Translate

miércoles, 30 de noviembre de 2016

A Sicamontes: unha dorna indultada.



Ris, ras

Que dura e implacable é a rasqueta..., ris, ras! 
Ela soa apáñase para escaravellar todo o que se agocha por debaixo do corredor, coando asubíos de desfeita polos embornais. 
É un coro de estrago acompasado cos golpes de martelo que se afunden nun eco podre redobrando por entre as táboas de cubrir e mais polas de virar..., 
Unha partitura escrita coas bágoas de ferruxe devalando entre cravos furados até o calime, pintando pentagramas revirados que aventan o barco dende o rodame até o cofiño. Ris, ras! 

Exidio Cuíñas (decembro 2016)


A Sicamontes. Historia dunha dorna indultada (en clave de humor)

 Foi na primavera deste ano cando chegou a Cambados unha nova dorna. Coma tod@s aqueles que se fan cunha dorna por primeira vez, os seus compradores (Bruno e Fernando) puxeron nesa operación o prezo da ilusión por converterse en armadores dunha tipoloxía de embarcación tradicional tan salientable como é a dorna.

A Sicamontes recén chegada ao porto de Tragobe-Cambados.

 A cousa pintaba ben, unha dorna xeitosa da Illa de Arousa coa "garantía" de ser unha das embarcacións da ENT (Escola de Navegación Tradicional), pintadiña, completamente aparellada para a vela..., en fin, unha xoia que animaba aos seu armadores a cruzar a Ría de cabo a rabo durante todo o verán sen parar.
En principio tan só un pero: os papeis¡ Pero ben, "xa aparecerá algo con que solucionar os atrancos burocráticos".

Aínda que aparentemente a dorna estaba lista para iniciar unha tempada de navegación, os seus novos donos quixeron levala a terra para darlle unha pequena revisión antes de lanzarse a conquistar a Ría e aquí cometeron un erro de principiante: agarrar unha rasqueta e poñerse a espir o barco para mirar por debaixo do refaixo, isto é, quitarlle un pouco de pintura para ollar a boa conservación da madeira curada co tempo e a salitre.
Pero oh! sorpresa, por aquí aparece un cravo sen cabeza, por alá un furado e por acolá un descunchado..., en definitiva, "hai que chamar a un carpinteiro".

Boa decisión, sen dúbida nestas operacións para facerse cun barco vello, o mellor e ir co carpinteiro antes de facer a compra. 
E claro, xa sabemos como fan os carpinteiros cando se lles pon un martelo nunha man e unha pata de cabra na outra:
- Para xa que quedamos sen barco -laiábanse os flamantes armadores co renxer da madeira.
- Hai que chegar ao san -replicaba o carpinteiro.

Ben, pois cando o carpinteiro deixou de quitar madeira, a dorna estaba irrecoñecible, coma se lle pasase un tremendo temporal por riba levando media dorna con el.





  


A reconstrucción

O caso é que lonxe de desanimarse, os armadores deciden tirar para adiante e darlle unha nova oportunidade a un barco que de dar noutras mans, posiblemente acabaría ardendo na fogueira de San Xoán (moi preto no calendario nesas datas).

E así, empezaron a despintar todo o barco para evitar novas sorpresas, con cada ris-ras de rasqueta se elevaba un suspiro de alivio ao ir comprobando que a desfeita tan só se quedaba nas táboas de cubrir, algunha que outra caderna e un anaco do corredor. Se cadra a cravación tampouco estaba non seus mellores momentos, pero en fin, había que tirar para adiante -imaxino eu-.

E mentres o carpinteiro tomaba medidas para repoñer a madeira danada, os propietario dedicáronse a todo aquilo que estaba nas súas mans: tratar a oxidación, substituír aqueles cravos en peor estado, saneamento global do interior e exterior...,



despintando a dorna e saneando as cadernas

Pasados apenas un par de meses, a dorna lucia xa as súas táboas novas e o barco recibía unhas cantas mans xenerosas de Xylacel fondo polo exterior e aceite liñaza polo interior.




Pouco a pouco a dorna ía recuperando vida, e logo dunhas mans de aceite con minio ao conxunto do casco, a dorna semellaba cobrar vida de novo, poñendo ilusión e satisfacción nas facianas dos armadores logo de tantas horas de rascar e lixar até desgastar as unllas.


  O caso é que logo dos períodos necesarios de secado entre capas e moita aplicación de "Sicaflex" (levou Sica a montes), chegou o día de vestila de novo, neste caso de azul (como a moneca que tiña aquela rapaza):



De proa

 
De popa

 E chegou o dia de botala ao mar:





E logo dos necesarios días de inchado da madeira para selar o casco, chegou o día de volver a navegar:



A Sicamontes reflotada en Tragobe
 
Amarrada na Mariña Tradicional Porto de Cambados












Probando velas:

A Julicheira                                                              A Sicamontes































E a remos (Regata da Valvanera. Organiza: Asociación A Torre. Cambados):


Chegando a meta: tripulacion: Rosa, Xaquín e Cristal  

 









 




O importante en todo caso é que a Sicamontes xa forma parte da flota de embarcacións tradicionais de Cambados, e así a vimos neste verán acompañando ao resto da flota cambadesa:
 

 


  



A Sicamontes pola popa do Unicornio. Ao fondo a Julicheira. Xornadas de Vela Tradicional


 remate:

Imos chegando ao final dunha historia con final feliz, polo menos neste caso, a dorna escapou das gadoupas do estrago, do abandono e a indiferenza para volver ao mar coa dignidade que nunca debeu perder. E lonxe do ton de brincadeira do texto que acompaña esta entrada, quero felicitar aos armadores da Sicamontes (Bruno e Fernando), no empeño por devolver a vida a esta dorna, porque con cada barco tradicional indultado, tamén conseguimos un pouco de perdón para esta sociedade que o devora todo, esfameada de desfeita. 
Se cadra teríamos que pasar a rasqueta polos ollos máis a miúdo para poder ver con claridade o verdadeiro valor destes barcos..., ris, ras! 

En todo caso, quero resaltar especialmente a Bruno polo esforzo por levar adiante (agora como armador único) esta empresa con éxito, demostrando que ás veces os esforzos das asociacións de cultura marítima non é baldío, polo menos neste caso, penso que a súa proximidade co Clube Mariño Salnés (entidade a que pertenceu e mesmo foi directivo) aportou o seu para acadar este feliz indulto. Noraboa      
 Imaxe: Bruno a bordo da Muller de Balboas. Xuño 2009

3 comentarios:

Cobas de Lobos dijo...

Fernoso traballo!
Parabéns Xaquín!

bou de vara dijo...

Moitas gracias.
Un saúdo dende o Boudevara.

Grumete Peixiño dijo...

Que historia ben fermosa, e que preciosa se ve rematada!
Que sexa para moitos anos!

Cando entendín a orixe do nome botei un sorriso e pensei "mira que hai retranca aqui".