Translate

martes, 15 de marzo de 2016

GAMELA NUN MAR DE PEDRA



Gamela nun mar de pedra




  Por estribor xa non se ven salseiros nin vagallóns,
tampouco asoman por proa aquelas ondas tendidas ao sol, 
por diante tan só estes campos de herba, marea infesta de bocho 
que alimenta as leiras por onde agora vou, 
en compaña dunha árbore que se mexe co vento 
e achega os seus papos de ameneiro ramplón.


 
 
 Fun gamela de mar, de raño e de liña, de rapeta e de bou,
voguei pola Insuavela, por Espiñeiro e pola Toxa menor.
Levei comigo un pano antigo prendido no mastro
que subiamos e baixabamos para conter o clamor,
dun mar embravecido que asustaba a todos 
co rebumbio de axitadas augas xogando con nós.


  
Deitada nun mar de pedra onde envorcou,
  está a gamela vella que un día navegou.
Lembro todo o que pasou de proa a popa,
e de babor a estribor.



 
 
 Xa non vexo nin sinto o mar, 
cuberto cun manto de néboa que o cegou,
Ás veces creo escoitalo cun asubío polo arredor
que se achega e se vai coma aqueles paxaros
famentos que pousaban no corredor.

Agora tan só me visitan as chuvias, as néboas
e as follas do mastro sen flor,
que inundan o plan da gamela coma unha lagoa interior,
pronto chegarán as ras, os grilos e os tritóns a escacharme
os ouvidos coas voces dun estridente cantor.  


 




Deitada nun mar de pedra onde varou,
segue a gamela vella que un día navegou.
Lembro todo o que pasou de proa a popa,
e de babor a estribor.

Tan só queda agardar pola couza e a putrefacción,
de sempre, os mellores remedios para o final redentor,
daquela tan só quedarán as pedras onde un día chorou,
aquela gamela vella que un día naufragou.   

Xa non lembro nada, xa todo pasou,
de proa a popa e de babor a estribor.


 Exidio Cuíñas




adicado á "Ubaldina".
localización imaxes: A Pastora
(Cambados)
Outono 2016