No ano 1998 nace oficialmente esta asociación co obxecto de que Cambados tivese un clube de vela tanto lixeira como tradicional. Se ben, o da vela lixeira nunca chegou a desenvolverse agás un curso organizado no primeiro ano de vida da asociación en colaboración con Alvaro Paz (Liceo de Vilagarcía). No seguinte ano sería un ano especial por moitos motivos. Primeiro porque a asociación decántase pola vela tradicional como principal actividade da asociación, así se organiza un curso de vela en dornas en colaboración con xente principalmente da Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa que desprazan ata Cambados dornas e monitores (Uxio, Parada, Pardavila, Cubano, Adelino,...). Nese curso xurde un compromiso directo cos barcos tradicionais e a cultura do mar máis próxima. Así organizamos unha exposición “Barcos de Dornas” con cadros do pintor vigués Costas Otero, fotografías de Xosé Raño e maquetas de barcos tradicionais de moitos afeccionados de Cambados ( Edesio, Lotiño, ....). Con motivo da exposición o pintor Lino Silva agasállanos cunha das súas montaxes da colección “bichitos de la Ría”, unhas recreación de “monstros” da Ría, metade nécoras, metade santiaguiño, cacho de centola e ollos de boi. Cousas de Lino. O noso bicho bautizámolo como Linosaurio e convertese na máscota do Clube. Coa organización do curso de dornas e da exposición, dámonos a coñecer e así recibimos unha invitación para ir a Rianxo a unha reunión de asociacións de embarcacións tradicionais. Nesa reunión coñecemos que se vai celebrar a 1ª Festa das Tradicións Mariñeiras organizada pola escola de carpintería de ribeira "Xeiteira" (con Santi Páramo á cabeza) e polo concello de Rianxo. Tamén descubrimos que existe unha Federación Galega de Embarcacións Tradicionais creada cinco anos atrás pero que estaba a piques de desaparecer sobre todo polo desgaste sufrido coa organización do III Encontro de Embarcacións Tradicionais-Galicia 1997 celebrado no Grove. Chega o verán e asistimos a Rianxo cun stand compartido entre o Clube Mariño Salnés e a Cultural Dorna da Illa. O Stand recrea unha taberna mariñeira que chamamos Dorna e para nos supón entrar nun novo mundo. Daquela chovera a cachón e pouco se navegou. No porto puidemos ver embarcacións como a buceta e o galeón de Combarro, a Meca do Grove, a nova Jorita de Cambados, dornas de ribeira, algun bote de Ferrol,... tamén a xeiteira Nova Marina (a primeira lancha do xeito recuperada na escola “Aixola” de Marín con plantillas tomadas dunha xeiteira de Caldebarcos soterrada no fango, proxecto de Isidro Mariño) e a Goleta Valle Inclán de Nacho. Pero a pesares da chuvia a montaxe en terra foi todo un éxito, alí estaba todo o que tiña que ver coa cultura marítima de Galicia naquel momento e que nos (os do CMS) descoñecíamos en absoluto ou polo menos eu. A Festa das Tradicións Mariñeiras de Rianxo foi un éxito, e para todo o mundo considerouse como a 4ª edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, organizados nas anteriores edicións ó abeiro da FGCM (daquela aínda non era fluvial). Esto foi así porque a maioría das embarcacións e asociacións presentes en Rianxo estaban integradas ou relacionadas con esa Federación de asociacións.
Translate
lunes, 20 de octubre de 2008
Ano 1998-1999. así empezamos
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario