Translate

miércoles, 9 de noviembre de 2016

O verán de esguello.



 
O verán de esguello

Regresamos, vogando, ás veces con vento, outras sen nada,

contado os días de mar que se descosen en cada salseiro.

Chegamos, pensando, as veces en algo, outras en nada,

medindo en millas os soños que debuxa o devagar mariñeiro.
                                         
                                                   Exidio Cuíñas (novembro 2016)
imaxe: Marcos Escudeiro


Me pido a min mesmo falar deste verán tentando resumir unha campaña longa, intensa, imaxino que abondosa..., quen sabe onde e cando prende a semente?

Por empezar por algún principio, falaría dese proxecto ambicioso, bonito e complexo que é a Mariña Tradicional Porto de Cambados, unha actuación que pretende recuperar o vello porto de Cambados como espazo activo de cultura arredor da recuperacion das embarcacións tradicionais para uso de tod@s os que queiran participar neste movemento que poderíamos chamar patrimonialización dos barcos vellos, esto é, facer enteder que un anaco destas embarcacións e das historias que agochan as súas reviradas fasquías son parte de nós mesmos.


aire para o patrimonio que afoga


imaxe: Porto de Cambados. 
autor: J.Bellver.



 Arrancamos...                                                                                              

O caso é que a partir de aquí, as tres entidades de cultura marítima de Cambados que se empeñan en dar vida a Mariña Tradicional Porto de Cambados -As Joritas, Clube Mariño Salnés e A Torre-, deciden sumar forzas nesta teima de manter o patrimonio a flote, isto é,  darlle un respiro a unha flota que afunde na memoria colectiva, barcos que se perden no fango como dano colateral dunha globalización que apesta a poliéster.

 
O Unicornio, A Muller de Balboas e A Airexa. Porto de Cambados. 2016



E así, falando dunhas cousas, de outras, de barcos, mariñas e recendos mariñeiros, prende a semente dun novo novo proxecto conxunto que nace co nome de  Asociación Cultural e Deportiva "VELA TRADICIONAL CAMBADOS", que se estrea co reto de organizar as I Xornadas de Vela Tradicional. 

E o que parecía unha cousa imposible, converteuse case sen decatarnos, nunha realidade que abrollou logo dun par de conversas aderezadas coa beberaxe da boa vontade. 

Certo que había medo ao fracaso. Apuntaríase alguén? Terían interese esas Xornadas de Navegación neses barcos vellos? Funcionaría esa simbiose de asociacións aparentemente tan dispares?


Pois para sorpresa de nós mesmos a cousa funcionou, para proba un botón:


primeiras clases en terra:












 aprendizaxe: 

tipoloxías embarcacións tradicionais, tipos de velas, aparellar un barco, os cambios de rumbo, o timón, manexo da escota, nudos e envergues...
   
                                                  
                                                                                              
                                                                                                        vista xeral Salón de Peña. Cambados. agosto 2016:









 e por fin imos ao mar:
 collendo corso..........                                               as embarcacións

A Airexa                                  O Unicornio


O UNICORNIO
Bote de Ribadeo
Asociación "A Torre"

imaxe: Iago Otero
 










https://scontent-mad1-1.xx.fbcdn.net/v/t1.0-9/14358772_167009273742749_6878652120711314726_n.jpg?oh=25f5f890b13993fca4006852ab446dfe&oe=589B1C41 Características:  
    • Eslora: 5,90m      
    • Manga: 1,90m
    • Puntal: 0,80m
    • Vela: cangrexa, foque e trinqueta     
















https://scontent-mad1-1.xx.fbcdn.net/v/t1.0-9/14368789_167009353742741_648234069467079317_n.jpg?oh=5216051161294483788e8874279234e0&oe=58CC4A43
O Unicornio na fronte.  Por popa, a Sicamontes e a Julicheira

https://scontent-mad1-1.xx.fbcdn.net/v/t1.0-9/14317520_167009270409416_424698311408646714_n.jpg?oh=28342472405166316faa2171f47a67d4&oe=588C3332









A Airexa    
Dorna de tope
Asociación "As Joritas"

Características:

    • Eslora: 7,20m
    • Manga: 2,50m
    • Puntal: 0,90m
       Vela cangrexa, foque e trinqueta






















A  Muller de Balboas
dorna de tope


Clube Mariño Salnés


Características:
  • Eslora: 5,40m
  • Manga: 2,00m
  • Puntal: 0,50m
      Vela: de relinga.




































O Rana
folkboat
Clube Mariño Salnés

características:
eslora: 7,80  , manga: 2,20 , puntal: 1,40
vela marconi, foque e asimétrico










remate:



Até aquí, o resumo dun verán de moito navegar, de aprender e compartir.
A semente está botada, quén sabe agora onde e cando prenderá.
Polo de agora amarrámonos a esa nova ilusión, "Vela Tradicional Cambados", un xermolo do que aínda non sabemos que rumbo collerá. 
Desexarlle en todo caso que medre con alegría e que ao seu carón, se consolide esa Mariña Tradicional Porto de Cambados que tanto arelamos.


imaxe: A Airexa. Porto de Cambados. 2016
autor: Marcos Escudeiro


Agradecementos á Asociación A Torre, As Joritas e ao Clube Mariño Salnés a todos os monitore/as e sobre todo, a todos os alumn@s pola disposición e azos por aprender.
Agradecementos tamén ao arquivo de imaxes da "Mariña Tradicional Porto de Cambados" en facebook.

A tod@s noraboa e moitas gracias.

Entrega de diplomas alumn@ I Xornadas de Vela Tradicional. Concello de Cambados. agosto 2016



miércoles, 25 de mayo de 2016

Cambados tamén ten rio: O Umia (1ª parte)




Aínda que a vila de Cambados vive de costas ao rio, non por iso o Umia deixa de transportar boa parte da historia desta vila.

Título imaxe: O río Umia ao seu paso por Cambados.
Autor: José Jesús Sabarís Rico.
Lugar de orixe: jojesari.blogspot.com.es







Igual que a inmensa maioría dos cambadeses, eu tamén tardei en decartarme da verdadeira importancia que tivo e aínda ten o Umia no desenvolvemento socioeconómico da vila de Cambados e da súa contorna. Confeso a miña ignorancia e o que é peor, a miña insistente cegueira persoal por non querer ver no caudal do Umia unha verdadeira fonte de cultura, de barcos e xentes que fixeron deste río unha importante canle de unión das terras do interior coa costa (ou se queremos, da costa co interior) e dunha banda e outra da comarca do Salnés. Porque deste río, veñen as areas que logo pousan na desembocadura para conformar os bancos marisqueiros do Sarrido (ou Sarrido) e tamén as augas doces que regulan a salinidade da Ría, as mesmas que aportan nutrientes para a flora e a fauna acuática.
Neste senso, non é desproporcionado dicir que Cambados non sería igual sen as augas do Umia, nin a Ría de Arousa tampouco.


Imaxe: Vista xeral do areal do Serrido dende a Torre de San Sadorniño co paso do río pola desenbocadura por Mar de Frades (fondo esquerda) e a Toxa pequena (fondo dereita). Lugar de orixe da imaxe: blog viaxadoiro



Das múltiples ramificacións que se poden extraer das augas do Umia, hoxe simplemente vou facer referencia ao leito fluvial como servizo de paso dunha beira a outra, e deixamos para outro día aspectos coma o transporte de mercadorías nos galeóns que subían e baixaban polo Umia con tella, madeira e produtos da horta, as lendas, a toponimia do lugar e a importancia do río como fonte de riqueza material e cultural asi como regulador natural dos ecosistemas fluviais e costeiros. 


Galeón varado no Serrido



1ª parte.   O paso no rio Umia: de ponte Estacas á ponte de Pau.


Copia dixital mapa de Cambados de 1593. O orixinal consérvase no Arquivo Histórico Universitario de Santiago (signatura: clero 559, fol 251).
detalles importantes do mapa: Espiñeiro (desembocadura rio Umia), Casal Dabarca e representación da Ponte e da Barca das Estacas.



A ponte da Barca (ou Ponte Estacas):


Sábese que antigamente o paso polo río Umia para unir Cambados co sur da comarca do Salnés facíase en barca. Isto foi até que se construíu a ponte da Barca entre os anos de 1868 e 1878 por iniciativa privada dun conxunto de promotores cambadeses. 

Imaxe: Ponte da Barca (Ponte Estacas ou Ponte das Estacas). Castrelo-Cambados
Imaxe tomada do blog: A ti meu Cambados




A este respecto, o investigador cambadés Sindo Mosteiro nos di:
Casa da Barca ou Casa da Ponte

A Casa da Barca (1) está neste lugar de Cambados, á beira da ponte do mesmo nome que comunica as dúas beiras do río Umia. O uso da ponte estaba regulado mediante unhas taxas que se cobraban nesta casa da Barca, construída no 1877, tal e como indica unha cartela sobre o lintel. Por iniciativa de Miguel López de Carrizosa de Giles, marqués de Mochales, deputado en Cortes polo partido de Cambados, o Estado compra a ponte no 1902 por un total de 200.000 pesetas, quedando desde entón libre de peaxe o paso por ela".






Nota: non debemos confundir esta Casa da Barca ou Casa da Ponte co Casal Dabarca que aparece no mapa de 1593. Simplemente sabemos que a Casa da Ponte (1) foi construída moi posteriormente, concretamente en 1877 para o cobro de taxas por pasar o río. 
E tampouco debemos confundir estas construcción coa Casa da Barca de Cobas de Lobos da que falaremos en breve.




A ponte das Estacas:



No fragmento do mapa de Cambados de 1593, apreciase claramente a representación dunha construcción de nome Casal Dabarca e ao seu carón, unha barca fluvial no paso polas estacas que cruzaban o río (a ponte das Estacas).

 A corroboración da existencia da Barca das Estacas é un tema fundamental por canto podemos estar a falar dunha embarcación propia do Umia, unha embarcación de paso fluvial que atravesaba o río pola ponte das estacas que estaría situada perto da actual Ponte Estacas ou Ponte da Barca





Semella claro que a antiga Ponte das Estacas da nome a actual Ponte Estacas (ou Ponte da Barca como tamén se lle chama na actualidade), e en todo caso, non debemos confundir este paso do río co paso que se realizaba máis arriba, concretamente en Cobas de Lobos e perto da actual ponte de Barrantes onde tamén existiu a chamada Ponte de Pau.


Ponte de pau:

 
 Ao igual que aconteceu na parte baixa do río no paso por Castrelo, máis arriba en Cobas de Lobos, tamén empregaban o uso dunha barca para o paso do río polo sitio onde os veciños sitúan a antiga ponte de Pau, antes de que se construíse a actual ponte de Barrantes que comunica Ribadumia con Cambados. 


  imaxe: ponte de Barrantes











Deste paso do río de Cobas de Lobos temos varias referencias e semella claro que se trataba dun servizo completamente diferenciado no paso por Castrelo.

Existen varias evidencias para esta afirmación, a toponimia e as testemuñas de veciños do lugar: 
Galeón varado no lugar da Barca ao pé da Ponte de Barrantes

a.       Lugar de A Barca: este é o nome do lugar de Cobas de Lobos onde se facía o paso de río pola actual ponte de Barrantes.

b.      Casa da Barca (2): Existe tamén aquí (en Cobas de Lobos), un pouco máis arriba da actual ponte de Barrantes, unha Casa da Barca, construída sobre as ruínas dun antigo pazo, atualmente adicado a adega de viño e que como din os seus propietario na súa Web:   

"O conxunto que alberga a bodega, nas súas orixes era un antigo pazo construído en pedra xunto cun hórreo da mesma antigüidade, outras construcións en pedra que servían de alpendres, así como unha horta arredor. O nome da bodega correspondese co nome polo que se coñece á nosa familia: "os da barca", posto que antes de que se construíra a antiga ponte que une Cambados con Barrantes, eran os nosos familiares os que se encargaban de transportar á xente en barca dunha beira á outra do río Umia”



Conclusión:

 Polo tanto, semella evidenten que estamos a falar de dous paso do río ben distintos: un na parte baixa do Río que funcionou até que se construíu a Ponte da Barca (1878) e se edificou unha Casa da Ponte (1877) para o cobro da taxas polo paso da ponte até que se fixo público en 1902. 



Vista da desembocadura do Umia dende a Ponte da Barca. (Autor: Google Map)



E outro servizo de paso ben distinto que se prestaba en Cobas de Lobos, que funcionou até que se construíu a ponte que une Cambados con Barrantes. Os vellos do lugar falan da "ponte de Pau" e xuntamente co paso da "barca das estacas" que se aprecia no mapa de 1593,  constituían verdadeiros vasos comunicantes para o dsenvolvemento de toda a comarca do Salnés.

Do que si podemos ter certeza é de que esta "barca das estacas" xa funcionaba no ano de 1593 e este servizo de paso dou nome a actual Ponte Estacas e podemos supoñer que os dous pasos polo río piuderon coincidir no tempo e dende logo funcionaron até a construcción das pontes de Castrelo e Barrantes. Podemos imaxinar a importancia que tiñan ese pasos polo río e moitos veciños de Cobas de Lobos testemuñan que antigamente o río Umia tiña máis navegación que a costa e mesmo era o primeiro porto de Cambados en transporte de mercadorías, un porto que se atopaba mesmo fronte ao paso da barca das estacas e que ainda hoxe a toponimia local reflicte o lugar con ese nome."O Porto".   



Vista por satélite do Umia: localizacións e toponimia.



 En todo caso, quedan moitas cousas por investigar neste fermoso e vital río Umia, e noutras entradas tentaremos ir aumentando o coñecemento sobre este leito fluvial cheo de lendas e historias: Sería a bordo dunha destas barcas como cruzaron o río os asaltantes do Mosteiro da Armenteira? Será certa a lenda dos Padriños de Ponte Arnelas?  Era o antigo pazo onde se ubica a actual adega Casa da Barca o edificio que albergaba o Casal Dabarca que reflicte o mapa de 1593....?
Iremos falando, de momento quedámonos coa beleza deste río e a recreación na memoria daqueles tempos onde o paso do río requería de barcas e barqueiros para tecer territorios, economías, contos, romances, almas e corazóns.


Rio Umia ao paso por Espiñeiro. (Autor: Google M(ap)


Ponte da Barca dende Monte Rei. (Autor: Guimatur)



agradecementos:
Publicacións de Sindo Mosteiro (fotos antigas de Cambados)
Blogs: A ti meu Cambados, Viaxadoiro e Josesari
Imaxes de Google map
e a Félix Rei (Plantel Sete Pías) pola aportación de información.

martes, 15 de marzo de 2016

GAMELA NUN MAR DE PEDRA



Gamela nun mar de pedra




  Por estribor xa non se ven salseiros nin vagallóns,
tampouco asoman por proa aquelas ondas tendidas ao sol, 
por diante tan só estes campos de herba, marea infesta de bocho 
que alimenta as leiras por onde agora vou, 
en compaña dunha árbore que se mexe co vento 
e achega os seus papos de ameneiro ramplón.


 
 
 Fun gamela de mar, de raño e de liña, de rapeta e de bou,
voguei pola Insuavela, por Espiñeiro e pola Toxa menor.
Levei comigo un pano antigo prendido no mastro
que subiamos e baixabamos para conter o clamor,
dun mar embravecido que asustaba a todos 
co rebumbio de axitadas augas xogando con nós.


  
Deitada nun mar de pedra onde envorcou,
  está a gamela vella que un día navegou.
Lembro todo o que pasou de proa a popa,
e de babor a estribor.



 
 
 Xa non vexo nin sinto o mar, 
cuberto cun manto de néboa que o cegou,
Ás veces creo escoitalo cun asubío polo arredor
que se achega e se vai coma aqueles paxaros
famentos que pousaban no corredor.

Agora tan só me visitan as chuvias, as néboas
e as follas do mastro sen flor,
que inundan o plan da gamela coma unha lagoa interior,
pronto chegarán as ras, os grilos e os tritóns a escacharme
os ouvidos coas voces dun estridente cantor.  


 




Deitada nun mar de pedra onde varou,
segue a gamela vella que un día navegou.
Lembro todo o que pasou de proa a popa,
e de babor a estribor.

Tan só queda agardar pola couza e a putrefacción,
de sempre, os mellores remedios para o final redentor,
daquela tan só quedarán as pedras onde un día chorou,
aquela gamela vella que un día naufragou.   

Xa non lembro nada, xa todo pasou,
de proa a popa e de babor a estribor.


 Exidio Cuíñas




adicado á "Ubaldina".
localización imaxes: A Pastora
(Cambados)
Outono 2016
 


martes, 23 de febrero de 2016

Gamelas de Cambados



Mariscadoras no Serrido. Cambados


Máis dunha vez teño falado das gamelas de Cambados referíndome a elas coma unha tipoloxía de embarcación tradicional propia. Seguramente esta apreciación é esaxerada e froito da miña condición de cambadés pero a realidade é que nin tan sequera está recoñecida como tal e a día de hoxe, as únicas gamelas que gozan de predicamento entre a comunidade mariñeira sabionda son as coruxeiras, as da Guarda e a de Cabo da Cruz





 









Gamela coruxeira:
Encontro de Embarcacións Tradicionais. Muros 2009


 










 Gamela da Guarda:

 















Gamela de Cabo da Cruz:

Cabo da Cruz albergou a XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. 2015
 



Gamela de Cambados:



Pero como somos teimudos e cambadeses, imos continuar a reivindicar a Gamela de Cambados coma unha embarcación tradicional de primeira magnitude non só polo acervo cultural inherente a esta embarcación senón tamén pola súa beleza e excelentes condicións para a navegación.  

Certo que as gamelas tamén se construían noutras localidades da ría de Arousa pero se cadra en Cambados é onde a gamela cobra unha especial relevancia e sentido. Hoxe en día desaparecidas da nosa vista e case da nosa memoria colectiva, as gamelas foron nun tempo atrás unha das embarcacións máis numerosas e populares nos vellos portos de Cambados e San Tomé.



Porto de Cambados pola parte sur. (Imaxe J. Bellver. Anos 50)



Dende logo, a condición de Cambados como “fondo de ría” e o enclave na zona intermareal Umia-Ulla, facían da gamela unha embarcación especialmente navegable en zonas de escaso calado. Empregábanse especialmente para o marisqueo a flote se ben, tamén para a pesca con liña e as chamadas artes menores. Podían chegar até os 7,50m de eslora e aparellaban en vela latina con martelo.


detalle: Aparello de vela latina con martelo

 gamelas ao rastro antigo (marisqueo a flote):


 
 




ao medio mundo:




  
características:




Cando falamos destas gamelas, non podemos determinar unha eslora de referencia, había distintos tamaños dependendo da arte para a que se construía e sabemos que as había grandes, chegando algunhas a superar os 7 metros de eslora. 

 
O normal era unha distribución de cuberta semellante as dornas, con tilla e cadeira, moi cheas de proa e afiadas na popa se ben, o espello variaba en función das preferencias do armador. Pero quizais a característica principal era a quilla pronunciada para aguantar pano e evitar a deriva, isto as facía máis mariñeiras e manexables para navegar a vela.
gamela a carón dunha dorna mca

As gamelas compartían espazo nos portos de Cambados coas dornas (a maioría dornas mecas tanto de tingladillo coma de tope) e imaxino que mesmo competirían entre elas para ver cales eran mellores "apurando o pano", e aínda que as dornas semellan invencibles neste aspecto, moitos vellos aseguraban que as gamelas ben armadas non quedaban atrás, sobre todo navegando en rumbos abertos, na bolina imaxinamos que a vantaxe sería clara en favor das dornas.



Non era doado para as gamelas de Cambados facerse ver e así, xunto coas chalanas e loritos, ocupaban un lugar discreto entre as xigantescas lanchas do xeito, as dornas mecas e mesmo algún que outro galeón.
 

Chalana na proa de dúas dornas mecas. O Borrón. San Tomé-Cambados


Chalana amarrada pola póa dun galeón. Porto de Cambados.


Fai uns anos, o Clube Mariño Salnés elaborou un proxecto para facer un “gamelón” de 7,20 m de eslora se ben, aínda non se iniciou a construcción e de momento tan só estan feitos os planos. Actualmente o CMS está inmerso no GAC-Mariña Tradicional Porto de Cambados, un proxecto que pretende a recuperación integral do antigo porto de Cambados para recuperar a imaxe do porto e habilitalo como espazo dinamizador da cultura marítima local.  


Lavadoiro. Porto de Cambados


E dentro dese proxecto integral do Porto de Cambados, gustaríanos recuperar a imaxe dunha gamela de Cambados amarrada no porto. Certo que non seríamos os primeiros e fai uns anos, concretamente en Vilanova de Arousa, construíuse unha gamela, unha fermosa embarcación de nome Descalsiña aparellada con vela latina:


  

..., daquela, volveríamos a ter en Cambados unha das súas tipoloxías máis ilustres, devolvendo identidade ao porto e a toda a vila. Ogallá algún día poidamos ver na praia de San Tomé unha escena como a imaxe de abaixo, onde uns homes se afanan en arranxar unha gamela, a Lola.


Arranxando a Lola. Praia de San Tomé.




de remate:
 Gustaríanos dende logo recuperar para Cambados unha tipoloxía de embarcación tan senlleira coma calquera outra, tan digna coma a que máis. Con ela gañaron o sustento centos de familias cambadesas durante anos e para moitos nenos foi a primeira escola para a aprender o oficio de mariñeiro ou se cadra, o oficio de vogar a contracorrente. 

Vivimos tempos nos que todo semella conxurarse coa destrución dos recursos naturais. As nosas rías non escapan deste andazo de ignorancia e desfeita: a prórroga de Ence até que os nosos fillos sexan vellos ou a Lei de Acuicultura que quere converter a nosa costa en parcelas baratas para a explotación insostible e contaminante do monocultivo acuícola, ameazan con implantar un xeito de explotación masivo dos recursos até esgotalos. É a estratexia económica das multinacionais, a de explotar os recursos dun territorio até o límite, cobrar beneficios e retirase a outro sitio onde gobernen monicreques que aplaudan e permitan os seus métodos. Que aquí non suceda depende de nós. 

Dende este blog dicimos: SI as gamelas, SI as embarcacións tradicionais, SI a pesca artesanal, responsable e sostible e NON á destrución dos nosos recursos, da nosa cultura e do noso mar.

imaxes:
arquivo Boudevara.blog
arquivo Confraría de pescadores San Antronio de Cambados.