Translate

martes, 26 de julio de 2011

Isidro Mariño, entrevista.

Isidro Mariño, o noso Isidro, é a día de hoxe o patrón e armador do Chasula, un cerqueiro con máis de medio século de vida que foi recuperado para convertilo nunha aula didáctica do mar, barco para charter, saídas de pesca deportiva e incluso facer de escenario e pasarela das últimas tendencias de moda galega. Pero antes de chegar a este punto Isidro fixo moitas outras cousas, a súa trayectoria vital estivo sempre vencellada ao mar, dun xeito ou de outro o salitre foi un dos compoñentes básicos, xunto coa pipa e as sandalias, da fórmulación deste “elemento”.

A principios dos anos 90 o proxecto que ocupaba a Isidro era a Escola Obradoiro A Aixola, en Marín, el era o director da mesma nunha das épocas de máis productividade e actividade deste centro de formación dependente da Conselleria do Mar. Foi nesta Escola onde se ideou o proxecto de recuperación da tipoloxía extinguida da Lancha do Xeito (ou de relinga). Hoxe conversamos con Isidro para coñecer de primeirísima man como se xestou a idea e como se chegou ata a navegación da Nova Marina.


Boudevara: Cal foi a orixe da recuperación da Lancha do Xeito?

Isidro Mariño: Dentro do proxecto formativo da Escola Obradoiro A Aixola figuraba a construcción de unha lancha do xeito, naquel momento no que nos basamos foi nun estudio previo que realizara Staffan Mörling e no que figuraban unhas fotografías, unha caixa de cuadernas e os dibuxos de un plano de unha lancha. Así pois puxémonos en marcha elaborando o medio casco para facer o trazado e o escantillonado da lancha, pero resultou que o medio casco elaborado cos datos cos que contabamos non levaba ás formas da embarcación, xa que había algún fallo na caixa de cuadernas.


BdV: Esto obrigaría a facer un cambio no plantexamento do traballo?

IM: Pois si, foi neste momento cando decidimos facer un grupo de traballo de investigación para documentarnos e si era posible facernos con algún pecio ou resto físico de algunha xeiteira. Para deseñar a metodoloxía e os cuestionarios para o traballo de campo contratamos os servizos de Mörling. Cando tiñamos xa claro a concreción das preguntas e o método a seguir comezou o traballo de campo, o precorrer a costa empezando por Fisterra, e foi gracias á implicación de dous dos alumnos a Escola: Juan Manuel Tasende “XAN”, e Antonio Barcala “CARSON”, que collían o coche nas fins de semana e dias libres e se desplazaban ata a Costa da Morte en busca de datos e informantes.

Carson (máis coñecido como "oiches Carson") e Xan

BdV: E foron Xan e Carson os que atoparon o pecio da Marina?

IM: Pois si, foron eles dous, como quedou dito, empezaron desde Fisterra cara o sur, costeando e buscando información, viñeron baixando por Ézaro onde atoparon aos Chagangos, uns carpinteiros de ribeira da zona (que de feito construiron o Chasula) que lles dixeron que eles nunca construiran lanchas do xeito i encamiñaron a Xan e Carson cara a Caldebarcos.

Aqui foi donde contactaron con Francisco de Lado, un carpinterio de ribeira que lles contou que uns anos atrás habia unha lancha do xeito nas lagoas de Caldebarcos que fora modificada por el, e tiña a sospeita de que seguiría alí o pecio enterrado na lama.


Isidro e Francisco de Lado 20 anos despois de coñecerse

BdV: Así que Francisco os levou ata onde se atopaba a Marina

IM: Alí foron os tres e chegaron ao lugar, unha lameira da que surdía o característico pinchón de proa, e chegaron o luns á Escola dicindo que atoparan restos de unha lancha. O martes estabamos aquí co enxeñeiro facendo unhas catas para averiguar como se podería atopar o pecio do casco. Esta foi unha gran noticia e decidimos poñer o equipo mans á obra.


BdV: Ademais dos alumnos da escola, quenes formabades ese equipo?

IM: Daquela estabamos Paco Paxaro, Pepe Garrido, o exeñeiro, Chesqui i eu. E xunto co alumnado comezamos o traballo da excavación, para ver como se atopaba o pecio.


BdV: E con que vos atopáchedes?

IM: A medida que iamos excavando iamonos dando conta de que os restos da embarcación estaban moito mellor que do que cabía esperar. Rematamos o desenterramento e atopámonos con unha nova dificultade que era o seu traslado ata Marín, xa que a lancha chegou ata alí por mar, pero nos tiñamos que sacala con todo o coidado polas corredoiras e levala a case 200 km de distancia sen dañar o pecio, e isto foi unha tarea verdadeiramente ardua.

O pecio que atopamos está no museo Massó de Bueu, tal e como foi rescatado, é dicir, coas pezas estructurais e os bances que conservaba. Vinte anos despois da nosa actuación o pecio sigue sin ser tratado pero se atopa igual que o día no que se desenterrou.


BdV: A partir dese momento empezouse a construcción da réplica?

IM: Cancho chegamos con ela a Marín fixemos o pique e o carro para que non se desmebrara o pecio, levantouse caixa de cuadernas, fixéronse os planos a partir da Marina orixinal e a unha distancia de un par de metros comezamos coa posta de quilla da reproducción da Marina: a Nova Marina.

Para a construcción da réplica tivemos moito en conta o proceso tradicional, buscando as polas de carballo mais axeitadas á fasquia das cuadernas, respetando as épocas de aserrado e secado da madeira, e todo isto sen deixar de primar a formación dos alumnos.


BdV: Cantas persoas estiveron implicadas neste proceso?

IM: A Escola chegou a estar operativa as 24 horas do día, o nivel de implicación e o desexo por ver no mar a Nova Marina induciu a que todos nos volcáramos co proxecto, pódese decir que o total dos 60 alumnos da Escola participaron del, xa que se trataba dun proxecto integral que comprendia o estudio, recuperación, aparellamento e navegación, e así se levou a cabo.


BdV: É de supoñer que a botadura fora unha festa?

IM: Efectivamente, traballamos moito e a moi bo ritmo para que a Nova Marina puidera asistir á Festa Marítima Internacional de Brest 92, o que finalmente non puido ser por uns poucos meses. A súa presentación en sociedade doi no Encontro de Ribeira en 1993, no que participarmos todos aqueles que estiveramos implicados en facer deste proxecto unha realidade.


BdV: A Nova Marina xa estaba a flote, e agora que?

IM: A Escola detivo a súa actividade pouco despois e como a embarcación foi feita a cargo da, por aquel entonces, Consellería de Pesca a Nova Marina xunto con algun dos outros barcos que alí se construiran quedou amarrada en Estribela. Unha familia desta parroquia, os Carrachos, mantíñame informado de como se atopaba a lancha, que sufriu varios naufraxios no seu propio amarre. Tempo despois foi para O Grove, xa que os Asociación de Amigos da Dorna Meca, (entre os que está Isidro) se fixo cargo do seu coidado durante varios anos. E na súa época final foi cedida pola Consellería á Escola de Navegación Tradicional da ACD Dorna da Illa de Arousa.


A Nova Marina amarrada no Grove (1998)

BdV: Estamos mantendo esta conversa no marco da celebración do XX aniversario da recuperación do pecio da Marina, moi preto da Fonte das Mentiras, en Caldebarcos. Que sintes nesta celebración?

IM: A min me emociona e me parece un recoñecemento á cultura existente aquí en Caldebarcos, tanto aos constructores navais como ao que nos tranmitiren no seu día. É certo que a andaina de recuperación comezou hai anos e tanto desde O Grove como da Illa de Arousa ou na Guarda había indicios deste movemento, esta lembranza me parece moi emocionante.

Ante o xeito e a importancia que tivo e a importancia que tiveron estas lanchas ao longo de todo o litoral galego, pois me parece este un punto clave, estamos falando de unha comunidade bastante grande que cando non había sardiña, había fame, e que durante moitos anos a súa sustentabilidade estaba no xeito e na sardiña; entón o de transmitilo a todo o mundo é o mínimo que se debe facer.

7 comentarios:

andrea dijo...

moi interesante!

bou de vara dijo...

Boas Lino, a entrevista quedou moi ben. Moitísima información daquel importantísmo ano de 1991 coa localización da Marina e o que se fixo despois. Lembrar tamén que despois do Grobe, a Nova Marina quedou uns anos baixo a protección da Escola Obradoiro "Xeiteira" de Rianxo dirixida daquela por Santiago Páramo. No 2000 por exemplo, a Nova Marina representou a Rianxo no acto de irmanamento desta vila con Douarnenez naquela expedición da FGCM para representar a Galicia como convidada de honra na vila bretona. Un irmanamento que se xestou o ano anterior, coincidindo co IV Encontro de Embarcacións Tradicionais (I Festa das Tradicións Mariñeiras). Rianxo 1999.
Agradecemento e recoñecemento para Isidro e a todo o equipo da Aixola, tamén a ACD Dorna como protectores actuais da lancha, e a Consellería do Mar daquel entón por apoiar e financiar o proxecto.

Anónimo dijo...

Ante unha entrevista tan ben plantexada, apenas dicirvos...GRAZAS.
Anxos

andrea dijo...

Vai para dous meses que non actualizades, xente. Xa sei que sodes homes ocupados, pero... ao chollo, que se vos bota en falta polo ciberespazo!!!

Lino dijo...

Andrea, aseptamos colaboracións!!

xan lemos dijo...

e completamente certo que a nova mariña estivo en rianxo pois eu naveguei nela. e dicir tamen que na nova mariña e xunto coa cofradia da dorna navegamos ata combarro para o encontro de embarcacions tradicionais .

Qing Cai dijo...
Este comentario ha sido eliminado por un administrador del blog.