Translate

jueves, 4 de abril de 2019

Mar de Madeira



Mar  de madeira


Terra de fento no monte e bocho na ribeira
terra de calixe no verán e brétema
nos ollos da invernía eterna.

 

Así adormece a alma co son agarimoso
que resoa na noite coma unha xoaniña
batendo nas ás de veludo furado,
garabato descosido da inocencia.


 
 Cons ao lonxe salpicados de escuma
saúdan ao mariñeiro ao paso dos ollos de boi,
retinas de vidro embazadas
que reflicten o pano de saudades ermas.




Vento na popa para esmagar o sueste atento,
aire para remexer as penas que se afastan do fío de sal
que se queda en terra, silandeiro cadillo
que rega o mar das nosas veas.



Quen sabe se hoxe haberá peixe dabondo
para alimentar a noite e as estrelas,
que acenden e apagan o fulgor
da lúa choutando nun lance de pedra.



 Terra de vento no mar e piñeiros na ribeira,
terra de melura e peixe na patela,
dos homes de sal en barcos de madeira.   


 











 


Mar de Madeira
Exidio Cuíñas
Febreiro 2019 ©




imaxes: visita estaleiro Gerardo Triñanes. 
Boiro 2017




No hay comentarios: