Translate

jueves, 28 de enero de 2016

MANIFESTACIÓN ENCE FÓRA

Pontevedra Viva

A plataforma ENCE Fóra convoca unha gran manifestación o venres contra a prórroga

 
Unha gran manifestación contra Ence e a prórroga que lle permite continuar até 2073 na Ría de Pontevedra percorrerá o proximo venres 29 de xaneiro as rúas de Pontevedra.  

Partirá da praza da Ferrería ás 20.30 horas e percorrerá o centro da cidade cun percorrido que aínda non se determinou. 


A convocatoria acordouse este martes durante a reunión da plataforma Ence Fóra celebrada pola noite na sede da Federación Castelao e é xa a terceira pata das accións de protesta pola concesión da prórroga que anunciara a fronte anti Ence.

O luns, horas despois de que Ence dese a coñecer que o Goberno lle concedera a prórroga por 60 anos, a plataforma Ence Fóra, co goberno local, a APDR e a Federación Castelao á fronte, anunciaba xa que a desición tería contestación social, xudicial e política.

A condena política xa a realizaron o goberno local (BNG) e os grupos da oposicón PSdeG-PSOE e Marea Pontevedra; a xudicial xa está en marcha en mans dos servizos xurídicos municipais. 

Agora chega a quenda da resposta social!
 
Redacciónfonte: Pontevedra Viva

miércoles, 27 de enero de 2016

Ence, Mangouras, Rajoy y otros chicos del montón


Afundemento do Prestige. Imaxe Xurxo Lobato


Costa crer que os que mandaron o Prestige ao quinto pino (lémbrar as palabras do ex-ministro Álvarez Cascos), os mesmos que acaban de ratificar a renovación da concesión de Ence que ven a hipotecar outros 60 anos á recuperación da Ría de Pontevedra, aplaudan a un tempo a condena do capitán Mangouras a dous anos de cárcere por “delito medioambiental”...,
Viva Ejpaña!







 


Poucas veces este blog se mete en leas políticas, pero estes temas van máis aló de consideracións partidistas e na miña opinión expresada libremente a través deste blog, trátase das maiores inxustizas cometidas contra o mar e contra Galicia en todos os tempos. E vou a tentar explicar resumidamente o porqué:
 
1.      ¿Que prestixio internacional tería un país se o comandante dun avión que sobrevoa o seu espazo aéreo informase ás autoridades competentes dun problema nos motores e solicitase axuda para tomar terra e como resposta se lle dixese que marche o máis lonxe posible.., en particular ao 5º pino?

Seguramente pensaríamos que isto é imposible nun país civilizado e tan só podería acontecer nun lugar moi afastado socialmente de nós. Ben, pois isto precisamente foi o que pasou aquel día co Prestige, cando o Ministro de Fomento (que estaba de caza), contestou da seguinte maneira ás reclamacións do capitán Mangouras para entrar nun porto refuxio antes de que o barco puidera derramar o cru (naquel momento simplemente tiña avaría nos motores e en consecuencia o buque estaba sen goberno)



Transcrición das ordes do Ministro de Fomento no xuízo do Prestige:


Las instrucciones de Álvarez Cascos fueron tajantes. "Sólo querían una cosa: que lleváramos el barco lo más lejos posible", se quejó entonces un responsable del barco.
- Bien lejos, sí, ¿pero hacia dónde?, preguntó un técnico en medio del caos de la sala de crisis.
- Rumbo 325. Noroeste, respondió un tercero, que parecía tener información.
- Sí, pero ¿hasta dónde? ¿Hasta América acaso?
- Zona SAR, le contestó.
-¿Hasta dónde?
- "¡Que lo lleven al quinto pino!", llega a decir un ministro.





Para a maioría dos técnicos, a decisión urxente adoptada polo Ministerio de Fomento que pilotaba Álvarez Cascos de afastar o petroleiro o máximo posible da costa provocou una “traxedia medioambiental xigantesca”.




"Paseo" do accidentado Prestige ao longo da costa galega.

 
2.      O Señor Mariano Rajoy, por entón portavoz do Goberno de Aznar (tamén coñecido polo alcume do Señor de los Hilillos), ven de conceder a ENCE, unha das empresas máis contaminantes de Galicia a renovación por 60 anos máis para seguir facendo pasta de papel na Ría de Pontevedra, cousa que ben facendo dende 1958 por concesión outorgada polo goberno de Francisco Franco.


Ence.Imaxe: www.worpress.com




Que ENCE é unha das empresas máis contaminantes de Galicia o expón claramente un informe de Grenpeace logo de realizar un estudo de impacto medioambiental considerado como o máis serio e independente dos realizados até agora.
“En Galicia, Ence y Elnosa son los dos principales puntos de contaminación por sus emisiones de mercurio, organoclorados y otros contaminantes a la ría de Pontevedra, sustancias muy peligrosas para la salud humana”. (La Voz de Galicia 11/02/2008).



Rajoy.  Imaxe: www.el mundo.es


Folga dicir que até hoxe, non coñecemos ningún outro realizado polas moitas administración que en teoría deberían velar pola defensa medioambiental de Galicia, mesmo na resolución da directora xeral da "Sostenibilidad de la Costa y del Mar” se establece que: “el plazo adicional otorgado a Ence supera los 50 años inicialmente previstos para este tipo de concesiones”.

Dende logo, todos sabemos da controversia e mesmo división da cidadanía sobre a permanencia ou non de ENCE na Ría, pero o que non se entende e como un presidente dun goberno en funcións que a día de hoxe non sabe se vai seguir na Moncloa, pode asinar unha resolución (co beneplácito do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente) onde se hipoteca a rexeneración medioambiental e socioeconómica da maior planta produtiva da provincia de Pontevedra como é a propia Ría de Pontevedra.







3. Expostos os dous puntos anteriores, o que compre agora e relacionar unha cousa con outra. Sorprende que ambas resolucións se adoptasen e se desen a coñecer á opinión pública no mesmo día, porqué?

A razón semella evidente e aínda que non vou ser eu quen cuestione a independencia do noso sistema xudicial, penso que podo permitirme xogar a relacionar ambas cousas. E así, resulta curioso que unha medida que vai suscitar a repulsa dunha boa parte da cidadanía que apoia as teses de entidades e grupos naturalistas (agrupados a maioría baixo a plataforma Ence Fóra), sexa contrarrestada pola condena “pública” e “exemplar” do Señor Mangouras coma único responsable da desastre ecolóxica causada pola contaminación do Prestige. Manda carallo! 


Mangouras. Imaxe: www.laopinioncoruna.es

Non quero estenderme máis, simplemente recordar anteriores entradas onde manifestaba o meu apoio ao capitán Mangouras, postura que manteño se cadra agora con máis rabia aínda. E tamén lembrar artigos anteriores onde se deixaba entrever que isto ía acontecer por que vivimos nun país que aínda ten que percorrer un longo camiño para entender que a maior riqueza que temos é precisamente a nosa riqueza natural. Agardo que cando se cheque a entender non sexa demasiado tarde.(O Capitan Kid) 







Enlace dun artígo de Xabier Vazquez Pumariño "O Prestige segue a Naufragar" (Praza Pública. 14 Nov de 2013), escrito logo de coñercerse a primeira setenza do caso Prestige en 2013.





E como reflexión final: É a nova Lei de Acuicultura que queren aprobar un novo Prestige para as nosas Rías?

martes, 12 de enero de 2016

XOGUETES DE REIS

Meu fillo Mauro a bordo da Muller de Balboas (Dorna de Tope)

Vímolo fai uns días, cando os "Reis Magos" deixaron nas casas unha chea de agasallos tecnolóxicos moi distintos daqueles que levaron ao neno Xesús cando naceu. Tablets, teléfonos de última xeración e cousas polo estilo, enchen agora as casas de sons metálicos xerados por ordenador que veñen a substituír a algarada dos rapaces da miña época estreando bicicletas polo Paseo da Calzada onde daquela, aprendiamos a montar en bici a base de petar contra todas e cada unha das árbores do citado paseo.
En todo caso, soños distintos para o neno de sempre que levamos dentro.






Pero non sempre foi así e sen ir moi lonxe, nada máis que aos tempos do meu pai, a maioría dos nenos construían os seus xoguetes e os Reis Magos normalmente viñan en forma de algunha peza ou ferramenta para poder fabricalos. Ese foi o meu caso neste ano, onde os Reis trouxéronme imaxes e lembranzas, ferramentas coas que poder refacer aqueles tempos de cando meu pai e meus tíos, fabricaban os seus barcos para logo enredar con eles na praia do Pombal, xusto a carón da casa onde vivían. Se cadra sen sabelo, aqueles nenos xogaban a cultivar un xeito de cultura marítima, o Maquetismo Naval..., e mesmo tamén, a fabricar os seus propios soños.


Barcos de guerra/Guerra de barcos:

Ollando estas imaxes que semellan de verdade, imaxino a aqueles nenos metidos na auga até o embigo imitando o son dos disparos dos canóns e o avance dos torpedos, berrando ordenes como se fosen parte da tripulación, colocando os barcos en disposición táctica ou elaborando estratexias para "afundir" as flotas inimigas. Posiblemente hoxe en día isto non sería un agasallo de Nadal politicamente correcto pero seguro que aqueles nenos pasaban olimpicamente das parvadas dos adultos de hoxe en día porque eles seguro que tan só querían xogar coas maquetas que tanto tempo lles levaba elaborar. 



























O Pombal co muro e o piorno da Casa da Cabana ao fondo.

nota: algunha destas maquetas foron cedidas á colección Fundación "Raquel Chaves" do Museo Galego da Infancia e do Xoguete.



Veleiros:

Naquel tempo, aqueles rapaces familiarizábanse rapidamente coa terminoloxía mariña e o arte da navegación a vela e imaxino que moitas veces soñarían con pilotar un deses barcos de verdade.


 


















  






























 
Certo que non todas as maquetas as confeccionaban eles mesmos, ás veces contaban coa axuda dos seus mestres, un deles meu avó, o maquetista do Museo Naval de Pontevedra Egidio López Padín, e outro, o seu primo Alvarito, o dono dos antigos Estaleiros "Padín" ubicados no Pombal (Cambados), a quen moitas veces lle "tomaban prestadas" algunhas maquetas de balandros para soltalos polo mar abaixo a ver cal era o que "máis corría".  Seica máis dunha vez meu pai e os meus tíos levaron algunha reprimenda por esta lideira de andar a probar os barcos "sen permiso", sobre todo tendo en conta que a maioría destas maquetas eran prototipos que logo se construían de verdade.






Estaleiros de Alvarito (Sr. Padín):

Xa falamos máis dunha vez neste blog deste estaleiro practicamente descoñecido para a inmensa maioría dos cambadeses (Balandros de Cambados). E non sendo por catro vell@s que poidan quedar por San Tomé, para o resto de Cambados, estes estaleiros xamais existiron. Pero existiron, e este Nadal por fin din topado cunhas imaxes que levaba moito tempo na súa procura, algúns dos barcos construídos por Alvarito (ou Sr. Padín), o meu particular agasallo de Reis.


 motoveleiro:






No mar (Cambados ao fondo)

Balandro "Yago":

en maqueta

no mar:





   
 Balandro "Niní":

Se cadra un dos barcos máis significativos construídos no estaleiros de Alvaro Padín foi o balandro "Niní", chamado así en recordo de Eduardo López Padín (Nini), primo de Alvarito e a un tempo meu tío avó falecido con tan só 28 anos cando exercía de 1º Oficial do Vapor "Iberia" e a quen menciono na entrada adicada ao mercante Artico.

antes da botadura:





nota: aínda que resulta difícil identificar aos que aparecen na imaxe, si podo dicir que o señor da dereita é o meu avó Egidio López Padín e os nenos que abraza, imaxino que serán algúns dos meus tíos. O que está no centro co pantalón de peto diría que é Alvarito, máis que nada porque teño outras fotos del coa mesma vestimenta e o mesmo peiteado:

Alvarito. Horta da Casa da Cabana. (Corvillón-Cambados)




no mar:




probando:



De pé Alvarito e ao timón ?























Botadura:


Rampla de varada peirao de Cambados (brazo norte)



Confeso que esta imaxe fixo que abrollasen bágoas nos meus ollos ao identificar ao meu pai descalzo xusto na proa do Niní, nese momento, máis atento ao seu esquife que á propia botadura. Co tempo tamén el converteríase en probador dos barcos construídos no estaleiro antes de adicarse profesionalmente ao mar.



Meu pai á dereita xunto co seu irmán Eduardo no centro 





















Alvaro Padín
Até aquí un pequeno retallo da historia deste estaleiro e do seu propietario Alvaro Padín "Alvarito", ambos practicamente descoñecidos en Cambados. Sirva esta entrada que comparto con vos, para tentar na medida do posible reanimar aquel espírito infantil que levou a estes homes a realizar un soño, o de transformar a escala real aquelas maquetas coas que xogaban de nenos, facendo das súa ilusións os seus propios Reis Magos.


remate:  agradezo enormemente que me facilitaran estas imaxes, como xa dixen, un verdadeiro agasallo de Reis e se alguén de Cambados lee esta entrada e por casualidade está interesado no tema ou sabe algo por algún familiar ou achegado, que non dubide en comentar calquera cousa relacionada con Alvarito, co estaleiro, ou as persoas que alí traballaron, calquera información por pequena que sexa, para min será máis que calquera mel, incenso ou mirra. Moitas gracias de antemán e seguir soñando por que ao mellor, eses soños fanse realidade.  
 



En homenaxe ao Sr. Padín "Alvarito" e a todos os que traballaron na construción de barcos no estaleiro do Pombal-Cambados.