Translate

jueves, 2 de septiembre de 2021

Río Umia: de Pontearnelas a Cambados

Imaxes do descenso polo río Umia en embarcación neumática a remo.


O río Umia conta cun total de 70Km dende o seu nacemento na parroquia de Aciveiro no concello de Forcarei até fundirse coa ría de Arousa en Cambados.

Hoxe imos percorrer en imaxes un pequeno treito no tramo final do río, concretamente dende Pontearnelas até a desembocadura do río en Cambados. 

Atravesamos as pontes de Pontearnelas no concello de Vilanova de Arousa, Cabanelas e Barrantes no concello de Ribadumia para finalmente chegar á Ponte da Barca en Cambados.

data: 31 de agosto 2021

tempo empregado para o descenso: 2,5 horas.






1º Tramo: Pontearnelas-Cabanelas









Se cadra, a parte do río máis salvaxe, cun arranque espectacular cos areais fluviais (arnelas) e abondosa vexetación nas beiradas.












Ás veces a follaxe envolve as marxes do río cun manto vexetal formando arcos onde o sol peneirase creando unha atmosfera de luz e cor que se reflicte na superficie da auga coma un fráxil espello que estala ao paso da neumática.




Nesta parte do río, a vexetación mesmo forma pequenos cavorcos onde a luz conforma un río de sombras entre a quietude da auga.  













Avanzamos lentamente, remando a modiño e aproveitando a propia inercia do río que nos empuxa lene entre a follaxe deitada na superficie. 




























No final deste tramo atopámos cun pequeno salto de auga que abriga a desembarcar para achegarnos finalmente á ponte de Cabanelas onde pisamos terra de novo:






  



2º Tramo: Cabanelas-Barrantes (Ribadumia):

Facemos o paso pola ponte de Cabanelas pola banda dereita, onde o caudal leva menos forza.








Ao pasar a ponte, atopámonos co antigo refuxio de pescadores, reconvertido na actualidade en Centro de Interpretación da Natureza así como refuxio de actividades náuticas. Se ben, hoxe coma onte, os rapaces seguen a lanzarse ao río dende as cordas que penduran das árbores.






 







Nada máis deixar atrás o refuxio, encontrámonos cun rápido que non obriga a desembarcar pero fai que a neumática se deslice rapidamente rozando as pedras no fondo.












Un pouco máis abaixo, entre augas máis tranquilas, asoma este enorme con no medio do río.






Nesta parte do río, o cause se ensancha e a vexetación non é tan abondosa como no primeiro treito, se ben, é doado observar fentos machos, salgueiros, herbas salgueiras ou carballos.









Logo dun treito despexado onde a vexetación mingua considerablemente, albiscase a ponte de Barrantes, no lugar de A Barca, que fai referencia ao antigo paso da barca que unía ambas marxes e conectaba Cambados con Ribadumia. Até aquí o río era navegable para os pequenos galeóns que facían intercambio de mercadorías a través do río. 























3ºTramo: Ponte de Barrantes (Ribadumia)-Ponte da Barca (Cambados):

Neste último tramo, o río cambia completamente. O mar está preto e a vexetación propiamente fluvial afástase do sal ao tempo que o leito se agranda para recibir o mar. 











As últimas árbores que asoman por entre as xunqueiras son grupos de eucaliptos que nos recordan que o dominio do río de acaba.  









O sol vaise agochando por detrás da Ponte da Barca, indicándonos que o día vai rematando. Non hai tempo para moito máis, unha tormenta de verán se asoma rapidamente cuns tremendos lóstregos que me cegan por momentos e uns estrondos que retumban por todo o esteiro. 











E finalmente a ponte:





   

A Ponte da Barca marca o final do río. No outro lado, a auga doce se funde coas augas salgadas da ría de Arousa entre Mar de Frades e Espiñeiro, as derradeiras marxes do Umia antes de diluírse polo Sarrido de Cambados, o banco marisqueiro que conforma o delta do Umia no seu final.
 


enlaces relacionados: 



remate:



Foi unha fermosa tarde que empezou cun sol cegándome no inicio do descenso para irse apagando entre a vexetación protectora e fermosa. O río neste tramo é unha delicia, as árbores, as aves e os peixes fanme compañía mentres avanzamos de ponte en ponte. Sorprende positivamente a exuberancia vexetal e negativamente, as plantacións de albariño que se achegan a pouco metros. Máis con todo, a sensación de tranquilidade e quietude te invade e pouco a pouco vaste mimetizando co río, como eses zapateiros e as rás que se agochan entre as follas e ramaxe morta que flota sobre a auga. A transformación do río a medida que descendo é considerable, unha metamorfose de río a mar, de doce a salgado. Ao caer a tarde me reencontro co final do río, unha fusión do ceo entre a tormenta que se achega ameazando con sonoros lóstregos que rachan o repouso deste rio, o Umia, canle de vida e cultura.     
neumática: auxiliar do Folkboat Rana









martes, 23 de febrero de 2021

Terra ao lonxe


boligrafía: "Estalactitas de sal"



Terra ao lonxe



Estira o tempo un mar de nostalxia,

un sedento agoiro de fontes onde nos refrescamos

desa infancia seca que nunca se retira.



Xa perdemos as contas da roda do temón,

revoltas nunha simple suma de infortunios aritméticos,

un virar eterno de rumbos perdidos.


Te escoito mar,

sempre con ese asubio que mexe o devezo de partir,

mais tamén sinto o arrolo da terra,

esa nai oculta tras elevadas ondas

de estalactitas de sal.

Xa non conto as millas nin os nós dunha corredera tola,

tampouco na costa se enxergan as agullas do tempo perdido,

eu tan só miro a rosa do ventos que me guía,

me tronza por cruxía e me afasta de ti

 nun mar esquecido.



Exidio Cuíñas

decembro 2020 ©


martes, 1 de diciembre de 2020

A Vela Latina nas embarcacions tradicionais galegas

A Vela Latina. Ben de Interese Cultural Inmaterial

 
Pano branco escuma de sal
Pano branco costura de mar.

(do poema Pano Branco. Exidio Cuíñas 2018)

 

 

"Bot Cobertat" de Mallorca.
    Fai uns poucos días, concretamente o pasado 05 de novembro do presente ano, o  Consell Asesor de Cultura Popular e Tradicional de Mallorca declarou a vela latina como Ben de Interese Cultural Inmaterial por considerar esta técnica de navegación, “uns dos exemplos de usos e costumes tradicionais que foron transmitidos ao longo do tempo e conforman un rico patrimonio cultural resultante da relación home e medio ambiente”.

    A declaración, contempla o feito de que a vela latina é o aparello propio das embarcacións tradicionais de Mallorca empregado dende tempo inmemorial polos mariñeiros nas distintas tipoloxías como o llaüt, o bote, a lancha felanitxera, ou o gussi.

   

  
Non é a primeira vez que se realiza un recoñecemento semellante e xa con anterioridade, o Consello de Goberno da Rexión de Murcia, declarou no ano 2017 como Ben de Interese Cultural Inmaterial á vela latina e os oficios e saberes relacionados coa súa práctica, xustificando esta decisión pola súa singularidade ao xuntar “destreza, coñecemento da carpintería de ribeira tradicional e relación íntima con seu medio natural”. Destaca así mesmo a súa autenticidade, por ser o aparello de vela empregado durante séculos polos mariñeiros da costa murciana (hoxe restrinxida ao Mar Menor e a dársena de Cartaxena).

 

 

 

Orixe da vela latina

    En canto a orixe, os historiadores e expertos sinalan o mundo árabe como hipótese máis probable, estando os seus inicios no Nilo, na época greco-romana e o mundo bizantino. Seguindo esta teoría, serían os árabes os que a introduciron no Mediterráneo no seu avance cara occidente procedentes do Índico e o Mar Vermello. Estaríamos falando así do século IX cando se estende por todo o Mediterráneo substituíndo á vela cuadra. 

Faluca navegando polo Nilo



   Por outra banda, outros historiadores consideran que os árabes as terían copiado das velas de bolboreta dos trimaráns e catamaráns da Melanesia e a Polinesia.

imaxe: Un tepukei, é un barco polinesio descrito por primeira vez en 1595 polo explorador Álvaro de Mendaña en visita ás Illas de Santa Cruz, onde sorprende a descrición do "estabilizador" conectado a un tronco baleirado (orixe dos catamaráns).

 


 

 

 

 

Ámbito de uso da vela latina na actualidade:

    É curioso observar como en todas estas declaracións da vela latina como ben cultural inmaterial, se recoñece un uso case exclusivo no litoral mediterráneo con algunhas referencias ao Mar Roxo, o Golfo Pérsico ou o Mar de Arabia. Non mencionando por ningures o emprego da vela latina tamén noutros puntos do Mediterráneo, como o Mar Adriático e tampouco noutro puntos da Península Ibérica como é o caso de Galicia ou o litoral cantábrico. Poderíamos facer, como non, unha mención especial á costa de Portugal, onde podemos ver un bo número de fermosas embarcacións tradicionais aparelladas con vela latina ou na súa variante de vela mística: lancha poveira, catraias ou as pequenas masseiras. 

 

Catraia de Esposende "Sta. María dos Anxos"navegando á mala.

     

Embarcacións tradicionais no porto de Bar (Montenegro-Croacia) con "latinsko jadro". Foto: Nenad Bokovac.

 

Jabeque. Embarcación de orixe árabe
 É obvio que os árabes non só se estenderon polo mediterráneo, senón que tamén pasaron as Torres de Hércules (Gibraltar), bordearon a costa portuguesa e chegaron a Galicia no século VIII (por mar e por terra) e quedaron por aquí uns “cantos anos”. Non imos entrar na pegada dos árabes en Galicia, nin tampouco se foron eles quen directamente introduciron o uso da vela latina na costa galega ou foi unha adopción posterior pola influencia mediterránea na navegación e a pesca. Pero o que si podemos observar e a extensa utilización deste aparello nas embarcacións tradicionais galegas.

 



Uso da vela latina nas embarcacións galegas, tipoloxías de norte a sur:

 

Embarcacións tradicionais galegas de vela latina. (Bouzas. Vigo). Foto: Lino Prieto

 

Antes de empezar, unhas consideracións:

1. Definiremos moi basicamente a vela latina (ou vela de pico) como vela de coitelo, triangular envergada na antena (percha ou verga) e empregada normalmente en embarcacións de pequeno porte (agás o Volanteiro de A Guarda). 
    Como variante da vela latina, temos a vela mística ou de á de pardela, que basicamente é unha vela latina con martelo (unha pequena relinga na proa) e normalmente cunha verga máis corta e co pico (penol) máis baixo.

2. Non imos facer unha descrición profunda de cada embarcación, xa que non é obxecto desta entrada, que simplemente quere relacionar as distintas tipoloxías co uso da vela latina.

3. Tampouco imos considerar as variantes de pano dalgunhas embarcacións ao longo do tempo ou en función do gusto de cada armador. Así por exemplo un mesmo barco pode aparellarse de distintas maneira dependendo da zona onde navegue. 

4. De igual xeito, non imos entrar nas sub-tipoloxías ou variantes de cada tipo de embarcación xa que nos afastaríamos do obxecto desta entrada. Deixaremos algúns enlaces de interese para quen queira afondar en cada embarcación.

5. Pedir desculpas polas imprecisións que se poidan cometer ao tentar resumir en tan pouco espazo un mundo de barcos e velas.      

 

Imos aló, de norte a sur:

 

Bote de Ribadeo

Imaxe: Bote no río Eo. Foto: Shutterstock.
    Como a maioría dos botes, son embarcacións de casco redondeado, construídos "a tope" e cun espello de popa que neste caso ten forma oval ou de corazón e “engharetados” nos corredores. Antigamente empregados para a pesca, hoxe en día se conservan polas asociacións culturais para un uso de navegación e ocio.

Aparello: vela mística.

notas
1. Tamén se pode ver algún aparellado con cangrexa e foque).
2. Os botes de Ribadeo (en Galicia) ou botes de vela latina (en Asturias) pódense ver a ambos lados do Eo, entre Ribadeo e Castropol.

 enlace de interése: carpintería de ribeira en Castropol 

 

 

 

 

 Bote polbeiro das Rías Altas

    É un bote propio da costa Ártabra (Ares, Betanzos, Coruña e Ferrol) con casco redondeado como o resto dos botes coa diferenza dunha ampla cuberta e a posición baixa do velame sobre un mastro corto.

 

 Aparello: vela latina.

 

Imaxe: Bote pola ría de Betanzos. 

Foto: Asociación os Patexeiros. (Sada)


 

 

 

 



Bote de Media Construción.

    É unha peculiar embarcación que atopamos na ría de Ferrol cunha construción entre bote e chalana, con formas máis planas que os botes e menor eslora (4m aprox.)

Aparello: vela mística (tamén pode aparellar con vela cangrexa) 

Imaxe: bote de media construción navegando en Ferrol. Foto: Lino Prieto


 

  


Nota: Nas Rías Altas (e na costa ártabra en particular) existen outras variantes de botes que non imos comentar. Así por exemplo, tamén se pode escoitar falar do bote de Mugardos ou de Maniños. Todos estes botes contan con pequenas diferencias entre eles e as veces difíciles de apreciar. Se ben, en cuanto ao aparello que é o que nos ocupa, todos aparellan orixinariamente con vela latina ou mística.



 

Buceta de Muros-Noia

    Embarcación da ría de Muros-Noia duns 5m. de eslora que ten a particularidade, ao igual que a lancha xeiteira, de rematar en "dúas proas".

 

 

Aparello: vela latina (nalgúns casos tamén aparella con vela mística).

 
Imaxe: A Boureante de Combarro.
Foto: Lino Prieto

 

 

 

 

 

Gamela de Cabo da Cruz

    Trátase dunha embarcacións que aparece na última década de 1800 na vila de Cabo da Cruz como solución construtiva entre a complexidade da dorna e a simplicidade da gamela. 

Hoxe en día tan só existe un exemplar, a Esperanza-Liberdade (de 4.59m de eslora) como réplica da última gamela de Cabo da Cruz, a Esperanza. 

 

 Aparello: vela mística.

 

enlace: Gamela de Cabo da Cruz

 

 

 

Bote de Carril

    Bote propio do interior da Ría de Arousa e en concreto de Carril, onde antigamente se empregaba para o marisqueo. No seu momento a Federación Galega de Vela fomentou a construción de botes de fibra coa intención de crear a clase “bote de Carril”, embarcacións idénticas que competisen entre si. Na actualidade xa non existe esta “clase” e os poucos botes que quedan en Carril son de madeira e están ligados a asociación Rompetimóns.

Aparello: vela latina

Particularidade: a percha da vela vai nunha posición máis baixa no mastro en comparación con outros botes.

Imaxe: Bote "Afojacristos" da Asociación Rompetimóns. Aparellado con vela latina. Incorpora un botalón na proa para izar un pequeno foque. Foto: Camilo Bóveda

 

 

Gamela de Cambados

    As desaparecidas gamelas de Cambados no anos 50 do século pasado, eran embarcación que podían superar facilmente os oito metros de eslora e se empregaba para a pesca tanto no interior (no inverno) como por fora da Ría (no verán). Tiñan proa afiada e unha potente estampa de popa así como unha pronunciada quilla e un gran temón para “aguantar pano” na navegación a vela.

Aparello: vela mística.

Imaxe: Gamela "Lurdes". Cambados anos 50 aprox. 
Arquivo Confraría de Pescadores San Antonio de Cambados.

 

Nota: na actualidade o Clube Mariño Salnés de Cambados, xunto coa ascociación Vela Tradicional Cambados, traballan na documentación e construción dunha réplica destas gamelas.

 

 


Bote Polbeiro de Bueu

    É un bote de dúas proas (como a lancha xeiteira ou de relinga), pesado, con moita manga e construído a “tope”. Característico de Bueu e que se dedicaba principalmente para a pesca do polbo coas rañas.

 

 Aparelloorixinariamente vela latina. (Tamén aparellaba con mística e incluso con vela de relinga)

 

 
Enlace de interese: Asociación Os galos de Bueu.

 

 

 

 

Bote Xeiteiro de Bueu

    Similar ao bote polbeiro pero de maior tamaño que se empregaba fundamentalmente para a pesca da sardiña con aparello de xeito.

 

Aparello:

esquema vela "guaira"
En Bueu, a Asociación Os galos denominan a esta vela (especie de mística con gran martelo e verga co pico moi elevado sobre o mastro), como vela “guaira”, se ben, normalmente a definición de vela guaira se refire a unha vela de coitelo amurada ao pao. 

 

 

 


Bote de Cesantes

    Bote da ría de Vigo, especialmente da zona de Cesantes (enseada de San Simón) con popa moi recta e a percha da vela montada sobre a punta do mastro o que facilita a maniobra de cambio de vela.

 

 

Aparello: vela mística
 
Imaxes: O Búrbida.
Foto: Lino Prieto.
 
 

 

 

 

 Gamela Coruxeira.

    Gamela que ten a súa orixe en Coruxo (Vigo) como variante evolucionada a partir da gamela de A Guarda. Conta con dúas estampas, a de proa (moi lanzada) e a de popa (cun ángulo menor) onde se asenta un gran temón. O plan disposto en varias táboas agargaladas e cravadas contra as varengas (normalmente 7). 

Aparello: vela mística.

Imaxe: gamela coruxeira navegando na ría de Muros.
Foto: Lino Prieto


 

 

 Gamela da Guarda.

    Gamela propia de A Guarda, anterior á gamela de Coruxo, con fondo plano de táboas lonxitudinais, banzos pechados en dúas estampas (proa e popa “chatas”) e desprovista de corredores.

Aparello: vela mística.

Imaxe: gamela da Guarda en marina seca. Arquivo Asodiña.

enlace: Asociación Asodiña

 

  


Racú

    É unha embarcación que se esparexeu por toda a costa galega (especialmente nas Rías Baixas) para a pesca da sardiña. Ten unha construción que se asemella ás traiñeiras se ben ten unha popa redonda que o fai característico.

Aparello: vela mística.

vela cangrexa ou áurica

nota: Tamén podían aparellar con cangrexa e foque.  

 

  

 
Imaxe: Racú da asociación Amigos da Dorna Meca de O Grove e procedente de Cambados.
Foto: Lino Prieto.
 
 
 
 

Volanteiro

    Esta enorme embarcación de pesca (12,20m de eslora), "irmá" da Lancha do Alto portuguesa (ou Lancha Poveira) empregada para a pesca na Guarda dende o século XVII e desaparecida a principios do XX, foi recuperada pola asociación Piueiro cunha réplica botada en 2019.

Aparello: Vela Mística.  

Imaxe: volanteiro "Piueiro" navegando cun rizo. Foto: Arquivo Asociación Piueiro Facebook

enlace: lanchas volanteiras

 


 

 

 remate

Nesta entrada quero sumarme en primeiro lugar, aos recoñecementos obtidos pola vela latina como Ben de Interese Cultural Inmaterial tanto en Mallorca como en Murcia. Un recoñecmento que ben podería ser extensivo a todo o Levante e Cataluña pola especial presencia desta vela nas súas costas e na cultura mariñeira. 

En segundo lugar, sumar a este recoñecemento, toda a historia desta vela que é testemuña viva da evolución na navegación dende as antigas falucas do Nilo ou os primixenios catamaráns até os nosos dias.


En terceiro lugar, lembrar tamén con total humildade, outras costas e outros mares onde a presencia da vela latina é unha realidade que ven de lonxe, por exemplo o Mar Adriático ou o litoral atlántico portugués.

Por último, recoñecer o traballo de moitas asociacións galegas así como particulares por estudar e manter en uso a vela latina coas súas variantes, un aparello que impulsa moitas das embarcacións tradicionais galegas dende o norte até o sur, dende Ribadeo até a Guarda.

 

Pano branco rizo de sal
Pano branco para deixarte levar.
 

  Exidio Cuíñas 2020

 

 

Agradecementos

A Lino Prieto pola súa enorme constribución a esta entrada buscando e selecciondo moitas das imaxes que se amosan.

As asociacións de cultura marítima galegas pola información a través de blogs, facebook, etc.

Aos autores/as de publicacións que se mencionan nesta entrada como enlaces de interese.

A Hadriana Ordóñez pola cesión da imaxe da buceta Salgharita como nova portada deste blog e a Camilo Bóveda pola imaxe do "Afojacristos"

A todos/as moitas grazas.