Translate

viernes, 24 de noviembre de 2017

Tormenta no fondo

(contos salgados)


Imaxe: "Tormenta no mar de Galilea". Rembrandt.

  Tormenta no fondo


No fondo do mar non chove, mais óllanse os lóstregos coma foguetes de festa que retumban no abismo sacudindo ós linguados, raias e demais bentos soterrados na area polo bandullo. Decote escorrentan levantando a poeira que ascende até as gretas dos congros que afástanse da tormenta de area mollada. Con cada relustro, as mandas de peixe miúdo trocan o rumbo a cada paso coma agulla desnortada e acaban por perderse na enxurrada do bulleiro de fondo. 


Imaxe (Óleo): "Mares revuetos".  Juan Antonio Guirado

Os lumbrigantes, bois, nécoras e centolas, petan uns coas outras nunha carreira tola pola supervivencia e, mentres uns gabean polos cons coma posesos, outros fican no fondo paralizados, soterrando as cabezas no leito mariño con cada trono que estoupa na superficie. Os camaróns –coitados-, andan como as pulgas choutando dun lado para outro até que mortiños de medo, métense nas nasas que os mariñeiros penduran no fondo. 





Imaxe (Óleo): "Fisherman at sea". Joseph Willian Turner
Tamén algunhas fanecas saen da pedra espavorecidas cos relustros e foxen cara a superficie cos ollos dementes perseguindo a lúa chea. Todas elas insufladas de desconcerto, coma o patrón evitando a furia dos vagallóns contra o costado do seu barco. 
Co redobre da tronada, empeza a festa dos arroases planeando sobre a area do fondo para apañar eses chopos e luras que semellan andar a bailar polcas, rumbas e muiñeiras ao ritmo da tronada que peta con forza neste día de temporal no fondo.





Exidio Cuíñas 
da serie "Contos Salgados", maio 2004 ©


No hay comentarios: