Por LINO PRIETO:

Dorna de Tope a "Airexa", recuperada por Tito e patroneada na actualidade polo seu sobriño Fernando Pombo.
I Memorial Tito Silva. Cambados 2010
Levaba moitos anos escoitando falar de Tito Silva, por boca de meu compañeiro de navegacións e deste blog Xaquín Cuiñas, e doutros amigotes de Cambados coma Evaristo e demais... comentábanme que desde noviños tiveran contacto con él, un home que navegaba a vela nunha dorna de tope, ao que lle axudaban a rascala e pintar e que logo os convidaba a unhas fantas. Algo máis adiante a relación trasladouse á bañeira e a cuberta da Airexa, unha dorna de tope que fixo de escola de vela oficiosa de todos aqueles que sentiron a curiosidade de catar drizas e escotas.

A "Nova Jorita", da Asociación As Joritas de Cambados, con Evaristo e Benito.
Xuntos compartiron moitas tardes na ría, co seu especial sentido de entender a vida e que lles deixou a lembranza de un bo lote de anécdotas.
Eu non coñecín a Tito, solo algunhas das súas historias por que mas contaron, é por eso que non houbo dúbida á hora de armar tripulación e quedar para asistir ao Memorial Tito Silva, que se estaba a preparar para o sábado 11 de setembro, e ao cal nos convidou Evaristo (o ferreiro).
Xuntouse bastante ambiente nunha comitiva que navegou en traveses desde a baliza do Arido (ou Ourido) ata unha boia á que se lle dou fondo diante do illote das Ghoritas, presidida pola emblemática Airexa, que segue a navegar gracias aos sobriños de Tito.

Embarcacións do Grove, a Illa de Arousa e Cambados achegadas ata Cambados para o Memorial
Ao remate da navegación embarcacións e tripulantes repartíronse polos pantaláns de Santo Tomé e no dique de Cambados. Houbo tempo para refrescar a gorxa despois das manobras para logo reunirse todos no primeiro andar da Sociedade Cultural Cambadesa, ao redor dunha mesa chea de viandas e presidida polo retrato do homenaxeado Tito, obra de Lino Silva, e una foto da Airexa saíndo a navegar a todo trapo.

Como é costume comentáronse as viradas e as manobras, o adiantamentos e as benevolencias… pero chegou o momento de pórse un pouco serios. Foi neste punto cando o sobriño de Tito Silva, Fernando Pombo, nos explicou como se xestou este evento, cando o mércores anterior Evaristo se achegou a comentarlle que lle parecía facer “unha cousa destas en memoria de Tito”, a Pombo pareceulle unha boa idea e así se armou o I Memorial Tito Silva, que ten toda a intención de converterse en cita obrigada en vindeiros anos.

Ata sempre TITO
texto: Lino Prieto
Fotos: Avelino Ochoa