Translate

miércoles, 12 de noviembre de 2008

Ano 2004

A Muller de Balboas ó botala ó mar.
Douarnenez 2004

CMS: o ano 2004 foi o ano máis especial e raro para o Clube Mariño Salnés por moitos motivos. A asociación estaba seriamente “tocada”, nun calexón sen saída, “nin arre nin xo”. Pero ese ano aplicamos aquelo de ou rompe ou racha, así que dende o CMS mandase un bujinaso que resoa coma un aturuxo en toda a Ría: formar unha candidatura para albergar o VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, nin máis nin menos. Había que botarlle un par de relingas.

Así que, no tempo de plegar velas, nos armamos ata a escandalosa. ¿Estábamos tolos?. O senso común dicía que eso non podía ser. Máis mirando a botella chea cando tan so tiña unhas pingas, veu a sentencia: agora ou nunca. Así era, de non facer unha candidatura ese ano, Cambados posiblemente non tería unha oportunidade de albergar un encontro en moitos anos.

A loucura por outra banda estaba calculada, ademais de contar con bos patróns para levar adiante aquela empresa, en Cambados xuntábanse aquel ano condicionantes favorables para emprender a aventura. Así, os outros colectivos cambadeses integrados na FGCMF, Grupo Etnográfico Mascato e Asciación Náutica “As Joritas”, respaldaron a proposta, tamén a Confraría de Cambados e paso a paso outros colectivos foron enganchándose á candidatura: Concello, Asociación de Comerciantes, Asociación de mariscadoras “Guimatur”, Colectivo Ecoloxista do Salnés,.... xa estaba armada a tripulación. Quedaba gañarlle a “loita” á candidatura de Vigo.

Foi un ano de moito traballo pensando no 2005 que estaba á volta da esquina, pero tamén había que atender as citas inmediatas como a presencia do Clube en Douarnenez 2004, a onde fumos coa Muller de Balboas e cunha expedición de circunstancias. A cita bretona tomouse como unha proba interna para saber si o Clube funcionaba como unha asociación ou si por contra simplemente ía de remolque ou lastre de esforzos persoais. Os integrantes da expedición cambadesa non foron os peores en terras bretonas pero o comportamento colectivo “deixou moito de desexar” e non se soubo estar a altura de representar a unha Asociación e unha vila que ía albergar un Encontro. Así de claro.

Douarnenez 2004 abriu unhas enormes fendas na mesma liña de flotación do Cube, deixando ferida seriamente a unha asociación que definitivamente semellaba afundirse, aínda que eu me negaba a aceptalo. Xa case afundidos seguimos vogando, coma o Cid, pero con dorna e sen cabalo, en camiseta e sen armadura. Quedaba a esperanza de que o Encontro do seguinte ano fose milagreira auga de maio. Era o que quedaba.

A Muller de Balboas navegando (Isidro, Mejete, Toño O Cesteiro e eu). Douarnenez 2004

Festa de Galegos, Vascos e Bretóns, a bordo dunha goleta con motivo do
Aniversario da creación da Federación Bretona pola Cultura Marítima
(por aí se ve a Pardavila, Mónica, Santi, Koki, Juan, Chus... e eu ó acordeón)

Para a Federación, foi o ano de inicio dun novo ciclo, de feito ese ano formalizouse como “marítima e fluvial”, se ben eu, agora de presidente, non ía “protagonizar” este novo ciclo, simplemente me consideraba unha peza de transición ou lanzadeira. Naquel momento eu xa andaba con outros proxectos na cabeza tanto a nivel profesional con Intramar, como a nivel persoal, a miña familia tiña trazas de medrar. Así que plantexei unha presidencia de dous anos cuns cometidos claros: Douarnenez 2004, Encontro 2005 e preparar un equipo forte para coller o relevo no ano 2006.

Como acompañantes para eses dous anos formaron equipo comigo Joao (barcos do norte), Rosiña (Portonovo), Arturo Loureiro (Ferrol), Fran (Galos), Víctor (Bouzas) e Uxio (Dorna) e tamén se integraron outras moitas persoas a través das comisións de traballo: exposición (Oswaldo) publicacións (Javucho, Lino, Dionisio, Luís e Paco Rei), navegación (Fernando), lexislación (Paco Paxaro e Pablo Carrera), etc. , moitas delas eran membros tamén da Comisión de Traballo para o Encontro Cambados 2005. Chegou o momento de adxudicar, e Cambados gañou fronte a Vigo. E non foi fácil e mesmo se tivo que chegar a unha segunda volta despois dun empate na primeira votación (eu non empreguei o voto de calidade e me abstiven nas dúas votacións por razóns evidentes).

A Federación seguiu coa política de saír fora, Marsella, Donosti, Vila do Conde e a Barcelona convidados por el FAR, alí presentamos o proxecto do Encontro e plantexamos que “O Mediterráneo” fose o convidado de honra en Cambados. Voltaríamos a Barcelona para participar na Festival del Mar, onde se sentaron as bases para a creación da Confederación Ibérica de Patrimonio Marítimo e Fluvial. Ese ano estrenouse a Revista Ardentía (este nº 1 como apoio da FGCMF á candidatura promovida por Ponte nas Ondas ante da Unesco para o Patrimonio Inmaterial Galaico-Portugués), esto foi dentro da II Xornada de Cultura Tradicional organizada pola Asociación Canle de Lira, nace o I Encontro Vila de Muros e entre as novas incorporación á Federación, a Asociación Esteirana de Remo (estes datos interesantes en relación con Muros 2009). E como non, fumos outra vez a Douarnenez 2004, o maior despliegue ate ese momento de navegantes, barcos, contidos expositivos e animación. Dende aquela primixenia expedición a Brest 1992 a cultura marítima galega, dende a óptica do movemento asociativo, tiña percorrido un bo treito. (recomendo o resumo de Douarnenez 2004 en apupo nº 7 ou ardentía nº 1).

Anécdotas dese ano:

Benuá e Emili

A Benuá (o bretón) o coñecín nun Loureiro en Cambados tomando uns tintos. Contoume que era carpinteiro de ribeira e que estaba pasando unha temporada en Galicia para coñecer o traballo dos asteleiros de madeira. Nos fixemos moi amigos. No 2004 nos veu a visitar a Douarnnez. E dous anos máis tarde me visitou en Cambados, onde saímos con Nacho (tamén socio de Intramar S.L.) a dar unha volta no Zorba (Galicia Vai a Vela S.L.).


E o 2004 foi o ano no que o Chiquitín (hoxe Chasula) en
tra no estaleiro dos Irmáns Garrido para iniciar unha longa restauración dirixida por Isidro Mariño.


O Chasula. Astilleros Garrido
O Grove. 2004



14 comentarios:

Lino dijo...

Xaquín:
Quédome con unha grande frase que acuñas neste post:
"unha proba interna para saber si o Clube funcionaba como unha asociación ou si por contra simplemente ía de remolque ou lastre de esforzos persoais"
Será que estou sensible, pero esta reflexión é importantísima e sobre todo necesaria, xa que é moi facil encher a boca cando se fala de "tecido asociativo", facer un alto e decir:
- que estamos facendo?
- que pretendemos?
- hacia onde queremos ir?
- a asociación representa aos socios ou a dous "colgados" que están pola causa?
O mellor é non ter que chegar a ese punto, pero cando chega hai que ter a decisión de cando menos plantealo en voz alta.

bou de vara dijo...

Lino, o Clube Mariño Salnés e unha asociación moi particular por moitas circuntancias. Pero tamén sabemos que o que pasa en Cambados tamén pasa noutras asociacións onde se non é por o "par de iluminados de sempre" os demáis nin se moven "cada casa é un mundo". Esto é un verdadeiro problemas en moitas asociacións e ten dificil e lenta solución. Todo cansa e chega un momento no que o que máis ou que menos ten casa, can, traballo, moza, fillos, reuma ou tratamento para a caída do cabello. Este sería un bo tema de debate "Propostas e experiencias para mellorar o funcionamento e animar á participación dentro dunha asociación". Ó mellor dentro de Muros 2009, habería que facer terapia colectiva ou algo así. En serio, penso que non estaría de máis preparar unhas xornadas neste senso. Sería un bo momento, facer unha parada no camiño e decir, machiños para montar todo este tinglado se necesita compromiso e aportación, así que "tí que vas facer".

Lino dijo...

E se fasemos as xordas e solo imos os "ilumindos"?
jejeje

bou de vara dijo...

Lino, non me sexas iluminati, que se empesa por esas cousas e se acaba na Cogumelada da Ciencioloxía (mira senon ó pobre Ton Cruisse).
Pero fíxome gracia o de faser un Congreso de "La bichicomada en el mundo de los barcos viejos de madera". Ainda que o nome non sei se pasaría o filtro do departamento de dornalisasión linjüística. Habería que consultar coa Ponte de Mando do Alto e Jordo Estado Maior da Confraría de Dorna de Ribeira, garante e editor do "DICSIONARIO SECRETO".

Lino dijo...

un gran paso para a normalisasión da nosa linjua, porque no Jrove non oirás ti a nadie normal nestas locución:
- Moitas Grazas
- Moitas de nazas

bou de vara dijo...

Home, no Jrove, como é porto de mar e resibe moitas influensias de alén dos mares, é normal escoitar cousas como:
- ¿piras da jaus meu?
- ¿Dilo pola mochima?
- Noon, ¿seica estorneaches a mixinga?
chao men

Lino dijo...

Non poñas na nosa boca eses palabreríos inapropiados.Pode que se oija o de:
- Piro pa jaus que non lle dou wind.
- Xa me dixo teu brother que andabas erjallado

bou de vara dijo...

Ohe Lino, aínda vive España Pexeta?

Lino dijo...

Ostias cada nombre en clave, ti para os nomes nunca foches bo...
Como non me deas máis señas...

O´Fartura dijo...

En relación ao tema da entrada na Federación da Asociación Deportiva Esteirana Remo (o club de remo de Esteiro) dicir que foi a consecuencia lóxica e natural dun proxecto que tiña como finalidade crear unha canle de comunicación entre o mundo do remo e o da cultura marítima na percura dunha relación sinérxica mutuamente proveitosa.
Eu seino ben porque daquela eu era o secretario do club e esta era basicamente a idea.
E a cousa ía basicamente ben.
Mais adiante o club decideu que ao único que quería adicarse é a actividade deportiva propiamente dita de forma que a xente de cultura marítima quedamos fora.
Foi un pau bastante gordo que levamos, mais decidimos seguir adiante e creamos a mesma xente con algunha incorporación o GRUPO DE CULTURA MARÍTIMA, e despois integrámonos na A.C. O Xeito.
Agora o noso proxecto é sensiblemente distinto ao inicial, pero o que é realmente importante é que continuamos na brecha.
Conto esto porque efectivamente, cada casa é un mundo.
Posiblemente neste sentido a xente de Esteiro sexamos de darnos de comer aparte porque pretendemos facer viable un modelo a través do cal a cultura marítima sexa un espazo compartido do asociacionismo esteirán en vez dunha asociación propiamente dita.
Esta idea que pode parecer moi sinxela estanos a dar bastantes quebradeiros de cabesa, pero pola contra é ilusionante e gratificante impulsala e neso estamos.
E mira como pasa o tempo que a travesía comezou, como moi ben indicas, alá polo 2004.

Unha aperta mariñeira.

bou de vara dijo...

Ola Moncho, o tempo vai andando e cada asociación pasa por altos e baixos, como nos acontece tamén a nivel persoal. O importante é seguir, agardar tempos mellores, as veces e complicado pero o esforzo de estar aí, na pelexa, ha ter a súa recompensa.
Moitos ánimos para seguir vogando.

bou de vara dijo...

Lino, non pareses meco.
España Pexeta era un personaxe do Grove dos moitos que existian daquela polas vilas e cidades. Moitos, eran mutilados de guerra que se gañaban a vida nunha cadeira de rodas vendendo trapalladas ós turistas. Outros simplemente eran retrasados mentais ou sufrian algunha minusvalía. Este en particular chamábanlle así, España Pexeta, porque seica vendía un xornal "España" a 1 peseta (xornal para mutilados e indixentes tipo "A Farola") e anuciabao a grito pelado "España Pexeta".
E de Majató tampouco escoitaches falar del?.
preguntalle ó Xé

Lino dijo...

Xaquin, ese da pexeta nin idea, pode que fora Tino o que vendia a lotería nun carrito.
E Manolo Majató vive no numero 6 dda miña rúa, eu vivo no 8, porta con porta lo... Agora non sale tanto porque está maior (ten a idade de con-Don Manuel)pero sigue ahi.

bou de vara dijo...

Alegrome que aínda viva. En Cambados había tamén persoeiros famosos como Benito do Can, Solito ou o Parpaxo. Sempre tuven unha predilección e mesmo fascinación por eles. O Parpaxo por exemplo tocaba o acordeón de oído, interpretaba cancións populares da época, música galega e mesmo tiña pezas de composición propia (o del eran as Habaneras). Fai uns días, Ricardo do Castriño contoume que tiña unha cinta caseira gravada dunha "actuación" do Parpaxo no bar. Lino Silva, o pintor, tamén tiña moito interese e ten inmortalizado a algúns nos seus lenzos. Ben, si algún día vexo a Lino de boas quito unhas fotos dos cadros e poño algunha aquí no blog, a feito de homenaxe e respeto a estas persoas que as pasaron canutas, pero eu as reteño cun sentimento entrañable na memoria.