Translate

miércoles, 24 de abril de 2019

CAMBADOS ARREDOR DOS BARCOS VELLOS

 Clube Mariño Salnés
Vela Tradicional Cambados


Estamos en tempo de completar o mantemento anual dos barcos tradicionais pertencentes aos colectivos que se encargan deles. 

Tarefas en equipo para aloumiñar un patrimonio que non desaparecerá mentres existan persoas dispostas a coidalo.    


Traballos conxuntos do Clube Mariño Salnés e da Asociación Vela Tradicional Cambados. 
inverno de 2019






Xa queda pouco tempo para botar de novo os barcos ao mar e iniciar unha nova tempada de navegación. Se ben, para chegar aquí, fai falla o enorme esforzo dos colectivos que dedican moitas horas do inverno a preparar estes barcos, que como calquera cousa de valor, precisan de coidados e atencións, uns traballos que se fan de xeito colectivo nas distintas sedes sociais.

Aquí vai unha escolma de imaxes que amosan en secuencias instantáneas, este labor colectivo:


Sede Social do CMS
Clube Mariño Salnés


Dende a mes de febreiro os integrantes deste colectivo inician a limpeza e acondicionamento da sede para poder iniciar os traballos de mantemento dos barcos. Un traballo que se alonga até o 17 de maio, o día das Letras Galegas que marca o inicio da tempada de navegación para as embarcacións tradicionais.





Preparando o obradoiro



 Pronto empezan as tarefas cos barcos, normalmente coa retirada das pinturas en mal estado, limpeza xeral, saneamento de oxidacións, etc.


imaxe: Bob e Rosana traballando cos remos da Muller de Balboas


Betol saneando as panas do Rana











Quique dando imprimación aos remos

 

Alex coa cana do Rana


Normalmente tamén hai que facer algún que outro arranxo de carpintería, neste caso, a tapa regala da dorna de tope:






Zeltia en traballos de carpintería





Seguidamente toca aceitar a cuberta, interiores, pau, panas..., nutrientes para unha madeira que necesita alimentarse coa liñaza.


Carol e Naza saneando os flotadores



e empezamos coas imprimacións na obra viva e na obra morta, non sen antes un bo rañado para retirar os materiais en mal estado:





Alberto na cuberta e Alex dando imprimación na quilla

O equipo atendendo ás indicacións expertas de Rubén



E tamén hai que darlle aos temóns, paos e outros aparellos:


Xesús de supervisión das tarefas co temón


 
 Xabi coa cana e Alicia coas panas





e dende logo, sen esquecer de endulzar ben as velas:







e pouco a pouco vaise completando o traballo, xa vai tocando repintar folios, nomes e algún que outro detalle:


Xan pintando o folio da Muller de Balboas.



Rubén facendo unha pana






Ao remate da xornada toca foto de equipo e como non, un picoteo merecido para os traballadores/as:









































Sede de VTC
Vela Tradicional Cambados

Este ano tamén toca acondicionar a sede de Vela Tradicional Cambados, un local destinado principalmente a realizar actividades compartidas entre as entidades asociadas así como nave de abrigo e reparación das embarcacións que participan na Escola de Vela Tradicional de Cambados.



Bea preparando o soporte para colocar unha pequena exposición de cartelería relacionada co patrimonio marítimo
 

Esther lixando a obra viva da Julicheira








Rafa colocando soporte para os motores






e atarefados andan tamén os compañeiros de As Goritas de Cambados arranxando a cuberta e o pau da Airexa, a pé de praia, como antigamente:


A Airexa na praia de San Tomé.

 Na imaxe de abaixo, un carpinteiro de ribeira preparando unha táboa para o corredor dunha gamela aproximadamente nos anos cincuenta. (praia de San Tomé-Cambados).



 

E un pouco máis lonxe anda o Rana, concretamente nos estaleiros dos irmáns Garrido, onde se lle van colocar un par de varengas novas e substituír algunha "ballesta" deteriorada polo medio século de vida que vai cumprir o barquiño.
 














 






Vista dende a popa do Rana varado no estaleiro dos irmáns Garrido. O Grobe 2019


E non quixera rematar esta entrada sen lembrarme dos amigos da Asociación A Torre, que se ben agora xa non están no proxecto conxunto de Vela Tradicional Cambados, fan un traballo extraordinario durante o inverno que merece todo o respecto e admiración.  




imaxes: 
arranxos dunha dorna e unha gamela Asoc.. A Torre
autos: Xesús Gonzalez Dominguez



Remate


En fin, xa vai quedando menos se ben, aínda queda moito traballo por diante antes da chegada dese 17 de maio que da inicio á tempada de navegación para a flota de embarcacións tradicionais na Ría de Arousa. Pola bando do CMS xa van alá máis de vinte anos coidando do patrimonio marítimo, un mundo de tempo que viu pasar moita xente que nalgún momento das súas vidas aportaron tempo e dedicación a conservar o noso patrimonio marítimo.

A todos/as os que estiveron e os que aínda están arredor dos barcos vellos, adico esta entrada acompañada dunha forte aperta.



Salitre compañeiros/as

imaxes: 
Miguel Montero
Xesús Gonzalez Dominguez
Arquivo CMS
Arquivo VTC
Arquivo Boudevara

jueves, 4 de abril de 2019

Mar de Madeira



Mar  de madeira


Terra de fento no monte e bocho na ribeira
terra de calixe no verán e brétema
nos ollos da invernía eterna.

 

Así adormece a alma co son agarimoso
que resoa na noite coma unha xoaniña
batendo nas ás de veludo furado,
garabato descosido da inocencia.


 
 Cons ao lonxe salpicados de escuma
saúdan ao mariñeiro ao paso dos ollos de boi,
retinas de vidro embazadas
que reflicten o pano de saudades ermas.




Vento na popa para esmagar o sueste atento,
aire para remexer as penas que se afastan do fío de sal
que se queda en terra, silandeiro cadillo
que rega o mar das nosas veas.



Quen sabe se hoxe haberá peixe dabondo
para alimentar a noite e as estrelas,
que acenden e apagan o fulgor
da lúa choutando nun lance de pedra.



 Terra de vento no mar e piñeiros na ribeira,
terra de melura e peixe na patela,
dos homes de sal en barcos de madeira.   


 











 


Mar de Madeira
Exidio Cuíñas
Febreiro 2019 ©




imaxes: visita estaleiro Gerardo Triñanes. 
Boiro 2017




viernes, 1 de marzo de 2019

Dorna de Tope "Meca"



Dorna de Tope "Meca"
planos e medio casco 

 


Terra de vento no mar e piñeiros na ribeira,
terra de melura e peixe na patela,
dos homes de sal en barcos de madeira.  





do poema Mar de madeira
Exidio Cuíñas. 
febreiro 2019©









Principiamos a actividade en boudevara deste ano como non, falando de barcos. Neste caso das dornas de tope e máis concretamente da súa variante “meca”.


Tipoloxía: dorna de tope
sub-tipoloxía: Meca


Dornas Mecas "de escarva". Lugar de O Borrón. Cambados

Con total seguridade, a inmensa maioría identificará as dornas mecas coas dornas de escarva propias do Grobe se ben, tamén houbo dornas de tope mecas, ou de proa lanzada, unha variante que eu penso desaparecida dende fai moitos anos. Pero quedan evidencias de que realmente existiron e eu nesta entrada, quero falar dunha desas evidencias, concretamente dunha de tope meca varada no lugar de A Cabana de Cambados en 1953.








Nese ano de 1953, case setenta anos atrás, unha dorna ficou varada fronte ao pequeno areal que había no lugar de A Cabana en Cambados, de onde seguramente non saíu nunca máis. Daquela, nese lugar de fondo de ría, onde o rio da Ucha alimentaba o muíño de mareas do saco de Fefiñáns, moitas embarcacións das consideradas tradicionais, foron abandonadas coa chegada dos motores a partir da segunda metade do séulo pasado. Moitos nenos cambadeses da miña idade seguro que aínda lembrar os últimos restos do esqueleto dun racú e dunha tarrafa que finalmente sucumbiron ao paso do tempo como tamén lle aconteceu a nosa infancia. 



Restos dunha tarrafa no lugar de A Cabana-Cambados co muíño de mareas ao fondo antes de facer o actual recheo.
 
 
Muíño de mareas de Cambados. (Páxina web concello de Cambados)



Moi preto daquel cemiterio de barcos vellos vivía un mozo con inquedanzas pola cousas de mar herdadas da súa familia paterna, sobre todo do seu pai, un home que se pasaba as tardes metido no faiado da casa arredor da luz das velas para poder traballar no seu estaleiro en miniatura de onde saíron fermosas maquetas de todo tipo de barcos. Ese mozo (hoxe un home perto dos noventa anos), chámase Eduardo e daquela sentiuse atraído polas formas daquela embarcación que el miraba dende a solaina da casa. E agardando pola seca, un día baixou até a ribeira armado de compás, lapis e papel para levantarlle os planos a aquela dorna de atractiva fasquía.


nota imaxe superior: detalle da antiga porta traseira da casa da Cabana onde vivía Eduardo conectada directamente co mar. Na parte inferior da imaxe apreciase o antigo esquife empregado polos da casa para ir ao "centro" da vila.






 














imaxes: fragmento do artigo do historiador Caamaño Bournacell ao maquetista naval Egidio López Padín (pai de Eduardo López). Un "Astillero en miniatura. Revista Céltiga. 1942



enlaces relacionados:
Náo Céltiga I
María del Carmen Ana


Moitos anos más tarde, no ano 2001, o Clube Mariño Salnés de Cambados quixo recuperar unha dorna de tope e foi meu pai quen me falou por primeira vez de que o seu irmán Eduardo, fixera uns planos dunha dorna de tope varada na “Cabana” se ben, pasaran moitos anos e non sabía se aínda os conservaba. Logo dunha conversa telefónica puiden saber que aqueles planos existían se ben, tiña que agardar uns meses a que meu tío viñese por Cambados a pasar as vacacións de verán. Neses meses de espera, no CMS tivemos a sorte de que aparecera un casco dunha dorna de tope no Grobe que nos gustou moito e decidímonos por restaurar integramente esa embarcación para a navegación a vela, aparcando polo momento a idea de facer unha embarcacións nova. O resultado foi a dorna de tope A Muller de Balboas, unha embarcación restaurada na carpintería de ribeira de D.Valentín Pérez Gonzalez en Combarro.



A Muller de Balboas: Tragobe 2017
















imaxe: Restauración de "A Muller de Baboas" na carpintería de Valentín. Combarro 2001



 Non foi até o ano 2015, con motivo de rexistrar en Capitanía Marítima a “Muller de Balboas” (até ese momento navegaba sen folio) cando volvín lembrar aquel plano de meu tío Eduardo. Por entón, para matricular a dorna necesitábamos un plano de formas para entregar en  Capitanía co resto da documentación e foi nese momento cando reparei que aqueles planos eran efectivamente dunha dorna de tope pero na súa variante meca.


nota: plano distorsionado para preservar os dereiros do autor




E non sería até dous anos despois, cando me xurdiu a oportunidade de poder ver a forma daquela dorna debuxada no plano. Foi baixo a supervisión de Santi, o mestre carpinteiro da Escola Aixola (curso de carpintería de ribeira 2017), cando me puxen a elaborar un medio casco guiado polo plano de Eduardo; e logo dunha chea de horas de traballo, por fin puidemos aproximar unha ollada a escala de como sería aquela dorna de tope meca varada no lugar de A Cabana no ano de 1953.





Proceso de realización de medio casco
dorna de tope "Meca"


1º.- Pasar a un taboleiro os planos a escala:











 











2º. Pasar os puntos ás pezas de madeira por liñas de auga:





 



















3º.- Unir as pezas seguindo a orden das seccións:


























4º.- Rebaixar a madeira sobrante até igualar as distintas liñas de auga:







Ferramenta usada: trencha, cepillo e bastren.





 5º: Acabado da peza: lixa, pintura e verniz:























  



6º.- Montaxe final (ensamblado) das pezas:











Medio casco dorna de tope "meca" ou de proa lanzada.

 



 remate:


 Poder reconstruír as formas dun barco partindo duns apuntes feitos nun papel e gardados durante tantos anos, foi para min algo máxico. 
Modelar a madeira a golpe de trencha, ver como paseniño van aparecendo as liñas trazadas no papel e imaxinar como sería realmente aquel barco desaparecido fai tantos anos, é unha actividade verdadeiramente reconfortante. 

Lonxe de ser un experto en modelismo naval (é o meu primeiro medio casco) puiden chegar a imaxinar o que senten os verdadeiros modelistas e afeccionados ao maquetismo naval, pechados tantas horas e días nos seus "esteleiros en miniatura". 

 
Moitas veces teño visto así ao meu pai Joaquin, tamén herdeiro desa paixón familiar polo mar e a madeira, concentrado na arboradura dos seus "navíos". E teño que recoñecer que empregar a vella trencha de meu avó e o seu pequeno cepillo "stanley" para modelar este medio caso da dorna meca de tope, foi como revivir algo que estaba aparentemente durmido. Por outra banda, pensar naquel rapaz, un novísimo Eduardo levantándose unha mañá cedo de 1953 para aproveitar a seca e poder trazar os planos daquela dorna con tanta precisión, non deixa de espertar en min unha enorme admiración pola súa aptitude inqueda e unha gran determinación. Chapeau!






agradecementos:

A meu tío Eduardo López Blanco por cederme unha copia dos planos da dorna.

Ao carpinteiro Santiago Cancelas (escola Aixola) polos seus consellos

e ao meu avó Egidio López Padín polas súas ferramentas de traballo.

  


Terra de fento no monte  
e bocho na ribeira

terra de calixe no verán 
e brétema nos ollos  
da invernía eterna.



Mar de Madeira
Exidio Cuíñas
febreiro de 2019 ©
outros enlaces relacionados: