e mesmo o convidaban a navegar sempre que podía abandonar temporalmente o obradoiro de cestería.



imaxe: navegando na Muller de Balboas (Clube Mariño Salnés). De esqueda a dereita: Isidro Mariño, Toño, eu e Juan "Cubeiro"). Douarnenez 2004.



No seguinte ano chegou o Encontro de  Cambados 2005. Un ano de moitísimo traballo para moitas persoas, tamén para min, que ademais da presidencia da FGCM ocupaba a vicepresidencia da comisión organizadora e a secretaría do Clube Mariño Salnés, entidade que no outono de 2004 liderou, organizou e defendeu a candidatura de Cambados fronte a de Vigo para albergar a VII edición do Encontro de EE.TT. de Galicia que se celebraría no ano 2005. 

Con tal motivo, a relación con Toño intensificouse aínda máis, xa que lle encarguei persoalmente ser o director do Obradoiro Mariñeiro onde se ocuparía non só do seu obradoiro de cestería, senón tamén de contratar e coordinar as actividades de todos os artesáns desa edición dentro da carpa montada para tal fin. O resultado foi espectacular se ben a partir de entón, Toño i eu mesmo (ese ano deixei a presidencia) tomamos certo distanciamento da FGCMF, aínda que no seu caso, volvería a formar parte da expedición a Brest no ano 2008 co resto dos compoñentes da Federación, para entón xa coñecida co sobrenome de Culturmar.


imaxe: facendo unha patela. Obradorio Mariñeiro. Cambados 2005.



No programa do Encontro de Cambados figuraba a representación dunha descarga de sardiña no porto vello acompañado da interpretación da "danza das patelas". Esas patelas foron un encargo a Toño, que pasou un mes enteiro traballando arreo para acabar a tempo as 12 pezas que se empregaron na representación. 








imaxes: descarga das sardiñas a bordo da lancha xeiteira "Nova Marina" e interpretación da danza coas patelas á cabeza.  



imaxe: a dorna cambadesa Airexa saíndo de porto vista dende o trincado Ría de Ferrol. Cambados 2005.



As navegacións no Rana.

Ese afstamento coa Federación ao rematar o ano 2005 non afectou para nada á nosa amizade, máis ben todo o contrario e durante todos eses anos, Toño acudiría puntualmente a navegar no Rana para asistir ao desembarco da illa de Ons que se celebra no mes de setembro de cada ano. 


                                            imaxe: a bordo do Rana. Traesía Cambados-Ons 2009




imaxe: bogando no auxiliar do Rana para ir á terra. Ons 2009


Toño tamén era un tripulante fixo nas citas para asistir aos distintos encontros de embarcacións tradicionais de Galicia. Lembro especialmente a navegación até Cabo da Cruz con motivo da celebración da XII edición do Encontro de EETT de Galicia 2015. Para esa ocasión, Toño acudiu coa súa banda de musica tradicional "Os Rampeiros". 


imaxe: travesía Cambados-Cabo da Cruz. Cuberta do Rana 2015.


Noutras ocasións simplemente partíamos sen rumbo fixo, como no ano 2016 cando nos achegamos até a vila de Muros nunha fermosa fin de semana de navegación e pesca.  



imaxe: Toño á caña do Rana volvendo de Muros con forte nordés. 


Foi unha travesía fermosa de volta até chegar a Sagres: ceo azul, ondas no mar e forte nordés. No paso de Sagres pola torre-baliza do Sargo, o vento amaina para deixar unha travesía tranquila pola ría até Cambados.


enlace: video travesía Muros-Cambados. 2016



Levar a Toño como tripulante era sempre un motivo de alegría. Por outra banda, Toño, aínda que a súa paixón era a cestería, non renunciaba ao seu pasado mariñeiro e iso notábase cando viña a bordo. 



imaxe: amarrados fronte á praia de Melide. Ons 2017



imaxe: recollendo velas para atracar na illa de Sálvora. Praia do Almacén, 2018



Visitas á Lobeira. Ourense

Outras veces era eu que correspondía as visitas de Toño, achegándome ao seu "castelo" na Lobeira, (Ourense) en pleno parque do Xurés onde tiña o seu refuxio, o seu mundo particular. 

Alí se establecera nada máis desembarcar dunha campaña no Gran Sol. Deso facía un montón de anos, e naquelas visitas a carón da lareira falábamos desas cousas que o tempo vai deixando por popa até irse perdendo polo horizonte. 

                              

                                     imaxe: a carón da lareira. Lobios. 2014




Lembro as voltas que dei a primeira vez que me acheguei até alí. A única referencia era un particular buzón para as cartas que tiña ao principio da finca. Cantas voltas dera daquela para atopar e entrada da finca!



Voltas tamén demos a lombos das súas bestas: un cabalo chosco e unha mula vella. Naquel ano desprazámonos a familia enteira, Montse, Delia e Mauro que o pasaron de medo choutando por toda a finca.




A conversa con Toño sempre era especial. O seu talante pausado, a paciencia para escoitar antes de falar e a claridade coa que expoñía os seus puntos de vista, facían de calquera conversa un aporte de ideas e consideracións a ter moi en conta. Evidentemente non coincidiamos sempre na valoración ou apreciación das cousas pero o seu parecer sempre era do máis respectable e por suposto, acorde ao seu modo de pensar e vivir. Nese seno, Toño foi a persoa máis coherente consigo mesma que coñecín.



imaxe: camiñando por Sálvora co torreón do almacén á esquerda e o Rana amarrado no peirao á dereita. Illa de Sálvora, 2017.



A última vez que tiven contacto con el sería a finais de 2020, Foi con motivo da organización da Iª Xornada de Cultura Marítima de Cambados que ía organizar o Clube Mariño Salnés para o outono dese ano. 
A participación de Toño era dobre: montaxe dunha exposición sobre cestería da costa e a proxección do documental "Cesteando" de Plácido Romero. 
Finalmente tiven que chamalo para adiar o proxecto pola pandemia. "Queda para a primavera do ano que ven" comenteille a través do teléfono. A Toño pareceulle ben, "para a vindeira primavera entón", dixo finalmente antes de despedirse, se cadra para sempre.


                                          imaxe: Toño visto dende o interior do Rana. 



A desaparición de Toño deixou un oco grande, un baleiro na vida de moitas persoas. En min tamén, Por contra, penso no moito que me aportou ter coñecido a unha persoa tan valente, consecuente consigo mesma, fiel amigo e sobre todo un ser libre. Neste senso, o exercicio da liberdade levouno a tomar todas as decisións importantes ao longo da súa vida até o final. 

Graciñas Toño, mestre..., amigo.     

      



en memoria de Antonio, Toño "o cesteiro".