Ramón Albert e Julio Pousa:
Mestres de velaría
Pano branco para bicar o mar
Pano branco, rizo de mel
Pano branco para deixarte querer.
(do poema "Pano branco". Exidio Cuíñas)
Ramón e Julio (Julio e Ramón, tanto monta monta tanto), levan toda unha vida facendo que a flota de embarcacións tradicionais poidan navegar pola forza do vento. Son mestres veleiros e polas súas mans teñen pasado panos e fiadas dabondo como para tecer unha autoestrada até o ceo.
Andaba o ano 1968 cando chegou a Illa de Arousa o CINA, o Centro Internacional de Navegación que se estableceu na praia de Area de Secada como delegación da escola “nai” situada nas Illas Glénans (Bretaña-Francia).
O carácter internacional do centro notouse nas distintas procedencias do alumnado que asistía a cursos de vela lixeira e cruceiro, “daquela había moitos franceses pero tamén, moita xente de distintos puntos da Península”, nos di Ramón Albert, un madrileño que se achega a illa de Arousa atraído pola idea de aprender a navegar e convivir con persoas de distintas inquedanzas nun entorno natural de privilexio. Ramón chegou a illa no ano 1977 e pronto pasou de alumno a monitor de vela para os novos alumnos, entre estes Julio Pousa, un alcarreño atraído pola aventura do mar e a navegación a vela.
Esta era unha práctica habitual no CINA, unha entidade sen animo de lucro onde os alumnos non pagaban nada pero logo deberían contribuír con traballos ou servizos a escola, "un modelo que hoxe en día (50 anos despois) aínda perdura", comenta Ramón con ánimo de invitarnos a reflexionar.
Faro de Punta Cabalo coa praia de Area da Secada ao fondo. Illa de Arousa. Fonte: web concello Illa de Arousa |
Xuntado ingredientes para cociñar unha idea
Isidro Mariño a bordo do Chasula. |
Este taberneiro chamase Isidro Mariño, hoxe en día un persoeiro de sobras coñecido no eido da cultura marítima que por aquel entón, partillaba con Ramón e Julio na teima de poñer freo á desaparición acelerada do patrimonio marítimo galego, sendo as embarcacións tradicionais a diana do estrago máis visible: barcos abandonados nas praias, queimados nas fogueiras ou chantados nas leiras a podrecer.
Outro feito fundamental para o rexurdimento dunha conciencia a prol de salvagardar o patrimonio marítimo, foi a posta en marcha dun obradoiro de Carpintería de Ribeira que se puxo a funcionar na Illa de Arousa no ano 1985 por iniciativa de entre outros, Xabier Camba, por entón animador cultural do Concello de Vilanova de Arousa que até o ano da segregación en 1996, abranguía tamén o territorio insular baixo a denominación de San Xulián de Arousa.
Como alumnos “ de vantaxe” daquel obradoiro estaban, como non, Ramón e Isidro e nas distintas edicións do obradoiro, puidéronse facer media ducia de dornas, todas feitas a man baixo a dirección do mestre Santiago “Toquiño”, un home que retornaba de Venezuela pero que andara de aprendiz na carpintería do Sr. Fraga en Ribeira antes de emprender a aventura americana. “Todo se facía con ferramentas manuais, mesmo as táboas para as banceiras se serraban “á francesa”, e os escantillóns se traballaban coas aixolas”, nos lembra Ramón daquela época.
imaxe: Dorna "Dos Amigos".
Praia de San Tomé. Cambados
Agosto 2018
nota: foi a ultima dorna realizada en vida polo Sr. Fraga de Carreira (Concello de Ribeira)
(Carpinteiro de ribeira)
A pota a cociñar
Quizais foi neses anos -mediados dos oitenta-, cando se pode
dicir que empezaron a darse os primeiros pasos para crear un movemento de
conservación ou recuperación do patrimonio marítimo. Así en 1984 se organiza a
I Volta a Arousa de dornas a vela, un evento que daría pulo á recuperación das
vellas dornas para un novo uso, as regatas. Por aquel entón, na ría de Arousa
aínda había moitas dornas, pero facía tempo que os motores foraborda
substituíran os panos como medio de propulsión e as poucas velas que se
conservaban, ficaban abandonados nos faiados das casas. "Poucas dornas se vían
andar a vela pola ría daquela" -comenta Julio, entre elas a María Balteira, a dorna dun
“jipi” de Ourense que veu vivir á illa e gañou a 1ª volta a Arousa, as primeiras
dornas aparelladas pola Cultural Dorna, a fuxe de
Manuel Parada polo Grobe ou a Airexa, a dorna de tope de Cambados recuperada
por Tito Silva.
Dorna de Tope "Airexa". Imaxe: Escola de Vela Tradicional . Cambados 2017 |
Nese intre semellaba levantar tamén unha airexa portante para o patrimonio marítimo galego, un aire de esperanza no medio de tanta desfeita. E así casualmente, un día se achega polo obradoiro de carpintería de ribeira da Illa un delegado da Consellería do Mar, un tal Miguel Cuña interesado nas dornas que se estaban a facer alí. A casualidade fixo que Miguel Cuña e Isidro Mariño se coñecesen e como ao primeiro pareceulle unha idea do más interesante o que alí se facía, emprazáronse para outro día co obxecto de darlle unha voltas a esa “idea”.
Aixola
Escola-Obradorio
Escola-Obradorio
Aquel emprazamento para reunirse co delegado da Consellería
do mar cumpriuse e de alí, saíu o compromiso de elaborar o proxecto de crear
una escola integral de formación en oficios tradicionais do mar. Durante uns
anos Isidro Mariño e o mesmo Ramón Albert, irían dando forma a esa idea. Un
proceso que se demorou uns cantos anos até que chegado o curso 1990/1991, abre
a escola Aixola en Marín como obradoiro de emprego subvencionado pola
Consellería do Mar.
Inicialmente a Escola dirixida por Isidro Mariño, ofrece tres
módulos formativos: carpintería de ribeira, novas técnicas de construción naval
e velaría, estando Ramón ao fronte deste último módulo. Pronto as primeiras
embarcacións empezan saír as primeiras embarcacións da modulo de carpintería,
como un bote polbeiro de Bueu ou unha gamela da Guarda e nese ano, localízase
en Caldebarcos o esqueleto da derradeira lancha “lancha do xeito” de Fisterra,
A Marina.
(enlace: boudevara. entrevista a Isidro Mariño)
(enlace: boudevara. entrevista a Isidro Mariño)
Estes primeiros fitos na recuperación de tipoloxías de embarcacións tradicionais galegas tiveron como testemuña a persoeiros tan salientables como Pepe Garrido (Estaleiros Hijos de J. Garrido de O Grobe) como carpinteiro de ribeira ou Paco Paxaro (Clube Mariño A Reiboa) como carpinteiro de “blanca” e todas estas embarcacións recuperadas en Aixola foron aparelladas baixo a dirección de Ramón e confeccionadas polos alumnos das primeiras edicións de escola.
Pepe Garrido. Asteleiros Hijos de J. Garrido. O Grobe. (Imaxe Lino Prieto) |
Ramón e Pepe a bordo da Irmandiña |
La Recouvrance. Presente na 1ª edición Brest 1992 |
Chegado o verán de 1992, a Escola desprázase até a cidade bretoa cos alumnos e as tipoloxías recuperadas en Aixola acompañadas doutras embarcacións sobre todo, dornas de Ribeira. Alí tomase contacto coa Federación Bretoa pola Cultura Marítima e con todo un movemento asociativo e cultural arredor do patrimonio marítimo que non fixo máis que corroborar que a Escola Aixola estaba no camiño correcto pero aínda asi, faltaban algunhas pezas para facer que o barco da cultura marítima galega puidese navegar.
O prato está na mesa
Así, chegado o ano 1993, organízase o I Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na vila de Ribeira, co apoio da Real Confraría da dorna de Ribeira, a Consellería do Mar e por suposto Aixola. Nese mesmo ano se bota ao mar a Nova Marina, a primeira réplica da lancha xeiteira atopada en Caldebarcos e fúndase na vila de Cambados, a Federación Galega pola Cultura Marítima. (un episodio xa bastante coñecido e do que non corrresponde falar nesta entrada).
Compaxinando o traballo de mestre no módulo de carpintería en Aixola polas mañás, Ramón dedica as tardes a confeccionar arranxos de velas no ático da súa casa. Pronto o traballo vai en aumento e o día 17 de abril do ano 1996, o camiño de Julio e Ramón volve xuntarse nese ático onde tivo a orixe o taller de velaría. Julio recorda ben ese día cando empezou a traballar de novo a carón do seu compañeiro no CINA, desta vez, arranxando a vela precisamente da Nova Marina.
A Nova Marina. Lancha do Xeito. |
O taller de Cornazo: izando velas para unha nova aventura
Nova Jorita. Encontro de Cabo da Cruz 2015 |
Chegado o ano 2000 e con motivo de confeccionar as velas para a goleta “La Peregrina” de Javier Babé, deciden trasladar o taller até un baixo dun edificio de Cornazo (Vilargarcía) onde empezan confeccionar as velas para todo un movemento asociativo que xurdía en cada porto ao abeiro da FGCM (a actual Culturmar que daquela aínda non era fluvial). Daqueles primeiros traballos, Julio, que garda anotacións manuscritas de todos os encargos, destaca a primeira vela radial para a dorna de “Dorado” que se faría nese ano co campionato galego de dornas. Pero ademais, por alí foron saíndo as velas da dorna “nai” de Ribeira, da Nova Jorita de Cambados, do racú de O Grobe ou da goleta Vale Inclán de Nacho Bastos e a empresa Guindamaina.
Bote Polbeiro. Bueu (Imaxe: Culturmar) |
Non foi até ese ano cando o Taller de Velaría se constitúe como tal ante Facenda baixo a forma xurídica de CB (comunidade de bens).
Daquel tempo, miramos as anotación de Julio onde aparecen traballos como a trinqueta do galeón Luísa de Combarro, as velas da Surfeira (dorna nai) de Portonovo, da Rabandeira (dorna Xeiteira) de Vilanova ou da Julicheira (dorna polbeira) do Clube Mariño Salnés de Cambados.
Así van pasando os anos polas follas desgastadas escritas por Julio e no 2002, vemos por exemplo a confección das novas velas para a dorna Meca, a buceta de Combarro, o bote polbeiro de Bueu ou da Muller de Balboas, a dorna de tope do CMS de Cambados. Do ano 2003 sorprende ver as velas da Irmandiña e do barco do “Madero”, un fermoso barco desfeito por un temporal en Ribeira.
É curioso observar como nesas anotación manuscritas reflíctese
perfectamente de xeito sincronizado, o nacemento das distintas asociacións repartidas
por toda a costa galega que van xuntando conciencia a favor da conservación e
recuperación das embarcacións tradicionais propias de cada porto e cos
ventos portantes durante estes anos, o taller traballa sen interrupción
confeccionado todo tipo de velas, non só para as embarcacións tradicionais
senón tamén para outro tipo de barcos, dende vela lixeira, a cruceiros ou
barcos de regata.
Taller de Velería. Elaborando a vela cuadra do drakar vikingo. Sta. Mariña. Vilagarcía. 2018 |
A crise
A inercia favorable empezaría a perder corso co inicio da
crise no ano 2007, un longo período de calma
chicha que durará até o ano 2014. Sete anos de escaso traballo, pequenos
arranxos e algún encargo puntual que fan difícil a supervivenza do taller.
Pero como nunha choveu que non escampara, a partir dese ano 2014, empeza a renacer un ventiño que volve a encher os panos que fan poñer os barcos en movemento. A partir de aquí, se ben son menos os encargos de velas tradicionais que fai anos, o taller experimenta un aumento de encargos para vela lixeira e barcos de cruceiro, favorecidos tamén por unha evolución dos tecidos e a tecnoloxía asociadas as novas formas de confección.
Pero como nunha choveu que non escampara, a partir dese ano 2014, empeza a renacer un ventiño que volve a encher os panos que fan poñer os barcos en movemento. A partir de aquí, se ben son menos os encargos de velas tradicionais que fai anos, o taller experimenta un aumento de encargos para vela lixeira e barcos de cruceiro, favorecidos tamén por unha evolución dos tecidos e a tecnoloxía asociadas as novas formas de confección.
O novo Taller de Velaría
O presente
No presente ano 2018, concretamente no mes de marzo, Ramon e Julio trasladan o taller a un novo local non moi lonxe do anterior. As diferenzas entre un e outro sitio son máis que evidentes: maior espazo, plataforma de cosido nova, iluminación e sobre todo, ausencia de pingueiras. Neste senso, o anterior taller caracterizábase pola enxeñería hidráulica caseira para evitar que as filtracións de auga de chuvia estragasen os panos e demais material empregado na velaría. Agora eses problemas son tema do pasado ao igual que a escaseza de traballo.
A dia de hoxe sopran ventos de ilusión para esta actividade e/ou polo menos no taller de Ramón e Julio, os pedidos de novas velas ou reparacións vanse acumulando nos andeis dando unha idea certa da carga de traballo para os vindeiros meses.
No presente ano 2018, concretamente no mes de marzo, Ramon e Julio trasladan o taller a un novo local non moi lonxe do anterior. As diferenzas entre un e outro sitio son máis que evidentes: maior espazo, plataforma de cosido nova, iluminación e sobre todo, ausencia de pingueiras. Neste senso, o anterior taller caracterizábase pola enxeñería hidráulica caseira para evitar que as filtracións de auga de chuvia estragasen os panos e demais material empregado na velaría. Agora eses problemas son tema do pasado ao igual que a escaseza de traballo.
A dia de hoxe sopran ventos de ilusión para esta actividade e/ou polo menos no taller de Ramón e Julio, os pedidos de novas velas ou reparacións vanse acumulando nos andeis dando unha idea certa da carga de traballo para os vindeiros meses.
Cara o futuro
Ao remate da entrevista e arredor dunha botella de albariño de Cambados, falamos da visión de futuro para a velaría tradicional, a cal vai ligada inevitablemente á saúde e dinamismo do patrimonio marítimo. Pronto se mesturan ideas con sentimentos, pero coincidimos en que hai que prestixiar as embarcacións tradicionais e a cultura popular en xeral coma un factor clave. Se ben para isto necesítanse accións que vaian nese senso.
Por exemplo, concordamos que é preciso un recoñecemento da escola AIXOLA como Centro de Ensino Regulado, con ciclos formativos que formen verdadeiros profesionais en oficios tradicionais do mar. Así, todos sabemos que sen carpinteiros de ribeira non hai barcos e polo tanto, faise necesario un apoio decidido das carpinterías de ribeira e favorecer o aprendizaxe neste oficio.
As Mariñas Tradicionais son dende logo outro factor clave para que se manteña o asociacionismo arredor das embarcacións tradicionais, a creación dun modelo xenérico que se estenda visiblemente por toda a costa galega é outro reto para o futuro.
Precisase dinamismo social, iso é evidente, pero para iso é necesario aportar recursos e unha aposta decidida das administracións. Por último, as leis de recoñecemento, estudo e protección do patrimonio marítimo material e inmaterial son peza fundamental para poder seguir avanzando.
En fin, mañá máis.
Pano branco para bicar o mar
Pano branco rizo de sal
Pano branco para deixarte levar.
(do poema pano branco. Exidio Cuíñas)
imaxes:
Web Concello Illa de Arousa
Web Aixola
blog Chasula Pesca
La Voz de Galicia
Culturmar
Lino Prieto
Imaxes taller de velería: Manu Paz
agradecementos:
A Julio e Ramón por aguantarme en horas de traballo.
A Manu Paz por acompañarme a facer as fotos ao taller e a Lino Prieto pola súa sempre atenta e desinteresada colaboración, nesta ocasión cunhas fermosas imaxes de Pepe Garrido traballando no Asteleiro do Grobe.
A todos moitas gracias
Finalmente, con esta entrada quero aportar (na medida das miñas posibilIdades) o meu grao de area para conmemorar eses 25 anos de existencia da Federación Galega pola Cutura Marítima e Fluvial (Culturmar).
Feliz Aniversario!