Novo Bou de Vara
Todo o que empeza ten que rematar algún día. Isto é o que lle acontece hoxe a este blog que iniciou a andadura no ano 2008, fai logo catorce anos. Dende entón realizáronse 240 entradas e recibimos 110.000 visitas, unha cifra aceptable para un blog cunha temática minoritaria: a cultura marítima.
Naquelas tempos, cando daba os primeiros golpes de remo deste blog, eran moitos os amigos blogueiros que contaban as súas cousas para ledicia dos que como a min, gozábamos coa lectura destas historias enchoupadas de salitre. Había blogs para todos os gustos: persoais, colectivos, divulgativos, históricos, experimentais, documentalistas... Unha chea de experiencias compartidas a través das notas publicadas como nun blog de notas, sen ánimo de estenderse nin ser aburridos. Esta era a filosofía, unha familia de amigos dos barcos, do mar e do ceo aberto para contar e compartir sensacións, alegrías e desafíos.
Con esa idea transcorreron estes catorce anos con publicacións diversas sobre navegacións, barcos e velas, regatas, encontros de embarcacións tradicionais, o ronsel do Clube Mariño Salnés e a Federación pola Cultura Marítima (Culturmar), pesca e turismo mariñeiro, persoeiros salientables, etc.
Agradecementos
A pesar de que este blog ten —como case todos—, moito de persoal, tamén é certo que naceu para ser compartido e neste senso, quero agradecer a Lino Prieto a súa contribución ao mesmo coa publicación de numerosos artigos que axudaron a aumentar a perspectiva e acadar unha cobertura máis plural.
Agradecer ao Clube Mariño Salnés de Cambados a singradura compartida ao longo destes anos permitíndome narrar a xeito de diario, o devalar desta entidade que xa pronto acadará os vinte cinco anos de existencia.
E finalmente agradecer a Iago Pillado a súa contribución para o nacemento desta nova etapa do Bou de Vara, agora en formato wordpress, unha posta ao día que axudará a unha mellor difusión dos contidos e un xeito máis doado de acceder para aqueles que nos visitan.
E sigo falando en plural porque aínda que en gran medida é unha parte de min mesmo, queda sitio dabondo para compartir con todos vos estes diálogos coa marea.
Moitas grazas
Adeus Bou de Vara
Benvido novo «Bou de Vara»
Exidio Cuíñas
(Xaquin)