Translate

jueves, 2 de septiembre de 2021

Río Umia: de Pontearnelas a Cambados

Imaxes do descenso polo río Umia en embarcación neumática a remo.


O río Umia conta cun total de 70Km dende o seu nacemento na parroquia de Aciveiro no concello de Forcarei até fundirse coa ría de Arousa en Cambados.

Hoxe imos percorrer en imaxes un pequeno treito no tramo final do río, concretamente dende Pontearnelas até a desembocadura do río en Cambados. 

Atravesamos as pontes de Pontearnelas no concello de Vilanova de Arousa, Cabanelas e Barrantes no concello de Ribadumia para finalmente chegar á Ponte da Barca en Cambados.

data: 31 de agosto 2021

tempo empregado para o descenso: 2,5 horas.






1º Tramo: Pontearnelas-Cabanelas









Se cadra, a parte do río máis salvaxe, cun arranque espectacular cos areais fluviais (arnelas) e abondosa vexetación nas beiradas.












Ás veces a follaxe envolve as marxes do río cun manto vexetal formando arcos onde o sol peneirase creando unha atmosfera de luz e cor que se reflicte na superficie da auga coma un fráxil espello que estala ao paso da neumática.




Nesta parte do río, a vexetación mesmo forma pequenos cavorcos onde a luz conforma un río de sombras entre a quietude da auga.  













Avanzamos lentamente, remando a modiño e aproveitando a propia inercia do río que nos empuxa lene entre a follaxe deitada na superficie. 




























No final deste tramo atopámos cun pequeno salto de auga que abriga a desembarcar para achegarnos finalmente á ponte de Cabanelas onde pisamos terra de novo:






  



2º Tramo: Cabanelas-Barrantes (Ribadumia):

Facemos o paso pola ponte de Cabanelas pola banda dereita, onde o caudal leva menos forza.








Ao pasar a ponte, atopámonos co antigo refuxio de pescadores, reconvertido na actualidade en Centro de Interpretación da Natureza así como refuxio de actividades náuticas. Se ben, hoxe coma onte, os rapaces seguen a lanzarse ao río dende as cordas que penduran das árbores.






 







Nada máis deixar atrás o refuxio, encontrámonos cun rápido que non obriga a desembarcar pero fai que a neumática se deslice rapidamente rozando as pedras no fondo.












Un pouco máis abaixo, entre augas máis tranquilas, asoma este enorme con no medio do río.






Nesta parte do río, o cause se ensancha e a vexetación non é tan abondosa como no primeiro treito, se ben, é doado observar fentos machos, salgueiros, herbas salgueiras ou carballos.









Logo dun treito despexado onde a vexetación mingua considerablemente, albiscase a ponte de Barrantes, no lugar de A Barca, que fai referencia ao antigo paso da barca que unía ambas marxes e conectaba Cambados con Ribadumia. Até aquí o río era navegable para os pequenos galeóns que facían intercambio de mercadorías a través do río. 























3ºTramo: Ponte de Barrantes (Ribadumia)-Ponte da Barca (Cambados):

Neste último tramo, o río cambia completamente. O mar está preto e a vexetación propiamente fluvial afástase do sal ao tempo que o leito se agranda para recibir o mar. 











As últimas árbores que asoman por entre as xunqueiras son grupos de eucaliptos que nos recordan que o dominio do río de acaba.  









O sol vaise agochando por detrás da Ponte da Barca, indicándonos que o día vai rematando. Non hai tempo para moito máis, unha tormenta de verán se asoma rapidamente cuns tremendos lóstregos que me cegan por momentos e uns estrondos que retumban por todo o esteiro. 











E finalmente a ponte:





   

A Ponte da Barca marca o final do río. No outro lado, a auga doce se funde coas augas salgadas da ría de Arousa entre Mar de Frades e Espiñeiro, as derradeiras marxes do Umia antes de diluírse polo Sarrido de Cambados, o banco marisqueiro que conforma o delta do Umia no seu final.
 


enlaces relacionados: 



remate:



Foi unha fermosa tarde que empezou cun sol cegándome no inicio do descenso para irse apagando entre a vexetación protectora e fermosa. O río neste tramo é unha delicia, as árbores, as aves e os peixes fanme compañía mentres avanzamos de ponte en ponte. Sorprende positivamente a exuberancia vexetal e negativamente, as plantacións de albariño que se achegan a pouco metros. Máis con todo, a sensación de tranquilidade e quietude te invade e pouco a pouco vaste mimetizando co río, como eses zapateiros e as rás que se agochan entre as follas e ramaxe morta que flota sobre a auga. A transformación do río a medida que descendo é considerable, unha metamorfose de río a mar, de doce a salgado. Ao caer a tarde me reencontro co final do río, unha fusión do ceo entre a tormenta que se achega ameazando con sonoros lóstregos que rachan o repouso deste rio, o Umia, canle de vida e cultura.     
neumática: auxiliar do Folkboat Rana









No hay comentarios: