Translate

martes, 21 de octubre de 2008

MARTES: SEGUIMOS (10 anos do clube mariño salnés)

Lancha do Xeito e "Burro" amarrados an Rianxo

Pasaron algunhas semanas dende a fin de Rianxo e recibimos efectivamente un sobre con información de "Dornenes", unha carta de invitación e unha folla de inscrición para asistir ás "Fettes Maritimes de Douarnenez 2000”. Para entón xa sabiamos algo máis do asunto. Non lembro o mes pero imaxino que arredor de setembro (+ ou -) dese ano 1999 recibimos outra invitación especial, esta vez para acudir a unha reunión da Federación Galega pola Cultura Marítima en Rianxo. As cousas estaban clarísimas, o seu presidente nese momento Dionisio Pereira anunciaba que a Federación estaba morta dende a celebración dos Encontros do Grobe (1997), sen directiva, sen cartos, sen actividade ningunha, en fin que tan so existía no Rexistro de Asociacións. Sen embargo todos coincidían que a Festa das Tradicións Mariñeiras de Rianxo supuxera un canto para a esperanza. Santiago Páramo (Escola Xeiteira de Rianxo) pola súa banda lembraba/advertía que na cita de Douarnenez 2000, Galicia ía ser convidada de honra e que alguén se tiña que facer cargo deste reto. Un desconsolado Isidro Mariño (un dos pais da Federación) clamaba no ceo pedindo que todo o traballo que se desenvolvera dende o ano 93 non se podía botar pola borda sen máis. O caso e que alí mesmo iniciouse unha votación para saber si as asociacións alí presentes estaban dispostas a seguir adiante ou pola contra procedíase á liquidación e extinción da Federación. Aquela dramática votación tivo abstencións, votos en contra e tamén votos a favor, entre eles os do Clube Mariño Salnés que si ben non eramos socios, permitíusenos votar porque aquelo tiña que ser entendido como “cousa de todos”. Por moi pouco gañou a continuidade da Federación e inmediatamente pasouse a nomear unha comisión xestora que se encargase de facer o que puidera. Como a xente xa se levantaba e empezaba a marchar, non se escoitaban moi ben os nomes integrantes desa comisión xestora que se improvisaba no momento. Pareceume escoitar Clube Mariño Salnés pero foi Uxio sentado ó meu carón e representando a ACD Dorna (tamén votou a favor a pesares de non ser socia) o que me dixo "parece que vos chaman". Aínda non finalizara a reunión pero a xente saía apresurada. Cando marchou todo Díos, Isidro reuniu aos que dende aquel momento ían tirar da Federación. Sen comelo nin bebelo alí estaba eu, representando ó Clube Mariño Salnés como membro da comisión xestora da Federación, cando unhas horas antes apenas sabía o que era. Nesa Comisión estaban unha mestura de “veteranos” con “recen chegados”. Entre os veteranos Isidro Mariño (Dorna Meca) e Paco Paxaro (Asoc. de Veciños Boureante) e entre os novos Xabier Trepat (Amigos da dorna de Portonovo) e mais eu (CMS). Hoxe case todo o mundo coincide en que ese momento foi o da refundación da Federación e o importante para o caso é que este Clube insignificante e pequeno estaba aí, e a partir de aquí todo cambiou.

Anécdota da xornada: mentres se daba conta daquel informe dramático sobre a situación da Federación, un home de aspecto estrafalario con gorro de pompón clamaba dende a última fila sen que ninguén lle prestase atención "e os barcos, o importante son os barcos,... quen os vai coidar...". Era Paco Bicho de Bueu, un dos fundadores dos Galos de Bueu, e que un dia decidiu ir navegar a outras latitudes (nota en obituario Ardentía Nº 3)
mañán máis.

No hay comentarios: