Translate

martes, 26 de julio de 2011

Isidro Mariño, entrevista.

Isidro Mariño, o noso Isidro, é a día de hoxe o patrón e armador do Chasula, un cerqueiro con máis de medio século de vida que foi recuperado para convertilo nunha aula didáctica do mar, barco para charter, saídas de pesca deportiva e incluso facer de escenario e pasarela das últimas tendencias de moda galega. Pero antes de chegar a este punto Isidro fixo moitas outras cousas, a súa trayectoria vital estivo sempre vencellada ao mar, dun xeito ou de outro o salitre foi un dos compoñentes básicos, xunto coa pipa e as sandalias, da fórmulación deste “elemento”.

A principios dos anos 90 o proxecto que ocupaba a Isidro era a Escola Obradoiro A Aixola, en Marín, el era o director da mesma nunha das épocas de máis productividade e actividade deste centro de formación dependente da Conselleria do Mar. Foi nesta Escola onde se ideou o proxecto de recuperación da tipoloxía extinguida da Lancha do Xeito (ou de relinga). Hoxe conversamos con Isidro para coñecer de primeirísima man como se xestou a idea e como se chegou ata a navegación da Nova Marina.


Boudevara: Cal foi a orixe da recuperación da Lancha do Xeito?

Isidro Mariño: Dentro do proxecto formativo da Escola Obradoiro A Aixola figuraba a construcción de unha lancha do xeito, naquel momento no que nos basamos foi nun estudio previo que realizara Staffan Mörling e no que figuraban unhas fotografías, unha caixa de cuadernas e os dibuxos de un plano de unha lancha. Así pois puxémonos en marcha elaborando o medio casco para facer o trazado e o escantillonado da lancha, pero resultou que o medio casco elaborado cos datos cos que contabamos non levaba ás formas da embarcación, xa que había algún fallo na caixa de cuadernas.


BdV: Esto obrigaría a facer un cambio no plantexamento do traballo?

IM: Pois si, foi neste momento cando decidimos facer un grupo de traballo de investigación para documentarnos e si era posible facernos con algún pecio ou resto físico de algunha xeiteira. Para deseñar a metodoloxía e os cuestionarios para o traballo de campo contratamos os servizos de Mörling. Cando tiñamos xa claro a concreción das preguntas e o método a seguir comezou o traballo de campo, o precorrer a costa empezando por Fisterra, e foi gracias á implicación de dous dos alumnos a Escola: Juan Manuel Tasende “XAN”, e Antonio Barcala “CARSON”, que collían o coche nas fins de semana e dias libres e se desplazaban ata a Costa da Morte en busca de datos e informantes.

Carson (máis coñecido como "oiches Carson") e Xan

BdV: E foron Xan e Carson os que atoparon o pecio da Marina?

IM: Pois si, foron eles dous, como quedou dito, empezaron desde Fisterra cara o sur, costeando e buscando información, viñeron baixando por Ézaro onde atoparon aos Chagangos, uns carpinteiros de ribeira da zona (que de feito construiron o Chasula) que lles dixeron que eles nunca construiran lanchas do xeito i encamiñaron a Xan e Carson cara a Caldebarcos.

Aqui foi donde contactaron con Francisco de Lado, un carpinterio de ribeira que lles contou que uns anos atrás habia unha lancha do xeito nas lagoas de Caldebarcos que fora modificada por el, e tiña a sospeita de que seguiría alí o pecio enterrado na lama.


Isidro e Francisco de Lado 20 anos despois de coñecerse

BdV: Así que Francisco os levou ata onde se atopaba a Marina

IM: Alí foron os tres e chegaron ao lugar, unha lameira da que surdía o característico pinchón de proa, e chegaron o luns á Escola dicindo que atoparan restos de unha lancha. O martes estabamos aquí co enxeñeiro facendo unhas catas para averiguar como se podería atopar o pecio do casco. Esta foi unha gran noticia e decidimos poñer o equipo mans á obra.


BdV: Ademais dos alumnos da escola, quenes formabades ese equipo?

IM: Daquela estabamos Paco Paxaro, Pepe Garrido, o exeñeiro, Chesqui i eu. E xunto co alumnado comezamos o traballo da excavación, para ver como se atopaba o pecio.


BdV: E con que vos atopáchedes?

IM: A medida que iamos excavando iamonos dando conta de que os restos da embarcación estaban moito mellor que do que cabía esperar. Rematamos o desenterramento e atopámonos con unha nova dificultade que era o seu traslado ata Marín, xa que a lancha chegou ata alí por mar, pero nos tiñamos que sacala con todo o coidado polas corredoiras e levala a case 200 km de distancia sen dañar o pecio, e isto foi unha tarea verdadeiramente ardua.

O pecio que atopamos está no museo Massó de Bueu, tal e como foi rescatado, é dicir, coas pezas estructurais e os bances que conservaba. Vinte anos despois da nosa actuación o pecio sigue sin ser tratado pero se atopa igual que o día no que se desenterrou.


BdV: A partir dese momento empezouse a construcción da réplica?

IM: Cancho chegamos con ela a Marín fixemos o pique e o carro para que non se desmebrara o pecio, levantouse caixa de cuadernas, fixéronse os planos a partir da Marina orixinal e a unha distancia de un par de metros comezamos coa posta de quilla da reproducción da Marina: a Nova Marina.

Para a construcción da réplica tivemos moito en conta o proceso tradicional, buscando as polas de carballo mais axeitadas á fasquia das cuadernas, respetando as épocas de aserrado e secado da madeira, e todo isto sen deixar de primar a formación dos alumnos.


BdV: Cantas persoas estiveron implicadas neste proceso?

IM: A Escola chegou a estar operativa as 24 horas do día, o nivel de implicación e o desexo por ver no mar a Nova Marina induciu a que todos nos volcáramos co proxecto, pódese decir que o total dos 60 alumnos da Escola participaron del, xa que se trataba dun proxecto integral que comprendia o estudio, recuperación, aparellamento e navegación, e así se levou a cabo.


BdV: É de supoñer que a botadura fora unha festa?

IM: Efectivamente, traballamos moito e a moi bo ritmo para que a Nova Marina puidera asistir á Festa Marítima Internacional de Brest 92, o que finalmente non puido ser por uns poucos meses. A súa presentación en sociedade doi no Encontro de Ribeira en 1993, no que participarmos todos aqueles que estiveramos implicados en facer deste proxecto unha realidade.


BdV: A Nova Marina xa estaba a flote, e agora que?

IM: A Escola detivo a súa actividade pouco despois e como a embarcación foi feita a cargo da, por aquel entonces, Consellería de Pesca a Nova Marina xunto con algun dos outros barcos que alí se construiran quedou amarrada en Estribela. Unha familia desta parroquia, os Carrachos, mantíñame informado de como se atopaba a lancha, que sufriu varios naufraxios no seu propio amarre. Tempo despois foi para O Grove, xa que os Asociación de Amigos da Dorna Meca, (entre os que está Isidro) se fixo cargo do seu coidado durante varios anos. E na súa época final foi cedida pola Consellería á Escola de Navegación Tradicional da ACD Dorna da Illa de Arousa.


A Nova Marina amarrada no Grove (1998)

BdV: Estamos mantendo esta conversa no marco da celebración do XX aniversario da recuperación do pecio da Marina, moi preto da Fonte das Mentiras, en Caldebarcos. Que sintes nesta celebración?

IM: A min me emociona e me parece un recoñecemento á cultura existente aquí en Caldebarcos, tanto aos constructores navais como ao que nos tranmitiren no seu día. É certo que a andaina de recuperación comezou hai anos e tanto desde O Grove como da Illa de Arousa ou na Guarda había indicios deste movemento, esta lembranza me parece moi emocionante.

Ante o xeito e a importancia que tivo e a importancia que tiveron estas lanchas ao longo de todo o litoral galego, pois me parece este un punto clave, estamos falando de unha comunidade bastante grande que cando non había sardiña, había fame, e que durante moitos anos a súa sustentabilidade estaba no xeito e na sardiña; entón o de transmitilo a todo o mundo é o mínimo que se debe facer.

jueves, 21 de julio de 2011

XX anos da recuperación da Marina


Chegamos a Caldebarcos pouco despois das 6 da tarde deste xoves 21 de xullo, concretamente ao lugar da Fontevella, o pequeno mirador da placiña ofrecia unha marabillosa vista da ría e das praias; nesa mesma placiña atopábase instalada a exposición MAR AO XEITO, unha montaxe dedicada ás emblemáticas embarcacións que se adicaron a esta arte de pesca, por antonomasia: a lancha xeiteira. Esta monografía recolle descricións sobre a arte do xeito, o oficio, as lanchas... e tamén sobre os traballos que derivaren nunha realidade tanxible como é a Nova Marina.

Pero a visita a Caldebarcos tiña un obxecto máis que o de disfrutar do espectacular entorno único que ofrece esta banda do mar, non quixemos perder a oportunidade de participar no acto de conmemoración do XX aniversario da recuperación do pecio da última lancha xeiteira, a Marina, que alá polo 1991 foi desenterrada de unha lameira próxima á laguna de Caldebarcos, e que ao abeiro de un proxecto ideado e capitaneado por Isidro Mariño, o noso Isidro (do que falaremos próximamente en outro post), derivou na construcción de unha réplica xemelga na Escola Obradoiro a Aixola de Marín.

Este evento estivo organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a Asociación Cultural Xurde de Caldebarcos e o Museo do Mar de Galicia. Non tardamos moito en coñecer aos encargados de presentar o acto; Lela da Fontevella e o seu fillo seminarista (estudiante especializado) que como veciños da zona e coñecedores do mundo do xeito foren os encargados de conducir esta celebración.

Lela da Fontevella e o seu fillo seminarista

Numeroso público se deu cita nesta conmemoración da recuperación da última lancha do xeito, que en verbas do seminarista: "fixo que Caldebarcos escribira unha importante páxina na historia da cultura mariñeira de Galicia". Non faltou a música neste evento que se abría coa intervención do alcalde de Carnota, Ramón Noceda; o director do Museo do Mar, Pablo Carrera; e de Luís Rei, que realizou unha breve presentación do último número da Ardentía que saiu do prelo para o Encontro de Carril, e que tamén fixo un percorrido sobre a presencia da lancha do xeito nas publicacións e na historia da recuperación da nosa historia marítima.

O alcalde de Carnota

Pablo Carrera

Luís Rei, carghadiño de libros

Lela da Fontevella reclamoulle un pufo de un camión de sardiñas a varios dos intervintes


Un dos puntos de inflexíon do programa da xornada foi a do homenaxe a Francisco de Lado, o carpinteiro de ribeira que se ocupara no seu dia dos traballos na Marina, que foi peza clave para o achádego do pecio, e importantísima fonte de información para os traballos posteriores para a elaboración da réplica, a nova Marina. Francisco recibiu emocionado o sinceiro aplauso e homenaxe das entidades organizadoras e das perosas que ata alí nos achegamos, e recibiu de mans de Victor Fernández, presidente da FGCMF, un pergamino conmemorativo.

Francisco de Lado con Victor Fernández

A continuación do recoñecemento a Lado, como alí se lle coñece, subiron ao escenario os poetas Chisco Fernández Naval, Alexandre Nerium, Miro Villar, Carlos Arias e Anxo Angueira, que leron poemas do libro "Tamén Navegar", que é un compilación poética de versos relacionados co mar en galego desde o S XII ata a actualidade, sendo presentado no X Encontro, hai uns días en Carril. Angueira deu lectura en rigorosa exclusiva a un poema que escribiu poucos minutos antes de comezar o evento, inspirado pola paisaxe e a historia que destila. Tamén Maria de Lado interpretou unha peza a voz e pandeireta, da súa propia autoría.

Despois das intervencións os asistentes dirixímonos á ribeira, dándo un paseo entre os pequenos galpóns (o que no grove chamamos loxes) que se atopan salpicados por toda a praia e que sirven como naves auxiliares da laboura dos mariñeiros, todo un exemplo que se conserva da arquitectura popular mariñeira. Detivemos os noso paso ao chegar ao entorno da Fonte das Mentiras, onde se atopa un pequeno fondeadeiro, dos de toda a vida, sen recheos nin formigóns.
Na última liña de fondeos atopàbase a lancha xeiteira Canle, recén arribada de Muros tripulada por membros da Asociación Canle e da ACD Dorna.

Alí xa habia ambiente, cheiraba ao fume e ás sardiñas areadas na parrilla, ao fondo atopábase o seminarista (estudiante especializado) acompañando á familia do Sr. Marino (Cambeiro), algúns dos seus netos e a maior parte dos fillos do que fora o patrón e armador da Marina, xa finado pero presente na memoria dos que o coñeceron e o trataron, un home que se puxo a disposición de todos os que interviron no proxecto de recuperación da lancha xeiteira. Entre os familiares estaba Marina, filla do armador, e que comparte nome coa embarcación orixinal e que hai 19 anos foi a madriña na botadura da Nova Marina.

Marina, terceira pola dereita, tamén foi a madriña nesta ocasión, xa que foi ela quen descobriu a placa conmemorativa que deixará proba indeleble deste XX aniversario da recuperación do pecio da Marina nun dos cons desta ribeira.


De aquí en diante tocou dar conta de unhas sardiñas asadas, que mollaban o pan (de millo e de trigo) acompañadas de uns chiquitos de viño (blanco e tinto). A paparota estivo amenizada pola Charanga O Vendaval, de Fisterra, unha charanga das de toda a vida que lle deron candela ao seu repertorio mentras os demais papabamos o contido das caixas de sardiñas (para comer hai xente).

Si os queredes contratar


Sacamos varias conclusións desta celebración, o recoñecemento a aquelas persoas que souberon entender o proxecto de recuperación da lancha do xeito e facelo seu; a oportunidade de coñecer e disfrutar do entorno de Carnota, Caldebarcos e a Fontevella; e a importancia das ideas, neste caso a idea de recuperar unha embarcación desaparecida despois de ter unha importancia capital en determinadas comunidades como foi esta, pero tamén o nivel de implicación das persoas que se volcaron para convertilo nunha realidade, pero tal e como quedou dito, deso falaremos máis adiante.

A placa conmemorativa

sábado, 9 de julio de 2011

CARRIL cheira a mar





"Esta villa del Carril se començó a fundar habrá poco más de cien años. Fundáronla algunos vezinos del Padrón que venían a pescar junto dó está fundada".
Jerónimo del Hoyo. 1607



ALGO DE HISTORIA

O comentario do Jerónimo ven a poñer de manifesto a conexión fluvial desta vila con Santiago de Compostela, se ben, o seu porto xa estaba habilitado dende moito antes, en concreto dende a súa creación en 1512.

Mais sería a mediados do século XVIII cando Carril chegaría a ser uno dos máis importantes portos de Galicia, onde se ubicaban as principales casas de comercio e as súas filiais da época.



Nesta época é cando Carril coñece a súa època dourada como "porto natural de Santiago", e froito da puxanza da burguesía compostelana, en 1801 establecese en Carril unha Aduana de segunda clase. Nestes anos contabilízanse na vila varias fábricas de salazón da sardina, curtidos e outras de fundición, e arribaban con frecuencia importantes cargamentos de liño e cáñamo procedentes de Rusia, e de coiro remitidos dende América, vía Andalucía e Portugal.


Os primeros 30 años do século XIX foron años de recesión, que no empezarían a superarse até a década de 1840, cando varias casas de comercio de Santiago se asocian, iniciando así unha nova fase de intercambios mercantís con América do Sur e cos portos máis importantes de Inglaterra, Francia, Bélxica e Portugal.

Carril tiña por entón 2.165 habitantes que se albergaban en 250 casas repartidas entre a Vila e os barrios de Fábreica, Sardiñeira e a Illa de Cortegada, contaba ademáis con Aduana e unha multitude de almacéns onde se depositan os xéneros de comercio.




A pesares destes síntomas de recuperación, nas décadas seguientes Carril entraría nunha época de decadencia, xustificada en esencia, pola progresiva sustitución da vela por embarcacións de vapor, co conseguiente aumento da tonelaxe dos barcos que en definitiva deixaron insuficientes as súas instalaciones portuarias, situadas en plena desembocadura do río Ulla e constreñidas pola illa de Cortegada. Foi entón cando os comerciantes composteláns comezaron a ver con mellores ollos outros portos do litoral galaico como A Coruña, Ferrol, Vigo, ou a mesma Vilagarcía.


E aínda que a construcción, entre 1862 y 1873, do ferrocarril compostelán supuxo un respiro a esta situación de declive de Carril, o certo é que ese mesmo acontecemento acentuou ainda máis a unión con Vilagarcía, a quen Carril ía cedendo paulatinamente a hexemonía como "porto natural de Santiago".



Breve apunte sobre o ferrocarril


Carril foi a primeira estación do final da primeira líña de ferrocarril de Galicia que unía Santiago con Carril. Bautizado como ferrocarril compostelano da Infanta Dna. Isabel, (42 Km.), foi construído para unir Santiago de Compostela co moi importante porto de Carril daquela, hoxe barrio mariñero do Concello de Vilagarcía e na época que nos ocupa, "Ayuntamiento Constitucional de Santiago de Carril".
(foto: inauguración liña Santiago-Carril. 1873)




Hoxe o antigo apeadeiro de Carril alberga o Museo do Ferrocarril de Carril.








Seguimos:

A pesares da contrucción da liña ferroviaria, o proceso de declive sería irreversible a partires de 1888, data na que se habilita o famoso Peirao de Ferro en Vilagarcía. Como consecuencia inmediata, o trasvase gradual das dependencias administrativas ligadas ao porto (Aduana, Xunta de Sanidade, Casas Consignatarias, etc.) a esta última vila.


Sin os importantes ingresos que xeraba o porto e os establecimientos mercantís e industriales, o Concello de Carril, como antes Vilaxoan, foise pechando en sí mesmo até que no ano 1913, agobiado polas débedas contraidas coa Deputación e a Facenda Estatal, ademáis duns impostos municipais cada vez maiores, solicitou de mútuo acordo coas duas vilas vecinas a súa anexión a Vilagarcía de Aroua.

Bibliografía:
Vilagarcía, Vilaxoán e Carril de Manuel Villaronga.
Historia e vida da Ría de Arousa de Manuel Fajardo Piñeiro.
Turvilagarcía
Fotografía:
O Mar de Memoria. Xunta de Galicia. 1991
Estampas de Galicia. Colección "Ksado". Albún nº1.


X ENCONTRO
O día
Por Lino Prieto
Foto: Lino Prieto, Mónica Irago, Montse Piedras



A toma de contacto cos Encontros foi diúrna, varias viaxes a Carril desde martes da semana de inicio do Encontro permitiron ver como se foi cocendo i expandido a loxística propia do evento.





O mércores pola mañá todo o mundo andaba apurado: tripulantes, directivos, organización, artesáns, xornalistas, expositores, políticos (bueno, estes non anduveron tan apurados nin antes nin durante)… a inauguración era inminente.
Os barcos seguían chegando por mar e por terra.





O xoves unha boa rasca de nordés limitou as ansias de chegar veleando de moitos dos que entraron a porto durante a xornada, que foron moi poucos e despois dun mundo de bordos e bolinas co vento na proa (entre estes poucos, dúas bravas de armas tomar, A Meca e A Muller de Balboas).





A estampa do porto xa ia molando cada vez máis. Na tarde do venres xa casi estaba todo o mundo no seu lugar, comenzaban os reencontros no mar, no pantalán i en terra, tamén o muelle estaba enchéndose de xente que viña a mirar, moita xente que se achegaba a ver de cerca que era eso que había en Carril na fin de semana.







O resto da fin de semana foi moi de navegar, incluso en planeadora e nemáticas para nos achegar a Cortegada, esa illa cercana e descoñecida que foi obxecto de mercadeos de concello, monarquias e empresa privada, que finalmente acadou un estado de conservación para o interese xeral.



Todo para nós

Si algo hai que salientar deste Encontro, aparte do compromiso e o ambiente sano e propicio á colaboración para que todo saíra ben, é algo que contribuiu a dar unha imaxe excelente, falamos do feito de que se deixara todo o espazo portuario da dársena de Carril para as embacacións participantes no X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.





A imaxe era algo único, todo cheo de barcos de madeira, de paus de madeira, de velas… unha estampa da que moitos dos que teñen poder de decisión deberían sacar unha lección positiva, agora que parece que se vislumbran “intencións” de empezar a considerar as embarcacións como algo tanxible e real,













E para os máis pequenos:



Barcas na piscina


Mauro e Santiago Insua (retoño de Emilio Insua, do equipo de redacción de ARDENTÍA)

Regata de barcaños




Mauro, vencedor 2ª manga da regata de barcaños.


X ENCONTRO
A noite
Por Xaquin
Fotos: Mónica Irago, Lino Prieto, Montse Piedras, Toño Cesteiro




As noites en Carril duraron o que quixo Secundino co seu canto anunciando o albor dun novo día, cada día cuns 20 minutos de retraso con respecto ao anterior.
Según dixo Sir Cesar Bedoia este retraso era unha artemaña do galo de Mos por confundir o tempo real e aprazar o seu xuizo final e mesmo forzar o seu indulto.


Sir Bedoya a dieta de chícharo

Mais na noite do sábado oficiouse sen remedio un acto relixioso a bordo do "Rei do Mar" para exculpación dos pecados do inxustamente afamado galo. Alí estaban todos os santos apostólicos e católicos, incluído o demo do Socorro ataviado de monaguillo.Esa mañán o poliño xa non cantou nada.


Galeón con-catedral "Rei do Mar" (ACD. Illa de Arousa). Foto: Belen Rod

Pero ata ese día transcorreron moitas horas morcegas lostreghadas por incontables barulleiros da gaita e demáis instrumentos atronadores de percusión e repercusión auditiva, todo mesturado con alegóricos cantos trivais e bárbaras contorsións de acenos e aquelarres de cintura para arriba e para abaixo.







Entre idas e venidas para desaloxo dos líquidos elementos na rampa de varada, moitos se decataron da presencia da Martola co seu bicho pintado, renomeada AMAR e que dou pé a un dos actos máis senlleiros do Encontro na lembrança do desaparecido Paco.


A Martola de Paco Bicho.

Para entón Toño o Cesteiro tentaba localizar a Osa Polar e o Carro de Manolo Escobar.


Barulleiros na Parisina (Asoc. A Calmoseira): Toño, Simón, Gerardo, Felipe....

O día a día, (ou a noite á noite) foi esgotadora, máis resistimos. O xoves unha delicia de ambiente co aire fresco dos Chus Boy´s (Sara, Alex e Simón) cantando con osadía temas rusos, chicanos e coreanos (se alguén ten fotos que avise), algo inaudito hai poucos anos cando a Lei do Talión impoñía xota por jota, polca por polka e bombo que te criou.
Ajora se impón o de “eu non quero traballar nin tampouco cotisar, que cotise o alcalde... Ala, viva o jipismo”





A renovo sonou a Viñalar Fantastic Band, que non aparecían en público dende o 2006 e que este ano se arrexuntan para ofrecer a música tabernaria de sempre.





E cun toque tamén distinto apareceron na taberna mariñeira os gaiteiros de Sobradelo Van de Cuncas (Asociación Cultural NOS) con toque e bo facer do mestre Manuel tocando o clarinete acompañando a un cuarteto de gaita, acordeón e tamboril coma nas bandas de antaño (tampouco teo fotos).

Moito canto expontaneo e himno jerrero como o meco “Cala Compadre” que xa sonou en Muros e resoou no Carballino.





E penso que o ultimo que sonou foi o toque de queda de Pelouro a bordo dun bombo crecido e curado de espantos que marchou polo Ulla abaixo.



En fin, un Gran Encontro de dia e de noite, con moito navegar e moita carallada, depois de todo é que o mariñeiro quere ao chegar a terra, eso si, con respeto e sen descarrilar.
Faltou coma sempre o palé.
Até a próxima