Translate

viernes, 19 de febrero de 2010

DA ASAMBLEA XERAL DO CMS


O pasado día 12 de febreiro celebrouse no local social do CMS a tan agardada Asamblea Xeral que tiña por obxecto principal a aprobación dun documento de consenso que permitise reflotar o Clube e por outra banda, acorde coa nova etapa, elixir nova tripulación para gobernar a unha renovada masa social.

A diferencia doutras ocasións, este blog non está autorizado expresamente para publicar a acta da Asamblea xa que tamén se decideu a contratación dun dominio propio para a asociación, así que o que se di aquí é meramente información extraoficial e totalmente persoal.


Tendo en conta estas aclaracións imos falar da Asamblea:

1º. Nunca na historia do Clube (xa máis dunha década), viuse unha Asamblea con tanta xente, o cal demostra polo menos dúas cousas: que o CMS está máis vivo que nunca e existe interese dos socios pola asociación e por abrir unha nova etapa.

2º. Nunha Asamblea tan importante onde se trataba o futuro da entidade, asistimos a distintas posturas, todas elas lexítimas, argumentadas e defendidas con seriedade. Estas diferencias non impediron por outra banda, que se chegase as necesarias votacións e unha vez concluído o proceso de votación todos os presentes aceptasen o resultado cun comportamento elegante e exemplar. Esta foi a sensación no remate da Asamblea e a nivel persoal quero felicitar a todos os socios pola madurez coa que se desenvolveo o proceso de renovación que fai moito máis grande este Clube e nos fai sentir orgullosos de ser membros do CMS.

3º. O proceso de votación resolveuse por maioría coa aprobación do informe da Comisión Xestora que “desatasca” a situación até ese momento e senta as bases para o futuro. Por outra banda sae elexida por maioría a única candidatura que se presenta como nova directiva integrada por: Juan Martinez Cacabelos (“Cubeiro”), Xaquin Cuíñas, Verónica, Alexandre Acha, Rafael Padín e Bruno. Unha directiva que combina experiencia e renovación, con moitas caras novas que van a aportar unha renovada imaxe de xuventude, imaxinación e novos tempos. Na Asamblea maniféstase que esta directiva vai ter que traballar en comisións de traballo con outros socios e necesariamente con aqueles que contan coa experiencia na organización dos principais eventos que organiza o Clube.

4º. Con toda probabilidade Juan Martinez Cacabelos será ratificado na vindeira Asamblea do 12 de marzo como 4º presidente desta entidade. Até o de agora este cargo foi desempeñado por este orden por: Xaquin Cuíñas, Bea Costa e Fernando Piñeiro.
Sen dúbida “Cubeiro” é o relevo natural para o CMS e na miña opinión é a persoa de consenso que o CMS precisa neste momento.

Na Asamblea se decidiron outras cousas importantes para o CMS pero sen dúbida o principal é que entre todos acabamos de darlle un futuro a esta entidade que xa ten a súa historia.
LONGA VIDA Ó CMS .

Ben, e como é venres, estamos nun novo mes, acabouse o Antroido e levamos unhas semanas desatendendo este blog, imos retomar a actividade propia de boudevara.
Así que imos elixir persoeiro do mes.


PERSOEIRO DO MES


Juan Marinez Cacabelos
“Cubeiro”


Non podía ser doutra maneira que o que vai ser novo presidente do noso querido CMS sexa persoeiro neste blog.

Coñezo a Juan dende que éramos nenos; veciños de toda a vida, medramos xuntos xogando polas corredoiras do barrio de Veleco, dandolle patadas a pelotas pinchadas no “Campo das Cajallas” e cazando pardaus cos nosos “tirataques”, feitos con gallas de pau de laranxo ou carballo e gomas mercadas na zapatería de Forjan. Eran tempos en que as portas das casas estaban abertas e merendábamos indistíntamente na cociña que estivese máis perto cando apertaba a fame: bocadillo de nocilla nalgunhas, de tulicrén noutras, chouriza en case todas...éramos os rapaces de Veleco.

Cubeiro medrou nunha familia de peixe fresco por parte de pai (vendía peixe polas aldeas), de veladores e xurelos, de anguías, pintos e marajotas que o pai traía todos os días naquel Land Rover que entraba pola horta na parte traseira da casa onde medraban tomates, xudías, leitujas e verdura para as jaliñas e o porco. Por parte de nai herdou o oficio de “mariscadora”, os caldeiros coas lexítimas a desbabar no pilón. Hoxe “Cubeiro” é o único home mariscador entre unha lexión de 144 mariscadoras que faenan no Sarrido, o banco de marisqueiro a pé máis grande da Ría de Arousa e onde as mulleres distinguen na inmensidade do areal o Lombo Branco, A lomba da Rata ou O Baral, xa ó pe da Torre de San Sadurniño.


O Serrido. Foto Mª Xosé ("Guimatur")

O ambiente familiar foi sempre suoroso e salgado, de traballo e deporte. Toda a familia era un rebulir de faena e o tempo libre estaba consagrado ó deporte, unha estigma da familia: Pepe, Mario, Roberto e o mesmo Juan formaron alineación en todas as categorias do Juventud Cambados CF, no Portonovo, do Pontevedra ou do Celtiga. Coa irmán Marisa compartin moitos descensos no Miño, no Eume, no Tambre ou no Umia, cando remábamos no equipo de piragüistas da Sociedade Cultural de Cambados.
Despois a vida levounos por camiños distintos, eu por Madrid e Barcelona e “Cube” por Hamburgo e La Habana, máis nunca perdemos contacto un do outro. Nos veráns gustábamos de ir a praia de Paxariñas a nadar, xogar o futbol na area e acampar na noite a asar sardiñas (¡que tempos!).

Na súa volta de Alemania no ano 1998 atopámonos polo recén inaugurado “Paseo marítimo de San Tomé”: –carallo como cambiou esto... e qué, ainda joberna AP?”-, me dixo un tipo de longos turbillóns na cabeça montado nunha super “montanbike”. Era Cubeiro que entraba en Cambados despois de percorrer toda unha aventura en bicicleta dende Hamburgo. Finalizaba así a súa etapa teutona para asentarse definitivamente en Cambados. De inmediato o puxen ó tanto do proxecto de Clube de vela que estábamos a armar, “chachi” me dixo, “eso é o que veño a buscar”.


Entrevista na prensa. Ano 1999


Primeira intentona de adquirir unha dorna para o CMS. A Mª Victoria do navegante cambadés en solitario "Lufo". Travesía Cambados-Lisboa. Ano 1998

Durante estes anos aprendemos a navegar xuntos na “Chouva”, na “Julicheira” e na “Muller de Balboas”, facendo ás veces travesías insconscientes de navegacións nocturnas e temerarias. Seguíamos na procura da aventura, un pouco tolos aínda... !como sempre¡.


Navegando na "CHOUVA" rumbo á Illa de Arousa. Verán do ano 2000. xa tiñamos dorna. Foto: Rosa García (Amigos da Dorna Portonovo)



Arranxando o RÂNÂ. Verán do 2008. Asteleiros J. Garrido. O Grobe


A bordo da "Muller de Balboas". Verán do 2009

Vivimos paralelamente ó devenir do CMS, con altos e baixos, con improntas de ilusión e desacougo, mais sempre ahí.
Agora as cousas mudaron para todos, estamos definitivamente noutras cousas, noutros tempos; as canas empezan a dar acougo nas cabezas e xa sabenos algunhas cousas. É un novo momento que arredor de Cubeiro teremos que viver.
Moita sorte no empeño amigo Juan, todos estaremos apoiandote porque agora tócache coller o timón, fixar o rumbo e dirixir á tripulación deste tan querido e entrañable CMS, a nosa casa, o noso sitio como cambadeses ... para nós o mellor Club do mundo.

Como berrábamos no Campo da Mercede en domingos de futbol:
“ALA CAMBADOS”.

3 comentarios:

lino dijo...

Darlle á benvida a Cubeiro á "jloria dos presidentes", que tanto xaquín coma eu mesmo coñecemos ben.
Un dia destes farei memoria e contarei como coñecín ao "doble rubio de Sergio Pazos"
Saúde e bos ventos

bou de vara dijo...

Ei Sr. Presi Meco Lino, a ver se nos contas eso do Sergio Pazos. Tamén ai quen o confundeo cun tal Bisbal. Serán cousas da fama dos presis que vos pasan esas cousas. A ti con quen te confunden?.Con Marlon Brando pode ser?
Ala

lino dijo...

A min preguntanme se teño algo con Fabian, mira ti.
pois eu creo que conocin a Cubeiro nunha daquelas varadas en Santo Tomé, no 2003 ou 2004, que anduveramos a toda ostia pa deixar a dorna en Cambados e marchar pá Coruña a un concerto de Rubén Blades. Tamén foi a primeira ves que vin a un dornista nudista