Translate

viernes, 5 de marzo de 2010

O XYNTIA

Xa pasou o temporal da pasada fin de semán e os metereólogos anuncian a chegada doutra borrascada de certa consideración. O “Xyntia” non foi o que se agardaba i é que dende que non está Peman no Tempo da Telejaita, os chubascos xa non son tan churrascosos, as nevoas tan nevoentas e os orballos tan tocacarallos.
Bueno, aquí van unhas fotos do temporal “Xyntia”:

Por Lino Prieto. Corresponsal de tronadas








(Nota: a cara de Xabier Babé ollando á "Peregrina" tiña que ser boa.)





E esta preciosa foto (roubada) é do cambadés Iago Otero, que lle sacou esta fotasa a Isidro. (pedimos deculpas anticipadas ó autor da foto por publicala sen permiso)


Isidro na ponte do Chasula
Autor: Iago Otero
Título: O ultimo en abandoar o barco

E aquí van un videos tomados co meu mobil que acabou de ajua até os buzóns.











E como hoxe é venres, retomamos as novas BOU e VARA da semana








BOU
A boa nova. Por Lino Prieto



A boa nova desta semana esperemos que sexa desencadenante dutras boas novas, xa que se trata dn feito necesario e extrapolable.
A sesión plenaria do Concello do Grove, celebrada onte xoves 25 de febreiro, ven de acordar de xeito unánime apoiar a enmenda á Lei General de Navegación Marítima, co cal se amplia o listado de entidades que suscriben a devandita enmenda.
Como dixen ao principio, sería excelente que máis Concellos se sumaran de xeito oficial a esta iniciativa da cal a FGCMF é parte importante da estratexia, xa que a vontade da sociedade e a realidade ten que ser tomada en conta á hora de lexislar.
A noticia:
http://www.todogrove.com/index.php?option=com_content&task=view&id=2725&Itemid=1

A VARA
A mala nova da semana
Por Xaquin L. Cuíñas

Como en anteriores meses, a piratería no Índico segue a ser un pesadelo para a flota atuneira.
Onte tocoulle a un atuneiro vasco coa metade da tripulación galega e outros barcos tiveren que fuxir para non ser abordados. Antronte o mesmo panorama, o Albacan tivo que facer uso da garda privada para intimidar ós atacantes e facelos desistir do intento de secuestro.
Chove sobre mollado.



(Foto roubada. La Razón.es)

viernes, 19 de febrero de 2010

DA ASAMBLEA XERAL DO CMS


O pasado día 12 de febreiro celebrouse no local social do CMS a tan agardada Asamblea Xeral que tiña por obxecto principal a aprobación dun documento de consenso que permitise reflotar o Clube e por outra banda, acorde coa nova etapa, elixir nova tripulación para gobernar a unha renovada masa social.

A diferencia doutras ocasións, este blog non está autorizado expresamente para publicar a acta da Asamblea xa que tamén se decideu a contratación dun dominio propio para a asociación, así que o que se di aquí é meramente información extraoficial e totalmente persoal.


Tendo en conta estas aclaracións imos falar da Asamblea:

1º. Nunca na historia do Clube (xa máis dunha década), viuse unha Asamblea con tanta xente, o cal demostra polo menos dúas cousas: que o CMS está máis vivo que nunca e existe interese dos socios pola asociación e por abrir unha nova etapa.

2º. Nunha Asamblea tan importante onde se trataba o futuro da entidade, asistimos a distintas posturas, todas elas lexítimas, argumentadas e defendidas con seriedade. Estas diferencias non impediron por outra banda, que se chegase as necesarias votacións e unha vez concluído o proceso de votación todos os presentes aceptasen o resultado cun comportamento elegante e exemplar. Esta foi a sensación no remate da Asamblea e a nivel persoal quero felicitar a todos os socios pola madurez coa que se desenvolveo o proceso de renovación que fai moito máis grande este Clube e nos fai sentir orgullosos de ser membros do CMS.

3º. O proceso de votación resolveuse por maioría coa aprobación do informe da Comisión Xestora que “desatasca” a situación até ese momento e senta as bases para o futuro. Por outra banda sae elexida por maioría a única candidatura que se presenta como nova directiva integrada por: Juan Martinez Cacabelos (“Cubeiro”), Xaquin Cuíñas, Verónica, Alexandre Acha, Rafael Padín e Bruno. Unha directiva que combina experiencia e renovación, con moitas caras novas que van a aportar unha renovada imaxe de xuventude, imaxinación e novos tempos. Na Asamblea maniféstase que esta directiva vai ter que traballar en comisións de traballo con outros socios e necesariamente con aqueles que contan coa experiencia na organización dos principais eventos que organiza o Clube.

4º. Con toda probabilidade Juan Martinez Cacabelos será ratificado na vindeira Asamblea do 12 de marzo como 4º presidente desta entidade. Até o de agora este cargo foi desempeñado por este orden por: Xaquin Cuíñas, Bea Costa e Fernando Piñeiro.
Sen dúbida “Cubeiro” é o relevo natural para o CMS e na miña opinión é a persoa de consenso que o CMS precisa neste momento.

Na Asamblea se decidiron outras cousas importantes para o CMS pero sen dúbida o principal é que entre todos acabamos de darlle un futuro a esta entidade que xa ten a súa historia.
LONGA VIDA Ó CMS .

Ben, e como é venres, estamos nun novo mes, acabouse o Antroido e levamos unhas semanas desatendendo este blog, imos retomar a actividade propia de boudevara.
Así que imos elixir persoeiro do mes.


PERSOEIRO DO MES


Juan Marinez Cacabelos
“Cubeiro”


Non podía ser doutra maneira que o que vai ser novo presidente do noso querido CMS sexa persoeiro neste blog.

Coñezo a Juan dende que éramos nenos; veciños de toda a vida, medramos xuntos xogando polas corredoiras do barrio de Veleco, dandolle patadas a pelotas pinchadas no “Campo das Cajallas” e cazando pardaus cos nosos “tirataques”, feitos con gallas de pau de laranxo ou carballo e gomas mercadas na zapatería de Forjan. Eran tempos en que as portas das casas estaban abertas e merendábamos indistíntamente na cociña que estivese máis perto cando apertaba a fame: bocadillo de nocilla nalgunhas, de tulicrén noutras, chouriza en case todas...éramos os rapaces de Veleco.

Cubeiro medrou nunha familia de peixe fresco por parte de pai (vendía peixe polas aldeas), de veladores e xurelos, de anguías, pintos e marajotas que o pai traía todos os días naquel Land Rover que entraba pola horta na parte traseira da casa onde medraban tomates, xudías, leitujas e verdura para as jaliñas e o porco. Por parte de nai herdou o oficio de “mariscadora”, os caldeiros coas lexítimas a desbabar no pilón. Hoxe “Cubeiro” é o único home mariscador entre unha lexión de 144 mariscadoras que faenan no Sarrido, o banco de marisqueiro a pé máis grande da Ría de Arousa e onde as mulleres distinguen na inmensidade do areal o Lombo Branco, A lomba da Rata ou O Baral, xa ó pe da Torre de San Sadurniño.


O Serrido. Foto Mª Xosé ("Guimatur")

O ambiente familiar foi sempre suoroso e salgado, de traballo e deporte. Toda a familia era un rebulir de faena e o tempo libre estaba consagrado ó deporte, unha estigma da familia: Pepe, Mario, Roberto e o mesmo Juan formaron alineación en todas as categorias do Juventud Cambados CF, no Portonovo, do Pontevedra ou do Celtiga. Coa irmán Marisa compartin moitos descensos no Miño, no Eume, no Tambre ou no Umia, cando remábamos no equipo de piragüistas da Sociedade Cultural de Cambados.
Despois a vida levounos por camiños distintos, eu por Madrid e Barcelona e “Cube” por Hamburgo e La Habana, máis nunca perdemos contacto un do outro. Nos veráns gustábamos de ir a praia de Paxariñas a nadar, xogar o futbol na area e acampar na noite a asar sardiñas (¡que tempos!).

Na súa volta de Alemania no ano 1998 atopámonos polo recén inaugurado “Paseo marítimo de San Tomé”: –carallo como cambiou esto... e qué, ainda joberna AP?”-, me dixo un tipo de longos turbillóns na cabeça montado nunha super “montanbike”. Era Cubeiro que entraba en Cambados despois de percorrer toda unha aventura en bicicleta dende Hamburgo. Finalizaba así a súa etapa teutona para asentarse definitivamente en Cambados. De inmediato o puxen ó tanto do proxecto de Clube de vela que estábamos a armar, “chachi” me dixo, “eso é o que veño a buscar”.


Entrevista na prensa. Ano 1999


Primeira intentona de adquirir unha dorna para o CMS. A Mª Victoria do navegante cambadés en solitario "Lufo". Travesía Cambados-Lisboa. Ano 1998

Durante estes anos aprendemos a navegar xuntos na “Chouva”, na “Julicheira” e na “Muller de Balboas”, facendo ás veces travesías insconscientes de navegacións nocturnas e temerarias. Seguíamos na procura da aventura, un pouco tolos aínda... !como sempre¡.


Navegando na "CHOUVA" rumbo á Illa de Arousa. Verán do ano 2000. xa tiñamos dorna. Foto: Rosa García (Amigos da Dorna Portonovo)



Arranxando o RÂNÂ. Verán do 2008. Asteleiros J. Garrido. O Grobe


A bordo da "Muller de Balboas". Verán do 2009

Vivimos paralelamente ó devenir do CMS, con altos e baixos, con improntas de ilusión e desacougo, mais sempre ahí.
Agora as cousas mudaron para todos, estamos definitivamente noutras cousas, noutros tempos; as canas empezan a dar acougo nas cabezas e xa sabenos algunhas cousas. É un novo momento que arredor de Cubeiro teremos que viver.
Moita sorte no empeño amigo Juan, todos estaremos apoiandote porque agora tócache coller o timón, fixar o rumbo e dirixir á tripulación deste tan querido e entrañable CMS, a nosa casa, o noso sitio como cambadeses ... para nós o mellor Club do mundo.

Como berrábamos no Campo da Mercede en domingos de futbol:
“ALA CAMBADOS”.

jueves, 4 de febrero de 2010

CONVOCAMOS ÓS SOCIOS DO CMS


A muller de Balboas varada en San Tomé.
Foto: Carlos Culler

Querid@s soci@s do CMS, o venres 12 de febreiro estamos convocados para dous actos:

- 1. Para a Asamblea Xeral coa seguinte Orden do Día:

CLUBE MARIÑO SALNÉS
Asamblea Xeral Extraordinaria
Venres 12 de febreiro 2010
20.00h 1ª convocatoria
20.30h 2º convocatoria

ORDEN DO DÍA

1. INFORME DA COMISIÓN XESTORA
2. ELECCIÓN NOVA DIRECTIVA
3. APERTURA NOVA CONTA OFICIAL DO CLUBE
4. DOMINIO WEB
5. ACTUACIÓNS 2010

- É previamente as 19.00h estamos convocados a unha Asamblea Informativa da FGCMF para as entidades da comarca do Salnés. Esta asamblea ten por obxecto en palabras do presidente Victor Fernandez:

Un dos obxectivos da xunta directiva da FGCMF é o de mellorar entre os socios e directivos das asociacións o coñecemento de cómo funciona a FGCMF e que traballos está a realizar en beneficio de tódolos colectivos asociados. Por esta razón estamos iniciando unha serie de reunións entre os directivos da FGCMF e os socios das diferentes asociacións. Estas reunións estámolas a facer por zonas. Para a banda sur da Ría de Arousa ímola realizar o venres 12 de febreiro ás 7 da tarde en Cambados, nos locais da Federación. Lembrade que sobre todo interesa que acudan a esta reunión as persoas que non van ás asembleas e non teñen contacto coa Federación”.

Outras cousas:

- Mantense como lugar para a celebración da Asamblea do CMS o noso local social; se ben, como previamente imos estar no local da FGCMF, temos permiso da Federación para celebrar a Asamblea alí. Para a semana anunciaremos o lugar definitivo.

- Lembrade que é preciso a acreditación como socio para poder votar na Asamblea Xeral. Na acta da reunión do pasado venres xa falamos desto e de cómo facelo. Tede en conta que de momento non dispoñemos de conta bancaria polo que aqueles que queirades satisfacer a cuota de 20€ antes da Asamblea teredes que entregala á Comisión Xestora. Aqueles que de momento non o vaiades facer, tedes que comunicar a vontade de continuar no Clube e compromiso de satisfacer a cuota dentro do 1º trismestre deste ano.
cmsalnes@gmail.com
tfonos da Comisión:
Juan 670652397
Xaquin 626722143

- Tamén está aberto dende o pasado venres a inscripción de candidaturas para elección de nova directiva.

- Por último é posible que mañán nos xuntemos no local social para finalizar as labores de limpeza. Poñédevos en contacto entre vos para determinar a hora.

Saúdos a todos

lunes, 1 de febrero de 2010

Conta bancaria do CMS



Como sabedes, estes días algúns socios foron a ingresar a cuota anual de socio do CMS e recibiron con sorpresa que a conta estaba cancelada. Na reunión do venres consideramos que esta situación era irregular xa que era precisa a autorización da Asamblea e das firmas autorizadas.



Pois ben, falando co Banco, nos dín que a cancelación da conta obedece á pouca actividade económica da mesma o cal ocasiona un gasto de mantenimiento de 38€ anuais amais de cargar uns intereses de descuberto de loucura (inda por riba de facelos traballar pouco cobrannos máis).
Informándolles do malestar por non comunicar esta situación ó Clube e que o banco acordase unilateralmente pechar a conta sen importarlle nada do que diga o Clube, imos mandar tomar polo cú unilateralmente ó tal Banco Geral porque entendemos que en cuestión de pesos xa non nos queda nin Portugal, e eso que o lema deste banco é:
"lo nuestro son las personas"

Como dí a canción: "con estos majaderos no se hace cosa buena"

Por certo alguén calcularía os millóns que se envolsan os bancos polas comisións das contas abertas de axuda para Haiti?
Ala a buscar banqueiro, como non hai ningún bo, tentaremos atopar o menos malo.

E como non todo vai ser malo, onte disfrutamos dunha gran xornada de navegación con Gerardo da asociación Dorna Meca e co patrón e armador da Dorna Sara:


Dorna de Tope "Sara". Bordo pola Ría de Arousa


O Patrón e armador, Avelino Ochoa

Unha aperta a toda a tripulación dende Boudevara

sábado, 30 de enero de 2010

ACTA DA REUNIÓN DO CMS


Onte á tarde como estaba previsto xuntámonos distintas persoas do CMS para proceder á limpeza do local social e despois celebrar unha reunión. As tarefas de limpeza como era previsible comezaron con retraso pero foron efectivas. As oito en punto comezamos a reunión que tiña por obxecto principal preparar a Asamblea Xeral que vai ter lugar o venres día 12 de febreiro. Como vedes cambiouse o o caracter da Asamblea polo de reunión, xa que algúns membros destacados do Clube manifestaron a súa imposibilidade de asistir.

Esta é a Acta da reunión:

Exposición de motivos:
En Cambados, día 29 de xaneiro ás 20.00h, reúnense no local social por petición dun número significativo de socios para tratar a situación de irregularidade na que está a Asociación e que resúmese no feito de contar cunha “directiva en funcións” pero non ratificada pola Asamblea Xeral dende o ano 2005. Enténdese directiva en funcións xa que non se convocaron eleccións de nova directiva cada catro anos como marcan os Estatutos e polo tanto enténdese que se prorrogou o mandato da actual directiva de maneira totalmente extraoficial. Esta situación polo tanto transitoria e irregular é un dos obxectos principais que se pretende corrrexir coa reunión de hoxe para devoltar ó Clube a unha situación de normalidade estatutaria.

ASISTEN
:
Como socios antigos (*): Juan Martinez Cacabelos, Xaquin Cuíñas (secretario en funcións), Rafael Padín, Bruno, Alejandro Acha e Xurxo.
Como novos socios: Ademar, Milena, Xixo e Isa
Non asiten por distintos motivos os seguintes socios: Fernando Piñeiro (actual presidente en funcións), Egidio, Oscar, Roni e se ten constancia de outros 3 socios que tampouco poden asistir.
(*) socios con cota pagada no ano 2009

ACORDOS:
1. Nomear unha Comisión Xestora integrada por 4 persoas por un período até a celebración da 1ª Asamblea Xeral do ano 2010 e terán as seguintes funcións:

- Elaborar un informe sobre a situación do clube
- Custodia dos documentos da asociación e traslado ó local social

O contido do informe abrangue: estado contable, deudas con socios, patrimonio do Clube, situación coa FGCMF e actividades desenvoltas nos últimos anos.

Se propoñen para integrar a Comisión Xestora ás seguintes persoas:
- Juan Martinez Cacabelos
- Xaquin Cuíñas
- Rafael Padín
- Bruno

A proposta é aceptada unánimemente polos presentes. Asimesmo, informados por teléfono da presente proposta a outros socios, en concreto a Egidio, Oscar e Roni, manifestan o seu acordo.
Tamén por email, o actual presidente en funcións Fernando Piñeiro considera “correcto” a creación dunha Comisión Xestora se ben expresa matizacións noutras propostas que se irán comentando nesta acta.

Non se chama ós 3 socios restantes por non dispoñer do teléfono nin outro medio para comunicar a proposta.

Finalmente a actual Comisión Xestora enténdese que terá que traballar en colaboración co actual presidente en funcións para resolver o proceso de normalización e traslado de documentos, xa que na actualidade a totalidade dos mesmos está baixo a súa custodia.

2. Acórdese por unanimidade á convocatoria de Asamblea Xeral para o día 12 de febreiro de 2010 co seguinte Orden do día:

- Presentación informe da Comisión Xestora
- Elección nova directiva
- Propostas de actuacións 2010

3. Ábrese o prazo para a presentación de candidaturas para elección de nova directiva que deberán comunicarse á Comisión Xestora.

4. Acreditación de socios:

Terán a consideración de socios de pleno dereito con dereito a voto os seguintes socios:

a. Os que ingresen a cota de 20€ na conta bancaria do clube ou entreguen esa cantidade á Comisión Xestora que fará de depositaria até o ingreso en conta bancaria.
b. Tendo en conta que se aproba abrir un prazo de xaneiro-abril para o ingreso de cota, terán tamén a consideración de socios aqueles que teñan pagado a cota do ano anterior e manifesten a súa vontade de pagar a cota deste ano. Ese compromiso deberá facerse constar ante a Comisión Xestora ou no correo electrónico do Clube: (cmsalnes@gmail.com).
c. Tendo en conta a petición de Fernando Piñeiro de que se acrediten como socios aqueles que navegaron o pasado ano baixo as siglas do CMS aínda que non pagasen a cota anual, acordase que tamén son socios de pleno dereito se ben deberán acreditar ante a Comisión Xestora o pago do seguro de navegante da FGCMF do ano 2009 e manifestar por calquera medio a súa vontade de continuar como socio do CMS e a súa vontade de satisfacer a cota do presente ano.

5. Conta bancaria do Clube

Tendo en conta que se considera irregular a cancelación da conta bancaria na Caixa Geral de Cambados a Comisión Xestora tentará reabrila ó longo desta semana.

6. No remate da reunión e no apartado de rogos e preguntas se comunica ante os presentes unha candidatura para a elección de nova directiva integrada polas seguintes persoas:

Juan Martinez Cacabelos, Rafael Padín, Roni, Xurxo, Bruno, Alex Acha e Xaquin Cuíñas, este último manifesta que ese compromiso sería en calidade de secretario e por un período de tempo limitado até a normalización do Clube manifestando o seu desexo de cumprido o obxectivo dimitir do cargo en aras de propiciar o relevo e concluir o proceso de renovación.

7. Por último, todos os presentes se amosan ilusionados co novo perído que se abre para o Clube e manifestan o seu caracter aberto e conciliador, amosando o seu agradecemento ás persoas que fundaron ó Clube e o levaron a ser un referente dentro co colectivo da FGCMF. Asimesmo dan mostras de estar convencidos de que todos os socios van a continuar na nova singradura con independencia de cal sexa a candidatura gañadora no proceso electoral de nova directiva e estarán a altura que requiren as circunstancias para que o Clube Mariño Salnés volte a ser unha asociación de vontades que traballan conxuntamente para dotar a Cambados dunha entidade destacada no eido da cultura e o patrimonio marítmo.

Por último, e mentres o CMS non teña blog ou web oficial autorízase a Xaquin Cuíñas e ó blog BOUDEVARA para facer pública esta acta e comunicar a convocatoria da Asamblea Xeral do día 12 de febreiro do presente ano.

En Cambados a 29 de xaneiro do 2010

Xaquin Cuíñas
Secretario en funcións

jueves, 28 de enero de 2010

ASAMBLEA XERAL CMS


Foto: Carlos Culler

Mañán venres o CMS cita ós seus socios a dúas actividades:

1. As 17.00h limpeza do local social
2. As 20.00h Asamblea Xeral

Aquí vai a Orden do día da Asamblea:

CLUBE MARIÑO SALNÉS

Venres 29 de xaneiro 2010
Hora: 20.00 h
Local Social
Convocatoria: petición de socios


ORDEN DO DÍA

1. ELECCIÓN NOVA DIRECTIVA
2. TRASLADO DOCUMENTACIÓN DO CLUBE Á SEDE SOCIAL
3. APERTURA NOVA CONTA OFICIAL DO CLUBE
4. ESTADO DO PATRIMONIO DO CLUBE
5. SITUACIÓN COA FGCMF E NOMEAMENTO REPRESENTANTE
6. ACTUACIÓNS 2010

Outras cousas:

CAMPAÑA CAPTACIÓN DE SOCIOS: este ano iniciamos unha nova campaña de novos socios. Así que todos os interesados podedes mañán mesmo colaborar nas labouras de limpeza da sede social (baixo da escalinata de San Tomé). Tamén poderedes asistir a Asamblea para formalizar oficialmente o ingreso e coñecer ós socios actuais.

Longa vida ó CMS

jueves, 7 de enero de 2010

Salgadoiro de queixo e mozzarella


O pasado 2 de xaneiro de 2010 presentouse nunha taberna cambadesa a primeira novela de Exidio Cuíñas, nome artístico do noso Xaquín, jefaso-fundador deste blog entre outras cousas. Esta primeira publicación sea á rúa baixo o selo de Todogrove Edicións e relata a historia de Juan, un personaxe que “é unha persoa normal, pero que non se dá atopado no mundo, sumerxido no desconcerto, que se ve desbordado polos acontecementos e que toma unha decisión drástica de transfiguración, emprendendo unha viaxe para buscarse a si mesmo”.

Á presentación asistiu numeroso público, formado por amigos e familiares, que quixeron arroupar a Xaquín no momento de sacar á rúa esta súa primeira novela. O acto tivo moito de orixinal, xa que contou coa participación dos membros da Escola Municipal de Teatro, que se caracterizaron como personaxes da obra, chegando incluso a respostar en primeira persoa as preguntas formuladas polo público ao autor.

Ao remate a maior parte dos asistentes mercaron un exemplar do libro e achegáronse a Cuiñas, que pasou un bo cacho asinando libros.

“Salgadoiro de queixo e mozzarella” atópase á venda en librerías ao módico prezo de 12 euros.


A noticia noutros sitios da rede:

Todogrove.com

Faro de Vigo

La Voz de Galicia

XornalGalicia.com

Unha Grande Chea