Translate
sábado, 19 de diciembre de 2009
lunes, 14 de diciembre de 2009
PERSOEIRO DE DECEMBRO
Galeón de Sanxenxo, galeón "Novo Sofía" e trincado "Ría de Ferrol"
Embarcadoiro de grandes barcos. VII Encontro. Cambados 2005
Como ben sabedes, este mes está adicado á persoa de Sir Cesar Bedoya. Se ben, o agraciado con esta distinción se ten posto en comunicación coa dirección deste blog a través dos medios pertinentes nestes casos, esto é, por valixa diplomática, para solicitar a revocación de tal nomeamento e distinción. Polo cal dende Boudevara facemos saber o seguinte:
1. Consideramos un caso insólito a aptitude do susodicho persoeiro.
2. Non foi a nosa bárbara intención sureña acometer semellantes aldraxes na persoa do susodicho que xustifiquen tal decisión.
3. Eu non teño nada que ver co desafortunado caso da escada do Ría de Ferrol.
4. Lino tampoco.
5. Como Fraga rompeo en pública asamblea de AP a carta de dimisión de Asnar, nos tamén por non ser menos, imos deixar sen efecto o manifestado polo susodicho Sir Cesar Bedoya, xa que temos en conta que a certas idades cando se di unha cousa en realidade quérese dicir o contrario.
6. Tendo en conta o caracter retorto do persoeiro de decembro, consideramos que está dentro do caso analizado no apartado anterior.
7. Propoñemos ademáis, que igual que o facho romano da cidade de La recibe o sobrenome de “Facho de Breogán”, o Montecuruto pase a denominarse a partires de agora “Montebedoia”.
8. Para a recuperación písica do avenzoado Sir, propoñemos unha dieta máis intensa en bacallao e unha visita máis continua ós loureiros.
9. Tendo en conta a metamorfose católica do deceado ferrolano, propoñemos unha pronta calificación de beato para a persoa de Sir Cesar, xa que consideramos de todo certa a máxima de que “non hai mellor beata que unha ramera arrepentida” (disculpen os rameros, romeros e romeras).
10. Por petición do, a partires de agora beatificable en funciós Sor Cesar Bedoya, pasamos a publicar integramente a súa desestimada petición:
Meus Queridos Srs.:
Tendo coñecemento da nova, publicada no Xornal que tan dignamente vostedes dirixen, referente ao nomeamento de PERSOEIRO DO MES e recaendo tan distinguido cargo na miña persoa, non podo menos que agradecer ó xurado tal inmerecida distinción e dicirvos que reverto de fachenda e cáeme pola perneira abaixo cal caíalle a cachondez a Raíña Católica aseghun os nosos investigadores e mais etnógrafos.
Mais non é menos certo, como din nos xuízos, que dentro da miña vanidosa, egocentrista, narcisista e inhumana modestia, virtudes todas estas como ben dicides miñas do pasado pero que aínda non teño totalmente arredadas a pesares do meu esforzo e penitencia, dentro desta humildade, resaltarei uns feitos que foron transcendetais na miña vida e deixaron unha fonda pegada na miña persoa:
Na celebración dos VIII Encontros celebrados en Ferrol, confeso que quedei moi mal da miña estructura písica esa, xa que fixestedes-me coller grandes espranzas na presentación da miña candidatura á BEATIFICACIÓN por medio do insigne Embaixador no Vaticano o ex Alcalde de LA, todo esto como paso previo á miña santidade; pois ben, a miña decepción foi tan grande que aínda os millores retelladores de Ferrol non me dan retellada a miña cabeza, polo que as veces, poderedes verme actitudes estrañas que fan que me recolla en Montecuruto. Seguindo coa mesma humildade, direivos que os
traballos da comision de candidatura, non tiveron o empurre que puxéchedes por exemplo, no facho ese que uns chaman de Hércules e outros de Breogán.
Xa que estou en confesión, dicirvos tamén, que outra das fendas producidas a min, foi cando despois dunha dura navegación al Alba con vento fresco de Catoira polos procelosos mares, arribamos eu e outros compañeiros, no mar desa terra que edita o xornal ao que me dirixo, terra que acollía o VII Encontro; pois ben, fómonos do peirao sen a escada, que con tanto agarimo construíra Lolo o Chapas na viaxe, tan apreciado trofeo pendulará nas vosas cabezas na eternidade.
Para conseguir o meu perdón por un feito tan reprobable, direi que me prometichedes a presidencia da Federación, e dixechedes que era o golfiño do gacetillero ex presi Xaquin. Fixen os cursiños precisos e merquei casaca e garabata, unha vez máis decepción, a presidencia foi para un Piñeiro que se cadra é membro do Xurado.
Unha vez relatados os feitos históricos que en certo modo xustifican as miñas conductas e posibles maldades e como estamos no mes ese da redención, dígovos que aínda coa grande doenza que me produce, non podo aceptar tan grande distinción, polo que pido me escuse o xurado formado case na totalidade por Bárbaros do Sur, que non lles treme o rato do Fotoxoouu ese, (penso que chamadeslle asi os gacetilleros locais nas vosas secciós do coraçao), azoutando na miña intimidade e no digno traballo de lampacear con lampazo. Non podo, xa que considero que é a titulo póstumo; e tamén pola mala concencia que tedes, polos aldraxes cometidos coa miña humilde persoa:
crede que para min non é unha decisión doada, xa que me facía ilusión compartir púlpito cun compañeiro como Baraja Obama o Moreno das Americas ou co compañeiro Joao Baptista e o Sr. Pelouro o astronomo de Ons, estes últimos da nosa Gallaecia.
Cos meus saúdos e escusas prégolles a publicación no Xornal que tan dignamente vostedes dirixen.
Cesar Bedoya Demo do Socorro
Montecuruto
Reino de Galicia
13 do 12 do Noso Señor
viernes, 11 de diciembre de 2009
PERSOEIRO DO MES
Novas Bou e Vara da semana e elección persoeiro do mes
NOVAS BOU E VARA
Semana do 7 ó 11 de decembro
BOU
Por Lino Prieto
A boa nova desta semana non pode ser máis fresca, no tempo e no contido:
Hoxe venres están xa no mercado AS PRIMEIRAS VIERAS (evisceradas) da tempada.
Onte mércores chumbáronse de novo ao mar os bous de vara, un total de 16 barcos cambadeses e algún de Rianxo (na outra banda da Ría), arriaron cabos para empezar coas capturas que entraron hoxe na empresa procesadora para darlles saída ao mercado.
Porto de Tragobe. Cambados
Os resultados da primeira xornada afirman que as vieiras son de "gran tamaño e calidade" e poderanse mercar a 3,90 euros o kilo, ainda que tamén se referiron ao furtivismo que se mantén á alza.
Descarga da vieira. Tragobe-Cambados
Continúa a vida no sector extractivo e desde a ponte de mando do Boudevara, faremos o posible por corroborar a calidade da vieira en propias carnes.
VARA
Por Xaquin L. Cuíñas
Esta semana tiñamos moitas novas malas como a do secuestro dun novo barco; esta vez un pesqueiro de bandeira paquistaní con 29 tripulantes a bordo. Despois da liberación (por pago) do cargueiro grego Ariana, quedan aínda once barcos e 283 persoas reféns nas costas de Somalia.
Pero a mala nova queda na casa, en Vigo concretamente. Se alguén dixera que vai a converter xubilados (con paga) en becarios do concello para traballar como “guías turísticos”, recibindo unhas “instruccións” e mesmo nocións de “francés, inglés e alemán”, pensaríamos que fala de coña. Pois non, eso é o que está a facer o concello de Vigo co desenvolvemento dun programa bautizado como “Voluntariado Turístico” e que se enmarca dentro do Plan de Competitividade desenvolto pola Concellalía de Turismo, onde participan medio centenar de personas:
“o obxectivo é que os 50 novos guías realicen a súa actividade en periodos de gran afluencia turística, como a tempada de cruceiros ou durante os periodos de vacaciones".
Ben, imaxinamos o que poden pensar todos os licenciados e diplomados en turismo ou mesmo calquera xoven vigués en paro. Tranquilos que se chegades ós 65 xa vos darán traballo, paga e beca. Digo eu que postos a facer intrusismo que metan ós xubilados a facer de concellais e alcaldes e se os políticos queren votos dos maiores que os leven de paparotas, bailes e esas cousas pero que non vendan estas actividades como iniciativas “integradoras”, “innovadoras” e non sei cantas cousas máis.
Foto:Faro de Vigo
O peor de todo é que o soporte de algunhas destas actividades é o Hidria Segundo: unha vez que se contrata a unha empresa directamente implicada na conservación do patrimonio marítimo de Galicia e que sexa para unha parvada do político de turno xa enche os... miolos.
A vara desta semana para estos políticos que xogan cos cartos públicos e coa sensibilidade dos maiores. Jacobo e Sesé, se tedes oportunidade xa sabedes a quen tedes que botar pola borda. Unha forte aperta.
PERSOEIRO DO MES
Ben, e como estamos nun novo mes, que ademáis ben sendo o derradeiro do ano, toca elexir persoeiro. Nunca pensamos neste blog que unha persoa tan, tan, tan…. como dicilo: tan vanidosa, egocentrista, narcisista e inhumana, fose persoeiro do mes... Mais o xurado do bou de vara tivo en conta as especiais características do mes, unhas datas de perdón, de conmiseración e de acollida, un mes idóneo para facer un xesto de agarimo e un acto de boa vontade.
Así que escollemos a unha persoa descarriada por mor dunha vida pecaminosa, alonxado dos caminos do señor, un errante navegante do pecado; mais tamén, un vello home arrrependido que precisa do amor misericorde dos seus irmáns, primos, amijos e demáis elementos da bichicomada jalleja.
Persoeiro de decembro
SEÑOR BEDOYA
A este pecador o vin por primeiro vez en Rianxo, pola noite, nun bar, cantando, cunha tropa de ferrol-anos, cun viño na man, un puro na outra, cun ollo no barril e outro na taberneira... era o ano do IV Encontro de Embarcacións Tradicionais (1999).
Xa daquela era un deses vellos que contan batallinhas, botando a man a esas barbas ensarilladas de canas de falar e esa media melena pratexada peinada ó vento do norte. Lembro que por aqueles tempos xa lle medraba un trincado na cabeça.
Bedoya devorando en silencio /Foto:Lino Prieto
Depois viñaron anos terribles, onde a súa presencia nas asambleas da Federación non presagiaban nada bo, era o atizador da orden, da disciplina, da rectitude... Educado nas ordas tricolores, destripadoras dos “reinos das españas”, arremetía coa súa pérfida lingoa contra calquera atisbo de alongar unha reunión máis aló das oito da tarde: “non hai dereito, eu marcho tomar uns viños e que vos den...” dicía cravando contra todos os presentes eses ollos saltóns enchidos de vermella carraxe.
Co tempo seica foi ablandando e o temporal que levaba no interior foi amainando, coincidindo esta milagre coa botadura dun barco mal trincado de nome Ría de Ferrol.
Bedoya fregando a cuberta do Ría de Ferrol /Foto: Lino Prieto
Agora xa arrepentido despois de facer horas e horas de penitencia na súa galera, disfruta da xubilación, das palomas do parque e das siestas nos bancos do paseo marítimo... aínda que tamén ten arrebatos do pasado e se lle cola de cando en vez algunha parrocheira e algunha que outra borracheira, pero xa se lle ve mellor persoa.
Bedoya nun gracioso xesto /Foto:Lino Prieto
Bueno, se desta non nos parten a cara, adicaremos todo decembro a esta gran persoa ... polo menos até acabar a ducia de uvas.
domingo, 6 de diciembre de 2009
NAO CÉLTIGA I
En días pasados falabamos neste blog de vellas revistas de mar e, en concreto, dunha editada en Galicia nos anos coarenta:
EDICIONES CÉLTIGA. MAR
Como nesta terra temos de todo, hai xente que gosta dos barcos vellos e outra que gosta dos libros antigos. A maioría da humanidade vai co ritmo das cousas novas (“así como veñen as patacas novas xa ninguén quere as vellas”) mais sempre haberá quen ande a mirar de esgello ó pasado... se cadra por aquilo de que se dese a necesidade de voltar sobre os pasos camiñados... e estes pasos están impresos nos vellos libros.
Imos falar de referentes:
ANO 1921-1923:
CÉLTIGA foi unha editorial creada polas Irmandades da Fala de Ferrol en 1921 co obxectivo de publicar obras galegas en prosa, cubrindo así o baleiro que se observaba respecto á poesía. Fundouna Xaime Quintanilla e contou como colaboradores cos personaxes máis representativos e máis comprometidos do momento coa defensa do galego como lingua de cultura: Risco, Castelao, Vilar Ponte, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Paz Andrade, Eladio Rodríguez, etc.
As primeiras obras publicadas foron Alén, do propio Quintanilla; Trebón, de Cotarelo; Mal de moitos e Trato a cegas, de Euxenio Charlón e Sánchez Hermida.
Xa en 1922 publicou Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, de Castelao; Saudade, de Quintanilla; A i-alma de Mingos, de Herrera Garrido; A Santa Compaña, de Roberto Nóvoa Santos; ou Almas mortas, de Antón Vilar Ponte. Os libros que editaba levaban portadas debuxadas por artistas da talla de Castelao, Camilo Díaz, Imelda Corral ou Álvaro Cebreiro.
A ditadura de Primo de Rivera acabou coa editorial ordenando o seu peche en 1923. Nese momento estaba preparando a publicación de A trabe d'ouro e a trabe d'alquitrán, de Vicente Risco, que finalmente foi editado por Lar, sucesora de Céltiga.
Portada da actual Trabe de Ouro, con Menden Ferrín na dirección e o académico cambadés Francisco Fdez. Rei na secretaría de redacción
ANO 1924-1931:
Con motivo dun traballo de investigación do Centro Ramón Piñeiro para a recuperación de cinco cabeceiras da prensa galega na emigración durante os séculos XIX e XX (presentado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística en marzo do 2009), investígase a revista Céltiga (Buenos Aires, 1924-1932) e defínese como “una das grandes cabeceiras da prensa galega na Arxentina, un peso que colleo por mor da lista de destacados colaboradores, entre eles Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Otero Pedrayo, os irmáns Vilar Ponte, Cabanillas, Isaac Diaz Pardo, Lugrís Freire, Victoriano Taibo o Amado Carballo.
Na súa nómina de ilustradores, contaba tamén con prestixiosos artistas galegos, como Castelao, Sobrino o Maside. Os fundadores de 'Céltiga' foron Domingo Rial e Ramón Peña, e dous dos seus directores foron Suárez Picallo e Blanco Amor.
Nesa época Ediciones Cétiga publica tamén Almanaque Gallego, (Buenos Aires 1926) cunha periodicidade anual: incluía un calendario para o ano seguinte onde se destacan as datas mais relevantes para os galegos emigrados acompañandose de anuncios de comercios, librarías, compañias de navegación, profesionais, etc.
Esta publicación mantense ate o ano 1931 coa publicación dun total de cinco números publicados.
Ben, se nos fixamos nas datas e nos persoeiros que se citan, semella que existe unha vinculación evidente entre a editorial Cétiga e a posterior Revista Cétiga publicada na Arxentina até que a cousa pecha no ano 1931.
Todo esto está perfectamente estudiado e documentado, sobre todo pola Real Academia Galega e mais recentemente polo Centro Ramón Piñeiro. Por contra non atopo referentes entre estas dúas míticas “aventuras” editoriais galegas e a revista de EDICIONES CÉLTIGA do ano 1942 ou a posterior SONATA GALLEGA do ano 1949. Evidentemenre eu non son historiador e de seguro que esto tamén esta de sobras documentado, pero paso a comentar, con atrevemento blogueiro, algunhas cousas sobre a relación entre todas estas publicacións.
ANO 1942:
Publicase a revista: EDICIONES CÉLTIGA. Publicación dedicada al MAR
A portada xa nos dá un dato fundamental: o autor da mesma é Ramón Peña, o mesmo que xunto con Domingo Rial fundou a Revista Céltiga editada na Arxentina anos atrás.
El Triunfo del Mar. Ramón Peña
No interior da revista comprobamos que Ediciones Céltiga ten enderezo en “Peregrina 9. Pontevedra”, a dirección literaria é de Emilio Canda e a visión artística de Ramón Peña. A impresión realízase en Gráficas Torres da cidade do Lérez. En efecto, a provincia de Pontevedra semella agora o seu referente. Así, con este encabezado, se presenta a revista ós lectores:
“Un deseo ferviente de dar a conocer, exaltando sus valores, la riqueza e importancia marítimas de la provincia de Pontevedra, nos ha movido a preparar este número monográfico dedicado al MAR, que Ediciones Céltiga se complece en ofrecer hoy a sus lectores” ..... La Dirección.
No mesmo texto, a dirección xa anticipa que “Un plantel de firmas, algunas ilustres y todas ventajosamente conocidas, desarrollan la profusión de temas que constituyen el sumario de MAR”.
Imos co sumario:
Efectivamente se comparamos as “firmas” literarias e colaboracións da publicación do ano 1942 coa Revista Celtiga publicada con anterioridade na Arxentina atopamos con referentes comúns. Aquí van algunhas destas “firmas”:
"El mar visto por un hombre de tierra adentro"
Por Celso Emilio Ferreiro
"Motivos del Mar"
Por Ramón Cabanillas
"El Mar"
Por W. Fernandez Florez
A pegada do Salnés e de Cambados nesta publicación é evidente. Así, ademáis da participación de Cabanillas, temos:
Colaboración do grobense Juan Novás cun artigo sobre “Las Escuelas Medias de Pesca”.
Colaboración de Antonio Magariños cun interesante artigo sobre a Vida y obra de los pósitos marítimos”, onde se fai mención especial do Pósito de Cambados por ser o primeiro que se crea de todo o Estado Español no ano 1917.
Publicación do cambadés A. Caamaño Bournacell da entrevista realizada a Egidio L. Padín, tamén cambadés, baixo o título “Un astillero en miniatura”.
E moitas referencias comerciais de Cambados e outras localidades da Ría de Arousa nos anuncios comerciais:
Para finalizar esta primeira entrega unhas consideracións:
A data da revista EDICIONES CELTIGA. MAR (1942), reflicte claramente unha publicación de post-guerra e está enormemente influenciada polos gañadores da contenda. Se ben, a relación coas anteriores publicacións de CÉLTIGA son evidentes. Esto pode ser unha contradicción e mesmo a causa de que para un sector do “pensamento político galego actual” non fose interesante manter unha relación entre a Céltiga de antes e despois da Guerra Civil.
É posible que o Réxime tentase “depurar” a publicación e mesmo se “tirase” de vellas amizades para atraer “firmas” coñecidas do pensamento galeguista para “lexitimizar” esta nova andaina de Céltiga.
Todo iso é mais que posible, mais non por iso temos que obviar a existencia destas publicacións que ademáis de formar parte da “Historia”, aportan información interesante sobre a concepción social, política e económica do sector do MAR na Galicia daqueles anos. (Quen sabe, ó mellor alguén dos que saben mira esto e nos aporta luz.).
Esta influencia da situación política da España daquel intre, pode verse reflectido no idioma empregado; así, a revista está publicada integramente en castelán (agas citas ou referencias ó refraneiro galego). Se ben, lembrar que tampouco a Céltiga publicada na Arxentina se escrevía en galego e non digamos nada dos xornais e revistas actuais.
A influencia de postguerra intúese na importancia que se lle da na revista “o emprazamento da nova Escola Naval Militar de Marín” que será inaugurada no ano seguinte (1943). Se ben este acontecemento vai a coincidir cunha nova proxección das Salas Navais do Museo de Pontevedra e un pulo importante no desenvolvemento do Museo Massó creado 10 anos antes. A creación da Escola Naval tamén sería importante na vida dun home ben coñecido, Steffan Morling.
Remato cunhas “estampas” de grandes dibuxantes e ilustradores que colaboran e ilustran a publicación MAR:
Portela
Torres
Ramón Peña
Guisasola (Gravado)
Para dentro dun días a segunda entrega de NAO CÉLTIGA.
Nota: Esta primeira entrega adícolla a Moncho Bouzas, que me “incitou” dalgunha maneira a pasar esta tarde de sábado pechado no meu “camarote”, co ordenador e a treboada de fondo, para falar de vellas historias. ¡Que maneira de chover e ventar!
viernes, 27 de noviembre de 2009
Novas Bou e Vara
Resumo da semana
Do 23 ó 27 de novembro
BOU. A Boa noticia da Semana
Sentolas a machadasos.
Por Lino Prieto
A boa nova desta semana ten que ver co sector extractivo:
ABRIU A VEDA DA CENTOLA.
Facémonos cargo de que é un feito que sucede cada ano, pero nos, en calidade dos animaliños mantidos a pan que somos, consideramos que o centolo é un complemento excelente na nosa dieta.
Este luns as centolas (*Maja brachydactyla*), encheron casi literalmente as lonxas, concretamente a lonxa do Grove casi bota por fora coas riadas de capachos cheos desde crustáceo cecápodo. E xa que estamos na burra contámosvos tamén que no Grove vanse celebrar as VII Xornadas da Centola
Pola nosa parte corroborar que a centola este ano está marabillosa de saúde, de sabor e de enchente. Boa mostra delo é esta fotografía deste martes, no local de ensaio dos "Canheros", na que se escacharon os bichos hasta co cú da mACHAda!
VARA. A mala nova da semana
Toxinas a tutipleni
Por Xaquin L. Cuíñas
A vara esta semana vai para ese novo sistema de analíticas de biotoxinas que a Comisión Europea quere poñer en funcionamento en toda Europa para o sector do mexillón.
O sector do mexillón galego, que non anda nas mellores épocas, desprazouse esta semana ate Madrid para reclamar ante a “Junta Nacional Asesora de Cultivos Marinos (Jacumar), un órgano do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino que “non hai motivo para sustituir o método actual de análise por outro que se pretende impoñer como método de referencia a pesares de que nin sequera se ten validado científicamente".
O máis curioso deste novo sistema é que aplicaríase tan só para os países comunitarios; esto é, que os productores europeos terían que someterse a unhas analíticas máis restrictivas que as dos seus competidores como Chile, Perú ou China. Así podería darse o caso de que estivese paralizada a extracción do mexillón galego por superar o nivel de biotoxinas e ter os supermercados cheos de mexillón de fora cun nivel de toxicidade maior.
Bueno, este sector que tamén ten moito que rañar e que tería que levar moitas varas, nesta ocasión semella ter razón. Así que a vara para esa Comisión Europea que, se quere poñer unha vara de medir, que sexa igual para todos.
E como non hai mal que por ben non veña, agardemos que estas cousas axuden a que o sector se volte xuntar. A ver.
viernes, 20 de noviembre de 2009
Novas Bou e Vara
Resumo da semana:
BOU. A boa noticia
(Por Lino Prieto)
É maís que evidente que nesta semana a boa noticia é a liberación do
Alakrana e os seus tripulantes sanos e salvos, aínda que con unha pegada
imborrable nas súas vidas como o que supón os 47 días de secuestro e
incertidume de mans dos piratas somalís.
Neste caso a historia tivo un desenlace feliz, que nada tivo que ver coa que podería terse liado. Namentras outros siguen a tombos co Willy, a ver se é mayor ou menor de idade, ou se xogaba ás damas ou ao parchís cando estaba na escola… e por outra banda está o de sempre: os réditos políticos, de uns e outros, que son os primeiros que calculan canto valen as vidas dos demais en euros ou en votos, non sei que será peor.
Como dicíamos ao principio, podemos rematar esta semana con unha noticia boa, boa das de verdade.
VARA
A mala nova vai para ese lume devastador que está a estragar o sector productivo vencellado co mar e a pesca.
Nunha tarde de mediados de setembro deste ano, dende Cambados víase unha columna de fume negro pola banda do Barbanza semellante a un tornado lento; era a fábrica de cordelería e aparellos CHICOLINO que ardía sen contemplación.
“A pérda patrimonial é importantísima, non podo calculala", decía un abatido Juan José Fajardo Piñeiro, dono de J.J. Chicolino, despois de que o lume arrasase por completo a súa fábrica de Boiro. O seu fillo engadía: "fóronse ó traste 30 años de traballo e moitas ilusións, agora temos que empezar de cero”.
Os dono da fábrica, a pesar dos pesares, queren retomar a actividade canto antes, se ben son conscientes de que sen o apoio da Administración vai ser difícil.
Chicolino desfeito. Foto: Faro de Vigo
Pois cando estamos aínda co cheiro do aparello chamuscado, esta semana prendeu lume a fábrica de Pinturas PROA no polígono de A Granxa no Porriño, un referente en productos de mantemento dos barcos: imprimacións, pinturas, aceites, barnices, patentes... Así daban a nova na prensa: “Unha pequena deflagración na zona de envasado e materias primas da fábrica, provocou un incendio que nuns momentos afloraba pola cubierta do edificio con grandes chamas e unha mesta fumareda negra que amenazaba pola súa toxicidade”. (EL Pais)
Pinturas proa en chamas. Foto: El País
A vara vai esta semana para o “lume”, ese vello inimigo que nos arrasa os montes e agora as fábricas. Xa o sector do mar vai como vai e inda por riba este lume devorador. Todos contra o lume.
Boa fin de semana e coidado de non vos queimar moito
viernes, 13 de noviembre de 2009
Nova sección: Bou e Vara
Consiste na vella formula periodística de resumir a semana en dúas novas, unha boa e outra mala. Neste caso, claro está, as novas terán que ver coas cousas dos barcos vellos, as embarcacións feitas a machada, as que van a pan de millo, ós animaliños da Ría (incluídos ós mantidos a pan), coas crebas e o janapán, co bocho, coas maruxías, marejadas e marejadillas, cos cantos das sereas e as tablas de pardaquilla.
Resumo da semana
BOU
(Por Lino Prieto)
Na estrea desta nova sección do Boudevara queremos destacar a boa nova que nos anunciaron desde Portos de Galicia os pasados días. Para os que non esteades ao día, estamos a falar do anuncio feito polo ente público que algún xornal recolleu como "Portos apuesta por reducir las tasas a las embarcaciones tradicionales en los muelles"
Segundo isto, as taxas aplicadas ás embarcacións tradicionais serán obxecto de deducións de até un 90% nos 122 portos galegos dependentes do ente, o que se convertiría nunha realidade a partir de xaneiro.
Está é sen dúbida a nova do mes, a do semestre e incluso á do ano, xa que chegado ese día as embarcacións tradicionais darían o seu primeiro paso cara a teren unha condición especial recoñecida (a nivel oficial) e institucionalizada; o que podería derivar en facilidades para as asociacións e particulares que empregan e reivindican o uso, fomento e dignificación dos nosos barcos.
Agardamos impacientes a xaneiro para poder volver a falar deste tema nesta mesma sección...
VARA
A mala nova da semana é sen dúbida a non resolución do secuestro dos mariñeiros do Alakrana. Solidaridade cos mariñeiros e as súas familias.
A vara nesta ocasión vai para o negocio da piratería, onde como supoñíamos, andan polo medio empresarios, politicos corruptos, autoridade locais e gubernamentais, mafiosos e tamén, de xeito indirecto, “inxenuas” ONGs, e “atolondrados” gobernos europeos que por falla de control na asignación de recursos ó desenvolvemento de paises do “4º mundo”, acadan un efecto perverso de estimulación da piratería.
Todo esto maniféstase no informe “A piratería no golfo de Adén”, realizado polo Instituto Noruego para a Investigación Urbana e Rexional (NIBR), por encargo do seu Ministerio de Defensa e que se publicaba onte no periódico "El Mundo.es".
Esto non é nada novo, detrás da piratería normalmente se esconderon moitos intereses políticos e económicos que nacen nas altas esferas. Para eso se inventou a figura do corso, onde a diferencia co pirata radica en “si te rin” os de arriba ou te "colgan" dunha soga, según veña o vento.
O ano pasada nestas memas datas de aniversario do afundimento do Prestige (6 anos), xa falábamos neste blog destes temas lembrando a figura do Capitán Kid, un home que se veu envolto nun conflicto de intereses que lle ocasionaron a morte, o escarnio público e o sambenito de pirata para a eternidade (el tamén tiña muller e filla). Con tal motivo aconsellábamos o libro “El Cazador de Piratas” de Richard Zacks, onde se narra como “as oscuras ambicións de monarquía inglesa, os gordos usureiros e os especuladores sen escrúpulos acabaron con el, e o condenaron como chivo espiatorio para tapar as miserables mentes dos que o condenaron”, vos sona?
Para rematar, lembrar que JOÂO é o persoeiro do mes de novembro, así que podedes mandar algunha foto, anecdota ou o que queirades que teña relación a:
linoprieto@gmail.com
xaquin@beiradomar.es
Animádevos e boa fin de semana
viernes, 6 de noviembre de 2009
PERSOEIRO DE NOVEMBRO
Esta primeira semana de novembro comeza coa xa vella anguria polos mariñeiros secuestrados do Alakrana. Hoxe mesmo están previstas distintas accións de resposta e presión no País Vasco e aquí en Galicia, que veñen despois de escoitar, onte mesmo, as palabras da muller dun dos mariñeiros reflectindo unha situación crítica. Lonxe de querer facer aquí de conselleiro negociador internacional, simplemente agardar que a situación se solucione ben e o máis rápidamente posible.
Hoxe por outra banda é o primeiro venres do mes e polo tanto toca adicarllo a un “persoeiro”. Este mes tiñamos varios candidatos, todos eles o tiñan merecido con folgura, máis o xurado deste blog, que como sabedes está composto por Bou (o bó) e por Vara (o malo) determinou que a cosa tivese alcance internacional e de grande altura, tal e como o determinan as circunstacias nas que nos toca viver. Unha persoa das de sempre, das que están aí, das que se sinte que o sinten ainda que non se vexan, un soñador chantado na area da ribeira, cos pes mollados polas ondas da memoria e o ollar do infindo ourizonte de acuática lusitanía.
Persoeiro do mes de novembro:
JOÂO
Veste de roxo, em tristura a Senhora da Agonía:
mas o seu manto -azulado- tem bordo salpicado de auforia pelo oiro que o sol resume...
María Emilia Sena de Vasconcelos
A Nosa Señora da Agonía en San Tomé.Cambados 2005
Foto: Lino Prieto
Xa non lembro cando nos coñecemos, teño a impresión que é dende ai moito tempo, polo menos dende aquelas reunións na antiga Casa da Cultura de Cambados. Si lembro verte chegar coa “Nossa Señora da Agonía” a unha xuntanza en Portonovo alá polo ano ...., 2000 pode
ser?.
Eu daquela era un recén chegado e ti xa acarrexabas barcos, exposicións e xente dende había moito tempo. A presencia de Portugal xa viña dende os inicios da Federación: a catraia, a lancha poveira, o carocho, o moliçeiro, os sarilhos..... e encontros aquí e acolá, Viana, Lanhelas, Vila do Conde, Esposende...
Despois xa viñeron reunións, ceas e viño tinto. Aquelas xuntanzas da directiva sendo ti vicepresidente da FGCMF na de Canducho (Combarro) ou na de Rosiña (Portonovo). Eran os tempos nos que as asembleas da Federación tiñan dous actos, o primeiro "formal" e o segundo "informal", o da visita ó loureiro, o da cea en xuntanza. Non se podía entender unha acta de asemblea sen incorporar as sensacións e manifestacións dos dous actos ou témpores.
Traballamos intensamente para o Pabillón dos Museos no Encontro da Illa 2001, onde Portugal foi convidado de honra. ¡Cantas horas de coche no Ford Verbena de Trepa de aquí para alá!.
Xa teimabas daquela co tema fluvial que finalmente se aceptou, e tamén pola incorporación do termo “meio acuático” como xeito de agrandar o noso acuoso cerebelo. Agora, en sintonía coa nova folosofía europea en materia de pesca, empregas moi comunmente o argumento da “cultura costeira”, insertando a cultura do mar máis alá da ribeira, levándoa polo menos ate onde chega a comunidade costeira e o espumallo da treboada.
Botadura da "Santa María dos Anjos"
proxecto do Forum Esposendense e do Museo Municipal de Esposende
Réplica da catraia, embarcación de pesca do século XIX, propia do porto de Esposende.
Esposende. Agosto de 1993
Foto: Ivone Baptista de Magalhâes
Lancha xeiteira "Nova Marina", no río Cávado
I Encontro de Embarcaçoes Tradicionais, 1995
.
A "Nova Marina" é unha réplica de lancha do xeito a partir de orixinal atopado en Caldebarcos e recuperada na Escola Taller "A Aixola" de Marín, con dirección de proxecto de Isidro Mariño e subvención por parte da Consellería de Pesca. Na actualidade cedida pola Xunta de Galicia á Escola de Navegación Tradicional da Illa de Arousa (ACD Dorna e FGCMF).
Foto: Ivone Baptista de Magalhaes.
Froito desta relación coñecemos a moitas persoas da outra beira do Río (como acostumas a dicer), dende a inmensidade do Sr. Lópes até o sunnani Ivone, autora entre outras moitas cousas do libro "Embarcaçoes Tradicionais: en busca de um património esquecido" e tamén irmán de Joao.
Bueno, tantas cousas, tantas lembranças, tantas receitas para o bacallao (¡máis de mil pá!), ... máis temos todo o mes para ir poñendo cousas porque este més de novembro vai adicado a tí.
Apertas e saudades mariñeiras
Gente de Viana, nas horas vagas do día, toma, em paz, o teu café, consersa disto e daquilo... boceja, até.
Mas desce, despois a pé, a ver o Lima tranquilo.
E como ele se arrepía, cada tarde junto á margem, em nacarado arrepío...
Gente de Viana:
olha o teu rio!
Maria Emilia Sena de Vasconcelos
(do poemario "Minha terra mais pequena")
Foto: Lino Prieto