O Boliche
Ven o sol tralo calón asomando polo costado mentres os primeiros fachos de luz penéiranse pola malla dos abrigos que emerxen do mar.
Vai subindo a sorte no cope ao ritmo fungón dos cabos asubiando polos molinetes ao tempo que un suspiro percorre a cuberta co ollar mariñeiro pousado na coroa, onde o bater da pesca redobra con queixa coma estalos de luz que espertan o día.
Exidio Cuíñas. outubro 2017
Unha xornada a bordo do Novo Vendaval
Os bolicheiros: unha especie en extinción
Carlos Montes, patrón/armador do Novo Vendaval. |
"O mar non é o que era..., a ría tampouco", afirma Carlos Montes cun amago de sorriso debuxado nun rostro acostumado a incerteza do oficio mariñeiro.
Leva no mar dende os catorce anos, agora rolda os corenta, e dende fai tres lustros traballa ao boliche e outras artes menores co seu propio barco, O Novo Vendaval, o último bolicheiro do porto de Sanxenxo.
Lembra cando empezou, daquela estreouse cun lance de 70 quilos de lura, algo que agora tan só resoa nos ecos dunha memoria que se perde nas ondas dun mar que semella secar, coma os regatos e as fontes neste verán que non nos deixa neste final de outubro extremadamente quente e enxoito.
crónica:
Este pasado venres 27 de outubro, tiven o pracer de embarcar no Novo Vendaval para compartir unha xornada de pesca ao boliche, unha arte de pesca artesanal de arrastre que no porto de Sanxenxo tan só emprega Carlos Montes, o último bolicheiro dunha vila na que apenas quedan vestixios do seu orixe e pasado mariñeiros. Antes de embarcar o patrón advirteme que as capturas durante toda a campaña foron dunha escaseza alarmante e como consolo, comenta que a partir do mes de outubro cambia de arte para armar os miños, cos que agarda ter un pouco máis de sorte de cara a campaña de Nadal.
A xornada
venres 27 de outubro
7:00 h. Aínda é noite cando o patrón prende o motor do Novo Vendaval. O son do acendido da inicio a unha xornada de pesca que se prolongará durante unhas sete horas. Mentres quece a máquina, agardamos por Jacobo, o mariñeiro de abordo que non tarda en chegar.
Logo dos saúdos mañanceiros, comeza o traballo: comprobar as luces, prender os aparellos de navegación, soltar amarras, quitar defensas..., en fin, unhas tarefas que se realizan coa rutina silandeira do cotián.
Mentres saímos do amarre rumbo á bocana do porto, sorprende a paisaxe que nos rodea: veleiros, iates, pantaláns flotantes e unha ringleira sen fin de luces de neon que alumean as tendas situadas nos baixos do Náutico de Sanxenxo. Por contra, apenas algunha planeadora con rastro e outras con nasas, testemuñan unha actividade pesqueira que segundo o patrón, "está a piques de desaparecer totalmente en Sanxenxo".
8:00 h. Coa primeira luz do día, imos probar sorte pegadiños á praia de Silgar, moi preto da "Madama de Silgar", unha fermosa escultura do artista local Alfonso Vilar, que a pesar do estrondo que fai o rizón ao petar contra a superficie do mar, permanece indiferente ao largado do aparello.
Largando rizón para fixar a boia do aparello fronte á praia de Silgar. Sanxenxo 2017. |
Agora que remata a temporada do boliche, se fan cinco quilos de lura en cada xornada xa se dan por satisfeitos.
Esquema dun boliche. Debuxo: Mon Daporta. |
O primeiro lance é malo, tan só un par de raias diminutas que son devoltas ao mar decontado. Nin sequera repetimos redada e o patrón recolle a boia para probar sorte por Caneliñas, a pequena praia situada pola banda oeste do peirao de Portonovo.
Rumbo a praia de Caneliñas co sol saído por popa |
9:00 h. Praia de Caneliñas. Portonovo.
Sen apenas falar, repítese a manobra de largado do aparello. En poucos minutos o boliche está no mar bordeando as pedras que debuxan a costa. Tardaremos un pouco máis en recoller o aparello coa axuda dos molinetes.
É tempo de fala mentres non emerxe o calón. Jacobo é aínda un mariñeiro novo, non chega aos trinta anos e vai para seis anos que leva embarcado con Carlos. Anda contento co oficio se ben, confesa que lle gustaría que houbera máis pesca e por tanto máis ingresos cos que manter a súa familia, unha muller e un neno de apenas un ano que dependen do que o mar lles dea.
Malia as queixas pola escaseza das capturas, Jacobo amosa o seu gusto pola vida do mariñeiro, o contacto co mar e a natureza. Goza do mar e sobre todo da pesca submarina, unha afección que combina coa profesión de mariñeiro.
Jacobo García. Mariñeiro do Novo Vendaval. Caneliñas. Portonovo 2017. |
secuencia largado do aparello:
saída do calón e abrigos
paso do aparelo pola gaia:
saída do cope pola popa:
Unha vez que todo o boliche está no mar, o patrón retorna á boia para pecgar o cerco e empezar a cobrar cabo para recuperar o aparello:
traendo o aparello a bordo:
polo molinete de proa
dende a popa:
paseniño o aparello vai vindo:
As primeiras luras aparecen no medio de algas, cunhas e algún que outro choco mesturado con diminutos polbos que non tardan nin dez segundos en coarse polos embornais para regresar ao mar.
10:00 h. O último lance alimenta a expectativa e o sorriso a bordo. Semella que hoxe pode entrar algo de lura. Sen máis demora prepárase o boliche para unha nova largada se ben, pola altura da marea, o patrón decide probar un pouco máis dentro da ría, preto da bocana do peirao de Portonovo.
Mentres sube o aparello, Carlos reflexiona en voz alta
sobre o futuro do oficio. Resulta evidente que a pesca artesanal depende da
produtividade da ría e cada ano, os mariñeiros constatan un menor número de
capturas. Porqué? Carlos apunta a distintas causas, algunhas de carácter
xenérico como a evidencia do cambio climático que afecta as especies locais,
pero tamén a outras máis concretas e inmediatas.
Sobre todo á contaminación e a presión urbanística
consecuencia da implantación dun modelo produtivo que favorece o sector do
turismo por riba de todo, que aínda que é evidente que aporta ingresos, a súa
falla de control e regulamento trae consigo unha desfeita de difícil
reparación: recheos costeiros para os paseos marítimo e os portos deportivos,
sobre explotación dos recursos hídricos, presión urbana sobre a paisaxe,
construción desmesurada..., en definitiva, moitos inimigos para un ecosistema
das rías tan rico como fráxil.
O laio do patrón semella chegar até o corazón das mandas
de lura porque nos seguintes lances, asistimos a unha pesca xeitosa onde as
pezas van subindo a bordo nunha cantidade totalmente anómala para o que viña
sendo cotián nesta campaña.
12:00 h. Logo de media ducia de
largadas e media xornada de traballo, o patrón decide ir cambiando de sitio
para comprobar se no resto de postas onde habitualmente largan o boliche tamén
dan algo de lura como até o de agora. Pregunto a onde nos diriximos agora e
contéstanme que imos ás "Malvinas", un lugar máis no interior da ría
ao que chaman así porque é onde largan a maior fondura.
Aquí nas "Malvinas" seguimos cobrando luras con lances de medio quilo cada un até ir acadando unha pesca bonita que se completa cun par de ducias de sanmartiños.
13:30 h. O sol vai subindo e a fatiga tamén. Polo menos hoxe a xornada foi boa en comparación cos outros días e iso reflíctese na faciana dos mariñeiros. É venres e hai gañas de ir a terra así que o patrón dame a opción de elixir onde facer unha última largada antes de regresar.
Ollando a expresión canseira de Jacobo, opto por suxerir tirar para Silgar, "así imos indo para terra e de paso despídome da Madama de Silgar". Penso internamente que así, volvendo a largar onde empezamos o día, completamos o cerco da xornada.
Mentres nos aproximamos a praia de Sanxenxo, Jacobo fálame da súa afección pola pesca submarina. Precisamente o mes anterior desprazouse até a localidade de Mali Losing (Croacia) xunto coa selección nacional de mergullo para participar no XXXI Campionato Euroafricano CMAS de Pesca Submarina onde acadaron o ouro por oitava vez consecutiva. "Iso non sae nos xornais", comento mentres sae a colación a lideira balonpédica que enche a pluma e a bolsa dos nosos xornalistas.
Jacobo García. Membro do equipo nacional de pesca submarina. Ouro en Mali Losing. (Croacia), setembro 2017. |
Semella que hoxe a Madama trae sorte e nestes
últimos lances pasando o aparello ao seu carón veñen cuns bos lotes de lura de
tamaño mediano, a que máis cotiza no mercado; e logo dun par de largadas máis,
o patrón decide dar po finalizada a semana: "Hoxe, con diferenza, foi a
mellor xornada de toda a campaña do boliche", di con xesto de non tentar á
sorte.
14:30 h. Imos indo para terra sen
deixar de traballar a bordo. Vaise escollendo e clasificando a pesca, metendo
as caixas na neveira de proa, baldeando a cuberta, recollendo o aparello,
colocando defensas..., "en fin, a rutina diaria do mariñeiro",
comenta o patrón cun xesto de satisfacción logo de acadar a mellor xornada de
pesca de todo o verán. "Hoxe inda gañamos catro pesos..., neste oficio
éche o que hai", sentencia poñendo rumbo a porto.
15:00
h. Entramos pola bocana do porto contrastando os rostros
cansados da tripulación coa preguiza e monotonía dos iates presos nos pantaláns
deportivos mexéndose ao paso do Novo Vendaval. Tan só resta por amarrar o
barco, mudar a roupa e levar a pesca a terra.
Remate:
Fin dunha xornada de pesca ao
boliche no Novo Vendaval que testemuña a resistencia dun oficio en vías de
extinción. Dificilmente poderemos soster unha cultura marítima san se o mar
está enfermo. Compre coidalo e defender unha pesca sostible que garanta o
futuro das nosas rías. Temos que entender que existen outro tipo de actividades
relacionadas co mar que poden ser compatibles coa pesca, pero non se deberían
implantar como actuacións económicas substitutivas, sobre todo se o
desenvolvemento das mesmas ocasiona un deterioro irreversible do litoral, cousa
que ven acontecendo nos últimos anos cunha presión urbanística e empresarial cara
o mar que arrasa con zonas de cría e desove e mesmo interfire nas correntes
mariñas que regulan os depósitos de area (praias) completamente necesarias para
multitude de especies que compoñen a cadea alimentaria, deteriorando e
empobrecendo no seu conxunto un ecosistema único como o das rías
galegas.
Non me queda máis que agradecer a Carlos (patrón) e a Jacobo (mariñeiro), que me permitiran embarcar con eles para compartir unha xornada de pesca no Novo Vendaval, o último bolicheiro de Sanxenxo.
Despido esta entrada co devezo de que nos nosos portos sigamos a ver embarcacións pesqueiras de madeira construídas polos nosos carpinteiros de ribeira e unhas rías sans, rodeadas de vilas e actividades que respectan o mar, o litoral e as tradicións mariñeiras.
dedicado aos mariñeiros da pesca artesanal.
Exidio Cuíñas.
outubro de 2017