Translate

jueves, 22 de diciembre de 2016

Escolma de Nadal



O mar dos teus ollos, miña ribeira,
cruzalos dame reparo, vivo vogando nela,
cando na miña dorna e a toda vela,
debuxo no mar o corpo da miña Carmela.

Quixera volver escravo nunha gamela,
se aquela tivese na proa a súa guedella.
Mais cando busco no fondo da súa cadeira,
a soas me atopo sentado na miña polbeira.
 
No mar fican os peixes, na terra fican amores,
e no medio de todos eles, xeito e ardores. 

fragmento cantiga "O Mar dos teus ollos". 
Exidio Cuíñas. 2002

 imaxe: Marcos Escudeiro



Escolma de Nadal

Imos chegando ao final dun ano vizoso e farturento de actividades e navegacións e aqueles anos cheos de dificultades e atrancos de hai ben pouco, van perdéndose na distancia sen que por popa se divise xa o seu ronsel de penuria.
Estou a falar do ano 2015, cando o Clube Mariño Salnés cruzou as peores augas da súa vida, atravesando aquel famoso Rumbo de Colisión que case nos leva a pique a toda a Asociación. Foron tempo complicados, sen dúbida, sen máis axuda da que nós mesmos puidemos procurarnos; máis agora, podemos respirar ao ver que o CMS, lonxe de afunfir, rexurde como un picapeixe remontado o voo logo dunha longa inmersión ao inframundo.





E que mellor xeito de rematar o ano que seleccionando unha pequena escolma de imaxes que nos lembren o feito ao longo destes meses onde os cambadeses asistimos non só a recuperación social e económica do CMS, senón tamén ao nacemento do proxecto da Mariña Tradicional Porto de Cambados e da Asociación Cultural e Deportiva "Vela Tradicional Cambados", dous guindastres onde debería apoiarse o futuro da cultura marítima de Cambados.



Mariña Tradicional Porto de Cambados. Imaxe: Marcos Escudeiro. Cambados 2016

 Imos aló:
   
  • Xaneiro-febreiro-marzo
traballos na sede, cos barcos e outras enredos.


Reparando a Muller de Balboas, a quén espimos por completo retirándolle toda a pintura para darlle tratamentos base da madeira antes de imprimar e volver a pintar coa cor vermella que a caracteriza. 





 



 






















 (video1):proceso de espido.



detalle do vídeo: pódese ver claramente o nome Boudevara pintado no costado da Muller de Balboas como resultado dos problemas daquel ano 2015 onde tivemos que disfrazar o noso barco insignia. 
Música: Échame a mi la culpa.  Albert Hamon. Interpreta: Majete.




De seguido botamos man da Julicheira para cargala no remolque rumbo ao Grobe onde a puxemos en mans dos irmáns Garrido para substituír a vella clavazón de punta galvanizada por remache de cobre.
Folga dicir que tamén a espimos e volvemos pintar até o folio:





video 2: pintando nome e folio da Julicheira:





 e rematamos o mes de marzo convocando ao voluntariado do CMS para uha recollida solidaria de alimentos para os refuxiados da guerra en Siria:

























  • abril-maio-xuño
choivas, maios e botaduras.

 Neste trimestre preparamos un maio para colaborar na Festa dos Maios do Concello de Cambados:
























e decontado chegaron as botaduras do 2016:

  A Muller de Balboas
 
















Rampa de Varada, Porto de Tragobe. Xullo 2016.


A julicheira

 









 Na imaxe da dereita, a Julicheira pola popa da Sicamontes.




 


La imagen puede contener: océano, cielo, exterior, agua y naturaleza
Porto de Tragobe-Cambados. Imaxe: Marcos Escudeiro
 



e tamén do RÂNÂ:

Portonovo. Xullo 2016.


  • Xullo-agosto-setembro
Corpus, escola e navegacións


Iniciamos este trimestre cedendo a Julicheira para a Festa do Corpus, onde serviu de altar para os actos propios destas celebracións. Vainos saír devota a dorniña, xa que doutra volta tamén a solicitaran para a Capela do Hospital por Semana Santa onde mesmo foi patroneada pola fermosa imaxe do Nazareno desta pequena igrexa do centro histórico de Cambados.




e pronto fumos navegar:

















A Julicheira e a Sicamontes dende a proa da Muller de Balboas.

















 
Travesía Cambados-Muros. Folkboat RANA. 2016
  
(video 3) Travesía Portonovo-Cambados:



(video 4). Paso por Monte Louro. Travesía Muros-Cambados




(video 5). Navegando na Muler de Balboas









 






e entrementres, cumprimos co sorteo da Cesta de Nadal 2015 que inclúe unha saída en dorna cos agraciados, neste ocasión, unha familia de Cambados:










 entrega da cesta e saída en dorna este verán.


 


e os días foro correndo coas gañas inaugurar as primeiras Xornadas de Vela Tradicional organizadas conxuntamente entre o CMS, Asociación A Torre e a Asociación As Joritas como xeito de presentación conxunta da Mariña Tradicional Porto de Cambados.








Xornadas de Vela Tradicional:














 






 







e para remate do mes de setembro, asistimos á regata de remos da Valvanera en San Tomé organizada pola Asociación de Embarcacións Tradicionais "A Torre":


https://scontent-mrs1-1.xx.fbcdn.net/v/t1.0-9/14238268_1180957221976294_6628090136811200522_n.jpg?oh=6c68b7e3a68a49d5e7e30bd5584b6ec2&oe=58F3C098
Preparando a saída. Torre de San Sadorniño (San Tomé-Cambados). Imaxe: Asociación "A Torre"


  • outubro-novembro-decembro:

aínda que este ano chegou con retraso, no mes de outubro por fin puidemos navegar no VII Memorial Tito Silva.
Memorial Tito Silva
Imaxes: Lino Prieto Prol


A flota meca: A Miña Miniña, Belisa e Irmandiña


A Airexa


A Irmandiña





 















O Rana.



Ciclo de documentais da Memoria
Neste mes de outubro, o CMS, da man do noso antropólogo Siso e en colaboración co Faiado da Memoria de Vilagarcía e o Concello de Cambados, púxose en marcha o ciclo de documentais sobre a Memoria Histórica cun éxito considerable de participación veciñal.




O mes de novembro tamén andivemos activos con moitas reunións para definir o proxecto da Mariña Tradicional Porto de Cambados e mesmo definir as actividades da Asociación Vela Tradicional para o ano 2017.




e en decembro, como xa é costume, o CMS centrou os seus esforzos en elaborar un espectacular CESTÓN DE NADAL.






remate:

 Chegamos ao final dun ano intenso, cheo de actividades e sobre todo, un ano que pariu un feixe de proxectos que deberían marcar o rumbo para os vindeiros anos. Quero felicitar a tod@s as persoas que o fixeron posible: asociacións de cultura marítima de Cambados, monitore/as, alumn@s, soci@s e colaboradores destas entidades, Concello de Cambados, O Faiado da Memoria de Vilagarcía e a todos os amig@s que cederon as imaxes que aparecen nesta entrada.
imaxe: Gamela. Cambados
Autor: Egidio Agra

 
A todos Bo Nadal e Felices Festas



vaite correndo, vaite levando,
unha airexiña que vai medrando.

da catiga O mar dos teus ollos.
Exidio Cuíñas

miércoles, 30 de noviembre de 2016

A Sicamontes: unha dorna indultada.



Ris, ras

Que dura e implacable é a rasqueta..., ris, ras! 
Ela soa apáñase para escaravellar todo o que se agocha por debaixo do corredor, coando asubíos de desfeita polos embornais. 
É un coro de estrago acompasado cos golpes de martelo que se afunden nun eco podre redobrando por entre as táboas de cubrir e mais polas de virar..., 
Unha partitura escrita coas bágoas de ferruxe devalando entre cravos furados até o calime, pintando pentagramas revirados que aventan o barco dende o rodame até o cofiño. Ris, ras! 

Exidio Cuíñas (decembro 2016)


A Sicamontes. Historia dunha dorna indultada (en clave de humor)

 Foi na primavera deste ano cando chegou a Cambados unha nova dorna. Coma tod@s aqueles que se fan cunha dorna por primeira vez, os seus compradores (Bruno e Fernando) puxeron nesa operación o prezo da ilusión por converterse en armadores dunha tipoloxía de embarcación tradicional tan salientable como é a dorna.

A Sicamontes recén chegada ao porto de Tragobe-Cambados.

 A cousa pintaba ben, unha dorna xeitosa da Illa de Arousa coa "garantía" de ser unha das embarcacións da ENT (Escola de Navegación Tradicional), pintadiña, completamente aparellada para a vela..., en fin, unha xoia que animaba aos seu armadores a cruzar a Ría de cabo a rabo durante todo o verán sen parar.
En principio tan só un pero: os papeis¡ Pero ben, "xa aparecerá algo con que solucionar os atrancos burocráticos".

Aínda que aparentemente a dorna estaba lista para iniciar unha tempada de navegación, os seus novos donos quixeron levala a terra para darlle unha pequena revisión antes de lanzarse a conquistar a Ría e aquí cometeron un erro de principiante: agarrar unha rasqueta e poñerse a espir o barco para mirar por debaixo do refaixo, isto é, quitarlle un pouco de pintura para ollar a boa conservación da madeira curada co tempo e a salitre.
Pero oh! sorpresa, por aquí aparece un cravo sen cabeza, por alá un furado e por acolá un descunchado..., en definitiva, "hai que chamar a un carpinteiro".

Boa decisión, sen dúbida nestas operacións para facerse cun barco vello, o mellor e ir co carpinteiro antes de facer a compra. 
E claro, xa sabemos como fan os carpinteiros cando se lles pon un martelo nunha man e unha pata de cabra na outra:
- Para xa que quedamos sen barco -laiábanse os flamantes armadores co renxer da madeira.
- Hai que chegar ao san -replicaba o carpinteiro.

Ben, pois cando o carpinteiro deixou de quitar madeira, a dorna estaba irrecoñecible, coma se lle pasase un tremendo temporal por riba levando media dorna con el.





  


A reconstrucción

O caso é que lonxe de desanimarse, os armadores deciden tirar para adiante e darlle unha nova oportunidade a un barco que de dar noutras mans, posiblemente acabaría ardendo na fogueira de San Xoán (moi preto no calendario nesas datas).

E así, empezaron a despintar todo o barco para evitar novas sorpresas, con cada ris-ras de rasqueta se elevaba un suspiro de alivio ao ir comprobando que a desfeita tan só se quedaba nas táboas de cubrir, algunha que outra caderna e un anaco do corredor. Se cadra a cravación tampouco estaba non seus mellores momentos, pero en fin, había que tirar para adiante -imaxino eu-.

E mentres o carpinteiro tomaba medidas para repoñer a madeira danada, os propietario dedicáronse a todo aquilo que estaba nas súas mans: tratar a oxidación, substituír aqueles cravos en peor estado, saneamento global do interior e exterior...,



despintando a dorna e saneando as cadernas

Pasados apenas un par de meses, a dorna lucia xa as súas táboas novas e o barco recibía unhas cantas mans xenerosas de Xylacel fondo polo exterior e aceite liñaza polo interior.




Pouco a pouco a dorna ía recuperando vida, e logo dunhas mans de aceite con minio ao conxunto do casco, a dorna semellaba cobrar vida de novo, poñendo ilusión e satisfacción nas facianas dos armadores logo de tantas horas de rascar e lixar até desgastar as unllas.


  O caso é que logo dos períodos necesarios de secado entre capas e moita aplicación de "Sicaflex" (levou Sica a montes), chegou o día de vestila de novo, neste caso de azul (como a moneca que tiña aquela rapaza):



De proa

 
De popa

 E chegou o dia de botala ao mar:





E logo dos necesarios días de inchado da madeira para selar o casco, chegou o día de volver a navegar:



A Sicamontes reflotada en Tragobe
 
Amarrada na Mariña Tradicional Porto de Cambados












Probando velas:

A Julicheira                                                              A Sicamontes































E a remos (Regata da Valvanera. Organiza: Asociación A Torre. Cambados):


Chegando a meta: tripulacion: Rosa, Xaquín e Cristal  

 









 




O importante en todo caso é que a Sicamontes xa forma parte da flota de embarcacións tradicionais de Cambados, e así a vimos neste verán acompañando ao resto da flota cambadesa:
 

 


  



A Sicamontes pola popa do Unicornio. Ao fondo a Julicheira. Xornadas de Vela Tradicional


 remate:

Imos chegando ao final dunha historia con final feliz, polo menos neste caso, a dorna escapou das gadoupas do estrago, do abandono e a indiferenza para volver ao mar coa dignidade que nunca debeu perder. E lonxe do ton de brincadeira do texto que acompaña esta entrada, quero felicitar aos armadores da Sicamontes (Bruno e Fernando), no empeño por devolver a vida a esta dorna, porque con cada barco tradicional indultado, tamén conseguimos un pouco de perdón para esta sociedade que o devora todo, esfameada de desfeita. 
Se cadra teríamos que pasar a rasqueta polos ollos máis a miúdo para poder ver con claridade o verdadeiro valor destes barcos..., ris, ras! 

En todo caso, quero resaltar especialmente a Bruno polo esforzo por levar adiante (agora como armador único) esta empresa con éxito, demostrando que ás veces os esforzos das asociacións de cultura marítima non é baldío, polo menos neste caso, penso que a súa proximidade co Clube Mariño Salnés (entidade a que pertenceu e mesmo foi directivo) aportou o seu para acadar este feliz indulto. Noraboa      
 Imaxe: Bruno a bordo da Muller de Balboas. Xuño 2009