Chegamos a Caldebarcos pouco despois das 6 da tarde deste xoves 21 de xullo, concretamente ao lugar da Fontevella, o pequeno mirador da placiña ofrecia unha marabillosa vista da ría e das praias; nesa mesma placiña atopábase instalada a exposición MAR AO XEITO, unha montaxe dedicada ás emblemáticas embarcacións que se adicaron a esta arte de pesca, por antonomasia: a lancha xeiteira. Esta monografía recolle descricións sobre a arte do xeito, o oficio, as lanchas... e tamén sobre os traballos que derivaren nunha realidade tanxible como é a Nova Marina.
Pero a visita a Caldebarcos tiña un obxecto máis que o de disfrutar do espectacular entorno único que ofrece esta banda do mar, non quixemos perder a oportunidade de participar no acto de conmemoración do XX aniversario da recuperación do pecio da última lancha xeiteira, a Marina, que alá polo 1991 foi desenterrada de unha lameira próxima á laguna de Caldebarcos, e que ao abeiro de un proxecto ideado e capitaneado por Isidro Mariño, o noso Isidro (do que falaremos próximamente en outro post), derivou na construcción de unha réplica xemelga na Escola Obradoiro a Aixola de Marín.
Este evento estivo organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a Asociación Cultural Xurde de Caldebarcos e o Museo do Mar de Galicia. Non tardamos moito en coñecer aos encargados de presentar o acto; Lela da Fontevella e o seu fillo seminarista (estudiante especializado) que como veciños da zona e coñecedores do mundo do xeito foren os encargados de conducir esta celebración.
Lela da Fontevella e o seu fillo seminarista
Numeroso público se deu cita nesta conmemoración da recuperación da última lancha do xeito, que en verbas do seminarista: "fixo que Caldebarcos escribira unha importante páxina na historia da cultura mariñeira de Galicia". Non faltou a música neste evento que se abría coa intervención do alcalde de Carnota, Ramón Noceda; o director do Museo do Mar, Pablo Carrera; e de Luís Rei, que realizou unha breve presentación do último número da Ardentía que saiu do prelo para o Encontro de Carril, e que tamén fixo un percorrido sobre a presencia da lancha do xeito nas publicacións e na historia da recuperación da nosa historia marítima.
O alcalde de Carnota
Pablo Carrera
Luís Rei, carghadiño de libros
Lela da Fontevella reclamoulle un pufo de un camión de sardiñas a varios dos intervintes
Un dos puntos de inflexíon do programa da xornada foi a do homenaxe a Francisco de Lado, o carpinteiro de ribeira que se ocupara no seu dia dos traballos na Marina, que foi peza clave para o achádego do pecio, e importantísima fonte de información para os traballos posteriores para a elaboración da réplica, a nova Marina. Francisco recibiu emocionado o sinceiro aplauso e homenaxe das entidades organizadoras e das perosas que ata alí nos achegamos, e recibiu de mans de Victor Fernández, presidente da FGCMF, un pergamino conmemorativo.
A continuación do recoñecemento a Lado, como alí se lle coñece, subiron ao escenario os poetas Chisco Fernández Naval, Alexandre Nerium, Miro Villar, Carlos Arias e Anxo Angueira, que leron poemas do libro "Tamén Navegar", que é un compilación poética de versos relacionados co mar en galego desde o S XII ata a actualidade, sendo presentado no X Encontro, hai uns días en Carril. Angueira deu lectura en rigorosa exclusiva a un poema que escribiu poucos minutos antes de comezar o evento, inspirado pola paisaxe e a historia que destila. Tamén Maria de Lado interpretou unha peza a voz e pandeireta, da súa propia autoría.
Despois das intervencións os asistentes dirixímonos á ribeira, dándo un paseo entre os pequenos galpóns (o que no grove chamamos loxes) que se atopan salpicados por toda a praia e que sirven como naves auxiliares da laboura dos mariñeiros, todo un exemplo que se conserva da arquitectura popular mariñeira. Detivemos os noso paso ao chegar ao entorno da Fonte das Mentiras, onde se atopa un pequeno fondeadeiro, dos de toda a vida, sen recheos nin formigóns.
Na última liña de fondeos atopàbase a lancha xeiteira Canle, recén arribada de Muros tripulada por membros da Asociación Canle e da ACD Dorna.
Alí xa habia ambiente, cheiraba ao fume e ás sardiñas areadas na parrilla, ao fondo atopábase o seminarista (estudiante especializado) acompañando á familia do Sr. Marino (Cambeiro), algúns dos seus netos e a maior parte dos fillos do que fora o patrón e armador da Marina, xa finado pero presente na memoria dos que o coñeceron e o trataron, un home que se puxo a disposición de todos os que interviron no proxecto de recuperación da lancha xeiteira. Entre os familiares estaba Marina, filla do armador, e que comparte nome coa embarcación orixinal e que hai 19 anos foi a madriña na botadura da Nova Marina.
Marina, terceira pola dereita, tamén foi a madriña nesta ocasión, xa que foi ela quen descobriu a placa conmemorativa que deixará proba indeleble deste XX aniversario da recuperación do pecio da Marina nun dos cons desta ribeira.
De aquí en diante tocou dar conta de unhas sardiñas asadas, que mollaban o pan (de millo e de trigo) acompañadas de uns chiquitos de viño (blanco e tinto). A paparota estivo amenizada pola Charanga O Vendaval, de Fisterra, unha charanga das de toda a vida que lle deron candela ao seu repertorio mentras os demais papabamos o contido das caixas de sardiñas (para comer hai xente).
Sacamos varias conclusións desta celebración, o recoñecemento a aquelas persoas que souberon entender o proxecto de recuperación da lancha do xeito e facelo seu; a oportunidade de coñecer e disfrutar do entorno de Carnota, Caldebarcos e a Fontevella; e a importancia das ideas, neste caso a idea de recuperar unha embarcación desaparecida despois de ter unha importancia capital en determinadas comunidades como foi esta, pero tamén o nivel de implicación das persoas que se volcaron para convertilo nunha realidade, pero tal e como quedou dito, deso falaremos máis adiante.
A placa conmemorativa
6 comentarios:
Sr. Lino, imaxino que agora mesmo estarás a durmir porque esta entrada te levaría boa parte da noite. A reportaxe magnífica, e coma sempre, o recoñecemento aos que fixeron posible a recuperación da tipoloxía da lancha xeiteira (ou de relinga) e que foi o fito bandeira para todo o que veu despois. En definitiva aplausos para o capitán do proxecto, Isidro e os seus alumnos e mestres da 1ª Escola Aixola: Paxaro, Pepe Garrido, Carson, Xan.... a ver se facemos pronto esa entrada para revivir por boca dos protagonistas aqueles traballos de localización, desenterro, recontrucción e recuperación da Marina naquel significativo ano de 1991 para o movemento da nosa cultural a prol dos barcos vellos. Noraboa
Grazas pola reportaxe tan espléndida que fixeches.
Saúdos
Anxos
Efectivamente majete, onte quedou constancia de que ese proxecto integral de recuperacion sería o motor do q logo veu a continuación: recuperación de tipoloxías extintas, crecemento do tecido asociativo e o facer visible un movemento social en prol da cultura marítima... e porsuposto seguiremos informando.
Anxos: gracias polo teu interese e participacion
o nome Marina da lancha xeitiera de Caldebarcos é anterior á filla de Cambeiro, pois a lancha ten moitos mais anos que que a filla de Benigno
Pois entón haberá que contratar ese dato, ou detalle, xa que eso non deixa de ser mera anécdota dentro da importancia que tivo a localización da Marina.
Gracias pola información e por participar no blog.
Saúdos
Xaquin
Anónimo: moitas gracias polo dato, xa está modificadfa a información, e tamén gracias pola tua participación.
Publicar un comentario