Balandro "Yago". Cambados 1950
No blog de Arlillo temos unha entrada co título “mis memorias náuticas 3: la parrula y las regatas”, onde Arlillo, un home de 92 anos, fai memoria das regatas das dornas Nai en Vilagarcía de Arousa alá polos anos 50.
O artigo é un documento histórico de gran importancia no seu conxunto, pero a min en particular, interesame precisamente o comentario inicial:
“Estaba en dudas entre un balandro de un carpintero de ribera de Cambados llamado señor Padín, que se deshacía de sus balandros al irse a Venezuela..”.
¿Quen é ese Sr. Padín?
Falemos del, para os cambadeses “albarito” e para min un referente familiar moi presente.
Alvarito, ou “Lalo” como o coñecemos na familia, era un xoven entusiasta dos barco, aínda que a súa verdadeira paixóns era a aviación.
Alvarito "Lalo" revisando un avión da época
O seu carácter, sen dúbida apaixoado e emprendedor lle levan a acometer a empresa de crear un asteleiro de carpintería de ribeira no “Pombal”, unha zona na beiramar cambadesa do barrio de Triana (Fefiñans).
Peirao de Cambados. Anos 50
Naquel taller se deseñaban e construían balandros como especialidade principal, pero tamén racús e dornas de tope. Nunha entrada, aquí en Boudeva, xa falei das dúas dornas míticas construídas neste asteleiro, a propósito da “verdadeira orixe da Belida”, a dorna de tope recuperada pola asociación “A remadoira” de Vigo que conta con moitísimas probabilidades de ser cambadesa.
Probando un balandro. Travesía O Pombal-Vigo
Os probadores dos balandros: Eduardo e Joaquín (meu tio e meu pai)
O traballo deste pequeño asteleiro de carácter totalmente familiar e onde traballaron excelentes carpinteiros e ebanistas (como o mítico Antoniño o de “segundo”), pronto tiveron sona polo calidade dos deseños e da execución dos proxectos de construcción.
A clientela dos balandros chegaba dende Santarder, Barcelona, Bilbao ou Londres. Aquela loucura de realizar balandros na metade do século pasado nunha pequena vila mariñeira empezaba a ter resultados empresariais. Tanta foi a lista de pedidos que “Lalo” decide dar o gran salto e marchar ó Brasil a facer ás “américas”, construíndo un asteleiro especializado na construcción de balandros de alta gama. Brasil sen dúbida proporcionaba madeira de gran calidad e unha posición estratégica para o mercado americano (moi puxante naquela época de turbulencias de post-guerra en Europa). Xa instalado en Brasil e cun futuro prometedor por diante, a mala fortuna quixo que Alvaro morrese atropelado cando ía traballar ao estaleiro. Aínda hoxe resoan os ecos da traxedia na contorna familiar.
Albarito era un entusiasta, emprendedor e magnífico carpinteiro, máis contaba cun aliado que facía de “cerebro”, que deseñaba e decidía os proxectos a executar, este era o seu primo carnal, Egidio Lopez Padín, meu avó.
Albaro (en 1º plano á dereita) e detrás Egidio. Festa do ramo na inauguración asteleiro do Pombal
Xa teño falado de Egidio con motivo dun comentario no libro de Steffan Mörling “As embarcacións tradicionais de Galicia” onde se cita un artigo de Egidio publicado na Revista General de la Marina (1936), relativo á posibilidade de atribución dunha “orixe nórdica” á nosa dorna (artigo por certo empregado dun xeito sesgado no libro de Mörling e que se cadra falaremos outro día).
Era efectivamete Egidio, o que seleccionaba os modelos, os estudaba, os construía en maquetas e o que dirixía o proceso de construcción dos barcos.
Maqueta do balandro "Yago" realizada por Egidio e contruído no Pombal.
Este barco con base en Santander foi o dominador da súa clase no anos 50 nas regatas do Cantábrico.
Este barco con base en Santander foi o dominador da súa clase no anos 50 nas regatas do Cantábrico.
Todo esto daría para moito pero quero simplemente comentar algúns dos referentes que tiña meu avó naquela época para deseñar os seus modelos de barcos, que non eran outros que as moitas coleccións de revistas da época coa temática do mar, os barcos e a cultura mariña. Aí van algunhas da coleccións do meu avó que eu conservo con devoción:
Algunhas inglesas e americanas como estas:
Tamén referencias francesas:
Sudamericanas como a arxentina "Modelismo Naval":
E tamén referentes máis próximos.
E como non, o referente maís perto, a de Ediciones CÉLTIGA, unha publicación adicada ó MAR, e onde por certo o historiador Caamaño Bournacell publica en 1942, unha entrevista a Egidio co título: "Un astillero en miniatura". (Nao Céltiga I)
á memoria de Alvaro, Egidio e Joaquín,
o soño do mar segue navegando en nós
12 comentarios:
Magnífico post e magnífico o material que nos das a coñecer.
noraboa majete!
Increible a información que nos proporcionas a tod@s.
Así de boas a primeiras o que me resulta máis interesante é a entrevista ao teu abó na revista Céltiga.
Porque non a escaneas e a subes ao Bou de Vara?
Grazas amigho.
impresionante e interesantísima historia, xaquin, tesnos que seguir contando sobre toda esta xente!!
apertinha!
Por cá se diz: "quem sai aos seus não degenera" e tu vais no rumo segudor de gostar dos barcos e das memórias do mar.
Abraço amigo de tantas milhas navegadas.
Dis que a Belida pode vir de este asteleiro, eu penso na Airexa e a dubida venme polas formas. Contoume un día un de Sto. Tome unha historia de unha de esas dornas que fixo Albarito e iba o mar, e preguntome a Belida non ten fasquía de mariñeira, polo menos non se parecen as da Airexa, tamén me sorprende como vai o temón da Belida, porque pensas que é unha de elas?.
Foi unha pena a perda de moitos dos planos do asteleiro.
Sr. Lino, me alegra que te gustase a entrada. Agora tocache a tí facer un post. Por aí escoitei que te vas meter na política municipal coa creación dunha nova força política. Cantos partidos tería así o Grove?.
Boas Moncho:
A revista Mar de Edicións Cétiga é interesantísima no seu conxunto. Por certo a data estaba mal posta, é de 1942 (xa está corridixa). Tentarei facer un resumo dos contidos. Saúdos e que disfrutedes da visita a Cambados.
Amiga Andrea,
Toda esta xente, como dís, facía cousas moi interesantes. Tamén vos estades a facer cousas interesantes no blog de dorna, dandolle apertura e frescura ós contidos e proxectando unha imaxe dunha Escola que se renova. Adiante
Companheiro Joâo:
Sempre me emociona verte por aquí. O peso dos antergos é en muitas vagadas unha lousa ou lastre, máis cando se superan algunhas eivas persoais, o traballo dos devanceiros é a mellor herdanza que se pode recibir, e un bo caxato onde apoiarse nos momentos difíciles.
Unha forte aperta
Fernando, tes que mirar as entradas da "misteriosa orixe da Belida".
Sei que unha das dornas foi para Vigo, onde acabou enterrada no fango durante anos.
Cando os de remadoira souberon dela, lles dixeron que procedía de Cambados. As datas coinciden. A estraña forma desa dorna (moi afiada) faina moi veleira e pouco propicia para o traballo de pesca. As dornas de Albarito navegaban moi ben pero non eran do agrado dos mariñeiros poque eran moi "veleiras". A dorna cando se retirou do fango estaba feita un "esquelete" (mira a paxina da remadoira) e da restauración posterior non teño nada que decir.
De todas formas teño que ensiñarlle a foto desta dorna a "galiñanes", aínda vivo e que di que si ve unha foto a reconocería por moita restauración que lle metesen.
A Airexa dende logo que non é do asteleiro, o sabería por meu pai que a arbolou para Tito Silva e nunca me dixo que era de Albarito.
que emosión, hoxe foi abrir o Boudevara e casi me veñen as lágrimas aos ollos!!!
7 COMENTARIOS!!!!!
esto empesa a coller vuelo...
Xa tiña claro que a de Tito a "Airexa" foi feita en Rianxo ou eso me dixeron. E xa vin hai tempo o dos orixens da B... e sabía de conversas varias que Albarito fixera 3 dornas creo recordar, pero sempre supuxen que terían unha fasquía mais de traballo e despois o verlle o temón a Belida, pois mais dubidas me da, pero bueno ...
Por comentarios do dono da dorna parece que a levaron a Vigo onde o seu novo dono lle fixo varias modificacións para darlle unha apariencia máis de "veleiro" (eran os tempos das dornas nai), e posiblemente aí procederon á modificación do timón. (Neste senso tamén a Airexa tivo moitas modificacións da popa e do timón cado lle meteron motor intraborda aínda que posteriormente llo quitaron).
A dorna que foi para Vigo, quedou soterrada durante anos ata case non quedar nada, e da restauración posterior, non me interesa facer ningún comentario.
A min interésame a orixe, e dende logo os datos previos coinciden de maneira increíble. O que non sei con certeza e as modificacións que foi sufrindo o animaliño ó longo do tempo e que seguro que indo para Vigo serían moitas.
Pode que non sexa, pero existen moitas probabilidades de que sexa así, e dende logo sería moi dificil que despois de tantos anos e tantas modificacións e restauracións, a dorna sexa fiel a como saiu do asteleiro orixinariamente
Ola! un post interesantísimo. Cando o lín e vin as fotos deses pedazos de barcos, empecei a preguntar aos meus pais se sabían algo de ese tal Lalo ou do asteleiro non sabían nada, pero cando falo ca miña avoa cóntame que for un home con moi mala sorte, que fora para Brasil e que morrera o pouco tempo, e quedou abraiada de como podía saber eu iso tamén. Máis non quedou ahí a cousa, porque o seu irmán Emilio traballaba no asteleiro do Pombal e que Marchara con "Albarito" para Brasil e que alí traballaba no asteleiro inda despois da súa morte. E como anécdota contoume que ela lle mandara una foto do muiño da seca, e que o seu irmán Emilio comentaralle por carta que a tiñan no mellor lugar do asteleiro.
A verdade e que para min todo esto foi un descubrimiento, tamén o de que en Cambados se fixesen semellantes barcos. Que pena que no noso pobo se perdera un pouco toda esta cultura.
Se algunha vez vos animades a facer algún curso de vela tradicional ou algo semellante, aquí tedes a alguén moi interesado.
Un saúdo e Gracias
Ola Hugo, acabo de ver o teu comentario por pura casualidade xa que é raro que miremos comentarios de entradas de tantos meses atrás.
A verdade é que quedei bastante alucinado co que contas. Eu por exemplo non tiña idea de que o astillero de Brasil continuase a actividade despois da morte de Albarito. Pregúntome por exemplo se tes algunha foto do teu tioavó Emilio no astillero de Brasil ou mesmo do Pombal, sería unha pasada.
Ben, se chegas a ver este comentario pediríache que si queres comentar algo o fagas na entrada máis actual xa que é normalmente a que miramos. En canto a cursos, todos os verán navegamos coas dornas do Clube Mariño Salnés, precisamente estamos en fase de renovación e entrada de nova xente. Este sábado temos reunión no local social, se te animas por alí estaremos.
Saúdos e moitas gracias pola visita e a información. A min se me abre unha nova xanela sobre esta historia que aínda ten que dar para moito máis.
Publicar un comentario