Sentado
na popa,
ollo o ronsel das hélices remexendo o mar
como unha batedeira oceánica
destripando
as augas por debaixo do casco de ferro.
Levo así unhas horas ollando
como desaparece ao lonxe esa estrada
que vai quedando
debuxada fronte a min,
un camiño invertido que nace a destempo
como testemuña
do paso da vida
cando se tenta recordar,
un reflexo escumoso que pronto se esvaece
no mar
como a memoria se perde no horizonte.
e as referencias lineais bórranse con
ese sol
que se derrete ao lonxe disolvéndose no infinito,
tragado pola
inmensidade dun océano
que se funde co ceo nun crepúsculo imaxinario.
Ollo
eses instantes,
cando as cores se mesturan na paleta
arremetendo con derradeiro
fulgor
contra esa noite que vai dando pinceladas negras
que acenden as sombras.
Vexo como o mar elabora unha perfecta
disección da claridade,
dixerindo os
restos do sol que rebotan
En
plena dixestión da noite,
cando a escuridade vai xuntando os ángulos
nun perfecto
círculo de penumbra,
retorno a vista para ese camiño
onde os últimos azos de
luz
alumean o noso rastro cun manto de grises
e no meu ánimo asoma un aceno de
repouso
acompasado co murmurio lene dos motores
retumbando baixo a cuberta.
Exidio Cuíñas
setembro 2018 ©
1 comentario:
Publicar un comentario