Translate

miércoles, 5 de noviembre de 2008

10 anos do CMS. Ano 2003

A Muller de Balboas navegando cara a Illa de Arousa

Ano 2003: O ano 2003 tocou traballar para os encontros da Illa e o Clube Mariño Salnés apenas experimentou cambios nese ano. Os problemas internos seguían onde estaban. Fallaba a entrada de novos socios, fallaba a organización de traballo a nivel interno e a pesares do esforzo dos anos anteriores a implantación na sociedade cambadesa seguía a ser “marxinal”. Aínda así preparouse a Muller de Balboas e tamén a Julicheira para a cita de Arousa e mesmo se iniciou o proxecto para construír unha dorna de tope para o Clube dentro de proxecto Desafío A tope da Federación. As pedras da ribeira aínda manchadas de fuel do Prestige eran sinónimo do que acontecía no Clube, incapaz de zafarse de lastres do pasado e sen capacidade de reacción ante o cambio de ciclo que se aveciñaba en todo o colectivo social a prol da cultura marítima. Mentres aparecían novas asociacións, tanto de ámbito do mar coma de ríos, e históricas asociacións retornaban con folgos renovados, nós, envelleciamos prematuramente, semellaba que nos queimáramos cos primeiros cartuchos. Quedaba agardar a ver que pasaba despois dos Encontros da Illa pero a esas alturas xa tiñamos claro que a Xuntanza de Embarcacións de Cambados non ía ter continuidade, e os proxectos de novas construcción estaban no aire agardando por unha milagre na incorporación de socios novos que tirasen da asociación, pero naquel intre nin chegaban nin se esperaban.

Outro conto distinto aconteceu para o conxunto da Federación, os Encontros da Illa, case adxudicados por decreto á Cultural Dorna, funcionaron moi ben, cun importante montaxe en terra, (o pavillón dos Museos foi espectacular) e unha chea de barcos (110 inscritos).

Ese ano destacou pola especial presencia da flota portuguesa que eran convidados de honra (ese ano se instaurou por primeira vez esta distinción), tamén a presencia dos vascos (os de Itsas Bejia acudiron coa Gabarra de 14 m de slora) ou dos marselleses de La Ciotat. Os encontros acadaban ó igual que nos encontros de Combarro, caracter internacional.


O stand de Federación tamén estaba moi ben, cumpríanse 10 anos da Federación e eso notouse, tanto na dimensión do stand, como contidos, elementos expositivos e pola exposición “10 anos da federación” que estreamos para a ocasión. Nese ano a Cultural Dorna tirou de oficio e a escola de navegación tradicional foi todo un exemplo, ó igual que o conxunto da veciñanza da illa. Este éxito tamén o reflectiu a revista Chassé Mare, o seu director andivo eses días pola Arousa de convidado e ó remate manifestou: “L´lle est un petit Douarnenez”.

Curiosa para min foi a actitude dos amigos de Ferrol, con presencia considerable na Illa de Arousa, que andaban moi atentos a todo, ós stands, exposicións, animación, organización,....., algo lles rondaba pola cachola e non eran as “josefas”.

Bote de Ferrol navegando en augas de Arousa coa ponte da Illa de fondo


Anécdota dos encontros: o noso presidente Trepa, montou un “pique” entre a dorna Meca do Grove e a Jatiña de Portonovo nun chamado “desafío Cardú” . Ó final saíulle o cardú polo cuaño e a tripulación da Jatiña dou volta de quilla nas proximidades do múelle do Xufre, con norte fresco de popa e exceso de peso e contrapeso por proa. Aquelo foi algo simbólico, Trepa, que levaba xa tantas horas de piloto da nave da FGCMF, semellaba despedirse cun chapuzón. E así foi, despois dos encontros da Illa, Trepa convocou novas eleccións, remataba un exitoso ciclo que se iniciara no ano 99. (apupo nº. 6)

O ano 2003, foi un ano de moitas botaduras, botes choqueiros, dornas de tope, galeonciños e galeóns, como o de Vilanova.

Eu coa miña Delia.
Botadura do Novo Sofía. Vilanova 2003

9 comentarios:

lino dijo...

siseñor, memorables encontros os da Illa, nos que vivimos aquela travesía da que xa falara nalgún comentario, unha fin de semana ben completa, sen apenas dormir, moita navegación e moitas fotos, e toda unha festa, tanto en terra como no mar. A dona do bar Remanso pretendía pechar as portas do bar xa de día e chegamos unha tropa e xa non pudo... un mundo del señor...

bou de vara dijo...

Foron uns grandísimos encontros, onde traballou moitísima xente. Non me gusta personalizar o que son exitos de todos, pero tamén é de xustiza mencionar a Pablo Iglesias, o presidente da Comisión organizadora, que despois do Encontro da Illa tomaría outro rumbo.
Por certo Lino, estou roubando moitas fotos que son túas, así que te declaro fotografo ofisial de bou de vara.

Lino dijo...

E canto cobra o que ostenta ese cargo??

bou de vara dijo...

Teño que mirar o convenio colectivo de fotografos ofisiais de bloggs. Espera ó martes (de antroido)

O´Fartura dijo...

Tedes unha dialéctica ben simpática, oh¡¡¡

Sodes do que non hai.

Estou aprendendo con vós un lote de cousas.

Unha aperta mariñeira.

bou de vara dijo...

Ola Moncho, estes do Jrove xa se sabe que escriben raro e falan distinto. Ós de Cambados ó seu lado somos simples aprendices.
Graciñas pola visita, se agradecen moito.

Lino dijo...

Por fin unha apresiasión empírica ao 100%: como non, os de Cambados fanse, pero do JROVE hai que naser!!!
Volvendo ao tema dos Encontros da Illa, estamos de acordo que a implicación execedeu o ámbito da Federación e da cultural, creo que todo o mundo na Illa participou de algún xeito, houbo voluntarios a barrer, moita vida nas calles e nos pantaláns (postos a propósito se mal non recordo), nos bares.. habia un ambiente excelente, todo o pobo era consciente do que aquelo significaba e celebraron os Encontros con todos nós.

bou de vara dijo...

Ola Lino, xa sabes que para nacer primeiro te teñen que facer, sabes como non?. e non te pases conmijo que son medio meco. Ben, o tema dos pantaláns da Illa foi un verdadeiro dor de caaaaabesa. Ate o ultimo momento andiveron a desfolar a margarida. Pero milagrosamente despois da reunión de urxencia co presidente FRAJA en San Caetano con chamada de teléfono en directo a un tal Pui Fraja, ó día seguinte chegaron os camións cos pantalán cando nin o alcalde contaba con eles" olvidádevos nos decía". Daquela reunión en Compostela na Xunta quedaron moitas anécdotas, ó chegar Pablo Iglesias espetoulle a Fraga, "eu son comunista de toda a vida pero é un pracer e unha honra coñecer en persoa ó noso presidente". Cando nos depedimos e xa saíndo polo pasillo, Fraga díxo dende a porta do seu despacho "que teñan moita sorte e vaia nome que ten vostede (mirando para Pablo). O Pablo revirouse coma unha furia "e a moita honra, porque patatin e patatán.....", pero Fraga xa pechaba a porta cun sorriso de carallo. Pablo veu fungando todo o camiño ate o parkin de San Caetano "joder co vello que mala hostia", mentres o alcalde Vazquez, o presi da Asociación de Empresarios da Illa (non lembro o nome) e máis eu escachábamos de rir.
Por certo, Fraga sorprendeunos porque daquela dician que estaba chocho de todo (que levaba pañais, que tiña parkinson..), e toda a xente nos dicía "ides perder o tempo con el, non se entera de nada". Pero o caso e que estaba moi ó tanto de cousas da Federación e da Escola da Illa, mesmo sabía de Douarnenez e doutras cousas de barcos tradicionais, etc. O caso é que aquela reunión desbloqueou todas a cuestións que estaban sen resolver (financiamento, pantaláns, protocolo de inauguración, consulado portugal,....., en fin, gardo bos recordos daquela entrevista, e non podo decir si levaba panais ou non, pero parkinson fixo que non tiña.

Lino dijo...

Sabía de parte desa reunión, que vos recibiu sabendo moi ben con quen falaba, pero non sabía que Pablo lle largara a "comunistada" por diante... non lle falou mal!
Estou desbotando a posibilidade de crear un blog, porque xa temos este pa "desbafarnos"

(e o de ser medio meco é unha sorte que tes, o handicap é o outro medio)