Translate

viernes, 23 de marzo de 2018

Néboa

A Néboa
(boligrafías e contos salgados)


 
Boligrafía 1: Gadoupa nebra

A Néboa


Veñen asomando ao lonxe as dedas incoloras da néboa. 
Por detrás, unha man de pel gasosa vai gabeando polo horizonte, 
rabuñando coas unllas unha superficie que vai cedendo ante
o gris húmido que enchoupa o ánimo e aterece o espírito.



Boligrafía 2: Misterio gris


Paseniño decorre pola fronte un pano que vela o sol, 
soldando o ceo co mar até fundir o rumbo nun compás de latitudes cegas. 
Ao pouco, un manto de melura nos aperta e arrola con beizos fríos 
que enchen as meixelas de inquedanzas que devalan nun orballo eslamiado.






 
Boligrafía 3: Fervenza calada



A nebra é a besta durmida que esperta coa fame dun buraco negro abismal, 
unha fera doce que esborrexe polas ondas do mar devorando a inmensidade do azul do ceo, 
dixerindo a claridade en arrotos xordos que enmudecen o son do vento.


A fera vai esparexendo as gadoupas polos flancos coma exército burlón, 
asubiando airexas de fumazo mentres sementa de chumbo líquido os puntos cardinais que desaparecen dos meus ollos 
ao paso suave dunha luva
trenzada con diminutas bágoas que pechan as pálpebras coma seimeira de calixe.





Exidio Cuíñas
  da serie "Contos Salgados", marzo 2018 ©



No hay comentarios: