En memoria de Tito Silva
Por LINO PRIETO:
Dorna de Tope a "Airexa", recuperada por Tito e patroneada na actualidade polo seu sobriño Fernando Pombo.
I Memorial Tito Silva. Cambados 2010
Levaba moitos anos escoitando falar de Tito Silva, por boca de meu compañeiro de navegacións e deste blog Xaquín Cuiñas, e doutros amigotes de Cambados coma Evaristo e demais... comentábanme que desde noviños tiveran contacto con él, un home que navegaba a vela nunha dorna de tope, ao que lle axudaban a rascala e pintar e que logo os convidaba a unhas fantas. Algo máis adiante a relación trasladouse á bañeira e a cuberta da Airexa, unha dorna de tope que fixo de escola de vela oficiosa de todos aqueles que sentiron a curiosidade de catar drizas e escotas.
A "Nova Jorita", da Asociación As Joritas de Cambados, con Evaristo e Benito.
Xuntos compartiron moitas tardes na ría, co seu especial sentido de entender a vida e que lles deixou a lembranza de un bo lote de anécdotas.
Eu non coñecín a Tito, solo algunhas das súas historias por que mas contaron, é por eso que non houbo dúbida á hora de armar tripulación e quedar para asistir ao Memorial Tito Silva, que se estaba a preparar para o sábado 11 de setembro, e ao cal nos convidou Evaristo (o ferreiro).
Xuntouse bastante ambiente nunha comitiva que navegou en traveses desde a baliza do Arido (ou Ourido) ata unha boia á que se lle dou fondo diante do illote das Ghoritas, presidida pola emblemática Airexa, que segue a navegar gracias aos sobriños de Tito.
Embarcacións do Grove, a Illa de Arousa e Cambados achegadas ata Cambados para o Memorial
Ao remate da navegación embarcacións e tripulantes repartíronse polos pantaláns de Santo Tomé e no dique de Cambados. Houbo tempo para refrescar a gorxa despois das manobras para logo reunirse todos no primeiro andar da Sociedade Cultural Cambadesa, ao redor dunha mesa chea de viandas e presidida polo retrato do homenaxeado Tito, obra de Lino Silva, e una foto da Airexa saíndo a navegar a todo trapo.
Como é costume comentáronse as viradas e as manobras, o adiantamentos e as benevolencias… pero chegou o momento de pórse un pouco serios. Foi neste punto cando o sobriño de Tito Silva, Fernando Pombo, nos explicou como se xestou este evento, cando o mércores anterior Evaristo se achegou a comentarlle que lle parecía facer “unha cousa destas en memoria de Tito”, a Pombo pareceulle unha boa idea e así se armou o I Memorial Tito Silva, que ten toda a intención de converterse en cita obrigada en vindeiros anos.
Ata sempre TITO
texto: Lino Prieto
Fotos: Avelino Ochoa
1 comentario:
Ola Lino, efectivamente lembro aquelas tardes vindo de bañarnos en Tragobe, cando parabamos no Pombal a rascar unha dorna quilla arriba chea de pintura. Naquela panda de nenos de arredor dos 14 anos, estaban entre outros Fernando Pombo, que fixera un trato co seu tio para que fóramos rascar a dorna por unhas pesetas e un refreco cada tarde. Durante moitos días daquel verán de tanta calor, pasabamos as tardes a rascar a dorna con anacos de vidro e tacos de lixa (non tiñamos rasquetas). Daquela Tito andaba a procura do meu pai para que lle axudara no tema da arboladura. Unha vez que a dorna estivo no mar, Tito convidounos a sair a navegar algunhas veces, pero pasaron moitos anos ata que fumos asiduos da Airexa, xa que era outra xente maior que nós (como Evaristo, Benito, Dolores, Jose "O Peludo" e moitos outros ....), os que eran a tripulación habitual. Para entón xa tiñamos máis de vinte anos e agardábamos por Tito á hora do café no bar de Avelino "O Vago". Despois collíamos ás velas na súa casa e saíamos a dar unhas voltas. Por él, foron moitos os que escoitaron por primeira vez palabras como "dorna de tope", bolinar, relinga, "as de guía"... Estes días miramos que foi moita xente a que tivo a ocasión de navegar non él na Airexa, que coma ben dís, era coma unha escola oficiosa de aficionados e amigos.
Sinto non ter ningunha foto daquelas tardes navegando na Airexa, se ben, estamos na procura duns colegas alemáns que viñeran con Cubeiro e que se fartaran de facer fotos (desto ahi uns vinte anos e vai ser dificil topalas, pero estamos neso..).
Son moitas as anécdotas que conservamos de Tito e foi unha pena non ter estado no convite para compartir coa xente que navegou tantas veces con él, aventuras e lembranzas... , pero xa tiñamos comprometida a asistencia ó desembarco de Ons, así que tivemos que sair sen demora.
A Tito tamén temos que agradecerlle que voltásemos a ver xuntas as asociacións de Cambados, cousa que non acontecía dende o Encontro do 2005.
Por todo, noraboa a todas as persoas que aportaron o seu tempo e traballo en facer que esta cita, armada en tempo record, fose un exito. Que siga.
Tito ben o merece.
Publicar un comentario