Translate

viernes, 28 de diciembre de 2018

A arrancadeira: balandro NICOCA


Despedindo o 2018: O balandro NICOCA.



Non me gustaría despedir o ano sen facer unha arrancadeira entrada coa teima que ocupou boa parte dos contidos incorporados ao boudevara ao longo deste 2018 isto é, as pescudas sobre o estaleiro de Álvaro Padín no Pombal (Cambados). 

Desta vez, imos falar do NICOCA.









Balandro Nicoca



Dos balandros de deseño propio que se construíron no estaleiro, sabía por distintas fotografías que conservo, da existencia desta embarcación de 6.50m de eslora construído no ano 1951 e que fora vendido “a unha persoa que o levara para Cataluña”. Eses eran os únicos datos que manexaba até que inesperadamente achei unha pista que me levou a descubrir un anaco da historia do Nicoca até a súa definitiva desaparición.




Foi a través dun artigo de ]osep Lluís Savall (Centre d'Estudis i Activitats del Port de Tarragona) titulado La recuperació del Patrimoni Marítim al Port de Tarragona: Els bastiments tradicionals publicado na revista Drassana nº 7 de 1997 (1) como tiven coñecemento de que o barco fora propiedade da  Autoridad Portuaria de Tarragona e no seu momento, prevíase a súa restauración.


Ficha técnica do Nicoca Museu Porto de Tarragona.
 

(1) Revista Drassana: publicación anual de cultura martima do Museu Marítim de Bacelona dende 1989.


Cando atopei o Nicoca, o primeiro que me sorprendeu foi a imaxe mesma do barco no porto de Tarragona, unha imaxe practicamente igual se a comparamos coa que eu conservo do barco no terreo do Pombal moi preto do estaleiro onde se fixo:

 
Nicoca. O Pombal. Cambados 1951



As diferenzas apreciables a simple vista son mínimas e agás o mastro, tan só na unión dos ollos de boi de cabina e unha lixeira corrección no trazado da liña de flotación se distingue algunha variación. Polo demais, o barco semellaba non ter sufrido alteración ningunha dende a súa concepción orixinal.







Museu del Port de Tarragona

Logo de “atopar” o Nicoca, púxenme sen demora en contacto coa dirección do Museu del Port de Tarragona e foi a súa directora, Mercé Toldrá, quen me aportou a suficiente luz sobre a historia do barco como para revivir durante uns instantes a emoción de poder velo navegar de novo, aínda que só fose na miña imaxinación.

Nun primeiro momento, souben que o barco estivera activo dende o ano 1953 até 1970 e que nese tempo fora empregado como barco de recreo polo enxeñeiro director do Porto de Tarragona Eduardo Serrano Suñer e tamén, que tivera outro propietario, un notario de Gandesa que fora o que lle vendeu o barco ao Porto de Tarragona. 


Interior Museu Port Tarragona

Logo, o barco estivo exposto no Real Cub Nàutico de Tarragona até 2005, ano no que “o tempo e a climatoloxía causaron a súa desaparición definitiva”. 

Como datos interesantes aportados polo Museu de Tarragona, puiden saber que custou 25.000 pesetas e que estaba inscrito no rexistro do Museo co número MPT010.






Semanas máis tarde, a propia Mercé Toldrá facilitoume documentación que corroboraba a información anterior e mesmo me axudou a saber aínda máis sobre o Nicoca. Así, puiden comprobar que o barco fora comprado inicialmente por ese notario de Gandesa, de nome Trinidad Ortega Costa o cal adquire a embarcación en 1950 por 25.000 pesetas, aportando a metade dos cartos no momento da sinatura do documento de compravenda e outra metade no momento da recepción do Nicoca, feito que se produce en xuño de 1951 no porto de Barcelona.






 
Previamente, o barco fora inscrito na “Provincia Marítima de Vilagarcía” na lista “Especial Recreo” co folio 76 e as seguintes características técnicas:


  • Eslora: 6.5 m
  • Manga: 1.95 m
  • Puntal: 0.85m
  • Tonelaxe: 2,00



Traslado do barco:

 



Como detalle de interese, o Nicoca chegou ao porto de Barcelona o día 19 de xuño de 1951 a bordo do vapor Villafranca (construído pola Empresa Nacional ELCANO en 1948 para a navieira COFRUNA), procedente de Vilagarcía de Arousa e que se pagou por este concepto 1.997,75 pesetas.

Vapor Villafranca













A empresa consignataria foi, como non, a de Hijos de M. Condeminas, todo un referente no tráfego marítimo español e de ultramar da época.

Como dato anecdótico, un dos irmáns Condeminas, Francisco, foi director da Escola Náutica e Director do Museu Marítim de Barcelona.







A adquisición do Nicoca polo Porto de Tarragona: 

Foi chegado o mes de marzo do ano 1953 cando o seu armador, Trinidad Ortega vendeu o Nicoca á Junta de Obras del Puerto de Tarragona pola mesma cantidade pola que fora adquirido orixinalmente e a partir de aí, o barco semella que navegou regularmente até o ano 1970. O resto xa é historia e tan só podemos imaxinar as pracenteiras xornadas pola Costa Daurada navegando polo fermoso mar Balear, ese anaco do Mediterráneo fronte á costa oriental da Península Ibérica. 






Remate:
imaxe: Encontro E.E.T.T. Cambados. 2015 (Foto Luz)
Confeso que cando tiven coñecemento de que o barco fora propiedade do Museu do Porto de Tarragona, alberguei algunha esperanza de que estivese “vivo”, se cadra gardado en algún almacén como reliquia agardando tempos mellores. Mesmo pasoume pola cabeza que quizás puidésemos facernos con el para unha restauración co obxecto de sumalo á flota da Escola de Vela Tradicional de Cambados. Mágoa que as miñas pescudas chegasen demasiado tarde xa que o Nicoca desapareceu no ano 2005, curiosamente o mesmo ano en que Cambados albergaba o VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.




Con todo, estou contento de saber do barco, da súa historia e das persoas que navegaron nel, e revivindo a súa travesía vital, puiden por un momento sentir no meu interior ao Nicoca navegando de novo.




Agradecementos:

Quero agradecer ao Museu do Porto de Tarragona toda a información facilitada e en especial a súa directora Mercé Toldrá Dalmau, que en todo momento atendeu as miñas demandas de información aportando unha documentación moi valiosa para min.

Moitísimas  grazas, 
moltes grácies,


Exidio Cuíñas



jueves, 20 de diciembre de 2018

Pranto do Sen Querer







Pranto do Sen Querer


Onte viñeron á praia das gradicelas enxoitas, 
reflexos de vidas sepultadas 
nun océano de penuria e lamento. 

Arrastrados até a terra, 
tamén se achegaron anacos de ledicia rachada 
que saíron á superficie coma refugallos do naufraxio.
De todo ten a codia do mar ademais de salitre 
e dos acenos prateados que acenden en cada ardentía 
e as veces, 
tamén o pranto mariñeiro abrolla por entre as rochas 
batendo con forza nun laio de escuma triste.

Hoxe o desconsolo pasea cos pés espidos 
pola area da ribeira 
esmagando as gradicelas da carraxe, 
rabuñando os ecos dunhas vidas 
que devalan nun solpor de loito
pousado para sempre no penar mariñeiro.


Exidio Cuíñas

20 de decembro 2018 ©




Aos mariñeiros falecidos no naufraxio do "Sin Querer Dos"

As súas familias e ao colectivo mariñeiro de Cambados.