Como é venres e estamos nun novo mes toca:
Novas Bou e Vara da semana e elección persoeiro do mes
NOVAS BOU E VARA
Semana do 7 ó 11 de decembro
BOU
Por Lino Prieto
A boa nova desta semana non pode ser máis fresca, no tempo e no contido:
Hoxe venres están xa no mercado AS PRIMEIRAS VIERAS (evisceradas) da tempada.
Onte mércores chumbáronse de novo ao mar os bous de vara, un total de 16 barcos cambadeses e algún de Rianxo (na outra banda da Ría), arriaron cabos para empezar coas capturas que entraron hoxe na empresa procesadora para darlles saída ao mercado.
Porto de Tragobe. Cambados
Os resultados da primeira xornada afirman que as vieiras son de "gran tamaño e calidade" e poderanse mercar a 3,90 euros o kilo, ainda que tamén se referiron ao furtivismo que se mantén á alza.
Descarga da vieira. Tragobe-Cambados
Continúa a vida no sector extractivo e desde a ponte de mando do Boudevara, faremos o posible por corroborar a calidade da vieira en propias carnes.
VARA
Por Xaquin L. Cuíñas
Esta semana tiñamos moitas novas malas como a do secuestro dun novo barco; esta vez un pesqueiro de bandeira paquistaní con 29 tripulantes a bordo. Despois da liberación (por pago) do cargueiro grego Ariana, quedan aínda once barcos e 283 persoas reféns nas costas de Somalia.
Pero a mala nova queda na casa, en Vigo concretamente. Se alguén dixera que vai a converter xubilados (con paga) en becarios do concello para traballar como “guías turísticos”, recibindo unhas “instruccións” e mesmo nocións de “francés, inglés e alemán”, pensaríamos que fala de coña. Pois non, eso é o que está a facer o concello de Vigo co desenvolvemento dun programa bautizado como “Voluntariado Turístico” e que se enmarca dentro do Plan de Competitividade desenvolto pola Concellalía de Turismo, onde participan medio centenar de personas:
“o obxectivo é que os 50 novos guías realicen a súa actividade en periodos de gran afluencia turística, como a tempada de cruceiros ou durante os periodos de vacaciones".
Ben, imaxinamos o que poden pensar todos os licenciados e diplomados en turismo ou mesmo calquera xoven vigués en paro. Tranquilos que se chegades ós 65 xa vos darán traballo, paga e beca. Digo eu que postos a facer intrusismo que metan ós xubilados a facer de concellais e alcaldes e se os políticos queren votos dos maiores que os leven de paparotas, bailes e esas cousas pero que non vendan estas actividades como iniciativas “integradoras”, “innovadoras” e non sei cantas cousas máis.
Foto:Faro de Vigo
O peor de todo é que o soporte de algunhas destas actividades é o Hidria Segundo: unha vez que se contrata a unha empresa directamente implicada na conservación do patrimonio marítimo de Galicia e que sexa para unha parvada do político de turno xa enche os... miolos.
A vara desta semana para estos políticos que xogan cos cartos públicos e coa sensibilidade dos maiores. Jacobo e Sesé, se tedes oportunidade xa sabedes a quen tedes que botar pola borda. Unha forte aperta.
PERSOEIRO DO MES
Ben, e como estamos nun novo mes, que ademáis ben sendo o derradeiro do ano, toca elexir persoeiro. Nunca pensamos neste blog que unha persoa tan, tan, tan…. como dicilo: tan vanidosa, egocentrista, narcisista e inhumana, fose persoeiro do mes... Mais o xurado do bou de vara tivo en conta as especiais características do mes, unhas datas de perdón, de conmiseración e de acollida, un mes idóneo para facer un xesto de agarimo e un acto de boa vontade.
Así que escollemos a unha persoa descarriada por mor dunha vida pecaminosa, alonxado dos caminos do señor, un errante navegante do pecado; mais tamén, un vello home arrrependido que precisa do amor misericorde dos seus irmáns, primos, amijos e demáis elementos da bichicomada jalleja.
Persoeiro de decembro
SEÑOR BEDOYA
A este pecador o vin por primeiro vez en Rianxo, pola noite, nun bar, cantando, cunha tropa de ferrol-anos, cun viño na man, un puro na outra, cun ollo no barril e outro na taberneira... era o ano do IV Encontro de Embarcacións Tradicionais (1999).
Xa daquela era un deses vellos que contan batallinhas, botando a man a esas barbas ensarilladas de canas de falar e esa media melena pratexada peinada ó vento do norte. Lembro que por aqueles tempos xa lle medraba un trincado na cabeça.
Bedoya devorando en silencio /Foto:Lino Prieto
Depois viñaron anos terribles, onde a súa presencia nas asambleas da Federación non presagiaban nada bo, era o atizador da orden, da disciplina, da rectitude... Educado nas ordas tricolores, destripadoras dos “reinos das españas”, arremetía coa súa pérfida lingoa contra calquera atisbo de alongar unha reunión máis aló das oito da tarde: “non hai dereito, eu marcho tomar uns viños e que vos den...” dicía cravando contra todos os presentes eses ollos saltóns enchidos de vermella carraxe.
Co tempo seica foi ablandando e o temporal que levaba no interior foi amainando, coincidindo esta milagre coa botadura dun barco mal trincado de nome Ría de Ferrol.
Bedoya fregando a cuberta do Ría de Ferrol /Foto: Lino Prieto
Agora xa arrepentido despois de facer horas e horas de penitencia na súa galera, disfruta da xubilación, das palomas do parque e das siestas nos bancos do paseo marítimo... aínda que tamén ten arrebatos do pasado e se lle cola de cando en vez algunha parrocheira e algunha que outra borracheira, pero xa se lle ve mellor persoa.
Bedoya nun gracioso xesto /Foto:Lino Prieto
Bueno, se desta non nos parten a cara, adicaremos todo decembro a esta gran persoa ... polo menos até acabar a ducia de uvas.
5 comentarios:
jejej, grande Bedoya! Eu só o coñezo de Muros, e dende logo que merece ser persoeiro do mes. Moi atinada a descrición ta, tan, tan... que lle fasedes. Vése que sodes bos cristianos ao darlle a absolución nun mes tan sinalado como este. Bo traballo!
Tamén está ben escollido, siseñor, a ver si se anima o persoeiro e pasa por aquí, que sempre é un pracer ler o que escribe
E non falades nada, nadiña, das boas calidades de cantar que ten o señor Bedoya ?
Impresionante. E qué repertorio de cántigas mariñeiras que por aquí "abaixo" non se coñecen ?
Eis outro motivo para louvalo!
Bedoya maniféstate!!!
sabemos que estás ahi no Monte Curuto sempre alerta
tedes mensaxe por valija diplomatica
Publicar un comentario