Pranto do Sen Querer
Onte viñeron á praia das gradicelas
enxoitas,
reflexos de vidas sepultadas
nun océano de penuria e lamento.
Arrastrados
até a terra,
tamén se achegaron anacos de ledicia rachada
que saíron á
superficie coma refugallos do naufraxio.
De todo ten a codia do mar ademais de
salitre
e dos acenos prateados que acenden en cada ardentía
e as veces,
tamén o
pranto mariñeiro abrolla por entre as rochas
batendo con forza nun laio de
escuma triste.
Hoxe o desconsolo pasea cos pés
espidos
pola area da ribeira
esmagando as gradicelas da carraxe,
rabuñando os
ecos dunhas vidas
que devalan nun solpor de loito
pousado para sempre no
penar mariñeiro.
Exidio Cuíñas
20 de decembro 2018 ©
Aos mariñeiros falecidos no naufraxio
do "Sin Querer Dos"
As súas familias e ao colectivo mariñeiro
de Cambados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario