Translate

martes, 19 de noviembre de 2013

O TEMPO ENTRE FIADAS


Esta fin de semana pasada, saímos a navegar coa intención de facer doblete: o sábado para O Cabo da Cruz (Boiro) e o domingo para a ílla de Sálvora. E a pesares do frío e do vento, todo resultou máis ou menos ben a pesares dalgún que outro problema coa vela maior.





Así foi o conto:




Chegamos ao porto do Grobe a eso das dez da mañán sen moita convicción de poder saír por mor dun vento do norte que neses momentos sopraba con rachas por riba dos 25 nudos. Decidimos ir aparellando e agardando a que os do Windgurú non fallasen na predicción: tregua de vento entre as doce e as sete da tarde. E non fallaron, a eso do medio día, empezamos a notar como as rachas de vento ían amingoando co paso dos minutos deixando un día perfecto para navegar, ceo despexado e uns 20 nudos de vento. Para entón, todos coincidimos en que non había necesidade de coser ningún rizo e navegar tan só coa maior, temos vento de sobra e coa temperatura que fai, ninguén quere mollarse cos salseiros.





Como decía un de Cambados: "Fai un frío que racha o cú-tis":










A pesar do frío, luce o sol, e por momentos, mesmo semella que quenta un pouco e tan só os refachos do norte petádonos na cara lémbranos que  estamos en pleno outono.














 A pesar de ir sen o foque, levamos boa marcha e temos unha escora agradable que nos permite incluso largarlle un petisco: Tortilla ao xeito de Rafa "O Gato"























Pero nada máis acabar o petisco, o vento volta a coller corso e mesmo nalgúns momentos sopla a rabear, para entón andamos pola altura da Ílla de Rúa:




 





















Nun destes rafachos de vento, rachamos a maior polo sable e non queda outra que recoller vela e armar co foque. Continuamos navegando e o vento vai medrando moito antes do que marcaba a predicción do Windgurú e a eso das cinco da tarde xa temos outra vez rachas superiores aos 25 nudos. Mesmo navegando tan só co foque, os salseiros pasan pola cuberta e obriganos a poñer a roupa de augas mil.
 











 A decisión é clara, tirar sen demora para Cabo da Cruz, as cousas póñense feas por momentos e o frío vai deixándonos tesos:











 


















    























 




E así, pouco a pouco, co vento en aumento e bastante mollados, imos chegando a Cabo da Cruz co obxectivo de ter tempo suficiente para conseguir reparar a vela para a navegación do día seguinte. No primeiro bar que preguntamos, un home lévanos no seu coche a casa dunha costureira, e nun tris, xa temos todo arranxado e dona Maruja préstase encantada a votarnos unha man.   

  











 
A costureira: Dona Maruja


 En menos de unha hora xa tiñamos arranxada a vela, e xa coñecíamos a toda a familia da costureira e a medio Cabo da Cruz. Así que regresamos para o barco, xa de noite, a colocar a vela, cear un caldiño e a durmir para sair ao día seguinte co rumbo á Sálvora, pero eso se cadra vai noutra entrada.

 

¿Abbey Road?..., Non, Cabo da Cruz

 

 Remate:

 Como remate, decir que quedamos abraiados coa amabilidade da xente de Cabo da Cruz, da hospitalidade e proximidade da súa xente, e entre fíos e costuras pasamos boa parte da tarde revivindo sensacións de cando a xente se arremuíñaba arredor dunha tecedora a contar contos, deixando pasar o tempo entre puntadas de fío.., o tempo entre fiadas.

Moitas gracias a Dona Maruja e a todas as persoas que nos axudaron, ata sempre.      


E máis nada, esta fin de semana non imos sair xa que temos reunión da FGCMF, pero se o tempo o permite, retomaremos as saídas de outono e coma sempre convidámosvos a vir a navegar con nós nunha máis que previsible parada en Sálvora a facer noite e dar un paseo nocturno pola ílla.

Animádevos,xaquin: 626722143 

miércoles, 13 de noviembre de 2013

A Rana, O Gato, O Raposo e O Conexo

O "Le Lapin" amarrado en Tragobe. Cambados

Este domingo pasado, voltamos a navegar no marco das Saídas de Outono que seguiremos facendo sempre que o tempo o permita. Nesta ocasión contamos cunha tripulación bretona que estan de paso por Galicia nunha singladura de norte a sur, a bordo dun veleiro de 9m de eslora e un casco de aceiro que leva escrito o nome do barco "Le Lapin" ( O Conexo).







A Travesía:

Con pouco vento, saímos navegando no RANA cara o interior da Ría sen rumbo fixo e atentos ao vento que neses momentos andaba a rolar entre o norte e o noroeste.

Tripulación de esquerda a dereita: Simón, Antonio e Rafa











Ao achegarnos ata as Umias, vemos na proa unha fasquía coñecida, A Miña Miniña. Decidimos seguila e así xa non discutimos para onde tirar.



















A Miña Miniña anchegándose á baliza das Umias







 







Rumbo á Palmeira:

Despois de amarrar e botarlle uns vasos polas tabernas de Palmeira tiramos para o barco de Fabian a facer un intercambio de cultura gastronómica galego-bretona. Pola nosa banda, tortilla, ventresca, mexillón en salsa de vieira e viño novo do pais e unha botelliña de bo rioxa. E pola banda bretona sardiñas en conserva de Douarnenez, galletas bretona (unha especie de filloa feita con fariña de millo corvo e mel de pulgón..., sí de pulgóns, os dos rosais), e ademáis papaia seca confitada, doce de gengibre e viño de Burdeos. 


 






 Depois da papatoria regresamos, os días son curtos e non convén meterse moito da noite:










É parolando sobre barcos e travesías, a Rafa (O Gato), ocúrreselle preguntar aos bretóns polo significado do nome do seu barco: "Le Lapin". Antonio, o patrón do "Conexo", explícanos que os mariñeiros da Bretaña cando ven o seu barco afástanse dél como se fose a mesma peste. ¿Por qué?, pois ben sinxelo, para os mariñeiros bretóns a palabra "conexo" é unha palabra tabú, de igual xeito que para nós o é "o raposo", para os normandos "o Gato" e para os irlandeses "o porco".

De inmediato lémbrome do libro de Fernando Alonso Romero, editado pola Consellería de Pesca no ano 1996 que leva por título: CRENZAS E TRADICIÓNS DOS PESCADORES GALEGOS, BRITÁNICOS E BRETÓNS.


Portada do libro

Durante un bó tempo comentamos as simillanzas existentes entre as comunidades mariñeiras galegas, bretonas e británicas que se detallan neste estudio: a protección da casa do mariñeiro, o vento, a protección das embarcacións, motivos decorativos das embarcacións ou as palabras "tabú".


Marcas das gamelas da Guarda
 


Decoración embarcación de Portugal

Dende logo é un libro moi interesante que ben a explicar o porqué de moitas "manias" ou supersticións das xentes do mar. De todos é coñecido non mentar determinadas palabras agoreiras como o crego ou o raposo, ou non embarcar nunca cun paraugas na man. No libro explícase por exemplo como se adoitan empregar eufemismos cando se quere referir a un deste símbolos maléficos e da mala sorte, Así por exemplo, en Galicia  ao raposo mencionase como "o do rabo largo", e en Escocia ao porco chamánlle "cousa" e en Irlanda pensan que atoparse cunha muller pelirúbea é un mal sinal asociado ao raposo e a bruxería.


Muxía

O tema da conversa dou pé a que cada un mencionase a súas "manías" e curiosamente descubrín que son un perfecto maníaco cando deixo de pisar o chan. Por exemplo, admito que non soporto obxectos de cor amarela a bordo (¿será por asocialo ao raposo ou cunha pelirúbea?), nin tampouco cousas con forma de triángulo (¿será pola forma do paraugas ou  polo significado de xanela aberta a outras dimensións como sucede coas pirámides ou a apertura en triangulo dunha escaleira apoiada nunha parede?). Un día, coincidindo co desembarco de Ons, un calamidá quixo embarcar cunha percha para que no se lle enrugase unha chaqueta..., os dous quedaron en terra, a percha e máis o paiaso que a trouxo.

Confeso tamén, que unha das cousas que máis arrepíos me producen, é a de tirar cristais ou vidreos rotos ao mar..., só de pensalo xa me poño malo. Pero en xeral xa me da mal roio cando cae calquera cousa pola borda por insignificante que sexa. Tamén hai palabras que non me gusta que se mencionen a bordo, e curiosamente moitas delas coinciden coas que se mencionan no libro de Fernando Alonso Romero onde se poden ver alguns refráns coma este:


Pescadores das Illas de ARÁN (Irlanda)

Sionnach ar do dhubhán
Girrfhia ar do bhaoite
`S nár mharbhá tu aon bhreac
Go Lá Fhéile Bride.
(Ó Súilleabháin 1967)

(Oxalá aparezca un raposo
no teu bicheiro, e un conexo
na túa isca, e non collas ningún peixe
ata Santa Bríxida)


O libro, ademáis dun  contido extraordinario, conten imáxenes tan curiosas coma esta, onde vemos unha dorna aparellada en latina (vela triángular por certo), navegando fronte a costa de Beluso (Bueu)




Falando de meigas, meigallos e outras caralladas mariñeiras, dounos a noite regresando ao porto do Grobe. Por entón xa tiñamos falado das sereas, dos exvotos e da Santa Compaña..., e como non quere a cousa aparécemos polo costado unha ringleira de misteriosas aletas avanzando coma pantasmas pola superficie do mar.




¿Arroas, sereas..., Santa Compaña?
   














En fin , unha boa xornada de navegación en Santa Compaña coa tripulación da Miña Miniña e a tripulación do Rana: Rafa (Minino de longa cola) e os amigos da Bretaña, Simón e Antonio. Que teñades unha boa travesía e cando voltades da aventura polos mares do Sur parade por aquí a tomarlle unhas rúbias.




E máis nada, nós continuamos coas Saídas do Outono, e esta fin de semana se o tempo é aceptable, igual achegámonos ata Sálvora. Ánimo, a navegar..., e meigas fora.

Se queredes vir chamade: 626722143, Xaquin)

lunes, 4 de noviembre de 2013

3-31-13


Algunhas veces temos comentado as dificultades de abandeiramento para un barco construído noutro país. Así foi para o RANA, construído nos asteleiros Segelyacht de Hamburgo e matriculado en Berlín.
Por fín, o RANA ten folio de aquí coa matrícula 7ª VILL 3-31-13, pero para chegar até aquí, houbo que pasar por unha serie de procedementos e tramitacións que vou comentar resumidamente porque pode ser interesante para outros barcos que estén na mesma situación.




Pasos para un abandeiramento:

No ano 2004, cando eu merquei o RANA,  a lexislación esixía unha serie de papeleos, trámites e pago de taxas e impostos para calquera barco "extranxeiro" que quixese inscribirse no Rexistro Marítimo Español. Evidentemente este acto podía ser de caracter voluntario, se ben, estabas obrigado a facelo no caso de que o barco estivese máis de 6 meses en augas españolas (por suposto non vou a entrar en cuestións de territorialidade ou xurisdicción marítima). Eso era o que Aduanas decía cando te viña a facer unha visita abordo e sempre podías, como facía algunha xente, facer unha viaxe de ida e volta ata Portugal antes de cumprirse ese prazo de medio ano.

En canto ao papeleo había que facer:

- Baixada de bandeira no pais de orixe.
- Traducir a baixada por traductor xurado homologado.
- Liquidar o Imposto de Transmisión Patrimoniais e actos xurídicos documentados polo 1% do valor do barco reflectido no contrato de compra-venda. (creo que agora aumentou)
- Liquidar o imposto de matriculación e abandeiramento polo 12% do valor do barco.
- Pasar a impección de buques (daquela 240 €).
- Liquidación na Autoridade Portuaria por ocupación de mar e sinais marítimas (en función da eslora).

Despois de facer isto, había que presentar toda esta documentación, máis a maiores, toda a documentación que tiveses de orixe do barco: (certificado navegavilidade, permiso navegación, proxecto construcción, probas de estabilidade, etc.). E a partir de aquí empezaban os problemas:

1ª. Poidera ser que Capitanía Marítima non aceptase a valoración do barco do contrato de compra-venda. Entón a mesma Capitanía se encargaba de peritar o barco (previo pago de tasas), e normalmente incremento do valor que repercute inmediatamente nun complemento da liquidación de impostos para cubrir a diferencia.

2º. Como a maioría dos barcos "clásicos" son anteriores ao marcado CE, e moitos non son barcos de construcción en serie, había que realizar un proxecto de inxeñería como se fose de nova construcción. Así que a pagar un proxecto que como mínimo rolda os 3.000€ (de ahí para o norte dependendo do porte do barco).

En fín, unha serie de papeleos e impostos que desaniman a calquera.


A nova lexislación:

Actualmente danse unha serie de cambios lexislativos que favorecen a inscripción e abandeiramento para este tipo de barcos, polo menos nalgúns casos, xa que se dan unha serie de exencións: 

- 1ª Exención: Os barcos de menos de 8m de eslora, están exentos do Imposto de Matriculación, o cal xa supón unha importante rebaixa, nin máis nin menos que o 12% do valor do barco.
- 2ª Exención: os veleiros de menos de 9m de eslora sen motor intraborda, están exentos do Imposto de ocupación e sinais Marítimas que se liquida na Autoridade Portuaria, o cal se paga cada ano, e en función da eslora, pode chegar a supoñer unha pasta.

Por outra banda, é importantísmo mirar si o barco que se quere matricular é un especimen único ou ben, trátase dun modelo de barco que, aínda que non se trata dunha construcción en serie, sí se teñen construído máis de un barco de acordo ao mesmo proxecto. Neste caso, haberá que presentar toda a documentación para acreditar que existen distintos barcos iguais construídos cos memos planos. Se esto é posible, aforrarás o gasto dun proxecto de enxeñeiro e montón de tempo en papeleo.


Outras vías:

Tendo en conta que moitos barcos que integrar a flota galega de "clásicos" son buques construídos noutros países, sempre está a posibilidade de poñerlle bandeira de Bélxica, a cal permite que un "non residente" en territorio belga, poda incribir alí un barco independientemente de onde esté o barco ou da zona por onde navegue. Esto ten ventaxas pero tamén algún inconvinte, por exemplo, cos períodos de prazo que cada país, a través de Aduanas, establece como máximo para poder navegar nas súas aúgas. Se ben, algunha xente afirma que agora ese tempo é ilimitado para barcos con bandeira de calquera país europeo. Eu, confeso que neste asunto non o teño tan claro e a miña experiencia me dí que non é así, e fai apenas un ano, recibín unha "visita" da lancha de aduanas que me confirmou que de momento, se estás máis de 6 meses navegando por aquí,  tes aque abandeirar o barco e si non multa que te criou. En todo caso haberá que estar atentos por que parece que esto pode cambiar en breve.


O caso do RANA.

O RANA, está dentro deses campos de exención e por ter unha eslora de 7,64, está exento do Imposto de Matriculación e do Imposto de Ocupación e Sinais Marítimas. Por outra banda, en Capitanía ao final atenderon positivamente a documentación que presentei para demostrar que se trata dun barco de "clase Folkboat", recoñecida internacionalmente e que dende o proxecto orixinal realizado en 1941, se teñen contruído máis de dous mil exemplares.

En definitiva, o RANA xa ten folio e toda a documentación pertinente para navegar (certificado nagavilidade, permiso de navegación, etc.).


Estas imáxenes corresponden ao mes de Setembro, un día antes de recibir a visita do Inspector de Buques da Capitanía Marítima de Vilagarcía e que me obrigou en definitiva a varar o barco en dúas ocasión neste verán.


















  

    













Ben, agardo que esta información resumida poda servir de axuda para algún armador dun "clásico" que esté nunha situación similar. Sei que cada caso é distinto, e cada un ten que mirar o que mellor lle conveña, pero éste é o meu caso e quería compartilo porque é posible que non se esté ao tanto destas modificacións e exencións na nova lexislación en materia de abandeiramento.
E se alguén está pensando en facerse cun Folkboat, que sepa que pode facelo (xa hai varios casos) e non sae nada caro no caso de ter a baixada de bandeira orixinal e con 200€ pode arranxar o problema.
Sorte a todos.


Navegación de outono:

Ben, e como non podía ser doutro xeito, saímos a estrenar o novo folio este domingo de tregua de temporais. Unha xornada bonita a pesar do ceo gris e dunhas temperaturas que nos obrigaron a ir ben abrigadiños:  










 




E máis nada, este sábado que ben, imos repetir navegación outonal e de paso, a paparlle uns callos a Vilanova, ou un cocidiño a Palmeira, ou se cadra unhas fabas cun tintiño a Aguiño..., xa veremos, esó sí, avisade e vir abrigados.
Animádevos

(Se vos apetece vir a navegar con nós, chamade ao 626722143,
Xaquin).