Translate

lunes, 10 de septiembre de 2018

Oceánico solpor




Oceánico solpor


Sentado na popa, 
ollo o ronsel das hélices remexendo o mar 
como unha batedeira oceánica destripando 
as augas por debaixo do casco de ferro.
 


Levo así unhas horas ollando 
como desaparece ao lonxe esa estrada 
que vai quedando debuxada fronte a min, 
un camiño invertido que nace a destempo 
como testemuña do paso da vida 
cando se tenta recordar, 
un reflexo escumoso que pronto se esvaece no mar
como a memoria se perde no horizonte.






Vai desaparecendo a tarde polo camiño salgado 
e as referencias lineais bórranse con ese sol 
que se derrete ao lonxe disolvéndose no infinito, 
tragado pola inmensidade dun océano 
que se funde co ceo nun crepúsculo imaxinario.





Ollo eses instantes, 
cando as cores se mesturan na paleta 
arremetendo con derradeiro fulgor 
contra esa noite que vai dando pinceladas negras 
que acenden as sombras. 
Vexo como o mar elabora unha perfecta 
disección da claridade, 
dixerindo os restos do sol que rebotan 
con salseiros de ardentía contra os costados do barco.


En plena dixestión da noite, 
cando a escuridade vai xuntando os ángulos 
nun perfecto círculo de penumbra, 
retorno a vista para ese camiño 
onde os últimos azos de luz 
alumean o noso rastro cun manto de grises 
e no meu ánimo asoma un aceno de repouso 
acompasado co murmurio lene dos motores 
retumbando baixo a cuberta.




Exidio Cuíñas
setembro 2018 ©



No hay comentarios: