Translate

miércoles, 5 de enero de 2022

Exidio Cuiñas e As gotas de mercurio


A enésima vaga coronavírica non só nos trouxo datos estadísticos este mes de Nadal de 2.021, senón que tamén aportou a boa nova da aparición da segunda novela do prezado amigo Exidio Cuiñas, Xaquín, que volve ao mundo editorial despois da súa estrea con Salgadoiro de queixo e mozarella, (Todogrove Edicións, 2009).

 

Bea Laya, Exidio Cuiñas e Tino Cordal


Na sala de conferencias de Exposalnés reunímonos unha variopinta mostra do persoal que admiramos a Xaquín, e tamén a súa obra, para a presentación deste seu novo traballo: As gotas de mercurio.



Público asistente


Trátase dunha novela ben extensa que nos conta as descobertas que fai Demetrios, un mozo grego de orixes galegas, que chega a Galicia a mediados dos anos 80 para quedar ao coidado de una súa tía avoa, Herminia. Instalarase nunha cabana da Serra do Xurés, e unha vez alí comezará a descubrir como foron os periplos de vida do seus antepasados, e a relevancia que tivo nas súas vidas a loita pola liberdade, percorrendo diversos sucesos históricos do mar dos galegos e dos mares nos que andiveron os galegos.

 

Tino Cordal durante a sea intervención


Para presentarnos  este novo traballo, Cuiñas contou coa presenza de Tino Cordal, edil de Cultura no Concello de Cambados, que afirmou que novelas coma esta fan que a vila cambadesa “manteña o seu carácter de terra de artistas”, e incidiu sobre o xiro de timón sobre o carácter desta novela con respecto ao debút de Cuiñas.

Bea Laya, historiadora do Arte e Educadora Patrimonial (que hai pouco máis dun ano recibía o premio Son dxs nosxs, do Instituto Asorey, por un dos seus traballos de investigación local, máis concretamente sobre a figura de Dolores Valle Bechade, A Francesa), comentou na súa intervención que cando Exidio Cuiñas lle confiou o orixinal “apenas tivo que tocarlle” e que tiña “fracasado no cometido de acotalo” xa que as referencias históricas empregadas na obra eran “rigurosas e tomadas en conta con todo coidado”. Laya tamén salientou o papel da muller por medio das personaxes femininas a o longo de todas As gotas de mercurio.

 



Tocoulle a  Exidio Cuiñas pechar o turno de intervencións e fixo un percorrido sucinto polos feitos históricos e as localizacións xeográficas polas que decorre a novela, tamén fixo un relatorio sobre varias persoaxes reais que aparecen no relato como poden ser: Charles Tillon, Victor Le Gorgeu, Pierre Guéguin ou José Aboulker, e tamén tivo unha lembranza sincera e realmente emotiva para Antonio González, Toño o Cesteiro, que finou hai pouco máis de un ano e protagoniza a anterior entrada do Boudevara. Xaquín volve a facelo, misturando referencias históricas con personaxes ficticias, que nos poden lembrar a personalidades reais e cercanas, sobre todo cambadesas; mistura barcos reais e mares lonxanos… creando un pequeño gran universo polo que o lector viaxa sen notar jet lag nin síndrome da clase turista.

 


 

Pola miña banda, quero felicitar a Xaquín por este gran traballo; no 2009 tocoume participar no que era o proxecto da súa primeira novela, facéndome cargo da maquetación, deseño da portada e estas cousas que se fan nas editoriais, e que acabou como aquel querido Salgadoiro de queixo e mozarella, que presentamos nunha infausta taberna chea a plan, nun evento maravilloso no que chegaron a intervir varias das personaxes da obra…


Despois dunha ducia de anos, uns temos menos pelo e outros teñen máis enrugas… e chégame as mans este libraso, de meu amigo Xaquín, que sigue dicindo que non é escritor, manda carallo! Así que mercádeo, pedídello aos Reis, ou ao presidente da República, levádeo para casa e lédeo!

Unha vez máis: Noraboa Xaquín!