Translate

lunes, 11 de abril de 2022

Novo «Bou de Vara»

 Novo Bou de Vara





Todo o que empeza ten que rematar algún día. Isto é o que lle acontece hoxe a este blog que iniciou a andadura no ano 2008, fai logo catorce anos. Dende entón realizáronse 240 entradas e recibimos 110.000 visitas, unha cifra aceptable para un blog cunha temática minoritaria: a cultura marítima.

Naquelas tempos, cando daba os primeiros golpes de remo deste blog, eran moitos os amigos blogueiros que contaban as súas cousas para ledicia dos que como a min, gozábamos coa lectura destas historias enchoupadas de salitre. Había blogs para todos os gustos: persoais, colectivos, divulgativos, históricos, experimentais, documentalistas... Unha chea de experiencias compartidas a través das notas publicadas como nun blog de notas, sen ánimo de estenderse nin ser aburridos. Esta era a filosofía, unha familia de amigos dos barcos, do mar e do ceo aberto para contar e compartir sensacións, alegrías e desafíos.

Con esa idea transcorreron estes catorce anos con publicacións diversas sobre navegacións, barcos e velas, regatas, encontros de embarcacións tradicionais, o ronsel do Clube Mariño Salnés e a Federación pola Cultura Marítima (Culturmar), pesca e turismo mariñeiro, persoeiros salientables, etc.


Agradecementos

A pesar de que este blog ten —como case todos—, moito de persoal, tamén é certo que naceu para ser compartido e neste senso, quero agradecer a Lino Prieto a súa contribución ao mesmo coa publicación de numerosos artigos que axudaron a aumentar a perspectiva e acadar unha cobertura máis plural.

Agradecer ao Clube Mariño Salnés de Cambados a singradura compartida ao longo destes anos permitíndome narrar a xeito de diario, o devalar desta entidade que xa pronto acadará os vinte cinco anos de existencia. 

E finalmente agradecer a Iago Pillado a súa contribución para o nacemento desta nova etapa do Bou de Vara, agora en formato wordpress, unha posta ao día que axudará a unha mellor difusión dos contidos e un xeito máis doado de acceder para aqueles que nos visitan. 

E sigo falando en plural porque aínda que en gran medida é unha parte de min mesmo, queda sitio dabondo para compartir con todos vos estes diálogos coa marea.

Moitas grazas 

Adeus Bou de Vara

Benvido novo «Bou de Vara»





Exidio Cuíñas

(Xaquin)

miércoles, 9 de febrero de 2022

Navegante imaxinario


imaxe. Mª del Carmen López Cuíñas

Navegante imaxinario


Resoa por cruxía o embate dun salseiro

escora o barco pola amura tersa de babor.

Navego baixo o devalo da lúa

farol que barre a cuberta con luz de ardentía.

Fai tempo que a deriva destorce o rumbo

compás que xira no espazo sen demora

lastre dunha agulla que sempre mente.

 

Non adiviño terra baixo as eternas

gardas de soños e ausencias.

Agarro o temón de noites desertas

atravesamos un mar de palabras ermas.

Avanzo no escuro sobre un océano calado

 leito lene baixo sabas de fría calixe

aloumiño xélido do meu corpo esperto.

 

Ficamos xuntos

neste punto, neste intre

neste mar de degoiro cuberto

nesta travesía de ansias ao vento

neste navío de xunco.

 

Bitácora dun navegante imaxinario

tripulante que esperta cada día

co bater das ondas no interior da conciencia

co sabor do mar nos beizos incandescentes

e eses ollos enchoupados de sal

mariño da infancia presa,

recluso do mar na gaiola da inocencia.


Exidio Cuíñas 

do poemario Náufragos do tempo

febreiro de 2022 ©




miércoles, 5 de enero de 2022

Exidio Cuiñas e As gotas de mercurio


A enésima vaga coronavírica non só nos trouxo datos estadísticos este mes de Nadal de 2.021, senón que tamén aportou a boa nova da aparición da segunda novela do prezado amigo Exidio Cuiñas, Xaquín, que volve ao mundo editorial despois da súa estrea con Salgadoiro de queixo e mozarella, (Todogrove Edicións, 2009).

 

Bea Laya, Exidio Cuiñas e Tino Cordal


Na sala de conferencias de Exposalnés reunímonos unha variopinta mostra do persoal que admiramos a Xaquín, e tamén a súa obra, para a presentación deste seu novo traballo: As gotas de mercurio.



Público asistente


Trátase dunha novela ben extensa que nos conta as descobertas que fai Demetrios, un mozo grego de orixes galegas, que chega a Galicia a mediados dos anos 80 para quedar ao coidado de una súa tía avoa, Herminia. Instalarase nunha cabana da Serra do Xurés, e unha vez alí comezará a descubrir como foron os periplos de vida do seus antepasados, e a relevancia que tivo nas súas vidas a loita pola liberdade, percorrendo diversos sucesos históricos do mar dos galegos e dos mares nos que andiveron os galegos.

 

Tino Cordal durante a sea intervención


Para presentarnos  este novo traballo, Cuiñas contou coa presenza de Tino Cordal, edil de Cultura no Concello de Cambados, que afirmou que novelas coma esta fan que a vila cambadesa “manteña o seu carácter de terra de artistas”, e incidiu sobre o xiro de timón sobre o carácter desta novela con respecto ao debút de Cuiñas.

Bea Laya, historiadora do Arte e Educadora Patrimonial (que hai pouco máis dun ano recibía o premio Son dxs nosxs, do Instituto Asorey, por un dos seus traballos de investigación local, máis concretamente sobre a figura de Dolores Valle Bechade, A Francesa), comentou na súa intervención que cando Exidio Cuiñas lle confiou o orixinal “apenas tivo que tocarlle” e que tiña “fracasado no cometido de acotalo” xa que as referencias históricas empregadas na obra eran “rigurosas e tomadas en conta con todo coidado”. Laya tamén salientou o papel da muller por medio das personaxes femininas a o longo de todas As gotas de mercurio.

 



Tocoulle a  Exidio Cuiñas pechar o turno de intervencións e fixo un percorrido sucinto polos feitos históricos e as localizacións xeográficas polas que decorre a novela, tamén fixo un relatorio sobre varias persoaxes reais que aparecen no relato como poden ser: Charles Tillon, Victor Le Gorgeu, Pierre Guéguin ou José Aboulker, e tamén tivo unha lembranza sincera e realmente emotiva para Antonio González, Toño o Cesteiro, que finou hai pouco máis de un ano e protagoniza a anterior entrada do Boudevara. Xaquín volve a facelo, misturando referencias históricas con personaxes ficticias, que nos poden lembrar a personalidades reais e cercanas, sobre todo cambadesas; mistura barcos reais e mares lonxanos… creando un pequeño gran universo polo que o lector viaxa sen notar jet lag nin síndrome da clase turista.

 


 

Pola miña banda, quero felicitar a Xaquín por este gran traballo; no 2009 tocoume participar no que era o proxecto da súa primeira novela, facéndome cargo da maquetación, deseño da portada e estas cousas que se fan nas editoriais, e que acabou como aquel querido Salgadoiro de queixo e mozarella, que presentamos nunha infausta taberna chea a plan, nun evento maravilloso no que chegaron a intervir varias das personaxes da obra…


Despois dunha ducia de anos, uns temos menos pelo e outros teñen máis enrugas… e chégame as mans este libraso, de meu amigo Xaquín, que sigue dicindo que non é escritor, manda carallo! Así que mercádeo, pedídello aos Reis, ou ao presidente da República, levádeo para casa e lédeo!

Unha vez máis: Noraboa Xaquín!

 


viernes, 3 de diciembre de 2021

Lembrado a Toño "O Cesteiro"




Cúmprese hoxe un ano do falecemento de Toño. Imposible non lembrar os moitos momentos vividos ao seu carón ao longo de todos estes anos arredor da cultura tradicional, do mar e desas paisaxes do Xurés que o conquistaron para sempre. 
Un home de mirada íntima e reflexións pausadas.
Antonio Gonzalez, "Toño", un mestre, un amigo.

imaxe: Toño a bordo do folkboat Rana. Ons 2009.





Lembrando a Toño a carón da FGCM.


Andábamos polo ano 1999 do século pasado, cando contactei con el por primeira vez con motivo de organizar os talleres de cultura marítima ao abeiro da expedición da Federación Galega pola Cultura Marítima (daquela aínda non era fluvial) á vila bretoa de Douarnenez. Naquel ano acabábase de celebrar o Encontro de EE TT de Rianxo e a vila rianxeira a través da Escola de Carpintería de Ribeira "Xeiteira" tiña un "convenio" de irmandade coa vila francesa e con tal motivo, unha delegación da organización das Fêtes Marítimes de Douarnenez, achegouse até Rianxo para formalizar o convite oficial de Galicia como convidada de honra para asistir ao festival Douarnenez 2000. 

imaxe: embarcacións da expedición da FGCM a Douarnenez 2000. 



Aquel ano, a comisión xestora dunha maltreita FGCM acordou asumir o reto de asistir á Bretaña. Por alí andaba Trepat, Isidro Mariño, Paco Paxaro e máis eu, tentando manter a flote unha Federación que por entón facía auga por todas partes. Pese as enormes dificultades, conseguimos organizar esa expedición que resultou moi ben. Eu encargárame entre outras cousas, de contactar con algúns artesáns para montar un obradoiro de oficios tradicionais que completasen os contidos expositivos e as embarcacións desprazadas até Douarnenez. Sen lugar a dúbidas, dos distintos talleres, o de cestería foi o que acadou un maior recoñecemento. O taller de cestería contiña pezas de enorme valía (paxes de vergas, peselos, megos, culeiros, cesta do palangre, patelas...), pero sobre todo, o éxito veu da man do propio Toño co seu saber facer e a súa enorme presenza. 









imaxes: Toño arranxado a caña da miña dorna, a Chouva, no stand da FGCF. Douarnenez 2000.


A interacción co "cesteiro" foi moito máis alá do que cabería agardar e a súa implicación co evento converteuno nunha figura principal, comprometido e cumpridor dun xeito que nos sorprendeu moi positivamente. 






imaxes: concerto  improvisado no obradoiro de cestería. De esquerda a dereita e de arriba abaixo: Rañó, Toño, descoñecido, Moriño, Raquel, Montse, o pequeno Tomé e Puri.

 





Dende entón, serían moitas veces as que contamos con el para asistir ali onde a FGCM era convidada. Así, ao ano seguinte, asistimos á I'lle de Tatihou (Saint-Vaast-La-Hogue) na Normandía francesa onde a amizade persoal consolidouse definitivamente. Para entón xa se celebraran eleccións na Federación co resultado de Trepat ocupando a presidencia i eu a secretaría, rematando así un período perigoso para a supervivencia da entidade. 




imaxe: visita ao Musée Marítime da illa de Tatihou





imaxe: navegando na dorna "Coninha" en augas normandas a carón da bisquine "L´ami Pierre"



imaxe: demostración de cestería en Saint-Vaast_La-Hogue (La Manche-Normandía).



imaxe: concerto da expedición galega no alto da torre da illa de Tatihou.




De todos estas cuestións estaba ao tanto Toño, que a pesares de non pertencer á directiva nin a ningunha entidade asociada, mantiña un compromiso directo co devir da FGCM e estaba puntualmente informado de todas as accións e movementos que se daban por entón. Eran tempos nos que Toño era un fixo en todas as expedicións que se realizaban: Encontro Combarro 2001, Barcelona 2001 ou Encontro Illa de Arousa 2003. Ese último ano, a FGMF pasaba a ser tamén fluvial i eu xa ocupaba a presidencia. 


imaxe: navegando no Rana. Cambados 2010.


O ano 2004 volveríamos a desprazarnos a Douarnenez, a como non, Toño asistiu á cita como artesán de referencia. Naqueles anos, Toño convertérase nunha presenza segura en todas as actividades da Federación, un persoeiro moi aprezado e querido pola "tropa" mariñeira que se encargaba das embarcacións tradicionais e mesmo o convidaban a navegar sempre que podía abandonar temporalmente o obradoiro de cestería.



imaxe: navegando na Muller de Balboas (Clube Mariño Salnés). De esqueda a dereita: Isidro Mariño, Toño, eu e Juan "Cubeiro"). Douarnenez 2004.



No seguinte ano chegou o Encontro de  Cambados 2005. Un ano de moitísimo traballo para moitas persoas, tamén para min, que ademais da presidencia da FGCM ocupaba a vicepresidencia da comisión organizadora e a secretaría do Clube Mariño Salnés, entidade que no outono de 2004 liderou, organizou e defendeu a candidatura de Cambados fronte a de Vigo para albergar a VII edición do Encontro de EE.TT. de Galicia que se celebraría no ano 2005. 

Con tal motivo, a relación con Toño intensificouse aínda máis, xa que lle encarguei persoalmente ser o director do Obradoiro Mariñeiro onde se ocuparía non só do seu obradoiro de cestería, senón tamén de contratar e coordinar as actividades de todos os artesáns desa edición dentro da carpa montada para tal fin. O resultado foi espectacular se ben a partir de entón, Toño i eu mesmo (ese ano deixei a presidencia) tomamos certo distanciamento da FGCMF, aínda que no seu caso, volvería a formar parte da expedición a Brest no ano 2008 co resto dos compoñentes da Federación, para entón xa coñecida co sobrenome de Culturmar.


imaxe: facendo unha patela. Obradorio Mariñeiro. Cambados 2005.



No programa do Encontro de Cambados figuraba a representación dunha descarga de sardiña no porto vello acompañado da interpretación da "danza das patelas". Esas patelas foron un encargo a Toño, que pasou un mes enteiro traballando arreo para acabar a tempo as 12 pezas que se empregaron na representación. 








imaxes: descarga das sardiñas a bordo da lancha xeiteira "Nova Marina" e interpretación da danza coas patelas á cabeza.  



imaxe: a dorna cambadesa Airexa saíndo de porto vista dende o trincado Ría de Ferrol. Cambados 2005.



As navegacións no Rana.

Ese afstamento coa Federación ao rematar o ano 2005 non afectou para nada á nosa amizade, máis ben todo o contrario e durante todos eses anos, Toño acudiría puntualmente a navegar no Rana para asistir ao desembarco da illa de Ons que se celebra no mes de setembro de cada ano. 


                                            imaxe: a bordo do Rana. Traesía Cambados-Ons 2009




imaxe: bogando no auxiliar do Rana para ir á terra. Ons 2009


Toño tamén era un tripulante fixo nas citas para asistir aos distintos encontros de embarcacións tradicionais de Galicia. Lembro especialmente a navegación até Cabo da Cruz con motivo da celebración da XII edición do Encontro de EETT de Galicia 2015. Para esa ocasión, Toño acudiu coa súa banda de musica tradicional "Os Rampeiros". 


imaxe: travesía Cambados-Cabo da Cruz. Cuberta do Rana 2015.


Noutras ocasións simplemente partíamos sen rumbo fixo, como no ano 2016 cando nos achegamos até a vila de Muros nunha fermosa fin de semana de navegación e pesca.  



imaxe: Toño á caña do Rana volvendo de Muros con forte nordés. 


Foi unha travesía fermosa de volta até chegar a Sagres: ceo azul, ondas no mar e forte nordés. No paso de Sagres pola torre-baliza do Sargo, o vento amaina para deixar unha travesía tranquila pola ría até Cambados.


enlace: video travesía Muros-Cambados. 2016



Levar a Toño como tripulante era sempre un motivo de alegría. Por outra banda, Toño, aínda que a súa paixón era a cestería, non renunciaba ao seu pasado mariñeiro e iso notábase cando viña a bordo. 



imaxe: amarrados fronte á praia de Melide. Ons 2017



imaxe: recollendo velas para atracar na illa de Sálvora. Praia do Almacén, 2018



Visitas á Lobeira. Ourense

Outras veces era eu que correspondía as visitas de Toño, achegándome ao seu "castelo" na Lobeira, (Ourense) en pleno parque do Xurés onde tiña o seu refuxio, o seu mundo particular. 

Alí se establecera nada máis desembarcar dunha campaña no Gran Sol. Deso facía un montón de anos, e naquelas visitas a carón da lareira falábamos desas cousas que o tempo vai deixando por popa até irse perdendo polo horizonte. 

                              

                                     imaxe: a carón da lareira. Lobios. 2014




Lembro as voltas que dei a primeira vez que me acheguei até alí. A única referencia era un particular buzón para as cartas que tiña ao principio da finca. Cantas voltas dera daquela para atopar e entrada da finca!



Voltas tamén demos a lombos das súas bestas: un cabalo chosco e unha mula vella. Naquel ano desprazámonos a familia enteira, Montse, Delia e Mauro que o pasaron de medo choutando por toda a finca.




A conversa con Toño sempre era especial. O seu talante pausado, a paciencia para escoitar antes de falar e a claridade coa que expoñía os seus puntos de vista, facían de calquera conversa un aporte de ideas e consideracións a ter moi en conta. Evidentemente non coincidiamos sempre na valoración ou apreciación das cousas pero o seu parecer sempre era do máis respectable e por suposto, acorde ao seu modo de pensar e vivir. Nese seno, Toño foi a persoa máis coherente consigo mesma que coñecín.



imaxe: camiñando por Sálvora co torreón do almacén á esquerda e o Rana amarrado no peirao á dereita. Illa de Sálvora, 2017.



A última vez que tiven contacto con el sería a finais de 2020, Foi con motivo da organización da Iª Xornada de Cultura Marítima de Cambados que ía organizar o Clube Mariño Salnés para o outono dese ano. 
A participación de Toño era dobre: montaxe dunha exposición sobre cestería da costa e a proxección do documental "Cesteando" de Plácido Romero. 
Finalmente tiven que chamalo para adiar o proxecto pola pandemia. "Queda para a primavera do ano que ven" comenteille a través do teléfono. A Toño pareceulle ben, "para a vindeira primavera entón", dixo finalmente antes de despedirse, se cadra para sempre.


                                          imaxe: Toño visto dende o interior do Rana. 



A desaparición de Toño deixou un oco grande, un baleiro na vida de moitas persoas. En min tamén, Por contra, penso no moito que me aportou ter coñecido a unha persoa tan valente, consecuente consigo mesma, fiel amigo e sobre todo un ser libre. Neste senso, o exercicio da liberdade levouno a tomar todas as decisións importantes ao longo da súa vida até o final. 

Graciñas Toño, mestre..., amigo.     

      



en memoria de Antonio, Toño "o cesteiro".


martes, 9 de noviembre de 2021

Verán 2021: un feixe de millas

Difícil resumir toda a campaña deste ano 2021 en tan pouco espazo. Pero non esquezamos que isto é un blog e polo tanto imos poñer tan só algunhas notas sobre as navegacións e travesías realizadas dende abril até outubro do presente ano no folkboat Rana, deixando para outra ocasión, as saídas en dornas do Clube Mariño Salnés e a asociación Vela Tradicional Cambados.

verán 2021
de abril a outubro
Un feixe de millas

Folkboat Rana. 




Inicio: abril-maio.


Comezamos trasladando o Rana dende o Náutico de Ribeira, (porto de inverno) ao porto de Tragobe-Cambados para subilo á terra e proceder cos traballos de mantemento anual: limpeza, pintura, vernices e arranxos varios. Este ano un pouco máis de traballo por mor de ter que baixar o pau para saneamento do coelan, un verniz-cola que está a dar bos resultados.

  imaxe: travesía Ribeira-Cambados. abril de 2021




Foi un mes de traballo continuo antes de devolver o Rana ao mar:






Por fin, a primeiros de maio o Rana volve ao Mar e na seguinte semana, empeza a tempada de navegación cunha travesía de proba para axustar o barco e comprobar que todo está ben.


Travesía até o arquipélago de Sálvora. 15 de maio de 2021.
Tripulacion: Betol, Miguel, Bea, Olaia, Xaquin + Cristal. 


 






Logo dun parón por mor das "inoportunas" chuvias da metade de maio, reiniciamos as travesías de fin de semana con rumbo a Ons. Unha fermosa e esixente travesía, con vento e mar de fondo pola aleta de estribor nas proximidades de Centulo (arquilélago de Ons) que por momentos, fai difícil o goberno cando o temón nota o paso do pico das ondas, iniciando un surfeo excitante co barco xogando ou xoguete dos vagallóns.


Travesía a Bueu. 29-30 de maio 2021.
Tipulación: Olaia, Miguel + Xaquin.

         aproximación ao Centulo:














Paso por Ons:








Maniobrando para entrar en Bueu:




Noite en Bueu:


Na imaxe, Cristal vixiando na noite amarrados no porto de Bueu a carón do galeón Ave de Paso. Ao día seguinte, Cristal daría as primeiras mostras do mal estado da súa columna. Esa mesma semana sería operada de urxencia dunha enorme hernia discal que case a deixa paralítica. Por sorte vaise recuperando e para a vindeira tempada, agardamos poder tela de novo a bordo como parte fundamental da tripulación do Rana. 



Travesía a Rúa. 5 de xuño 2021.
Tripulación: Lucia, Santi, Miguel, Bea, Olaia + Xaquin. 

Fermoso día de primavera para unha merenda con baño na illa de Rúa. Temperatura perfecta, ventiño o xusto para unha navegación de domingo.  







.








enlace: illa Rúa


Saída na regata Volta a Arousa de dornas a vela (ACD Dorna). 26 de xuño 2021.
Tripulación: Pablo, Belén, Begoña, Olaia + Xaquin.

Tarde morriñenta, de ceo anubrado que ameaza coa melura. Tarde de pouco vento, quietude e chaqueta polos ombreiros para combater a sensación de humidade.



Paso das dornas pola Lobeira (torre-baliza) vistas dende o Rana.

  









Travesía Cambados-Ribeira e noite en Area da Secada (Illa de Arousa). 10-11 de xullo 2021.  
Tripulación: Miguel, Olaia + Xaquin.

Foi unha boa xornada de navegación cun vento fresco que nos animou a sair por detrás de Sálvora para logo achegarnos até Ribeira e finalmente fondear na fermosa praia de Area da Secada para facer noite na Illa de Arousa.










E para a travesía de volta a Cambados, un forte nordés que nos levou a casa a todo fulespin. 


 







Travesía ao Areoso. Illa de Arousa. 15 de xullo e 2021.
Tripulación: Delia, Rubén, Selena, Eloi, Yoel + Xaquin.

Foi a saída anual reservada por Delia e amigos para pasar o día no Areoso, e aínda que o día amenceu con néboa, pouco a pouco esta foise afastando para a mediodía, ter un sol de verano iluminando a fermosa area branca do illote arousán.


 











Saída luns 02 de Agosto.
Tripulación: Rubén, Bea + Xaquin.

Iniciando o mes de agosto e a golpe de luns, facemos unha saída pola ría sen rumbo fixo, parando finamente en Palmeira para comer e un baño na súa fermosa praia a pé de porto.









.



Saída mércores 4 de agosto.
Tripulación: María + Xaquin.

Cada ano, o Rana reserva unha saída preparada para a familia se ben, o mal tempo previsto para as primeiras horas da mañá, desanimou á maioría, quedando tan só miña irmá máis eu para unha fermosa xornada de navegación cun ceo que se foi abrindo na medida en que nos aproximábamos á praia de Coroso (Ribeira).













Travesía a Rianxo. 10 de agosto de 2021.
Tripulación: Rubén, Jordi + Xaquin.

Foi unha boa tarde para montar o asimétrico e chegar rápido até Rianxo, unha vila e unha travesía que lle encanta ao Rana. Un día típico de verán, con moito sol e gran cantidade de velas na ría.












Navegación rumbo New York.  8 de agosto 2021.
Tripulación: Bea, Miguel, Jordi, Iago + Xaquin.

Nos últimos anos estamos collendo o costume de facer unha travesía en liña recta (con rumbo oeste) até onde de o día. Este ano nos adentramos en mar aberto unhas cantas millas por fóra de Sálvora: ventiño, mar de fondo e ningunha balea. Tampouco avistamos New York nin a costa americana... en fin, queda para outra ocasión.












Paso por Sálvora;








Saída da regata dos faros de dorna a vela (Amigos Dorna Meca-O Grobe). Sábado 14 de agosto.
Tripulación: Jordi, Iago + Xaquin

Sen dúbida, unha bonita xornada de navegación acompañando as dornas participantes na regata. En especial, fixemos cobertura das embarcacións de Cambados, a Julicheira e a Muler de Balboas (Clube Mariño Salnés), a Airexa e Stiya (Vela Tradicional Cambados).  
















Tripulantes das embarcacións do Clube Mariño Salnés na entrega de premios. O Grobe. 




Travesía a Vilaxoán. Festa das Revenidas. 11-12 de setembro de 2021.
Tripulación: Miguel, Samu + Xaquin.


Visita obrigada as Revenidas de Vilaxoán. Este ano se retomaban os concertos logo do parón pola pandemia no ano anterior. En todo caso, para nos o dos concertos é o de menos, o importante é a travesía e  feito de facer noite nun porto con tanto encanto.










.











Travesía a Ons. 18-19 de setembro. 2021
Tripulación: Jordi + Xaquin.

Outra navegación que non pode faltar no verán é a visita a Ons. A veces coincidindo co "Desembarco de Ons" organizado polo Galos de Bueu e Os amigos da Dorna de Portonovo e a veces, como este ano, como navegación por libre e como case sempre, uns fermosos días de setembro cuns solpores impresionantes vistos dende a illa.










   














Encontro de Embarcacións Clásicas e Tradicionais. X Memorial Tito Silva. Cambados 9 de outubro 2021. (Asociación Vela Tradicional Cambados, Clube Mariño Salnés).
Tripulación Rana: Nati, Quico, Diana, Betol, Rubén + Xaquin. 


É unha xuntanza de embarcacións moi singular, e a pesares de que actualmente o Encontro o organizan as asociación de VTC e o CMS, os familiares de Tito Silva seguen tendo un protagonismo especial, conservando un formato moi preto aos navegantes. A xornada de navegación realízase cun espírito de convivencia sen competición de ningún tipo e se cadra, a presente edición foi a que sumou máis barcos e tripulantes, en parte supoñemos que polas gañas de xuntarse en augas cambadesas logo do parón do ano pasado pola pandemia.




























Navegación a Ribeira. Fin da tempada. 11 de outubro 2021.
Tripulación: Rosana, Iago, Rubén + Xaquin.
 
Como o ano pasado, a travesía a Ribeira no mes de outubro, marca o final da tempada de navegación para o Rana. Unha travesía que se fai con pena pero necesaria para o descanso do barco e dos tripulantes,. Con todo, foi unha bonita xornada de sol e con escaso vento pero o necesario para unha travesía tranquila para un fondeo previo na praia de Coroso para un baño de despedida do verán 2021. 

















Colocación das toldillas de inverno. Náutico de Ribeira:











Remate:


Unha tempada completa, con moitas saídas e vivencias compartidas con distintas tripulacións. Nestes 17 anos de navegacións no folkboat Rana, serían varios centos de persoas as que embarcaron neste barco que fai as veces de pequena escola de iniciación de navegantes para o Clube Mariño Salnés de Cambados. Por iso, chegado outubro, o Rana ten máis que merecido un longo descanso protexido das fouces do inverno.  Polo demais, tamén foi un ano de moito navegar nas embarcacións tradicionais cambadesas, na Julicheira, na Muler de Balbaos e na Airexa, esta última, unha dorna que cada ano nos gusta máis sair navegar con ela. 


agradecementos:


Aos membros do Clube Mariño Salnés por compartir tantas navegacións.
A Dolores Abella polas facilidades para invernar o Rana.

imaxes: 

Iago Pillado
Rubén Gonzalez
Miguel Montero
Arquivo boudevara 


imaxe: saída na dorna Airexa. Verán 2021