Translate

miércoles, 9 de febrero de 2022

Navegante imaxinario


imaxe. Mª del Carmen López Cuíñas

Navegante imaxinario


Resoa por cruxía o embate dun salseiro

escora o barco pola amura tersa de babor.

Navego baixo o devalo da lúa

farol que barre a cuberta con luz de ardentía.

Fai tempo que a deriva destorce o rumbo

compás que xira no espazo sen demora

lastre dunha agulla que sempre mente.

 

Non adiviño terra baixo as eternas

gardas de soños e ausencias.

Agarro o temón de noites desertas

atravesamos un mar de palabras ermas.

Avanzo no escuro sobre un océano calado

 leito lene baixo sabas de fría calixe

aloumiño xélido do meu corpo esperto.

 

Ficamos xuntos

neste punto, neste intre

neste mar de degoiro cuberto

nesta travesía de ansias ao vento

neste navío de xunco.

 

Bitácora dun navegante imaxinario

tripulante que esperta cada día

co bater das ondas no interior da conciencia

co sabor do mar nos beizos incandescentes

e eses ollos enchoupados de sal

mariño da infancia presa,

recluso do mar na gaiola da inocencia.


Exidio Cuíñas 

do poemario Náufragos do tempo

febreiro de 2022 ©




No hay comentarios: