Translate

martes, 19 de mayo de 2009

Coma unha paloma!

Xa que "vos empeñades" falaremos da botadura, que movilizou ata o personal dos lugares máis recónditos...
Vela aí a está


Despois de moitos dias e bastante traballo chegou o día do botabaixo da Semparada. Este sábado, chuvioso, desagradable e sen vento ningún, foi o día. Á vista dos día adiantamos o picoteo e as cañas previstas, tuven a sorte de que nos acompañaran un bo lote de amigos e amigas. A verdade é que hincha o peito cando a xente che di que a dorna quedou moi ben.
Empanada, cañas e outros delicados manxares
No aire coma as da Illa

Nunha tregua que nos deu a choiva achegámonos ao varadoiro de Perato e chumbámola ao mar, saimos un pouco a bogar e esto foi o que pasou, en canto pasen os exames hai que izar vela e ir probala, que xa non me para o pan no corpo.

A boghar!

jueves, 14 de mayo de 2009

A TAL XIP 09

Resumo da Tal Xip VIGO 09:

Moi boas a todos/as. Días atrás tivemos o da Tal Xip de Vigo, e como tocou traballar arreo, a semana pasada a pasamos varados no sofá a recuperar. Pensando nun titular que faja resumen do acontecido poñería o seguinte:

"OS RUSOS SON COMA NOS"

A historia da frase agora que a conte Lino. Eu simplemente bou facer unha cronoloxía do acontecido nos termos que nos interesa:

A Mostra de Cultura e Patrimonio Marítimo de Galicia:

(o dos barcos vellos).

O sábado día 25 de abril, parte da nosa flota foise navegando para Vigo: O Triste Sofía e a Rabandeja de Vilanova, a Lancha Leiteira, a “Espesie de Rabo” e a Irmandona dende a Illa de Arousa, a Meca dos mecos, A Jaliña de Portonovo, o Gamaleón de Combarro e a Zorba. En teoría dende a Zorba tíñamos que dar cobertura á flota pero aljún que outro problema retrasounos a saída e mesmo tivemos que parar en Ons sen motor e co barco cheo de fume. O caso e que chegamos os últimos a Vigo o cal propiciou que o amarre da flota non se axustase o “mapa de amare”, ousexa cada quen amarrou onde pudo e nos vindeiros días, Nacho máis eu, andivemos a mover todos os barcos.

Ns seguintes días irían chegando os barcos de Vigo (mariñeiros de Bouzas, Escola Mar de Vigo, A Ramallosa, gameleiros Breadouro, Sodináutica, etc.) e tamén outras asociacións da Ría de Vigo (Cangas e Moaña).























O xoves xa estaban todos, incluído os veleiros clásicos do Grove inscritos na Tal Ship, a Miña Miniña e Mizar.(poñeremos fotos)


O xoves tamén aribou o Chasula con velas e varas de currica polos costados (precioso).



Por terra a FGCMF montou a exposición no stand con toda a nova directiva moi atareada, e para completar a Mostra se fixo o que en Vigo lle chaman “marina seca”, coa Fungona de Fernando, A gamela de Sodináutica, a buceta de Combarro, e o bota polbeiros dos Galos de Bueu.


Todo este conxunto formaba parte do proxecto Mostra de Patrimonio Marítimo de Galicia dentro das actividades de animación da Tall Ships, e penso que foi do mellor que se puido ver en Vigo eses días, porque ademais dos poucos barcos participantes nesta edición temos que xuntar unha programación de actividades escasa, escasa e escasa.

Ben, é posible que me esqueza de algunha asociación ou barco, pero estes días iremos poñendo imaxes e textos das cousas que non se viron e que forman parte xa do noso diario de abordo. Por exemplo quedan moitas imaxes da navegación de regreso, do concerto na Zorba e anecdotarios que coma sempre abondan.















Como adianto estas fotos, e dende Barcos e Máis S.L. agradecementos especiais á directiva e colectivos da FGCMF, e a todos os que partipáchedes, ben a nivel colectivo ou individual, a todos moita salitre.


Nacho, Gorge e máis eu na Zorba. sábado día do concerto

fotos: Lino Prieto


martes, 12 de mayo de 2009

Lista para a botadura

Quitando algun pequeno detalle como a vara de portar e os folios nas amuras, a SEMPARADA luce marabillosa nos días previos á botadura. O sábdo haberá festa de amigos a mediodia cando a dorna comeze a súa nova vida.

E agradecerllo moito a meu pai, que ten grandísima parte de responsabilidade en todos os coidados que recibiu a SEMPARADA.


miércoles, 11 de febrero de 2009

A SEMPARADA

Hoxe presentamos á máis nova da familia: a SEMPARADA.

Foi no 2002 cando empezou a rondar na cabeza a idea de meterse nas regatas de dornas, pasando de ser espectador a actor, xa choveu desde aquela, pasaron polas miñas mans varias dornas en todos os formatos de propiedade posibles: comprada a medias, prestada e finalmente Lino Prieto ao 100%, a partir deste verán estaremos coma sempre nas filas dos Amigos da Dorna Meca do Grove.
A Luz Divina nunha mañan de pouco vento

A primeira embarcación foi a Luz Divina, unha dorna de 10 cuartas, grandeira, mercada na Illa de Arousa, compartida co Figueiro, despois de varios anos de aventuras, a primeira nos Encontros da Illa de Arousa, viaxou polos mares da AP-9 e quedouse en Ferrol, onde cambiou de nome, pero non de vida.

A Pelexa descansando no Porto de Meloxo o pasado verán

Para a seguinte temporada o bo amigo Isidro Mariño, ocupado en tarefas chasulísticas, brindounos a oportunidade a Elías e a min de navegar na Pelexa súa amada e histórica dorna, e así foi, unha boa posta a punto e polas rías anduvemos, tamén viaxamos a Ferrol e Aveiro con ela ás costas do remolque.

O día do cambio de mans


Finalmente a finais de 2008 apareceu a posibilidade de facerse cun barco propio, houbo contacto cos carpinteiros pero ao tempo apareceu unha dorna carreirana semi-nova, con un ano de vida e moi pouco uso, totalmente equipada e con todo en regra, así que alá fun, arranxei co seu dono e agora está no meu garaxe, en pleno proceso de preparación. Quedan por diante os rompedeiros de cabeza, de si verniz ou color e todas esas discusións de taberna no vermú dos sábados; o que si está claro é o nome: SEMPARADA, o alcume da miña avoa materna que, xunto coa miña nai, me criou e me aturou, vai por ela, por elas.

Fotos e texto: Lino Prieto

martes, 27 de enero de 2009

Estamos de volta.

A vella caldeira do Hidria II que descansa en Punta Moreiras
Foto: Lino Prieto

Despois deste prolongado paréntese das festas, nos que paramos a máquina, arriamos cabos para darlle jasto ao Bou de Vara. Para comezar comentar que está aberto o prazo para presentar fotografías para o I Concurso Fotográfico Pescanatur, composto por tres categorías nas que, moi posiblemente, poidades presentar algunha foto bonita das que nos ofrece o noso mar e os nosos barcos,
Neste enlace podedes ver as normas do concurso, o prazo remata a fin de mes.

Quedámonos con este amencer preto de Ons no mes de novembro

Foto: Lino Prieto

Coa que está caindo de marusías, choiva e vento a opción de contemplar fotografías pode ser do mellor que se faga nestes días, xa que os barcos están invernados e impregnados da humidade do ambiente.
Seguiremos informando...

martes, 23 de diciembre de 2008

Exposición A Memoria do Mar

Onte presentouse o traballo feito pola equipo do Museo do Mar de dixitalización de fotografía antiga do mar e vilas costeiras, un proxecto que vai contribuir a ter un importante arquivo de imaxes e documentación asociada as mesmas. A vila de Cambados tamén está neste arquivo, e a web feita para este traballo publica unhas fotos de Cambados (sinceiramente penso que hainas moito mellores e representativas) con algúns erros que bou comentar para que se poidan corrixir, xa que non imos cambiar agora á vista de tanta xente o que durante tantos anos conservaron esas fotos na intimidade.

1ª corrección: Mariñeiros no Pósito de Cambados

Esta foto en efecto poden ser mariñeiros de Cambados, non discuto, pero dende logo non é o Pósito, esto é a casa dos Pomares-Zárate na praza de Alfredo Brañas (por certo, fundador do Pósito de Cambados no 1912 o primeiro en España). É unha das poucas edificacións de estilo modernista que queda en Cambados. O que se ve na foto é a entrada principal cos azulexos nas paredes e aquí é onde estaba a consulta do médico Eulogio Pomares. Eu papaei moitos xiringazos nesa mesma consulta e lembro aqueles azulexos un por un porque os contaba sentado no banquiño de madeira dese recibidor que facía as veces de sala de espera. A casa aínda existe, está restaurada e o único que cambiou foi a cor da pintura da fachada principal que antes era en tonos grises e agora en tonos verdosos. O máis probable é que estes homes estiveran agardando turno de consulta, e os nenos idem, simplemente vese que van vestidos "pra ir o médico".

2ª corrección: Redeiras no peirao de Cambados

Estas son redeiras de Cambados pero o porto é o de San Tomé. Do muelle de Cambados vese o arranque do espigón á esquerda da foto.

3ª corrección: Procesión do Carmen de Cambados

Esta foto ilústrase do seguinte xeito: "Vista xeral dun cerqueiro na procesión da Virxe do Carme de Cambados".
Home, as mulleres do mar de Cambados teñen sona de ser fortes e ajerridas, pero chamarlles "cerqueiros" xa me parece excesivo.

Por último: Dornas amarradas en Cambados

Desta foto se dí se ven "dornas" amarradas. Non discuto que a primeira desas embarcacións sexa unha dorna, que as había, sobre todo "mecas" e "de tope". Pero a segunda dende logo é unha gamela, porque a gamela é a embarcación por excelencia de Cambados. Aparellaban en latina e se empregaban para ir ó raño, á liña e para as artes menores (xeitos, tramallos, ...etc), e esto era así porque Cambados está no fondo da Ría, e a gamela plan e de pouco calado, facilitaba a súa varada e navegación polas augas de escasa fondura. E digo esto para que non se distorsione á realidade, historia e ideosincracia, singularidade e particularidade e todo o que se queira de cada vila, porque se non, cando vexamos fotos antigas, nos poñeran a dun "Macdonas" deses e dirán que daquela o que máis se comía na costa eran hamburguesas.

Bueno, aos que a fixeron simplemente lles deixo estas aclaracións por si lles vale de algo. Noraboa polo traballo e as fotos pódense ver en:
http://memoria.museodomar.com

Fochochó: 3ª entrrega

Do taller de tuneado boudevara_fochochó, recen saído do forno quenturento dos miolos de Lino Prieto, manilupador, tranquillante e raposeiro, aquí vai a 3ª entrega da serie Piratas do Calime:

Título: Marajota e media

Fochochó: Lino Prieto

Ben, agardamos que vos guste, a dende aquí vos seguimos a animar a presentar unha montaxe ou ben unha foto para traballar no taller de tuneado. Lembro enderezos:
linoprieto@gmail.com
xaquin@beiradomar.es