Translate

lunes, 19 de febrero de 2018

A manda do vento



 A manda do vento
(boligrafías e contos salgados)





A manda do vento


O vento sementa o mar con mandas de carneiros tolos 
choutando nas ondas até perderse polo horizonte. 
Algúns mesmo petan cos cornos no costado do barco e outros, 
esmáganse contra a obra morta, 
metendo os miolos polos embornais para esparexer as babuxas 
polos corredores en ringleiras de salitre. 



 
A manda do vento traballa decote: 
fai triscar os paus, pon tesos os panos e as escotas, escora o barco, lava a tilla 
e enchoupa de salseiros 
as ínfulas dos farfalláns.

Cando anda vento, 
o temón ponse serio e a cana tatexa en revolucións diésel 
coas vibracións do pinchón. 






E se o vento quere, 
o barco non é mais ca un casco pluma 
que debuxa cadrelos de escumallo na popa de rabo de galo 
mentres na proa, 
pinta garabatos que foxen espavorecidos 
co paso da roda polo mar afiado. 

De cando en vez, 
un vagallón cheo de forza sete 
rompe na amura de barlovento 
e de socate, 
unha ruxidoira invertida devala nun chorar 
dende a verga até o pano encollido de tanto rizar. 




O vento turra do arrastre da vela, 
toda embebida de relinga para amosar unha bolina pechada que racha o aire pola metade cos dentes apertados de rabia lastrada.
Co vento, 
abrolla o resplandor da coraxe e da loita,
que non parará até que a manda de carneiros,
agochen o rabo 
por entre as gretas do calafate.




Exidio Cuíñas 
da serie "Contos Salgados", febreiro 2004 ©


viernes, 5 de enero de 2018

Fotos vellas para o ano novo: Ruth Matilda



Boligrafia: Revoltura


De lonxe chegan recendos de alcatrán fresco cubrindo as vigas das bateas pousadas na area a curar, acuicultura das lembranzas deitadas na praia xunto coas algas e os cangrexos secando ao sol, coma o meus sentidos cando axitan a poeira do faiado da memoria.

Exidio Cuíñas
2018







Imos empezar o ano lembrando algunhas das fotografías que puidemos ver o ano pasado na magnífica exposición "Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia" realizada na Sala Antón Rivas Briones en Vilagarcía de Arousa durante os meses de maio e xuño de 2017.


Ruth Matilda Anderson (1893-1983)




Non me vou estender en explicar quén é Matilda Anderson nin a importancia da súa obra, de sobras coñecidas ámbalas dúas. Pero si quería facer unha breve referencia neste blog a esta excelente fotógrafa tal e como fixemos no seu momento con outros marabillosos mestres da fotografía como foron Kasado, José Suarez , J. Bellver ou Édouard Boubat.








Imaxes dalgunhas fotografías da exposición tomadas entre 1924 e 1926:
























Remate:

Logo de tantos anos, non deixa de sorprender esa Galiza de pés espidos e puchos na cabeza, de mans cuarteadas e camisas brancas. Carpinteiros, mariñeiros, mariscadoras, cestos e aixolas. Mar e pedra, aparellos e madeira..., un mundo de salitre e alcatrán que inza os sentidos deses nenos que ollan os barcos varados na area, retratados en corpo e alma pola ollada dunha fotógrafa maxistral. 
Moitas grazas Ruth Matilda Anderson.




Outras entradas relacionadas: