Translate

miércoles, 27 de agosto de 2014

Día de Milura

imaxe: Pantalán de Tragobe. Mauro 2014



Día de Milura:
 
Pasaron xa uns meses dende a derradeira entrada neste blog. Daquela o RANA ficaba desarborado e o pobre do pao, espido de cravos e parafusos, agardaba no asteleiro dos Garrido por unha reparación a fondo a base de tratamentos de vernices de última xeración. Este lapsus temporal, sen rexistrar actividade algunha no blog, non significa que estivesemos parados, máis ben todo o contrario, e por iso mesmo apenas quedou tempo para andar a fedellar nas teclas do ordenador.

E si as bicicletas son para o verán, os barcos tamén..., pero hoxe, como é día de milura e non podemos navegar, imos pasar o tempo anticipándonos ao outono, ese tempo de morriñada que tan só se cura cunhas cuncas de tinto arredor da lareira prendida de lembranzas que se avivan co lume.








Imos aló:
 
Andamos os do Clube Mariño Salnés moi ao noso, certo. Cada vez asistimos menos ás regatas e concentracións das que enchen o calendario oficial para a flota de embarcacións tradicionais. Se cadra non está ben, pero tamén é certo que as últimas veces que intentamos facer algo en Cambados, resultou un desastre total e ficamos sós, coas nosas dornas, a nosa xente e a mirada de esguello posta no mar agardando que algunha vela se aproximase a Cambados. Pero nada, nin rastro de moros pola costa e sen que isto sirva de pretexto ou escusa, a verdade é que desanima un pouco perder o tempo en organizar algo para que logo non sirva de nada.  Todo iso é auga máis que pasada e como non hai mal que por ben non veña, agora o Clube navega con máis liberdade e sen nengún tipo de amarre, compromiso ou pamplina (chamese como se queira). O caso é que estamos cómodos así, navegando á nosa "bolina" e collendo o rumbo que nos peta.  


En todo caso, iste ano navegamos máis que nunca e a tempada empezou ben pronto, alá por maio, e dende entón, nin a Muller de Balboas nin a Julicheira deixaron de levantar vela pola Ría de Arousa. E sinceiramente, isto é o máis importante: mentres os barcos naveguen, o demáis é secundario. 

Así estaban as nosas meniñas polo mes de maio, listas coma allos para ir ao mar:






E así van navegando:
imaxenes navegación 2014. Quico Alvarez:
 


 




 
















 







        


Carreirón. Illa de Arousa. Agosto 2014



Pero tamén o RANA fixo unhas cantas millas iste ano: 

Amarrado en Tragobe. Agosto 2014


Concentración de Bueu:




A verdade é que non teño máis imáxenes de Bueu 2014, pero para min foi un dos mellores anos. En gran parte polo acerto da organización na elección do local do "Aturuxo" como centro neurálxico para as comidas e as ceas dos tripulantes. Moi bo ambiente e coma sempre, a xente dos Galos de Bueu tratáronnos de marabilla. Inesquecibles as actuacións jazzisticas tanto na comida como na cea, sen desmérito do grupo de percusión que animou a noite. Non oculto o cariño e respeto que teño pola xente de Bueu: Victor, Rosendo, Lidia, Alvaro..., e tantos outros, e aproveito a ocasión para darlles as gracias e moitos folgos para seguir sendo como son.       

Ben, acabo de acordarme que si teño unha imaxen de Bueu..., é esta:




¿Vedes o peixiño?, pois é o recordo que nos trouxemos de Bueu. Había un regueiro destes peixes marcando o camiño polo peirao até onde se atopaban os barcos. Casualmente, iste que collemos de recordo tiña escrito no reverso o nome de Julieta, a anterior propietaria do Rana e por iso mesmo pegámolo no portelo até que o vento decida devolvelo ao mar. 



Proa á Illa de Sávora:



Saimos un feixe de xente, grandes e pequenos, residentes e emigrados, unha convidada belga e como dicía Reixa: "galegos tamén".

Bo día de navegación: sol, ventiño, boa conversa e pan e viño para ir fasendo o camiño.       

En Sálvora, bañote e xantar na praia do almacén e logo, paseo até a aldea.

(As imaxenes son de Egidio Agra Rebollido)






navegando cara á Illa. 
patrón: Mauro 

De fronte: O pintor Xurxo Durán e a súa compañeira Katerinhe

Chegamos:


O RANA fondeado na praia do Almacén


O xantar e repouso:


Satélite, Anxo, Majete, Katerinhe, Xurxo....


Conquista do Castelo:

Katherine, Mauro e Alex

 Paseo até a aldea:


sen comentarios


Regata Illas Atlánticas e Revenidas

Ao igual que o ano pasado, o RANA participou na Regata das Illas Atlánticas que organiza o Náutico de San Vicente para barcos clásicos, tradicionais e de época. O Rana quedou enmarcado na Clase Sálvora onde acadou a 2ª posición por detrás do Arousa X, e en canto a xeral por tempo compensado, ficamos sextos. Non estivo mal, se ben, isto foi na xornada do sábado porque o domingo desprazámonos até as Revenidas de Vilaxoán, a onde asistimos todos os anos dende hai un lote de tempo.


Intres antes da saída da Regata


Bolinando cara San Vicente despois de dobrar pola baliza do Picamillo (ONS por popa)


Paso por Picamillo Regata 2013

Ben, e máis nada de momento, despedímonos coa promesa de facer en breve, unha reportaxe con imáxenes da Regata das Illas Atlánticas deste ano realizadas por Lino Prieto. Ata sempre



Ahora que hacemos olas por incordiar
ahora, que esta tan sola, la soledad
ahora que todos los cuentos parecen
el cuento, de Nunca Empezar. 

Ahora que...
Joaquin Sabina

 

miércoles, 21 de mayo de 2014

ARTE PAO


Cada catro anos, mais ou menos, toca desmontar o pao e a botavara para realizar os traballos de renovación do verniz.
É unha tarefa desagradable por canto hai que quitar toda a enxarcia, eliminar as capas de verniz vello, lixar integramente a madeira e despois aplicar de novo o producto.
Este é un deses anos, tempo de quitar burdas, estais, drizas, obenques e un milleiro de parafusos. Que se lle vai facer, hai que tomalo con paciencia porqué estas cousas fanse por Amor ao Arte.


ARTE PAO
  





1. Pao-Punk





2. Dúas Lúas




 3. Rebeldía





 4. Berlín






 4. Ollos de Boi





 5. Azul





6. Lazo-pé






7. Broches





8. Vexetal






8. Bauhaus






 9. Pao-pop





 10. Entre Virutas





 11. Secuencias Veladas


 



  12. Formas Burdas






13. Refugallo






 14. Máis nada




martes, 6 de mayo de 2014

O Museu do Mar


A "semana de pasión" serviu para navegar, Nesta ocasión o mar levounos ata a ría de Vigo, con atraque en Bouzas. xa que estabamos alí e habia tempo para pasear decidimos achegarnos ata Alcabre, onde se atopa o Museu do Mar de Galicia, para por fin coñecer as instalacións, tanto do contido como do continente.
Saimos en camiñata desde Bouzas e o primeiro que avistamos é o faro de Alcabre que abriga unha pequena praia chea, literalmente, de pequenas embarcacións e tira-viras a terra, onde uns paisanos compartian unha mañán de morriña, desas nas que nin chove nin clarea.



O número de embarcacións neste recanto chama a atención, hai un mundo delas tanto na plaia coma en terra, gamelas de madeira, forradas en fibra, botes auxiliares, pequenas lanchas, planeadoras... todo un surtido.




Entramos nos dominios do Museu do Mar pola súa acolledora taberna, como debe de ser. O conxunto museístico está presidido polas Cíes, omnipresentes en calquera dos recantos polos que decorremos. O de ir primeiro á taberna non está mal, pero para visitar un museu é recomendable empezar polo principio.

Pasamos pola taquilla e comezamos a visita, recibiunos unha mostra de Artesanía de Galicia, que deixa paso á exposición premanente do mueseu. Despois deste punto ábrense ante o visitante unhas amplísimas instalacións que nos falan sobre naos, embarcacións tradicionais, o sumerxible de Sanjurjo Badía, unha parte pechada coa réplica do Beagle de Darwing, unha sorprendente zona adicada á bioloxía marina...


A continuación pasamos á segunda nave a través da pasarela. Aquí está o trurrón: historia da pesca, carpintería de ribeira, mecánica naval de Galicia, pesca de altura, baeeiros, industras derivadas e asociadas, conservas e salga, bateas. Tamén nun espazo amplísimo e bastante pouco animado.


A maior parte da visita, que non se extendeu moito no tempo xa que faltaba pouco para que pecharan as portas,  centrouse no acuario do museu, non é dificil ficar parado tempo e tempo observando os seres que o habitan, sobre todo cando un ten certa querencia polos acuarios, como é o caso. Xureles, pintos, maragotas, fanecas, lavancos, señoritas, escrachos, raias, rodaballos, sargos, gradicelas... as especies que habitan o mar galego, as nosas rías... levoume ás páxinas de un libro no que tiven a sorte de poder participar: "La vida bajo la quilla. Fauna y flora marina de las Rías Baixas" Todogrove Edicións, 2009. 
Como todo nesta vida, o Museu do Mar tamén é susceptible de mellora, xa que conta con varios espazos pechados so público e ten recursos que están bastante infrautilizados, pero é unha instalación necesaria, imprescindible, que debería contar con unha permanente labor de mellora e optimización, aínda que non corran os mellores tempos para a cuestión cultural. Se poden, achéguense a coñecelo.