Translate

martes, 12 de enero de 2016

XOGUETES DE REIS

Meu fillo Mauro a bordo da Muller de Balboas (Dorna de Tope)

Vímolo fai uns días, cando os "Reis Magos" deixaron nas casas unha chea de agasallos tecnolóxicos moi distintos daqueles que levaron ao neno Xesús cando naceu. Tablets, teléfonos de última xeración e cousas polo estilo, enchen agora as casas de sons metálicos xerados por ordenador que veñen a substituír a algarada dos rapaces da miña época estreando bicicletas polo Paseo da Calzada onde daquela, aprendiamos a montar en bici a base de petar contra todas e cada unha das árbores do citado paseo.
En todo caso, soños distintos para o neno de sempre que levamos dentro.






Pero non sempre foi así e sen ir moi lonxe, nada máis que aos tempos do meu pai, a maioría dos nenos construían os seus xoguetes e os Reis Magos normalmente viñan en forma de algunha peza ou ferramenta para poder fabricalos. Ese foi o meu caso neste ano, onde os Reis trouxéronme imaxes e lembranzas, ferramentas coas que poder refacer aqueles tempos de cando meu pai e meus tíos, fabricaban os seus barcos para logo enredar con eles na praia do Pombal, xusto a carón da casa onde vivían. Se cadra sen sabelo, aqueles nenos xogaban a cultivar un xeito de cultura marítima, o Maquetismo Naval..., e mesmo tamén, a fabricar os seus propios soños.


Barcos de guerra/Guerra de barcos:

Ollando estas imaxes que semellan de verdade, imaxino a aqueles nenos metidos na auga até o embigo imitando o son dos disparos dos canóns e o avance dos torpedos, berrando ordenes como se fosen parte da tripulación, colocando os barcos en disposición táctica ou elaborando estratexias para "afundir" as flotas inimigas. Posiblemente hoxe en día isto non sería un agasallo de Nadal politicamente correcto pero seguro que aqueles nenos pasaban olimpicamente das parvadas dos adultos de hoxe en día porque eles seguro que tan só querían xogar coas maquetas que tanto tempo lles levaba elaborar. 



























O Pombal co muro e o piorno da Casa da Cabana ao fondo.

nota: algunha destas maquetas foron cedidas á colección Fundación "Raquel Chaves" do Museo Galego da Infancia e do Xoguete.



Veleiros:

Naquel tempo, aqueles rapaces familiarizábanse rapidamente coa terminoloxía mariña e o arte da navegación a vela e imaxino que moitas veces soñarían con pilotar un deses barcos de verdade.


 


















  






























 
Certo que non todas as maquetas as confeccionaban eles mesmos, ás veces contaban coa axuda dos seus mestres, un deles meu avó, o maquetista do Museo Naval de Pontevedra Egidio López Padín, e outro, o seu primo Alvarito, o dono dos antigos Estaleiros "Padín" ubicados no Pombal (Cambados), a quen moitas veces lle "tomaban prestadas" algunhas maquetas de balandros para soltalos polo mar abaixo a ver cal era o que "máis corría".  Seica máis dunha vez meu pai e os meus tíos levaron algunha reprimenda por esta lideira de andar a probar os barcos "sen permiso", sobre todo tendo en conta que a maioría destas maquetas eran prototipos que logo se construían de verdade.






Estaleiros de Alvarito (Sr. Padín):

Xa falamos máis dunha vez neste blog deste estaleiro practicamente descoñecido para a inmensa maioría dos cambadeses (Balandros de Cambados). E non sendo por catro vell@s que poidan quedar por San Tomé, para o resto de Cambados, estes estaleiros xamais existiron. Pero existiron, e este Nadal por fin din topado cunhas imaxes que levaba moito tempo na súa procura, algúns dos barcos construídos por Alvarito (ou Sr. Padín), o meu particular agasallo de Reis.


 motoveleiro:






No mar (Cambados ao fondo)

Balandro "Yago":

en maqueta

no mar:





   
 Balandro "Niní":

Se cadra un dos barcos máis significativos construídos no estaleiros de Alvaro Padín foi o balandro "Niní", chamado así en recordo de Eduardo López Padín (Nini), primo de Alvarito e a un tempo meu tío avó falecido con tan só 28 anos cando exercía de 1º Oficial do Vapor "Iberia" e a quen menciono na entrada adicada ao mercante Artico.

antes da botadura:





nota: aínda que resulta difícil identificar aos que aparecen na imaxe, si podo dicir que o señor da dereita é o meu avó Egidio López Padín e os nenos que abraza, imaxino que serán algúns dos meus tíos. O que está no centro co pantalón de peto diría que é Alvarito, máis que nada porque teño outras fotos del coa mesma vestimenta e o mesmo peiteado:

Alvarito. Horta da Casa da Cabana. (Corvillón-Cambados)




no mar:




probando:



De pé Alvarito e ao timón ?























Botadura:


Rampla de varada peirao de Cambados (brazo norte)



Confeso que esta imaxe fixo que abrollasen bágoas nos meus ollos ao identificar ao meu pai descalzo xusto na proa do Niní, nese momento, máis atento ao seu esquife que á propia botadura. Co tempo tamén el converteríase en probador dos barcos construídos no estaleiro antes de adicarse profesionalmente ao mar.



Meu pai á dereita xunto co seu irmán Eduardo no centro 





















Alvaro Padín
Até aquí un pequeno retallo da historia deste estaleiro e do seu propietario Alvaro Padín "Alvarito", ambos practicamente descoñecidos en Cambados. Sirva esta entrada que comparto con vos, para tentar na medida do posible reanimar aquel espírito infantil que levou a estes homes a realizar un soño, o de transformar a escala real aquelas maquetas coas que xogaban de nenos, facendo das súa ilusións os seus propios Reis Magos.


remate:  agradezo enormemente que me facilitaran estas imaxes, como xa dixen, un verdadeiro agasallo de Reis e se alguén de Cambados lee esta entrada e por casualidade está interesado no tema ou sabe algo por algún familiar ou achegado, que non dubide en comentar calquera cousa relacionada con Alvarito, co estaleiro, ou as persoas que alí traballaron, calquera información por pequena que sexa, para min será máis que calquera mel, incenso ou mirra. Moitas gracias de antemán e seguir soñando por que ao mellor, eses soños fanse realidade.  
 



En homenaxe ao Sr. Padín "Alvarito" e a todos os que traballaron na construción de barcos no estaleiro do Pombal-Cambados.

      

No hay comentarios: