Translate

lunes, 6 de marzo de 2017

Picamillo


TORRE BALIZA PICAMILLO (1930? - 2017)
Latitud 42º 24,30N
Longitud 008º 53,40W
Punta Faxilda. Sanxenxo
"Desaparecido" o 05 de febreiro de 2017 ao paso do temporal "Kurt".  

imaxe: Diario de Pontevedra









Aínda era un cativo cando pasei por primeira vez ao teu carón.
Daquela nin reparei en ti, pero ti fuches testemuña da miña primeira arribada a Ons. 
Terían que pasar algúns anos antes de volver a vernos, para entón, eu seguía sendo un crío maior que xogaba co vento a bordo dunha dorna que apuntaba de lonxe ao teu perfil para enfilar o rumbo dende o Pombeiro. 

A partir de entón, reencontrámonos puntualmente en cada verán, case sempre de paso dunha ría a outra, algunhas veces por babor, outras por estribor, con sol, con vento, con néboa ou en calma chicha, foron tantas as veces nas que de tanto aproximarnos mesmo parecía que querías darnos unha aperta..., agora entendo que se cadra pretendías unha despedida.   

E sen máis, logo de tantos anos aí chantado vendo pasar silencios, sorrisos e cinzas ao vento, este inverno te desprendes do teu cativerio aproveitando o estrondo das ondas e a escuridade das noites de inferno e sen saloucos nin aloumiños, te mergullas para liberarte por fin da túa condena, fundíndote co mar das sereas. 





Te imaxino a rolos polo leito mariño seguindo a corrente cara o interior do océano, se cadra seguindo o rumbo dos incontables barcos que despediches co teu vestido branco e os teus ollos verdes. Te lembro de noite, guichando o horizonte dende Paxariñas en parsimonia contada cos dedos dunha man, un quinteto de lóstregos vixiantes dende a coroa de estrelas.



O Picamillo e o Camouco


Por onde andarás?, preguntarase O Camouco, o teu irmán xemelgo, ansioso de saber de ti, ou de arrancarse do fondo para seguirte..., quen sabe?, eu tamén te botarei de menos.


Até sempre Picamillo, grazas e que no teu deambular te alumeen as estrelas.      


Ao Picamillo.
Exidio Cuíñas. febreiro 2017

O Rana pasando polo Picamillo. Regata Illas Atlánticas. 2015


No hay comentarios: