Ao longo destes últimos meses, fomos
anoando unha madeixa de entradas onde resumiamos as navegacións da
tempada do verán pasado.
Imos continuar coa serie para completar
unha escolma de imaxes coas que rememorar o esforzo do tecido
asociativo que segue imperturbábel por manter vivo e dinámico un
patrimonio marítimo que doutro xeito, tan só existiría na
desmemoria de libros cheos de traza e nos mares de lousa dos
interiores museísticos, tan escintilantes como as mentes que os
iluminan, tan aburridos coma barcos varados na mallante.
Deixábamos a
anterior entrada coas imaxes dunha illa de Sálvora que nos acolle
sempre co seu silencio apracible e nos despide co asubío dunha serea
remexendo a brisa do mar para enchernos a vela dun vento maino que
nos enche de recollemento. Retomamos agora esta viaxe retrospectiva
polos portos de Bueu e Combarro para logo recalar no Grove e rematar
en Cambados no VII Memorial Tito Silva.
Porto de Bueu
XIX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu.
Flota dos Galos de Bueu. 2015 |
A Asociación Os Galos leva xa dezanove edicións da súa xuntanza de embarcacións tradicionais, un fito que tan só se comprende polo traballo anónimo e xeneroso dos seus integrantes. Nótase a experiencia da súa xente en detalles da organización e sobre todo na acollida que dispensan a todos os que por alí se achegan, sen dúbida por que saben perfectamente que a xente que se despraza cun barco a unha concentración, non vai polo bocadillo nin na procura dunha camiseta, senón a compartir vivencias e a amosar o traballo de cada ano na recuperación e mantemento das embarcacións.
Este ano, a chuvia tamén quixo facer acto de presencia pero non por iso deixamos de navegar nin tampouco desluciu a botadura dunha nova embarcación que engadir á flota de embarcacións tradicionais, neste caso unha dorna de tope rescatada da desfeita que finalmente regresou ao mar da man dos Galos mesmo fronte a carpintería de ribeira de "Purro".
Botadura da dorna de tope "Roiba". Praia da Banda do Río. Bueu. Agosto 2015. (Imaxe: Faro de Vigo) |
Acompañando a botadura:
Noraboa a Asociación Os Galos de Bueu..., adiante
Porto de Combarro
E si os de Bueu levan dezanove edicións, os amigos do Clube Mariño "A Reiboa" cumpriron os vinte anos da Concentración de Combarro (lembrar que as primeiras edicións foron organizadas pola Asociación de Veciños Boureante) e ao igual que os de Bueu, tampouco tiveron moita sorte co tempo, e unha fronte fodona deixou a flota amarrada o venres e o sábado pola mañá e non foi até a tarde, cando a maioría dos patróns decidiron poñer os barcos a escorar e as tripulacións a facer banda entre Combarro e Marín bordeando a illa de Tambo.
E coma se cumprían os 20 anos da Concentración, os organizadores montaron unha exposición de maquetas de barcos e outra fotográfica lembrando todo este tempo concentrado en imaxes de barcos e xentes...., lembrazas.
Imaxe da Muller de Balboas navegando xunto a Peça de Rabo. Ano ? |
Pero sen dúbida, unha das mellores cousas destas concentracións,
son as travesías tanto de ida como de volta ao porto de orixe. neste
caso, excelente navegación de regreso a Cambados cos amigos do Clube
Mariño Salnés.
Logo de Combarro e Bueu, regresamos á Ría de Arousa onde proseguimos coas navegacións, a Aguiño, Palmeira, Rianxo..., para finalmente asistir á cita local co Memorial Tito Silva e finalmente acompañar ao Amigos da Dorna Meca na Concentración de Clásico do día do "Pilar" , xa no 12 de outubro.
VII Memorial Tito Silva
Asociación "As Joritas" de Cambados
Inda que non o pareza, xa chegamos á sete edición deste Memorial que ademais, por primeira vez, os organizadores queren que coincida coa 1ª Festa Mariñeira que dou os seus pasos pola rúa Isabel II do Cambados vello.
Foi nun día de néboa pechada, onde os membros do Clube Mariño Salnés tivemos a dificultade engadida de ter que gabear pola porta do pantalán para acceder aos barcos, cousa que é así dende fai un par de anos, onde se nos privou de calquera posibilidade de amarre legal. (Aproveito a ocasión para reivindicar AMARRES para a Flota de Embarcacións Tradicionais de Cambados).
En todo caso, foi un día especial de navegación, non só pola néboa, senón porque o Rana estaba a rebentar de xente, medio Clube Mariño Salnés a bordo, entre eles algúns socios especiais, coma Pilar, que embarcou por primeira vez.
Pilar |
Pero tamén outros estrearon o Rana: Saúl, Xan, Raul..., en fin un feixe de xente, que disfrutaron dunha regata distinta cunha néboa que obrigou á tripulación a ir moi atenta coas bateas que aparecían sen avisar a escasos metros da proa.
vídeos:
E no remate, visita ao estudo do pintor Lino Silva, un bó amigo do Clube Mariño Salnés (socio de honra) e un ilustre veciño da Rúa Isabel II, onde a organización agasallou aos participantes cun xantar dentro da 1ª Festa Mariñeira.
E de momento máis nada, déixovos algúns vídeos de navegacións por Rianxo, Aguiño..., e na marxe dereita, outros máis longos como a volta de Combarro, ou da concentración de barcos clásicos do Grove.
De remate:
Aproveito a ocasión para felicitar á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial polo premio da Cultura Galega 2015 no apartado "Patrimonio Cultural", un merecido galardón para tanta suma de ilusións e vontades, porque a Federación para min non é máis que iso, o piorno onde se vai gardando o grao que aporta cada un..., se cadra tamén é coma un palleiro que medra cada ano co traballo das asociacións ao seu redor, entidades que van poñendo un pouco de cada porto na despensa común.
Parabéns a todos e que a FGCMF siga a ser a imaxe do esforzo colectivo e nunca un fato de nomes propios que impidan a libre circulación do vento que fai mover esta nave común chamada Federación Galega que ten por apelidos o de Marítima e Fluvial..., non fai falla máis.
Aproveito a ocasión para felicitar á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial polo premio da Cultura Galega 2015 no apartado "Patrimonio Cultural", un merecido galardón para tanta suma de ilusións e vontades, porque a Federación para min non é máis que iso, o piorno onde se vai gardando o grao que aporta cada un..., se cadra tamén é coma un palleiro que medra cada ano co traballo das asociacións ao seu redor, entidades que van poñendo un pouco de cada porto na despensa común.
Parabéns a todos e que a FGCMF siga a ser a imaxe do esforzo colectivo e nunca un fato de nomes propios que impidan a libre circulación do vento que fai mover esta nave común chamada Federación Galega que ten por apelidos o de Marítima e Fluvial..., non fai falla máis.
No hay comentarios:
Publicar un comentario