Translate

martes, 23 de febrero de 2016

Gamelas de Cambados



Mariscadoras no Serrido. Cambados


Máis dunha vez teño falado das gamelas de Cambados referíndome a elas coma unha tipoloxía de embarcación tradicional propia. Seguramente esta apreciación é esaxerada e froito da miña condición de cambadés pero a realidade é que nin tan sequera está recoñecida como tal e a día de hoxe, as únicas gamelas que gozan de predicamento entre a comunidade mariñeira sabionda son as coruxeiras, as da Guarda e a de Cabo da Cruz





 









Gamela coruxeira:
Encontro de Embarcacións Tradicionais. Muros 2009


 










 Gamela da Guarda:

 















Gamela de Cabo da Cruz:

Cabo da Cruz albergou a XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. 2015
 



Gamela de Cambados:



Pero como somos teimudos e cambadeses, imos continuar a reivindicar a Gamela de Cambados coma unha embarcación tradicional de primeira magnitude non só polo acervo cultural inherente a esta embarcación senón tamén pola súa beleza e excelentes condicións para a navegación.  

Certo que as gamelas tamén se construían noutras localidades da ría de Arousa pero se cadra en Cambados é onde a gamela cobra unha especial relevancia e sentido. Hoxe en día desaparecidas da nosa vista e case da nosa memoria colectiva, as gamelas foron nun tempo atrás unha das embarcacións máis numerosas e populares nos vellos portos de Cambados e San Tomé.



Porto de Cambados pola parte sur. (Imaxe J. Bellver. Anos 50)



Dende logo, a condición de Cambados como “fondo de ría” e o enclave na zona intermareal Umia-Ulla, facían da gamela unha embarcación especialmente navegable en zonas de escaso calado. Empregábanse especialmente para o marisqueo a flote se ben, tamén para a pesca con liña e as chamadas artes menores. Podían chegar até os 7,50m de eslora e aparellaban en vela latina con martelo.


detalle: Aparello de vela latina con martelo

 gamelas ao rastro antigo (marisqueo a flote):


 
 




ao medio mundo:




  
características:




Cando falamos destas gamelas, non podemos determinar unha eslora de referencia, había distintos tamaños dependendo da arte para a que se construía e sabemos que as había grandes, chegando algunhas a superar os 7 metros de eslora. 

 
O normal era unha distribución de cuberta semellante as dornas, con tilla e cadeira, moi cheas de proa e afiadas na popa se ben, o espello variaba en función das preferencias do armador. Pero quizais a característica principal era a quilla pronunciada para aguantar pano e evitar a deriva, isto as facía máis mariñeiras e manexables para navegar a vela.
gamela a carón dunha dorna mca

As gamelas compartían espazo nos portos de Cambados coas dornas (a maioría dornas mecas tanto de tingladillo coma de tope) e imaxino que mesmo competirían entre elas para ver cales eran mellores "apurando o pano", e aínda que as dornas semellan invencibles neste aspecto, moitos vellos aseguraban que as gamelas ben armadas non quedaban atrás, sobre todo navegando en rumbos abertos, na bolina imaxinamos que a vantaxe sería clara en favor das dornas.



Non era doado para as gamelas de Cambados facerse ver e así, xunto coas chalanas e loritos, ocupaban un lugar discreto entre as xigantescas lanchas do xeito, as dornas mecas e mesmo algún que outro galeón.
 

Chalana na proa de dúas dornas mecas. O Borrón. San Tomé-Cambados


Chalana amarrada pola póa dun galeón. Porto de Cambados.


Fai uns anos, o Clube Mariño Salnés elaborou un proxecto para facer un “gamelón” de 7,20 m de eslora se ben, aínda non se iniciou a construcción e de momento tan só estan feitos os planos. Actualmente o CMS está inmerso no GAC-Mariña Tradicional Porto de Cambados, un proxecto que pretende a recuperación integral do antigo porto de Cambados para recuperar a imaxe do porto e habilitalo como espazo dinamizador da cultura marítima local.  


Lavadoiro. Porto de Cambados


E dentro dese proxecto integral do Porto de Cambados, gustaríanos recuperar a imaxe dunha gamela de Cambados amarrada no porto. Certo que non seríamos os primeiros e fai uns anos, concretamente en Vilanova de Arousa, construíuse unha gamela, unha fermosa embarcación de nome Descalsiña aparellada con vela latina:


  

..., daquela, volveríamos a ter en Cambados unha das súas tipoloxías máis ilustres, devolvendo identidade ao porto e a toda a vila. Ogallá algún día poidamos ver na praia de San Tomé unha escena como a imaxe de abaixo, onde uns homes se afanan en arranxar unha gamela, a Lola.


Arranxando a Lola. Praia de San Tomé.




de remate:
 Gustaríanos dende logo recuperar para Cambados unha tipoloxía de embarcación tan senlleira coma calquera outra, tan digna coma a que máis. Con ela gañaron o sustento centos de familias cambadesas durante anos e para moitos nenos foi a primeira escola para a aprender o oficio de mariñeiro ou se cadra, o oficio de vogar a contracorrente. 

Vivimos tempos nos que todo semella conxurarse coa destrución dos recursos naturais. As nosas rías non escapan deste andazo de ignorancia e desfeita: a prórroga de Ence até que os nosos fillos sexan vellos ou a Lei de Acuicultura que quere converter a nosa costa en parcelas baratas para a explotación insostible e contaminante do monocultivo acuícola, ameazan con implantar un xeito de explotación masivo dos recursos até esgotalos. É a estratexia económica das multinacionais, a de explotar os recursos dun territorio até o límite, cobrar beneficios e retirase a outro sitio onde gobernen monicreques que aplaudan e permitan os seus métodos. Que aquí non suceda depende de nós. 

Dende este blog dicimos: SI as gamelas, SI as embarcacións tradicionais, SI a pesca artesanal, responsable e sostible e NON á destrución dos nosos recursos, da nosa cultura e do noso mar.

imaxes:
arquivo Boudevara.blog
arquivo Confraría de pescadores San Antronio de Cambados.