Translate

miércoles, 13 de noviembre de 2013

A Rana, O Gato, O Raposo e O Conexo

O "Le Lapin" amarrado en Tragobe. Cambados

Este domingo pasado, voltamos a navegar no marco das Saídas de Outono que seguiremos facendo sempre que o tempo o permita. Nesta ocasión contamos cunha tripulación bretona que estan de paso por Galicia nunha singladura de norte a sur, a bordo dun veleiro de 9m de eslora e un casco de aceiro que leva escrito o nome do barco "Le Lapin" ( O Conexo).







A Travesía:

Con pouco vento, saímos navegando no RANA cara o interior da Ría sen rumbo fixo e atentos ao vento que neses momentos andaba a rolar entre o norte e o noroeste.

Tripulación de esquerda a dereita: Simón, Antonio e Rafa











Ao achegarnos ata as Umias, vemos na proa unha fasquía coñecida, A Miña Miniña. Decidimos seguila e así xa non discutimos para onde tirar.



















A Miña Miniña anchegándose á baliza das Umias







 







Rumbo á Palmeira:

Despois de amarrar e botarlle uns vasos polas tabernas de Palmeira tiramos para o barco de Fabian a facer un intercambio de cultura gastronómica galego-bretona. Pola nosa banda, tortilla, ventresca, mexillón en salsa de vieira e viño novo do pais e unha botelliña de bo rioxa. E pola banda bretona sardiñas en conserva de Douarnenez, galletas bretona (unha especie de filloa feita con fariña de millo corvo e mel de pulgón..., sí de pulgóns, os dos rosais), e ademáis papaia seca confitada, doce de gengibre e viño de Burdeos. 


 






 Depois da papatoria regresamos, os días son curtos e non convén meterse moito da noite:










É parolando sobre barcos e travesías, a Rafa (O Gato), ocúrreselle preguntar aos bretóns polo significado do nome do seu barco: "Le Lapin". Antonio, o patrón do "Conexo", explícanos que os mariñeiros da Bretaña cando ven o seu barco afástanse dél como se fose a mesma peste. ¿Por qué?, pois ben sinxelo, para os mariñeiros bretóns a palabra "conexo" é unha palabra tabú, de igual xeito que para nós o é "o raposo", para os normandos "o Gato" e para os irlandeses "o porco".

De inmediato lémbrome do libro de Fernando Alonso Romero, editado pola Consellería de Pesca no ano 1996 que leva por título: CRENZAS E TRADICIÓNS DOS PESCADORES GALEGOS, BRITÁNICOS E BRETÓNS.


Portada do libro

Durante un bó tempo comentamos as simillanzas existentes entre as comunidades mariñeiras galegas, bretonas e británicas que se detallan neste estudio: a protección da casa do mariñeiro, o vento, a protección das embarcacións, motivos decorativos das embarcacións ou as palabras "tabú".


Marcas das gamelas da Guarda
 


Decoración embarcación de Portugal

Dende logo é un libro moi interesante que ben a explicar o porqué de moitas "manias" ou supersticións das xentes do mar. De todos é coñecido non mentar determinadas palabras agoreiras como o crego ou o raposo, ou non embarcar nunca cun paraugas na man. No libro explícase por exemplo como se adoitan empregar eufemismos cando se quere referir a un deste símbolos maléficos e da mala sorte, Así por exemplo, en Galicia  ao raposo mencionase como "o do rabo largo", e en Escocia ao porco chamánlle "cousa" e en Irlanda pensan que atoparse cunha muller pelirúbea é un mal sinal asociado ao raposo e a bruxería.


Muxía

O tema da conversa dou pé a que cada un mencionase a súas "manías" e curiosamente descubrín que son un perfecto maníaco cando deixo de pisar o chan. Por exemplo, admito que non soporto obxectos de cor amarela a bordo (¿será por asocialo ao raposo ou cunha pelirúbea?), nin tampouco cousas con forma de triángulo (¿será pola forma do paraugas ou  polo significado de xanela aberta a outras dimensións como sucede coas pirámides ou a apertura en triangulo dunha escaleira apoiada nunha parede?). Un día, coincidindo co desembarco de Ons, un calamidá quixo embarcar cunha percha para que no se lle enrugase unha chaqueta..., os dous quedaron en terra, a percha e máis o paiaso que a trouxo.

Confeso tamén, que unha das cousas que máis arrepíos me producen, é a de tirar cristais ou vidreos rotos ao mar..., só de pensalo xa me poño malo. Pero en xeral xa me da mal roio cando cae calquera cousa pola borda por insignificante que sexa. Tamén hai palabras que non me gusta que se mencionen a bordo, e curiosamente moitas delas coinciden coas que se mencionan no libro de Fernando Alonso Romero onde se poden ver alguns refráns coma este:


Pescadores das Illas de ARÁN (Irlanda)

Sionnach ar do dhubhán
Girrfhia ar do bhaoite
`S nár mharbhá tu aon bhreac
Go Lá Fhéile Bride.
(Ó Súilleabháin 1967)

(Oxalá aparezca un raposo
no teu bicheiro, e un conexo
na túa isca, e non collas ningún peixe
ata Santa Bríxida)


O libro, ademáis dun  contido extraordinario, conten imáxenes tan curiosas coma esta, onde vemos unha dorna aparellada en latina (vela triángular por certo), navegando fronte a costa de Beluso (Bueu)




Falando de meigas, meigallos e outras caralladas mariñeiras, dounos a noite regresando ao porto do Grobe. Por entón xa tiñamos falado das sereas, dos exvotos e da Santa Compaña..., e como non quere a cousa aparécemos polo costado unha ringleira de misteriosas aletas avanzando coma pantasmas pola superficie do mar.




¿Arroas, sereas..., Santa Compaña?
   














En fin , unha boa xornada de navegación en Santa Compaña coa tripulación da Miña Miniña e a tripulación do Rana: Rafa (Minino de longa cola) e os amigos da Bretaña, Simón e Antonio. Que teñades unha boa travesía e cando voltades da aventura polos mares do Sur parade por aquí a tomarlle unhas rúbias.




E máis nada, nós continuamos coas Saídas do Outono, e esta fin de semana se o tempo é aceptable, igual achegámonos ata Sálvora. Ánimo, a navegar..., e meigas fora.

Se queredes vir chamade: 626722143, Xaquin)

No hay comentarios: