Fragata Numancia. Museo de Pontevedra |
Das moitas obras que o meu avó, o maquetista naval Egidio López Padín, ten repartidas por distintas coleccións privadas e museos marítimos (Museo de Pontevedra, Museu Marítim de Barcelona, Museo da Marinha de Lisboa, Museo Naval de la Nación en Buenos Aires, etc), había unha maqueta da que había tempo que non sabía nada.
Trátase dunha goleta de velacho doada no seu momento ao Museo Massó e da que tiña constancia por numerosas referencias tanto da irmá do meu avó (Maria) como de meu pai (Joaquín).
Nas veces que visitei o museo Massó na procura da maqueta, sempre saín coa decepción de non topala por ningures. Finamente tomei a decisión de poñerme en contacto coa dirección do Museo para saber desta peza e por fin, logo dun tempo de espera razoable, recibín confirmación de que a goleta de velacho "Mª del Carmen Ana" forma parte da colección do Museo Massó (actualmente pertencente á Xunta de Galicia) e está gardada no almacén de reserva do Museo.
Aínda que lamento que non me permitiran ver a maqueta, agradezo á dirección do Museo a información facilitada xunto coa imaxe da goleta. Polo menos, podo seguir documentando as pezas saídas do faiado da Casa da Cabana onde meu avó tiña o seu taller e se cadra algún día, poida ver a Mª del Carmen Ana navegando de novo polas salas do Museo Massó de Bueu.
Maqueta: Goleta de velacho "Mª del Carmen Ana". Obra de: Egidio López Padín. (rexistrada como Egidio Sr. Padín) Colección do Museo Massó. Bueu. |