Translate

miércoles, 27 de junio de 2018

Pano Branco





boligrafía: Pano ao vento


Pano branco

Pano branco, costura de sal
Pano branco para bicar o mar
Pano branco, rizo de mel
Pano branco para deixarte querer.


Vai co vento pano branco de portar,
que na proa agardan os salseiros para te ver.
Pano branco por te ver,
asoman as nubes con asubíos para te levar.
Pano branco por te querer, 
 apértanse as drizas para te cantar.



Pano branco escuma de sal
Pano branco costura de mar.



Do silencio queres fuxir pano branco de foular,
por non ver o trapo de preguiza caer.
Pano branco por te mover,
embebes as ansias para te calar.
Pano branco por non morrer,
cantas ao vento para te arredar.






Pano branco, costura de mel
Pano branco para bicar o mar
Pano branco rizo de sal
Pano branco para deixarte levar.




Exidio Cuíñas
   xuño 2018 ©




É tempo de navegar, e xa levamos unhas cantas travesías no macuto: Travesía Portonovo Cambados, II Desembarco Gaélico, Travesía Sálvora...


 


  
Boas singladuras neste verán 
e vento nos panos brancos!

Imaxes:
Miguel Montero e Diego (Vela TRadicional Cambados)
2018

viernes, 4 de mayo de 2018

Sálvora: diario de un farero

Sálvora. Diario de un Farero



A editorial Hoja de Lata, ven de publicar "SÁLVORA. DIARIO DE UN FARERO",  un traballo persoal de Julio Vilches, fareiro da illa dende 1980 até o mes de agosto de 2017.

reproduzco a presentación que nos aporta a páxina da propia editorial:
Hoja de Lata. "Sálvora. Diario de un Farero".

 





 Unha mañá brumosa de 1989, Julio Vilches desembarca en Sálvora, illa localizada na bocana da ría de Arousa, disposto a estrear a súa praza de fareiro. O reciben un estartelado faro en obras, dous quilómetros cadrados de praias e bosques virxes, cabalos salvaxes, estrondo de gaivotas e os seus novos veciños: Andrés, un axudante acordeonista con moito perigo, e o Algarrobo, coas súa egrexia carabina. Para Julio, Sálvora será a partir de agora un anaco de terra libre onde celebrar a vida xunto a unha peculiar comunidade móbil de animais, amigos, amantes, náufragos e trotamundos mariños.

 
Con inusitada frescura e non exenta de drama e humor, estas páxinas recollen en primeira persoa, os quefaceres e a evolución do oficio de fareiro, o traballo de cotío nunha illa practicamente deserta, onde os traballos e as avarías do faro altérnanse con sesións de guitarra e cancións xunto a cheminea, guerras feudais co marqués propietario da illa, recollida de “mareas louras” lanzadas ao mar por contrabandistas en apuros, auxilio de mariñeiros accidentados, perigosas travesías marítimas, animadas festas e tamén, épocas intermitentes de soidades (relativas).


Edición de Gloria Vilches



Julio Vilches 
(Valencia 1953)

Farero de Sálvora dende 1980 até agosto de 2017.










O libro é de todo recomendable, son 37 anos de oficio narrados en primeira persoa por unha testemuña de privilexio para poder comprender a vida dun fareiro e se cadra, a transformación da sociedade dende a atalaia dun farol alumando o mar e a terra ao seu redor.

Deixovos unha escolma de imaxes dunha travesía realizada en setembro do ano 2012 onde fumos recibidos precisamente por Julio, que nos convidou amablemente a subir até o alto do faro:






Julio Vilches na entrada do Faro




















imaxes de Rafael Padín.



Para os que queirades ver máis imaxes do faro, deixo o enlace daquela xornada de setembro de 2012


BOUDEVARA: VERÁN II

Noraboa pola publicación do libro e até sempre.

viernes, 23 de marzo de 2018

Néboa

A Néboa
(boligrafías e contos salgados)


 
Boligrafía 1: Gadoupa nebra

A Néboa


Veñen asomando ao lonxe as dedas incoloras da néboa. 
Por detrás, unha man de pel gasosa vai gabeando polo horizonte, 
rabuñando coas unllas unha superficie que vai cedendo ante
o gris húmido que enchoupa o ánimo e aterece o espírito.



Boligrafía 2: Misterio gris


Paseniño decorre pola fronte un pano que vela o sol, 
soldando o ceo co mar até fundir o rumbo nun compás de latitudes cegas. 
Ao pouco, un manto de melura nos aperta e arrola con beizos fríos 
que enchen as meixelas de inquedanzas que devalan nun orballo eslamiado.






 
Boligrafía 3: Fervenza calada



A nebra é a besta durmida que esperta coa fame dun buraco negro abismal, 
unha fera doce que esborrexe polas ondas do mar devorando a inmensidade do azul do ceo, 
dixerindo a claridade en arrotos xordos que enmudecen o son do vento.


A fera vai esparexendo as gadoupas polos flancos coma exército burlón, 
asubiando airexas de fumazo mentres sementa de chumbo líquido os puntos cardinais que desaparecen dos meus ollos 
ao paso suave dunha luva
trenzada con diminutas bágoas que pechan as pálpebras coma seimeira de calixe.





Exidio Cuíñas
  da serie "Contos Salgados", marzo 2018 ©



lunes, 19 de febrero de 2018

A manda do vento



 A manda do vento
(boligrafías e contos salgados)





A manda do vento


O vento sementa o mar con mandas de carneiros tolos 
choutando nas ondas até perderse polo horizonte. 
Algúns mesmo petan cos cornos no costado do barco e outros, 
esmáganse contra a obra morta, 
metendo os miolos polos embornais para esparexer as babuxas 
polos corredores en ringleiras de salitre. 



 
A manda do vento traballa decote: 
fai triscar os paus, pon tesos os panos e as escotas, escora o barco, lava a tilla 
e enchoupa de salseiros 
as ínfulas dos farfalláns.

Cando anda vento, 
o temón ponse serio e a cana tatexa en revolucións diésel 
coas vibracións do pinchón. 






E se o vento quere, 
o barco non é mais ca un casco pluma 
que debuxa cadrelos de escumallo na popa de rabo de galo 
mentres na proa, 
pinta garabatos que foxen espavorecidos 
co paso da roda polo mar afiado. 

De cando en vez, 
un vagallón cheo de forza sete 
rompe na amura de barlovento 
e de socate, 
unha ruxidoira invertida devala nun chorar 
dende a verga até o pano encollido de tanto rizar. 




O vento turra do arrastre da vela, 
toda embebida de relinga para amosar unha bolina pechada que racha o aire pola metade cos dentes apertados de rabia lastrada.
Co vento, 
abrolla o resplandor da coraxe e da loita,
que non parará até que a manda de carneiros,
agochen o rabo 
por entre as gretas do calafate.




Exidio Cuíñas 
da serie "Contos Salgados", febreiro 2004 ©